Anova consolida en Rianxo a súa aposta municipalista: “Debemos seguir camiñando cos colectivos que, máis alá dos grandes debates da actualidade, fan rede no cotiá”

Por Anova IN o 26 de Abril de 2026 en Actualidade

Rianxo, 25 de abril de 2026 – A localidade de Rianxo acolleu este sábado, 25 de abril, a IIª Xornada Municipalista organizada por Anova-Irmandade Nacionalista. Baixo o lema “Conquistar avances: Coidados, migración e vivenda”, o encontro reuniu unha importante representación do municipalismo galego para debater e trazar estratexias desde o eido local fronte á actual situación de avance reaccionario.

A xornada estruturouse arredor de tres eixos fundamentais que a organización soberanista considera “piares para a defensa dos dereitos das maiorías sociais dende o municipalismo“: o dereito á vivenda, a necesidade dun sistema público e comunitario de coidados, e os dereitos das persoas migrantes. O debate decorreu en dúas mesas nas que diversas activistas e profesionais de distintos sectores reflexionaron sobre o temas da xornada.

Coidados: Por uns concellos que non deixen a ninguén atrás

No eido dos coidados, a xornada serviu para denunciar a fenda de xénero e a precarización do sector. A mesa avaliou aspectos como os Bonos Coidado da Xunta ou as dificultades que representa un modelo que ofrece unha formación que ás veces é inaccesible para as persoas ás que vai dirixida. “Precisamos un cambio de paradigma nos servizos sociais comunitarios. Precisamos pasar da linguaxe da fiscalización á linguaxe dos dereitos. Hai que buscar unha forma de que non tardemos tres meses en conceder unha RISGA (ou bastante máis) ou un IMV”, afirmou Rodri Gil, educador social e fundador da ONG Caguama. “É hora de que os partidos e as organizacións fagan unha aposta decidida pola Renda Básica. Cal é o problema de que asumamos este dereito material como un dereito incuestionable, como o é a sanidade ou a educación?”, apelou na súa intervención.

Temos un estado do benestar desactualizado, aínda que o investimento é maior. A sociedade vai por diante, as administracións chegan tarde. Temos un estado do benestar privatizado”, sinalou Teresa Elvira Muñiz, traballadora social e membro do colectivo Vigo Sen Benestar.

Vivenda: Frear a especulación desde os concellos

Carla Leiras, do colectivo As Ninguéns, abriu a mesa na que abordamos a crise habitacional que sofre o país: “Onte en Vigo había 33 pisos para aluguer de longa duración por menos de 650 euros. Non temos un problema de construción de vivenda. Hai moita vivenda baleira e hai connivencia policial coas empresas de escadristas que están expulsando a persoas de casas, e actúan con total impunidade”.

Barry Elhadj Mamadou, da Rede Veciñal de Apoio a Persoas Migrantes, contou a súa experiencia persoal e o racismo sufrido en primeira persoa, os avais abusivos e a marxinación que sofren as persoas migrantes na tentativa de acceder a unha vivenda.

Avanzando na construción nacional desde a base

O encontro de Rianxo serviu para referendar o compromiso de Anova co municipalismo como ferramenta transformadora e de construción nacional desde a proximidade. A xornada contou coa representación de diversas candidaturas municipalistas que comparten o horizonte da rede transformadora común.

Martiño Noriega, voceiro de Anova, fixo un chamamento á organización e á mobilización: “A emerxencia social que nos interpela esíxenos responsabilidade e xenerosidade. Dende Anova seguiremos a disposición das organizacións e colectivos que traballan na defensa das persoas e pola mellora da súas condicións materiais de vida”.

O encontro pechouse cunha pequena conmemoración da data do 25 de abril. No aniversario da Revoluçao dos Cravos de Portugal, o cantautor Rui David interpretou varias pezas de cançao de intervençao portuguesa. Anova fixa o vindeiro encontro da súa militancia para o 25 de xullo, nun Día da Patria que conmemorará en Compostela canda a milleiros de galegos e galegas que, un ano máis, percorrerán as rúas da Capital.