Día da Patria: noventa anos da vontade dun país

Por Anova IN o 22 de Xullo de 2026 en Actualidade, Destaques

Festexamos este Día da Patria conmemorando unha efeméride de notable significación histórica: cúmprense noventa anos do referendo do Estatuto de Galicia de 1936, a primeira gran expresión democrática da vontade do pobo galego de dotarse de institucións propias para gobernar o seu futuro. Aquel proceso, impulsado por unha ampla maioría social e política, afirmaba que o autogoberno non era só unha ferramenta para administrar os recursos do país, senón tamén unha cuestión de dignidade colectiva e unha referencia de identidade nacional. Esa iniciativa foi interrompida polo golpe de estado fascista do 18 de xullo, mais a idea xermolou na vontade colectiva do noso País.

Noventa anos despois, Galicia enfróntase a novos desafíos económicos, demográficos, sociais e ambientais que volven situar no centro unha cuestión de plena actualidade: quen decide o noso futuro? Nun contexto de crecente concentración do poder económico e político e de avance reaccionario a nivel global, reivindicar o dereito de Galicia a ampliar a súa soberanía significa defender unha democracia máis próxima, unha economía ao servizo das maiorías, a defensa do territorio fronte ao espolio neoliberal, a promoción orgullosa da lingua e da cultura, e a construción dun país con capacidade para avanzar cara a un futuro propio.

Desde Anova entendemos que a mellor homenaxe á xeración do Estatuto de 1936 non consiste en colocar o seu simbolismo no panteón das liturxias, senón en darlle continuidade activa. O 25 de Xullo convócanos, unha vez máis, a reivindicar o compromiso cunha Galicia soberana, democrática, máis xusta, máis igualitaria e plenamente dona da súa condición nacional. Porque, como demostraron aquelas mulleres e aqueles homes hai noventa anos, o autogoberno non é unha meta alcanzada dunha vez para sempre: é un horizonte democrático que reside no compromiso colectivo de cada xeración.

Realizaremos unha ofrenda floral ás 13.45 na estatua de Ánxel Casal (aos pés da biblioteca pública que leva o seu nome) polo 90 aniversario do Estatuto do 36, coa colocación dunha coroa adicada a María Miramontes e Anxel Casal e unha intervención do noso voceiro nacional.