
Na madrugada do 8 de outubro, faleceu aos 90 anos Xosé Manuel Beiras Torrado, a figura máis relevante da política galega contemporánea e referente histórico do soberanismo. Dende Anova – Irmandade Nacionalista lamentamos fondamente a súa perda. Para o conxunto da nosa militancia foi un guía e un camarada, a súa pegada fica en quen o rodeaba e en todo o país.
Breves notas biográficas
Xosé Manuel Beiras naceu en Santiago de Compostela en 1936 e morreu en Brión en 2026. Foi fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e de Anova Irmandade Nacionalista.
No ámbito profesional foi catedrático de Estrutura Económica na Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela. A súa obra ensaística, xunto coa actividade política, marcou o desenvolvemento do nacionalismo galego dende o último terzo do século XX. O atraso económico de Galicia (1973) converteuse en referente das análises sobre o noso país. Outros títulos seus son:
-
Por unha Galiza liberada (1984)
-
Prosas de combate e maldicer (1991)
-
Economía galega e autonomía política (2006)
-
Exhortación á desobediencia (2013)
-
Retratos en fite (2022), onde evocaba figuras coas que mantivo amizade ou camaradaxe
Colaborou en publicacións como Galicia Hoxe, Grial e A Nosa Terra. Dirixiu a colección Alén-Nós da Editorial Galaxia e participou na constitución da Editorial Laiovento en 1990. Tamén traduciu, entre outras obras, Antígona, de Jean Anouilh (con Xosé Luís Franco Grande), Os xustos, Calígula e Cartas dun amigo alemán, de Albert Camus, O tempo dun salaio, de Anne Philipe, e Adolphe, de Benjamin Constant. Era membro do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Actos de despedida
Velorio: a capela ardente instalarase no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, mañá venres 9 de outubro, a partir das 12:00 horas.
Homenaxe: arredor das 16:00 horas celebrarase no Museo un acto cívico de homenaxe aberto á cidadanía.
Enterro: despois será soterrado en Boisaca.
Desobediente e eterno, Beiras deixounos máis orfos, pero coa certeza de que a vida hai que loitala cada día, dende a dignidade e ollando sempre aos lados para alentar a quen nos acompaña. Trasladamos o noso cariño e pesar á súa familia, ás súas amizades e ás persoas achegadas.
Descansa, Xosé Manuel, que seguimos nós.