Anova e as eleccións do 29 de Novembro

Por Anova IN o 24 de Outubro de 2026 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Coordenadora Nacional de Anova
Coordenadora Nacional de Anova

Nestes tempos nos que están en risco as conquistas en materia de dereitos das últimas décadas, é necesario impulsar un chamamento urxente a defender a democracia. Os partidos políticos teñen a obriga de entenderse e proxectarse na sociedade como ferramentas ao servizo das maiorías sociais, nunca como un fin en si mesmo. Anova, como espazo soberanista e republicano fixo desta máxima a súa praxe política dende a súa fundación, inspirada no exemplo do irmán Xosé Manuel Beiras. Impulsamos nos anos dez espazos transformadores de Unidade Popular entre diferentes sensibilidades da esquerda galega, e decidimos nestes convulsos anos vinte alimentar os vasos comunicantes cos movementos sociais, manter o noso traballo nas candidaturas municipalistas e amosar o apoio ao cinto soberanista das nacións do estado. Este foi, nos últimos tempos, a voz das maiorías sociais nas institucións e antídoto contra as extremas dereitas, representado por espazos políticos como as EH Bildu, ERC, as CUP e no noso país, o BNG. Iso explicou algunhas das nosas posicións alén dos minorados marcos partidarios e as tácticas cativas, que reflicten tamén como chegamos aquí.

Vivimos nun momento de emerxencia onde moito do construído durante anos pode esvaecerse en meses, a pesar do compromiso dunha cidadanía activa coa defensa do feminismo, a nosa lingua, os servizos públicos, o dereito á vivenda e a unha transición ecolóxica xusta. Cómpre acompañar esa resposta colectiva perante a infamia de quen deshumaniza ao outro e cuestiona os consensos máis básicos, estando disposto a empregar todos os medios para reprimir a quen non acate o seu mandato.

As prazas e as rúas, unha vez máis, marcan o camiño: organización, programa de ruptura, folga xeral e o combate cívico en todos os espazos nos que a extrema dereita pretenda normalizar a barbarie. Nun contexto histórico coma este é máis necesario ca nunca apostar pola diversidade e tecer alianzas sociais e políticas na defensa de pan, traballo e teito sen esquecer que os espazos onde non exercemos poden ser ocupados pola negra sombra da longa noite de pedra. Por todo isto dende Anova-Irmandade facemos un chamamento á participación da cidadanía galega cun voto utilitario antifascista de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro, pedindo o apoio no noso país á candidatura soberanista do BNG.

Ninguén pode quedar na casa cando a propia casa de todas está en perigo.

En Compostela, capital de Galiza a 24/10/2026