Que é Anova-Irmandade Nacionalista?

Persoas de diversa procedencia coincidimos na necesidade de recuperar a dignidade dunha acción política baseada na radicalidade democrática; nos principios republicanos de igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade; na conciencia sobre os límites ecolóxicos do planeta; na loita contra calquera caste de discriminación; na permanente fiscalización por parte da cidadanía dos elixidos e elixidas e en que a orientación das políticas, en todos os ámbitos, deberá sempre estar presidida pola defensa do benestar das maiorías sociais e a defensa das minorías oprimidas, en definitiva, na procura do ben común.

Teses política e organizativa vixentes na actualidade, carta financeira e resolucións.
Podes baixar este exemplar para imprimir en formato libro

Teses política e organizativa vixentes na actualidade, carta financeira e resolucións.
Podes baixar este exemplar para imprimir en follas soltas

CONSIDERAMOS:

  1. Que os principios inspiradores do nacionalismo galego contemporáneo, expresión política do galeguismo, na medida en que recollen obxectivos estratéxicos non acadados, están máis vixentes que nunca. Mais hoxe deben ser interpretados baixo o prisma dun cambio de sistema e das ideas indicadas, dentro dunha pluralidade de experiencias, para acadar un modelo propio e acaído á nosa realidade.
  2. Que as mudanzas na estrutura social galega producidas nas últimas décadas seguen a esixirnos que, dende a pluralidade, sexamos quen de acoller as diversas lecturas do proxecto común de liberación nacional e social.
  3. Que a conquista da soberanía política da nosa nación segue a ser un obxectivo estratéxico que debe incorporar novas dimensións da soberanía como a soberanía alimentar, a soberanía enerxética, a soberanía cultural e o exercicio real da soberanía popular.
  4. Que o proceso de construción nacional en base a un modelo de acción horizontal e colectivo cara un modelo social ao servizo dos intereses populares, é a nosa achega á loita por un cambio mundial de sistema; a concreción da expresión “pensar globalmente, actuar localmente”. Galiza é o noso marco de acción porque cremos na capacidade e necesidade de autoorganización política; ao tempo, acreditamos na cooperación entre os pobos e entre as persoas do mundo.
  5. Que a loita a prol das maiorías sociais agredidas polo sistema precisa de novas formas organizativas dentro da tradición política e cultural dunha esquerda inclusiva na que teñan cabida non só as clásicas culturas da esquerda senón tamén as lecturas realizadas á luz do ecoloxismo, o feminismo, o anticonsumismo ou o antiautoritarismo.
  6. Que estamos ante a fin dun ciclo histórico tanto a nivel mundial como europeo tras catro décadas de imposición de políticas económicas contrarias ás maioría sociais, que desmantelaron o modelo do estado do benestar e provocaron a maior crise económica, social e política do capitalismo.
  7. Que esta fin de ciclo maniféstase tamén no Estado Español no esgotamento do modelo político denominado “da Transición” manifestado na gravidade da crise económica, no descrédito da forma monárquica, da subordinación á Igrexa Católica, e da defensa dos intereses oligárquicos que o Estado ampara nos eidos da Política, a Economía, a Xustiza, etc. O “Estado das Autonomías” resulta manifestamente incapaz de acoller a realidade plurinacional para a que cada vez máis constitúe unha pexa aferrolladora.
  8. Que dende o pensamento dunha esquerda plural e inclusiva e dende a reivindicación da nación dos galegos e galegas cómpre formular modelos alternativos que superen tanto o actual sistema económico como o modelo de organización xurídico-política do estado.
  9. A nosa organización entende que a actual crise afecta a todos os ámbitos da vida por estar motivada principalmente por unha crise de recursos enerxéticos nomeadamente o petróleo tal e como recoñece o A.I.E. A sociedade occidental vertebrouse nos últimos 150 anos coa realidade de poder consumir cada vez máis enerxía, máis de aquí en diante a realidade é que vai haber cada vez menos recursos enerxéticos non renovábeis, polo tanto a nosa organización vertebrará as súas propostas de futuro na aceptación desta realidade cara unha Galiza post-petróleo.
  10. O galego é a lingua propia da nación galega, apostamos pola súa defensa e promoción ate acadar o monolingüismo social e saír da situación de marxinalización, minorización e diglosia que vivimos actualmente. Isto debe ser asumido dende os múltiples ámbitos institucionais, lembrando que é a Xunta de Galicia a entidade que estatutariamente ten a obriga de promocionala e defendela eficazmente. Esta estratexia de acción abordaráse dende unha óptica construtiva e integradora, sen discriminar as distintas sensibilidades que concorren no uso escrito e falado da nosa lingua común, e levando a cabo, entre outras estratexias, un reachegamento ao mundo da lusofonía.

É iso que, recollendo o expresado pola Coordinadora de Asembleas reunidas, en réxime de autoconvocatoria, en Teo o pasado 2 de xuño de 2012

CONSTITUÍMONOS:

«nunha organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual, organización territorial e en rede, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma» COINCIDINDO nos seguintes principios:

  • Galiza é unha nación.
  • Defensa da nosa lingua, extensa e útil.
  • Democracia participativa.
  • Republicanismo.
  • Modelo social en defensa dos intereses populares.
  • Auto-organización.
  • Antiimperialismo e Paz Mundial.
  • Feminismo e antipatriarcado.
  • Sustentabilidade ecolóxica e social.
  • Igualitarismo.
  • Loita contra todo tipo de discriminación.
  • Laicismo.
  • Defensa dos dereitos relativos á cultura popular dixital.