Os principios ético-políticos foron aprobados na Asemblea Constituínte o 14 de xullo de 2012:
A ética na política. Sen ética non hai democracia, e na esquerda, ética de esquerdas. O feito de partirmos de asembleas locais soberanas que se confederan fai imprescindíbel que asembleas e persoas nos recoñezamos nuns principios ético-políticos partillados e estabelezamos mecanismos que garantan o seu cumprimento.
A honradez e transparencia son esixencias que integren a organización, tanto a nivel persoal como organizativo, nomeadamente no exercicio do poder delegado nas institucións.
O órgano encargado de velar polo cumprimento dos principios ético-políticos será a COMISIÓN ÉTICA E DE GARANTÍAS definida nos ESTATUTOS que no referido aos principios éticos terá capacidade para, no caso de violacións graves, adoptar medidas cautelares que poden incluír a separación de asembleas e/ou persoas da organización.
Principios que deben ser respectados, defendidos e practicados polas persoas integrantes do novo referente político:
- Autodeterminación cara a independencia. Só o combate pola nosa autodeterminación como pobo, orientada cara a independencia, poderá chegar a algures, só esa actitude suscitará respecto cara nós e os nosos dereitos cívico-políticos.Compre elevarmos o nivel da nosa pacífica e cívica protesta chegando alén das posicións que defenden o actual marco xurídico-político para acadarmos unha solución satisfactoria da nosa reivindicación nacional.
- Fraternidade entendida como democracia horizontal o que na organización política ven significar asemblearismo.
- Cooperación, como valor antitético da competición. Afirmamos que sen cooperación nin sequera pode haber democracia. Non hai esquerda que poida sobrevivir coa competición no seu seo.
- República. Asumimos a república como cultura civico-política e non só como réxime político formal.
- Democracia participativa. Sen participación non é posíbel a democracia. Sen participación a democracia representativa esclerotízase e deriva en oligarquía, os partidos convértense en «aparatos» e as cámaras de representantes en parodias. Propugnamos reconstruír pontes entre a cidadanía e a instancia política, cos seus piares no tecido asociativo horizontal e diverso da cidadanía.
- Primicia dos dereitos colectivos. Porque a alternativa á asunción deste valor non é outra que o individualismo a negación mesma da organización social
- Igualitarismo. Este valor está proclamado en todas as constitucións políticas e cartas de dereitos fundamentais de todos os estados e institucións internacionais. Sen embargo a desigualdade agrávase, convertendo en papel mollado estas proclamas. Referímonos especialmente á desigualdade perante a lei —e non só as desigualdades económicas, sociais e culturais— é dicir: ao principio democrático da «igualdade perante a lei». Ao tempo proclamamos que non pode existir igualdade sen dereito á diferencia e respecto da diversidade.
- Toma de conciencia das situacións de discriminación por razóns de xénero e realización de accións encamiñdas a superalas: non pode haber igualdade ante a lei se non hai tamén igualdade real entre os individuos dunha sociedade.
- Vía política democrática e pacífica. A acción das asembleas e de todas as persoas que integran a organización exercerase a través da vía política, democrática e pacífica por ser o camiño da razón e do convencemento o único vieiro polo o que a maioría social pode acadar a hexemonía imprescindible para as necesarias transformacións.
- Socialización. Non pode haber democracia real e efectiva sen socialización como eixo do avance histórico dos pobos. A socialización é un proceso constante de aprendizaxe da convivencia, en interacción co seu contorno.
- Laicidade. As crenzas relixiosas e a súa lexítima práctica deben estar totalmente separadas do aparato do Estado a todos os niveis. Só así se garantirá a independencia deste e a igualdade real de crenzas entre os cidadáns e cidadás.
- Un novo activismo político, libre de ataduras persoais, democrático e con respecto pola compañeira ou compañeiro que pensa diferente, con dereito a falar, a debater, a expresarse, sen sufrir censura, nin agresión verbal.Un movemento político. Non abonda con formular propostas e respostas alternativas ao sistema político imperante, é preciso xerar redes e relacións sociais coherentes coas respostas que estamos a propor. Un movemento verdadeiramente transformador e emancipador que debe anticiparse ás institucións políticas convencionais, xerando, apoiando e asesorando proxectos emancipadores e alternativos ao sistema actual.
- Os pactos pre e post electorais serán tomados e ratificados polo conxunto da militancia do ámbito de aplicación do mesmo e estarán en consonancia coa liña política que teña definido a organización.
Galiza, 14 de xullo de 2012.