A economía do espolio vai acompañada sempre dun intenso tráfico de favores e dun opaco réxime de impunidade. Ese é o ecosistema no que medran os beneficios da maioría das explotacións mineiras que operan en Galiza: espolio, trato de favor e impunidade.
Para legalizar a economía da depredación dos nosos recursos naturais, o Partido Popular aprobou unha lei de barra libre. Chamoulle fachendosamente Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza; é coñecida xa, popularmente, como Lei de Depredación de Galicia. Unha lei para amparar o espolio. Unha lei para blindar a impunidade das corporacións mineiras.
É coñecida xa, popularmente, como Lei de Depredación de Galicia. Unha lei para amparar o espolio. Unha lei para blindar a impunidade das corporacións mineiras.
Con todo, a lei de Depredación de Galiza non liquidou todas as garantías e proteccións ambientais e sanitarias. Algunhas garantías sobreviven no papel pero non se aplican. Discrecionalmente, a Xunta de Galicia decretou silandeiramente a súa suspensión.
A complicidade cos desmandos das mineiras disfrázase de pasividade, atrancos burocráticos diante das denuncias e desleixo. Non hai actuacións preventivas, non hai actuacións de control e non hai, por suposto, accións punitivas fronte ás infraccións. Hai complicidade e impunidade á carta.
A Xunta mira cara outro lado. E o organismo que ten que ocuparse da boa xestión dos recursos hídricos, Augas de Galicia, fai outro tanto: non quere saber, non actúa, inhíbese
A Xunta mira cara outro lado. E o organismo que ten que ocuparse da boa xestión dos recursos hídricos, Augas de Galicia, fai outro tanto: non quere saber, non actúa, inhíbese. As denuncias amoréanse nas súas mesas e nos seus arquivos morren sen que dean un chío. A impunidade das mineiras medra grazas á súa indiferenza. Abondan os casos nos que é evidente o seu desleixo e abandono de responsabilidades.
A finais de 2016 , a empresa mineira Tungsten San Finx SL, pertencente ao grupo Sacyr, solicitou permiso a Augas de Galicia para verter un millón de metros cúbicos anuais de augas residuais procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras dun depósito de estaño-wolfram.
Varios colectivos como a Plataforma en Defensa do Mar (Plademar Muros-Noia), Adega ou Verdegaia denunciaron as irregularidades das verteduras da mina de San Fins, en Lousame, que tinguiron de laranxa os regatos da zona e provocaron un forte cheiro a xofre, a aparición de escuma e indicios dunha ameaza ambiental sobre toda a ría de Noia, destino final das augas.
Con morosidade, Augas de Galicia confirmou a contaminación provocada despois de que a empresa denunciase un membro de Adega por tomar mostras de auga nas instalacións mineiras.
A Fiscalía de Medio Ambiente acordou a apertura de dilixencias penais e vén de trasladar ao xulgado as graves irregularidades atopadas na mina de San Fins. Advirte da discutible actuación da empresa, pero tamén da Xunta, e sinala varias irregularidades, unha delas a vertedura de augas industriais.
A empresa recoñece que se realizou xa antes e durante décadas ao dominio público e, como lembra a Fiscalía, ante as reiteradas denuncias, «tanto a denuncia como as dilixencias incorporáronse ao expediente de autorización de vertidos en vez de tramitarse o correspondente expediente sancionador».
O informe da Fiscalía subliña asemade que se produciron reiterados vertidos de augas residuais industriais e que nunca foron sancionados por Augas de Galicia malia superaren en moitos puntos os límites permitidos. As cantidades de cadmio, cobre e zinc sobardan os máximos legais mesmo a 1,5 quilómetros augas abaixo da mina.
O fiscal sinala tamén a responsabilidade da Xunta xa que, «malia formar parte das instalacións mineiras, a autoridade mineira non esixiu aos sucesivos titulares a súa restauración e control» das balsas de residuos. Lembra igualmente o colapso dunha das presas e a contaminación provocada e salienta que desde a Dirección Xeral de Minas «non se obrigou á restauración» da zona afectada. Este desleixo é criticado e a Fiscalía cre que o proceder é «como pouco cuestionábel» atendendo ao estado final e á conservación da área.
Noutros países quen contamina paga e vese obrigado a paliar os danos e a restaurar as condicións naturais orixinarias. En Galiza, graciosamente, a Xunta desculpa e tapa ás empresas mineiras contaminantes e evade as súas responsabilidades. O Goberno do presidente Feijóo non atende as súas responsabilidades, burla as súas propias leis e consente un réxime de ecocidio.
O desleixo e pasividade non se limita ás minas de San Fins, Augas de Galicia e a Xunta proceden de modo semellante en Touro cos verquidos e e recheos denunciados durante anos pola veciñanza. Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente miran para outro lado e invisten en pasividade. Nada fixeron para evitar constantes verquidos contaminantes nos regatos da zona que van dar ao río Ulla. Regatos de cor laranxa e destrución de flora e fauna acuática. As denuncias de veciños foron enterradas nun labirinto burocrático de abraiante ineficacia mentres a empresa seguía contaminando sen traba ningunha.
A cartografía da impunidade é extensa.
A cartografía da impunidade é extensa. Podemos falar da canteira de Miramontes, en Grixoa, no concello de Santiago de Santiago, onde a veciñanza tivo que empregarse a fondo durante anos para que a Xunta de Galicia tomase, tardía e malamente, cartas no asunto. Cando a Consellería de Medio Ambiente fixo analíticas demostrouse a nefasta xestión da empresa de tecnosolos na canteira.
Hai máis, moitos máis casos. As garantías ambientais son papel morto porque a Xunta e Augas de Galicia abandonan sistematicamente as súas funcións de inspección e control. Non actúa de oficio e responden tardía e torpemente a denuncia da cidadanía. Deixan facer. Impoñen a omertá, a lei do silencio cómplice cos atentados ambientais. Non controlan, non fiscalizan, non sancionan. Camuflan as responsabilidades das empresas mineiras. Evaden as súas responsabilidades políticas. A norma parece ser a pasividade. A norma é a complicidade. Miran para o outro lado.
Artigo publicado na edición en papel do xornal A Peneira, en abril de 2018.