O manifesto 1-O

 

Manifesto do 1 de outubro, impulsado por Xosé Manuel Beiras e outras persoas do conxunto do estado español, en favor do dereito democrático dos pobos a decidir sobre o seu futuro #Manifesto1O

A situación en Catalunya interésanos e aféctanos a todas e a todos. Para o próximo 1 de outubro está anunciado un referendo en Catalunya para exercer un dereito lexítimo, un dereito recoñecido polas Nacións Unidas, que se acepta para moitos pobos do mundo e que, no entanto, se lle nega ao pobo catalán e aos pobos sometidos ao Estado español.
Pola súa tradición histórica, a súa mobilización e as súas reivindicacións o pobo catalán ten demostrado que é unha nación e que, por tanto, ten o dereito a decidir libre e democraticamente o seu futuro e a súa relación cos pobos que hoxe conforman o Estado español.

A esixencia do dereito a decidir non vai contra ninguén. Non é contra as clases traballadoras ou territorios que forman parte do Reino de España. É un sinal democrático o respecto e a solidariedade entre os pobos. Enfrontar uns pobos contra outros é a máis insolidaria das políticas.

As liberdades conquístanse e mantéñense exercéndoas. O dereito á folga conquistouse facendo folga. O sufraxio universal foi unha conquista democrática que supuxo moitas loitas e enfrontamentos coa legalidade de entón. Os actuais poderes cambian a legalidade e a Constitución cando lles interesa. Defendemos que o pobo catalán poida facer efectivo o seu dereito de autodeterminación.

Non temos ningunha dúbida de que esa maioría que quere decidir preferiría facelo dunha maneira acordada co goberno español, mais este negouse en redondo. Dialogar e dar a voz á cidadanía é a mellor maneira de resolver un problema político.

Existen no noso país síntomas alarmantes de degradación democrática, cada vez hai menos mecanismos de control democrático do poder; as elites enriquécense a costa do empobrecemento da maioría da poboación; a corrupción chegou a niveis insoportábeis; lexíslase recortando dereitos e agora quérese impedir o dereito dun pobo a decidir sobre a súa soberanía.

Desexamos a igualdade de todas as nacións e pobos e que ninguén poida ter privilexios por riba de outros; por iso mesmo defendemos o dereito do pobo catalán a votar en referendo. A solidariedade e a fraternidade conséguense como iguais, axudándose reciprocamente cando é necesario.

O movemento soberanista e independentista catalán é un movemento pacífico, democrático e republicano con amplo apoio popular. Boa parte deste movemento social demanda cambios que favorezan a poboación máis afectada pola crise. Por iso é un aliado de todos os pobos de España e de quen loitan para cambiar as políticas do PP e o goberno de Rajoy.

Opómonos e oporémonos a calquera tipo de represión xudicial ou policial que poida exercer o goberno español contra quen exerzan os seus dereitos democráticos e contra as/os representantes e institucións lexitimamente elixidas polo pobo catalán.

Quen asinamos este manifesto, alén da opción política de cadaquén, sentímonos comprometidos co dereito a decidir do pobo catalán, defendemos a convocatoria do 1 de outubro e apoiamos que exista o máximo de mobilización e participación no referendo para que sexa coñecida e respectada a vontade maioritaria.

Anova urxe a parar o Estado de excepción e denuncia «as manobras de Rajoy para aplicar o 155 pola porta de atrás»

Anova denuncia que «o Estado e os grandes grupos mediáticos están a crear un estado de opinión favorable á aplicación do artigo 155 da Constitución co propósito de proceder á suspensión da Autonomía en Catalunya, despois de xa ter intervido economicamente e bloqueado competencialmente o actual autogoberno. Non hai marxe para o engano, o obxectivo do Goberno do Partido Popular non é salvagardar ningunha liberdade ou dereito democrático fundamental, é un paso máis na súa estratexia recentralizadora encamiñada a reforzar a autoridade central do Estado e pechar de vez toda vía democrática para a ampliación do goberno soberano das nacións do Estado».

Consideramos que «desde primeiros de setembro impúxose de feito un estado de excepción que, na práctica, supón unha suspensión efectiva de dereitos democráticos fundamentais e fai dificilmente practicable calquera solución política dialogada se non cesa a ofensiva represiva e autoritaria decidida polo Partido Popular e Ciudadanos».

O PP está cruzando liñas vermellas

«A estratexia autoritaria parece dominar o Goberno de Rajoy quen conta aínda cun amplo apoio parlamentario asegurado pola pasividade e cumpricidade do PSOE. O bloqueo por parte dos actores do réxime do 78 non será removido do Goberno antes do 1-O”. Para Anova, «a celebración do referendo en Catalunya é un exercicio lexítimo do dereito a decidir e tamén unha oportunidade de desobediencia civil e democrática para poñer fin ao «estado de excepción» decretado polos poderes do Estado».

Anova participará de toda iniciativa política que contribúa a frear a ofensiva antidemocrática estabelecida que quer impedir que o pobo catalán poida expresarse libremente nas urnas e exercer o seu dereito a decidir o seu futuro político. Nese sentido, «entendemos que a proposta para convocar unha asemblea extraordinaria de deputados, alcaldes e outros representantes políticos, será de utilidade se vai dirixida a sumar unha maioría social e política que derrogue o estado de excepción autoritario e garanta a celebración do referendo do 1-O. Desde Anova cremos que «a desobediencia civil, pacífica e exemplar do pobo de Catalunya abre o camiño á apertura do urxente e necesario debate sobre o modelo de estado e necesarios procesos constituíntes».