Documento de conclusións da Mesa para a Confluencia

0. Introdución: A hora da corresponsabilidade

A Mesa da confluencia debe ser unha mesa da corresponsabilidade, chegamos a ela porque partillamos un diagnóstico sobre a situación de degradación do espazo da unidade popular.

Agora sería o tempo de saber se existe a posibilidade de relanzar En Marea como ferramenta para asentar as bases dunha unidade popular máis forte, con renovada capacidade de aglutinar vontades, e con vocación de que todas as partes se corresponsabilicen.

0.1 A proposta de Compostela Aberta

Partindo da lóxica da cooperación entre as partes e desbotando as dinámicas competitivas de confrontación interna Compostela Aberta fai dúas propostas:

  • Constituír un espazo de traballo conxunto para as organizacións e mareas.
  • Renovar e relanzar o Consello das Mareas como órgano de dirección política.

Ese espazo de traballo conxunto é a chamada ‘Mesa da confluencia’ constituída como espazo de comunicación entre as organizacións políticas e mareas para resolver diferencias procurando a corresponsabilidade das partes na construción do espazo político en común.

Renovar o Consello das Mareas para continuar co desenvolvemento de En Marea, garantindo a igualdade de todas as persoas participantes a través da súa adscrición individual.

Obxectivo: desenvolver un espazo organizativo de coordinación, que constrúa un programa político común e marque a estratexia para o conxunto do espazo de unidade popular galego.

0.2 Resumo das reunións bilaterais

Seguindo o mandato asembleario recollido no documento “Proposta de Compostela Aberta para relanzar o espazo político galego da unidade popular”, a coordinadora de Compostela Aberta realizou unha rolda de conversas bilaterais con Esquerda Unida, Podemos, Anova, Ferrol en Común e En Marea.

  • En liñas xerais o diagnóstico de Compostela Aberta é partillado no relacionado coa degradación do espazo, aínda que se mantén a validez de En Marea como ferramenta e espazo de articulación do suxeito galego da unidade popular.
  • Tamén é un lugar común maioritario que o actual deseño de En Marea non é valido tal e como existe agora, mais que si podería valer no caso de que se plantexen axustes ou mudanzas.
  • A coordinadora de En Marea abriu a posibilidade de adianto da renovación do Consello das Mareas, aínda que non participará da Mesa na procura da corresponsabilidade.

1. Puntos en común

Partindo da lóxica da cooperación entre as partes e desbotando as dinámicas competitivas de confrontación constituíse a ‘Mesa para a Confluencia’ como un espazo de comunicación no que participan as organizacións políticas e candidaturas locais da unidade popular.

Este espazo de traballo conxunto constitúese para resolver diferencias e para procurar a corresponsabilidade das partes na construción dun espazo político galego en común.

Orixinariamente na ‘Mesa’ participan Anova, Esquerda Unida, Podemos, Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica. Esta composición fica aberta a novas incorporacións dos axentes que soliciten e após a aprobación por consenso dos participantes actuais.

Na reunión constituínte do 31 de xullo abordáronse os puntos en común dos que partimos para relanzar En Marea como ferramenta para asentar as bases dunha unidade popular máis forte e con renovada capacidade de aglutinar vontades.

1.1 A necesidade da unidade popular

Partindo das experiencias políticas acumuladas e tendo como modelo para a confluencia as candidaturas municipais que mostraron o camiño no 2015 a unidade popular tense mostrado como unha ferramenta, ao servizo da cidadanía, moi efectiva.

Neste sentido, para relanzar o proxecto e potencialo, consideramos necesario resaltar as seguintes cuestións:

  • A necesidade da defensa do municipalismo e das candidaturas da unidade popular xa asentadas e nas que se recoñece o espazo.
  • Estas candidaturas municipais son un exemplo de como se pode conformar a confluencia, e nos seus modelos debería recoñecerse En Marea.
  • A unidade popular ten que recoñecer os elementos e organizacións que a conforman e, partindo diso, reforzar o conxunto e as partes.
  • O recoñecemento das diferentes identidades políticas debe vir acompañado da recuperación da pluralidade da confluencia
  • Unidade non significa uniformidade, non son sinónimos; a pluralidade interna enriquece e torna máis forte un proxecto político que ten vocación de ser hexemónico.
  • Para todo o anterior, é necesario que as partes se corresponsabilicen na construción do espazo e na defensa destes principios.

1.2 O suxeito político galego

O recoñecemento dun suxeito político galego significa entender que a unidade popular operará en consecuencia con este principio no plano organizativo e político. A construción deste suxeito nacional galego significa un encadramento natural que, dende a súa propia soberanía pode procurar complicidades noutros ámbitos de actuación como é o estatal, por exemplo. Neste sentido, para relanzar o proxecto e potencialo, consideramos necesario resaltar as seguintes cuestións:

  • É imprescindible reforzar o suxeito político galego a partir da definición duns obxectivos comúns que sumen e multipliquen.
  • Estes obxectivos teñen que traducirse nun programa político transformador, que sexa alternativa ás políticas neoliberais.
  • Compre diferenciar entre o formato legal do suxeito e a articulación orgánica do espazo da unidade popular, que non sempre teñen que coincidir.
  • A articulación orgánica do espazo non pode traducirse na construción dun partido vertical de corte clásico; compre formulas innovadoras e horizontais.

2. A validez de En Marea

A pluralidade, a diversidade e a capacidade de mestizaxe son os sinais de identidade da unidade popular e non se pode renunciar a elas. En Marea terá validez sempre que se respecten estes principios. Nos municipios onde fomos capaces de construír ferramentas que aceptaron este feito con naturalidade, constituíndo forzas abertas pero compactas, estase a demostrar que outra forma de gobernar a prol da cidadanía é posible.

Este principio de respecto á diversidade e representación da pluralidade ten que ser aceptado con normalidade na consolidación do suxeito político galego que debe ser En Marea. Na segunda reunión da mesa para a confluencia, do 9 de agosto, abordase o ‘para que?’ nos debe valer En Marea e o ‘como?’ renovar o Consello das Mareas para relanzar o proxecto común

2.1 Unha ferramenta para a unidade popular

En Marea vai ter validez se funciona como ferramenta para a unidade popular e consegue representar ao conxunto e as partes. Neste sentido, a unidade popular necesita falar e reflexionar sobre a confluencia, sobre si mesma, necesita voltar a vista atrás, recoñecerse nos acertos e revisar os erros:

  • É importante lembrar o éxito acadado nas experiencias municipais e a posterior onda de entusiasmo colectivo que arrastrou a En Marea a obter os históricos resultados acadados nas xerais de 2015 e 2016.
  • Do mesmo xeito non podemos obviar como as divisións, pelexas e discrepancias públicas están a minar o proxecto, coa consecuente baixa nas expectativas electorais que se auguran nas enquisas.

Necesitamos fuxir da tradicional división das forzas da esquerda galega. A construción da unidade popular é unha tarefa común na que temos a obriga de participar todas as que queremos unha mudanza real en Galicia, unha mudanza que xa é visible nos municipios nos que se goberna.

Forzas políticas, colectivos sociais ou persoas individuais, todas somos imprescindibles para poder construír esta ferramenta. Durante as campañas do 2015 e 2016 repetimos unha e millar de veces que “a suma multiplica”, esa heteroxeneidade que foi a nosa maior forza non pode converterse nunha debilidade, por causa de non ser capaces de saber xestionar esa riqueza que supón a suma de tradicións políticas tan dispares.

Para que a ferramenta sexa valida hai que reverter a deriva destrutiva, deixar de resaltar as diferenzas e colocar o foco en todo o que nos une, en todos os proxectos comúns, en todas esas ideas de país que partillamos e que só poderán materializarse se, outra vez, somos quen de confluír, cooperar e construír dentro dun proxecto común, amplo e aberto de unidade popular.

2.2 A renovación do Consello das Mareas

Estatutariamente a renovación do Consello das Mareas tería que realizarse a finais de xaneiro do 2019, a só catro meses dunhas eleccións municipais que se mostran como claves para o futuro da unidade popular en Galicia. Esta proximidade temporal non semella o máis axeitado, visto desde a perspectiva municipal, xa que nese momento os esforzos terán que estar centrados na construción das candidaturas e alternativas programáticas locais.

Ademais, e por todo o explicado nos puntos anteriores, podemos afirmar que o mandato do actual Consello está esgotado politicamente e que a súa renovación, canto antes, é o único camiño que nos pode achegar a un relanzamento de En Marea. Neste sentido, se finalmente o Consello das Mareas non activase a súa renovación de xeito inmediato, existirían motivos suficientes para procurar outras vías como as do revogatorio.

Sexa pola vía do adianto, sexa pola vía revogatoria, existen varias cuestións para abordar o proceso coas irrenunciables garantías democráticas:

  • Que a proposta de regulamento que rexa a renovación do Consello sexa clara e non dea lugar a interpretacións confusas.
  • Que se clarifique a validez e vixencia do actual censo de En Marea e se está adaptado á normativa vixente ou non.
  • Que se facilite a inscrición daquelas persoas que participan do espazo político da unidade popular galega.

Cómpre sermos totalmente esixentes en que se cumpran todas as garantías democráticas para abordar o proceso e que este se realice canto antes.

Activándose xa o proceso conseguiremos distanciar esta renovación dos procesos municipais e colocar nun segundo plano as cuestións orgánicas relacionadas con En Marea.

As organizacións participantes da Mesa da Confluencia comprométense a fomentar a participación nas eleccións para a renovación do Consello das Mareas e a esixir e, no seu caso, activar as vías para que isto suceda canto antes. Para iso presentan este documento elaborado nas sesións de traballo da Mesa para a Confluencia polas persoas delegadas, que participaron nas reunións, pertencentes ás seguintes organizacións:

Compostela Aberta
Ferrol en Común
Marea Atlántica
Anova – Irmandade Nacionalista
Esquerda Unida
Podemos – Galicia

Antón Sánchez: «As Xeiras de Anova son un marco de debate e reflexión para actualizar a nosa aposta estratéxica pola Unidade Popular, hai reforzar a nosa alternativa ao PP como fixemos en 2015»

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, compareceu este mediodía antes os medios após da celebración da Coordenadora Nacional de Anova para subliñar o compromiso de Anova coas mareas municipalistas e explicar o iniciado proceso das Xeiras que rematará nunha Conferencia Política en febrero.

A Conferencia Política será o epílogo

Sánchez salientou que o obxectivo das “Xeiras é impulsar un debate sereno e reflexivo para actualizar a nosa aposta estratéxica pola Unidade Popular, tecendo alianzas fraternais coa esquerda comprometida cun proceso de ruptura fronte ao Réxime do 78”. Neste sentido, destacou que este proceso de deliberación de Anova “rematará nunha Conferencia Política que con toda probabilidade poderá ser en febrero”. Explicitou a aposta pola Unidade Popular que considera é preciso reforzar nos concellos, “é necesario reforzar a alternativa ao PP coo fixemos en 2015”.

Unha Conferencia, puntualizou, que remarcará o compromiso de Anova coas mareas municipalistas que “son o instrumento de cambio político e social nos nosos concellos. Correspóndelles a tarefa da transformación social. Son espazos abertos de participación política, plurais, van máis alá de militancias e contan cunha pluralidade política que incluso é maior que a de En Marea”. Para Sánchez as candidaturas de Unidade Popular “son un éxito e non hai que poñerlle paos na rodas”.

O compromiso claro de Anova coas mareas municipalistas

Deixou claro que “Anova non ten ningunha intención de emendar o programa de En Marea, ao contrario, queremos cumprir o seu programa. Precisamente o dereito a decidir é un elemento central do programa de En Marea. Por eso, o dereito a decidir e a apertura de procesos constituíntes”

A regresión nas liberdades, a recentralización e o dereito a decidir

Antón Sánchez apelou á pluralidade de En Marea para explicar que non haxa unanimidade e posicións distintas sobre a proclamación da República Catalá. En resposta ás preguntas dos xornalistas, no que atinxe “a Catalunya fomos moi claros. Hai tempo que deixou de ser un tema catalán, están en xogo as nosas liberdades e o dereito a decidir”, que está recollido no programa de En Marea.

Advertiu Sánchez “da regresión nos dereitos e liberdades que estamos a sofrer, así como o proceso de recentralización que se vai producir”. Por eso, optou por “enfrontar a situación con alianzas políticas reforzadas. Nos estamos coas forzas que desexen traballar en pro das mellores condicións políticas para que o pobo catalán poida exercer o seu dereito a decidir. Coas forzas democráticas e republicanas, e fronte á coalición autoritaria do 155”. Anova, sinalou, “sempre estará ao lado da xente que se mobilizou pacífica e democraticmente o 1 de outubro”. Así, indicou que “nos non plantexamos a cuestión do 21-D en chave eleitoral, o que está en cuestión é a derrota do bloco 155, o mal denominado constitucionalista que son os que máis a vulneran”

Nesa liña, manifestou “a nosa total oposición coa intervención da monarquía autoritaria o 3 de outubro”.

Antón Sánchez en RNE: «Feijóo incumpre reiteradamente o Plan Forestal que aprobou»

Audio da entrevista a Antón Sánchez en Radio Nacional

 

O señor Núñez Feijóo debería comezar por recoñecer as dificultades que ten para facer política para este país, e que provocan as condicións necesarias para que os lumes sexan un problema. Aquí xa se fixeron ditames de expertos plans forestais que sistematicamente foron incumpridos por parte do Goberno. O informe co Consello de Contas manifesta o reiterado incumprimento do Plan Forestal de Galicia. Menos tecer cortinas de fume con comisións e lexislación e máis poñerse a cumprir honestamente coas normativas. Dinnos que hai que cumprir a legalidade e logo andan na ilegalidade. Sempre dixemos que é un tema complexo, cunhas políticas de ordenación do territorio deficiente, que non deron resposta á realidade deste país. Hai unha aposta polo monocultivo de especies de baixo valor engadido e políticas que fomentan o envellecemento e abandono do noso rural.

O dispositivo para combater os lumes debera ser a última barreira da privatización: temos que traballar na ordenación do territorio, en modelos produtivos para fixar poboación e na diversificación de especies. O modelo de extinción ten que ser público, moito máis simplificado que agora, e profesionalizado.

A batería de propostas que presentou Núñez Feijóo son unha emenda á totalidade das súas propias políticas, xa que el mesmo as incumpriu. O problema son intereses empresariais moi concretos que marcan a súa política forestal. ENCE está ditaminando toda a política forestal do país. No seu Consello de Administración hai personaxes que tiveron responsabilidades de goberno co PP, como Isabel Tocino ou Carlos del Álamo. Por ENCE cambiouse a Lei de Costas, fíxose á súa medida. E por ENCE se está a facer esta política forestal. Non é un problema de racionalidade, son este conxunto de intereses os que están detrás

A Lei de Depredación, bautizada así pola sociedade civil, está escrita polos oligopolios eléctricos, mineiros e forestais. Afonda nun modelo empobrecedor, que xera pouco emprego e que deixa moitos impactos ambientais, que impide outras actividades. O PP traballa para eses intereses

Politicamente non ten sentido a privatización dos helicópteros. Otougorllese a Inaer un contrato millonario practicamente a dedo. Non é convínte misturar o negocio coa extinción de lumes

Sobre o espazo de En Marea

Anova apostou sempre pola Unidade Popular. É a única alternativa viable ás políticas da dereita. Dende sempre un consenso programático de En Marea é o dereito de autodeterminación, e o recoñecemento de Galiza como nación.

Estamos nunha encrucillada histórica, e debemos estar á altura. Temos que priorizar unha posición política digna nestes momentos. Non podemos defraudar ás persoas que nos apoiaron.

Como deputado de En Marea o meu deber é defender o programa que votaron máis de 270.000 persoas. Nel estaba o dereito de autodeterminación, o traballo para que Galiza teña soberanía, para poder decidir

Sobre Cataluña e a deriva autoritaria do Estado

Non é alleo a ningún demócrata o que está a acontecer en Cataluña, e non é só unha cuestión dos independentistas, hoxe estamos interpelados todos os demócratas.

O procés ten unha ampla base popular, é ten un comportamento cívico e pacifico. Nesa loita está moita máis xente que os cataláns, xa que estamos diante da defensa da democracia contra a represión e a posibilidade da volta atrás do sistema democrático.

Sobre o continuísmo no PSdeG-PSOE

Non notei cambio ningún dende que chegou Gonzalo Caballero á Secretaría Xeral do PSdeG. O 155 non facilita as relacións, aposta pola regresión e dificulta calquera entendemento co PSOE aínda que sabemos que a alternativa ao PP ten que ser plural.