O voceiro nacional de Anova reúnese coa plataforma SOS Sanidade Pública para traballar conxuntamente de cara a manifestación do domingo 12

 

O pasado martes 7 Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, e o voceiro nacional de Anova Martiño Noriega mantiveron unha xuntanza de traballo e de intercambio de ideas de cara á manifestación na defensa da Atención Primaria convocada pola plataforma para o domingo 12 en Santiago de Compostela.

Manuel Martín chamou á implicación da cidadanía, xa que a situación dos últimos anos levou a un importamte deterioro da calidade do servizo: “todos somos SOS Sanidade Pública”, dixo o voceiro da plataforma. Asimesmo anunciou que fixeran a entrega na Xunta de Galicia de máis de 50.000 sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular onde se plantexa a necesidade de resolver a “crítica situación”.

Pola súa banda, Martiño Noriega, que ademais é Medico de Familia e coñece e padece a situación, indicou que “un cadro de persoal envellecido e canso, ou a expulsión de centos de médicos de familia polas políticas de recortes da última década deterioraron irresponsablemente a calidade en detrimento dos doentes”.

Os dous coinciden na necesidade da implicación de todos os colectivos, partidos, sindicatos e organizacións porque a situación “está chegando ao límite” e convidan a toda a poboación a sumarse á reivindicación que terá lugar este vindeiro domingo 12, con saída ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela.

 

Anova contra as violencias machistas

Os sistemas de dominación precisan a violencia para perpetuarse. No patriarcado, a violencia machista é a ferramenta para acadar a reprodución dos roles de xénero e en consecuencia a submisión da muller. Manifestarase na parella, pero irá moito máis alá diso: a desigualdade salarial, as agresións nos nosos momentos de ocio, a misoxinia que impregna toda a nosa vida e distorsiona as nosas relacións persoais tamén é violencia.

Este escenario de teimuda desigualdade pouco parece importarlle ao goberno do Partido Popular, cun presuposto destinado a paliar a violencia de xénero peor ca insuficiente e con campañas de prevención desenvolvidas desde presupostos machistas e paternalistas que non fan outra cousa que afondar na obxectualización das mulleres.

Diante deste panorama, as mulleres debemos xogar un papel fundamental que opere en todas as direccións: traballarmos nas asembleas, nas rúas e nas institucións para erradicarmos esta lacra, por fin, das nosas vidas.

É a hora de xuntarnos e tecer feminismos para rachar coas violencias machistas

Anova solidaria co pobo saharauí

Unha delegación de Anova encabezada polo noso Portavoz Nacional, Antón Sánchez, mantivo unha xuntanza con Saad El Mami, o novo representante da Delegación Saharaui para Galicia, na que estiveron presentes membros de SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui).

Saad El Mami informou de primeira man sobre as graves consecuencias da ocupación de Marrocos do Sahara Occidental, e dos impedimentos que se están a poñer para que diferentes observadores internacionais poidan coñecer sobre o terreo a situación do seu pobo.