O voceiro nacional de Anova reúnese coa plataforma SOS Sanidade Pública para traballar conxuntamente de cara a manifestación do domingo 12

 

O pasado martes 7 Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, e o voceiro nacional de Anova Martiño Noriega mantiveron unha xuntanza de traballo e de intercambio de ideas de cara á manifestación na defensa da Atención Primaria convocada pola plataforma para o domingo 12 en Santiago de Compostela.

Manuel Martín chamou á implicación da cidadanía, xa que a situación dos últimos anos levou a un importamte deterioro da calidade do servizo: “todos somos SOS Sanidade Pública”, dixo o voceiro da plataforma. Asimesmo anunciou que fixeran a entrega na Xunta de Galicia de máis de 50.000 sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular onde se plantexa a necesidade de resolver a “crítica situación”.

Pola súa banda, Martiño Noriega, que ademais é Medico de Familia e coñece e padece a situación, indicou que “un cadro de persoal envellecido e canso, ou a expulsión de centos de médicos de familia polas políticas de recortes da última década deterioraron irresponsablemente a calidade en detrimento dos doentes”.

Os dous coinciden na necesidade da implicación de todos os colectivos, partidos, sindicatos e organizacións porque a situación “está chegando ao límite” e convidan a toda a poboación a sumarse á reivindicación que terá lugar este vindeiro domingo 12, con saída ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela.

 

Acto de Anova en Lugo

 

Mañá xoves 6 de febreiro ás 20.30 horas en Lugo no Edificio Sindical (Rolda da Muralla, nº58) terá lugar un acto aberto de Anova. O obxectivo é denunciar as políticas anti-sociais de Alberto Núñez Feijóo e reforzar a proposta rupturista, nun horizonte marcado por un ano electoral no que debemos sumar esforzos e vontades que permitan o cambio político.

 

No acto participará Inma Alonso, veciña da cidade de Lugo; Xosé Manuel Beiras, Catedrático Emérito de Estrutura Económica da USC; e Antón Sánchez, Portavoz Nacional de Anova.

Vídeo | Pola República Galega: intervencións de Iria Otero e Antón Sánchez neste 25 de xullo

Intervencións completas da concelleira do goberno de Teo e responsable de organización de Anova Iria Otero, e do noso Portavoz Nacional Antón Sánchez no 25 de xullo de 2019, onde o lema escollido por Anova foi “Pola República Galega”.

Iria Otero defendeu manter os principios da Primavera Municipalista de 2015, momento no que os principais poderes económicos do país víronse ameazados por un proceso popular de empoderamento cidadá.

Na súa intervención o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez  afirmou que este goberno é unha emenda á totalidade a Galicia, e que por iso debemos iniciar o inicio do fin de Núñez Feijóo. Debemos facelo sen renuncia ao noso horizonte estratéxico, ese camiño que vai da autodeterminación cara a independencia: por iso a República Galega é a nosa aposta, e tomamos partido pola esquerda para transformar este país e para armar maiorías de cambio.

Programa completo dos actos do 25 de xullo

Vigo. Martes 23 de xullo ás 20.30 horas, na Praza do Pobo Galego

Palestra República e Esquerda: horizontes de ruptura en Galicia e Portugal

Antón Sánchez, Portavoz Nacional de Anova
Oriana Méndez, Concelleira da Marea de Vigo e membro da Permanente de Anova
Joana Mortágua, Deputada do Bloco de Esquerda
Martiño Noriega, Portavoz do Grupo Municipal de Compostela Aberta.

Santiago de Compostela. Xoves 25 de xullo a partir das 13.00 horas, no Parque de Galeras

Acto político. Intervención do noso Portavoz Nacional Antón Sánchez

Xantar Popular

Actuación de Wach Mckánijan e os Outsiders

Haberá un espazo para pequenos e pequenas

Pola República Galega: Antón Sánchez e Oriana Méndez presentaron os actos de Anova para este 25 de xullo

Pola República Galega é o lema elixido este ano por Anova, que celebrará o seu acto central no compostelán Parque de Galeras no que intervirá o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez.

A novidade deste ano é que o martes 23 en Vigo terá lugar a palestra “Esquerda e República” na que intervirán a deputada do Bloco de Esquerda Joana Mortágua, o portavoz do Grupo Municipal de Compostela Aberta Martiño Noriega, a concelleira da Marea de Vigo e membro da nosa Permanente Oriana Méndez e Antón Sánchez. Será a partir das 20.30 horas na Praza do Pobo Galego.

Santiago de Compostela, 18 de xullo 2019.- Oriana Méndez lembrou que a Praza do Pobo Galego é un lugar importante porque “tiveron lugar as asembleas que deron lugar á creación da Marea de Vigo”, o proxecto municipalista da cidade no que ela é concelleira. Lembrou tamén o seu significado histórico “porque é a Praza na que se encontraba a sede de El Pueblo Gallego, o xornal máis destacado na defensa do plebiscito autonómico republicano de 1936 e no cal colaboraron as mellores mentes da esquerda nacionalista republicana galega”.

Oriana Méndez xustificou a presenza da deputada do Bloco de Esquerda portugués Joana Mortágua para “mostrar o vínculo histórico entre Galicia e Portugal e facendo unha chamada conxunta para manter a vixencia e a urxencia do internacionalismo.” Entende que este diálogo ten lugar nun momento no que “unha nova Internacional Reaccionaria, con tentáculos no Estado español, pretende unha involución en termos sociais e democráticos e un avance ao mesmo tempo na folla de ruta do neoliberalismo”

Pola súa parte Antón Sánchez afirmou que para nós o 25 de xullo é unha data “reivindicativa e lúdica” na que “galegos e galegas debemos cimentar un proxecto colectivo, un proxecto nacional” que debe estar articulado “nos valores e principios da esquerda”. “A cuestión nacional non deixa de ser outra cara da moeda da cuestión social, a cuestión da vida das persoas” Nesta data “reivindicamos a necesidade de que nós mesmas nos gobernemos para mellorar as condicións de vida das persoas deste país”

Nesa liña Antón Sánchez afirmou que dende Anova “entendemos a cuestión nacional non tanto como unha cuestión identitaria se non como unha cuestión material, coa necesidade xa digo de decidilo todo. Por iso lanzamos este ano o lema de pola República Galega”. Sería un novo chamado “á á ruptura democrática co Réxime, polo menos como horizonte”. Nese sentido Antón Sánchez afirmou que “a maioría social agredida precisa ese proxecto colectivo de xustiza social” e que “reivindicamos unha vez máis que somos maiores de idade e polo tanto somos nós os que temos que tomar as nosas propias decisións, dende a solidariedade e a fraternidade con outros pobos.”

Nese sentido, e afirmando que as decisións colectivas serán tomadas na nosa IV Asemblea Nacional prevista para despois do verán, Antón Sánchez afirmou que “queremos contribuír da mellor maneira posible a rematar dunha vez por todas co nefasto ciclo do señor Feijóo na Xunta de Galicia” xa que está entregando “o autogoberno a intereses empresariais” e que é un Goberno “incapaz de dar solucións” diante dos problemas que nestes momentos temos en Galicia. “Están vendendo o país a pedazos”, sentenciou.

Antón Sánchez rematou afirmando que en Galicia “hai unha maioría social que ten manifestado que está a favor do cambio” e que “Anova porá por diante de todo o interese cidadá para rematar co goberno do espolio” e acompañando “ás loitas que está habendo en todo o país” porque “hai unha sociedade civil que defende a este país das agresións”. Segundo Antón Sánchez, o obxectivo de Anova sería “rematar coa longa noite neoliberal de Núñez Feijóo e abrir un horizonte de esperanza en Galicia”

Antón Sánchez anima a apoiar á Marea de Marín para desaloxar ao PP e “dar máis poder aos veciños e veciñas”

O cabeza de lisa de Marea de Marín, Aarón Franco, resaltou que “nestes catro anos o noso grupo municipal presentou máis de 80 iniciativas, o doble que a equipa de goberno”

Marín, 10 de maio de 2019. O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, interviu este mediodía nun acto co cabeza de lista da Marea de Marín, Aarón Franco, e membros da candidatura na praza da Alameda de Marín.

Antón Sánchez salientou a aposta de “Anova pola unidade dentro da diversidade porque cremos que é a única maneira de cambiar as cousas. Unir as diferentes sensibilidades”. Animou a potenciar esta vía en lugares como Marín para que “a Marea de Marín desaloxe ao PP e dar máis poder á cidadanía da vila. Consiste en que os veciños e as veciñas participen cada vez máis na xestión diaria do que é seu, das políticas públicas e da institución”.

Destacou que a Marea de Marín integra na mesma candidatura persoas de Anova, de EU, mariñenses. Loubou “o seu traballo constante” e lembrou que “visitei moito a esta vila para trasladar ao parlamento galego temas que a alcaldesa non foi quen de abordar”. Engadiu que “está demostrado que en Galiza a aposta pola xenerosidade e pola unidade foi premiada pola cidadanía galega en distintos procesos eleitorais”.

Marea de Marín, o grupo municipal máis activo

Pola súa parte, Aarón Franco, candidato á alcaldía de Marín, salientou o carácter plural e de unidade de diferentes opcións políticas nun mesmo espazo: a Marea de Marín, e destacou que “Anova é garantía de unidade e do empurre que deron as ciudades e vilas do cambio”. O cabeza de lista de Marea de Marín puxo en valor o traballo feito “polo noso grupo municipal nestes catro anos” e amosou a súa confianza en que “vai ser avaliado positivamente polos veciños e veciñas”. Neste sentido, explicou que Marea de Marín “foi o grupo municipal que máis iniciativas presentou, máis de 80, o que supón máis do doble do feito pola equipa de gobernó que apenas chegou a 40”.

Sinalou que “a veciñanza saberá recoñecer este labor e o traballo feito a carón de asociacións de veciños porque estivemos a pe de rúa”.

Participaremos na manifestación a favor do dereito a decidir en Madrid

Unha delegación de Anova asistirá este sábado 16 de marzo a Madrid para participar na manifestación convocada pola Asemblea Nacional Catalá (ANC) e Ómnium Cultural baixo o lema “A autodeterminación non é delito”

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019.- Unha delegación na que participarán as membros da Permanente Gladys Afonso e Iria Otero asistirá o vindeiro sábado 14 de marzo a unha manifestación a prol do dereito a decidir dos pobos. Pretende ser unha convocatoria masiva, que demostre a capacidade de mobilización democrática diante da deriva represiva e reaccionaria que padecemos neste momento no Estado español.

A manifestación convocada pola ANC e Ómnium Cultural pretende evidenciar en Madrid a defensa da democracia e do dereito a decidir dos pobos, contra a involución democrática e a favor da ampliación dos dereitos e as liberdades. Unha afirmación democrática contra a cerrazón centralista e o auxe das novas formas de fascismo, que atoparon un caldo de cultivo idóneo en moitas das manifestacións públicas do bloque do 155.

Nestes momentos no Tribunal Supremo están a ser xulgados dirixentes de plataformas cívicas e de organizacións políticas que levan máis dun ano en prisión preventiva e que enfrontan altas penas referidas á organización do referendo autodeterminista do 1 de outubro de 2017. Un proceso marcado pola parcialidade e a falta das mínimas garantías de defensa, como evidenciaron xa os interrogatorios dos procesados e das testemuñas, elementos que se suman ao feito de que diferentes tribunais europeos negáronse a extraditar e a abrir investigacións a persoas que nestes momentos están exiliadas e son acusadas polos mesmos presuntos delitos.

Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez entrevistáronse con Oriol Junqueras e Jordi Cuixart

Nas reunións trasladouse o apoio e a solidariedade activa de Anova Irmandade Nacionalista cos presos políticos e exiliados como consecuencia da organización do referendo do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2018.- Hoxe Xosé Manuel Beiras e o Portavoz Nacional de Anova Antón Sánchez visitaron a prisión de Lledoners para trasladar a nosa solidariedade co conxunto dos presos políticos e exiliados catalás, e analizar o actual momento político, marcado pola xudicialización do proceso catalá e o auxe da ultradereita no Estado español.

Desta maneira puidemos coñecer de primeira man cal era a situación dos presos políticos nas cadeas, e como estaban a ser abordados os recursos legais para rematar canto antes con esta situación de excepcionalidade pola que levan meses en prisión preventiva. Lembremos que nestes momentos parte do colectivo de presos políticos comezaron unha folga de fame que hoxe chega ao seu décimo día como medida de denuncia desta situación.

Vivimos un momento complexo no Estado español, onde a coalición do 155 e a resposta autoritaria ao desafío democrático posto en marcha pola cidadanía catalá abriu as portas ao auxe da ultradereita. Ese avance supón unha mudanza relevante do escenario político, no que se fai necesario compartir análises sobre o momento e establecer marcos de colaboración política máis intensos.

Nese sentido os diferentes axentes cos que nos puidemos entrevistar expresáronnos a súa vontade de persistir no camiño democrático cara a autodeterminación de Cataluña, proxecto político que defenderon dende as institucións e dende a mobilización social, compromiso polo que seguen hoxe en prisión.

Actos do 24 e 25 de xullo – República dende os Concellos

24 e 25 de xullo
República desde os concellos

Martes 24 de xullo, na Facultade de Filosofía da USC (Praza de Mazarelos) ás 19:30 horas:

“Novo tempo para a Unidade Popular”

-Antón Sánchez-Portavoz Nacional de Anova
-Dolors Sabater-Ex alcaldesa de Badalona
-María del Río-EH Bildu
-Modera: Eva Lema-Xornalista

No martes 25 de xullo terá lugar o acto político – que contará cunha intervención do noso Portavoz Nacional Antón Sánchez – e unha romaría e xantar popular no Parque de Galeras (Compostela), a partir das 13:00 horas. A partir das 17.00 horas contaremos coa actuación musical do Leo.

 

Antón Sánchez: «Anova valora positivamente a proposta lanzada por Compostela Aberta para resolver os problemas dentro de En Marea»

Antón Sánchez: «Anova valora positivamente a proposta lanzada por Compostela Aberta para resolver os problemas dentro de En Marea»

Xosé Manuel Beiras: «É fundamental que a vangarda das mareas se reduplique, e non pode ser obxecto de interferencias por parte de En Marea»

 

Teo, 14 de xullo de 2017.- Hoxe tivo lugar unha xuntanza ordinaria da Coordinadora Nacional de Anova Irmandade Nacionalista. Data que coincide co sexto aniversario da nosa Asemblea Nacional Constituínte. Así o noso Portavoz Nacional falou deste tempo como «seis anos moi intensos de aposta pola ruptura con este Réxime a través da ferramenta da unidade popular, de maneira xenerosa».

 

Antón Sánchez informou da valoración positiva da proposta lanzada pola coordinadora de Compostela Aberta. Unha proposta «construtiva de diálogo» na que se debe avanzar porque «o inmobilismo só serve para que apodrezan as cousas. A xente da rúa segue dicíndonos que nos poñamos de acordo entre diferentes para ser alternativa política neste país».

 

Pola súa banda, o noso compañeiro Xosé Manuel Beiras lembrou que «o proceso dunha estratexia pola unidade popular non comezou coa creación dun partido, se non que comeza co xurdimento das alternativas e proxectos a nivel local e comarcal antes das municipais de 2015». As mareas municipalistas gañaron «nos feudos do poder do Partido Popular» nos que «a cidadanía do común foi protagonista».

 

Xosé Manuel Beiras manifestou que para a continuidade do proceso é fundamental «redobrar esforzos» na consolidación das mareas municipalistas. Nese sentido existen elementos que evidencian que «En Marea non ten claro isto da autonomía municipal» con «interferencias moi graves, coma en Ferrol» En relación á proposta de Compostela Aberta, afirmou que «a interlocución non vai contra ninguén. Se hai un problema non pode negarse».