O Portavoz Nacional de Anova Antón Sánchez denunciou a intensa e desleal política de asedio e derrubo do Partido Popular contra os gobernos municipais rebeldes e deixa en claro que «unha nova primavera municipalista en 2019» será quen de abrir un novo ciclo de reactivación cidadá, mobilización social e «disputa da hexemonía conservadora en Galicia».
Lembrou que «Feijóo foi derrotado en maio de 2015» e que o Partido Popular «só gañou en Ourense, a única cidade curiosamente sen orzamentos»
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2018. A convención de política municipal República dos Concellos foi inaugurada polo alcalde da capital Martiño Noriega, que lembrounos «se existe espazo de liberdade existe no local. Estamos a ser agredidos polos poderes fácticos e por determinados intereses» e que «Anova concibiuse para aportar ao espazo de Unidade Popular».
Gladys Afonso e Brais Fidalgo abriron o debate nunha mesa titulada «Anova no espazo de ruptura» no que se reflexionou sobre o momento da Unidade Popular en Galiza. Posteriormente Nacho Iglesias, Alberto Lema, Álvaro Montes, Branca Novoneyra e Ana Olveira participaron na mesa «Cambiar o País dende os Concellos» que foi moderada por Xiana López.
«Reforzar as mareas municipais con todos aqueles que queren a derrota da dereita nos seus concellos»
O discurso do Portavoz Nacional Antón Sánchez estivo centrado na necesidade de activar Anova para fortalecer ás mareas municipalistas. Defendeu a cooperación de abaixo a arriba para xerar espazos políticos cidadáns con decisión propios, respectando a soberanía das iniciativas locais, potenciándoas como instrumentos de empoderamento cidadá, como lugares de encontro do maior número de axentes políticos, sociais e cidadáns, coa maior amplitude e pluralidade sumar a todos aqueles que queren e están dispostos a traballar para lograr a derrota política da dereita no seu concello.
Nese sentido enmárcase a necesidade dunha «segunda primavera municipalista» para ampliar a rede de cooperación de gobernos municipais rebeldes e construír mancomunidades e áreas metropolitanas para o desenvolvemento de políticas compartidas e para que sexan un contrapoder fronte á inxerencia da Xunta de Galicia e o Goberno Central.