Anova apela a Rajoy a rematar coa vía represiva e autoritaria, aceptar o diálogo e respectar o dereito a decidir

Na súa avaliación do acontecido este serán no Parlament de Catalunya, Anova considera que «un proceso de autodeterminación fundaméntase no poder da xente do común, na decisión democrática soberana dun pobo que non se reduce a unha declaración formal dun Goberno ou dun Parlamento. Os cidadáns e cidadás de Cataluña fixeron efectivo o seu dereito a decidir o 1-O e sinalaron a Republica Catalá como seu horizonte político soberano».

A tolerancia e o respecto fronte á criminalización

Para Anova o 1-O demostrouse «a baixa calidade democrática do Réxime do 78». Nesa liña, advirte que durante os últimos días «e desde diversas instancias, algúns adicáronse a criminalizar aos que defendemos o dereito a decidir, e mesmo a aqueles que sen compartir esa posición apostaron polo diálogo como instrumento para resolver un conflito en lugar da represión policial do estado». Neste sentido, Anova reprochou mesmo a actitude «irresponsábel e ultra de Feijoó que saltándose o seu papel institucional se adicou a crispar en vez de adoptar un rol pacifista». Desde Anova obsérvase como se aproveitou o Procés catalán para recortar os dereitos civís de toda a cidadanía do Estado español.

Unha vez escoitada a iniciativa de diálogo proposta hoxe, «cremos que non ten ningunha razón de ser a posíbel tentación do Estado español para camiñar cara un Estado de excepción, proceder á aplicación do 155 ou insistir na represión e criminalización da decisión do pobo de Cataluña. A vía autoritaria é tan só a expresión do fracaso do Goberno de Rajoy para enfrontar a crise política do Réxime do 78».

«Está claro, puntualiza Anova, que o avance do proceso depende da vontade do pobo catalán. A República Catalá ven empurrada polo pobo mediante un exercicio de democracia radical. A nosa solidariedade está coa Cataluña que quer decidir en liberdade e pacíficamente».

Rolda de prensa sobre a situación política de Catalunya tras o 1-0

Antón Sánchez: «Hai que abrir un horizonte constituínte en todo o Estado que debe pasar polo respeto ao dereito a decidir e a democracia real».

Galdys Alonso: «A xornada do 1-O foi unha vitoria da democracia e unha derrota de Rajoy e do Réxime do 78».

Gladys Afonso, membro da Permanente de Anova, e Antón Sánchez, voceiro nacional, que formaron parte dunha delegación de Anova que seguiu en Barcelona a xornada do referendo do 1-O ofreceron unha avaliación do seu desenvolvemento nunha rolda de prensa.

«Temos dito moitas veces -enfatizou o voceiro de Anova- que o Réxime do 78 estaba morto, hoxe vemos a súa esquela nos principais xornais do mundo. A actuación do Goberno español entregado ao autoritarismo máis brutal quedou reflectida nas portadas dos principais xornais do mundo. A pesar da violencia e os atrancos, onte en Cataluña celebrouse un referendo e iniciouse a constitución da República Catalá. Non a parará con represión. O pobo catalán xa se está autodeterminando». «Fracasou a operación Annubis. Fracasou o recorte de dereitos e liberdades. Foi derrotado o inmobilismo. Fracasou a política dos que non queren mudar nada. Precisamos que no Estado se abra un proceso constituínte. Onte falou o pobo. O diálogo ten que basearse nesta realidade democrática e non en negala».

«Diante da súa incapacidade e incompetencia, Mariano Rajoy nega a realidade. Negouna cando o Prestige. Negouna durante o 11M. Non atendeu o 15M, cando milleiros de cidadáns saíron a rúa para denunciar os deficits democráticos e a corrupción dun Réxime que non nos representa. A política de desconexión é a de Mariano Rajoy, a desconexión coa realidade democrática», salientou Antón Sánchez que rematou a súa intervención sinalando que «hai que abrir un horizonte constituínte en todo o Estado que debe pasar polo respeto ao dereito a decidir e a democracia real».

Gladys Afonso, pola súa parte, apuntou que «As cargas lembran tempos do franquismo, levadas a cabo contra unha poboación que con alegría foi a pedir o voto. Significou O exercicio práctico do dereito a decidir, por un pobo que quere ser cidadanía e non súbido. E foi liberdade de expresión. O que fixo o Estado foi reprimir. Aprendinos que cando un pobo quere exercer os seus dereitos non se acovardan coa brutalidade». Sánchez insistiu que «onte o pobo catalán falou, e nós aplaudimos a súa decisión soberana. Achegamos a nosa solidariedade ao pobo catalán que onte deu unha lección de afouteza democrática. Foi unha vitoria da democracia e unha derrota de Rajoy e do Réxime do 78».

Anova asistirá como observadora a Cataluña durante a xornada do 1-O

Unha delegación de Anova, encabezada polo seu Portavoz Nacional Antón Sánchez, achegarase esta fin de semana a Barcelona para facer seguimento da xornada do 1 de outubro. Anova quere ser testemuña do respecto que as institucións do Estado lle deben á decisión soberana dos cidadáns e cidadás de Cataluña.

A presenza da delegación de Anova quere contribuír a suspensión do actual Estado de excepción que o executivo de Mariano Rajoy está impoñendo xunto coa aplicación de feito o artigo 155 da Constitución mediante a supresión de boa parte das competencias do autogoberno catalá e a utilización das forzas de seguridade para impedir a celebración do referendo.

Anova estará presente en Cataluña para manifestar o seu apoio ao dereito a decidir do pobo catalán, democraticamente vulnerado pola represión e a xudicialización do desacordo político.

A presenza solidaria de Anova quere ser unha denuncia da aplicación sectaria da leis e da violación de dereitos fundamentais. Suspéndese o dereito de reunión, impedindo a celebración de actos en locais públicos. Entorpécese a liberdade de expresión, forzando rexistros en imprentas e redaccións de medios de comunicación. Amedréntrase os cidadáns e cidadás cun despregue desproporcionado de forzas policiais para evitar a libre expresión da súa vontade política.

O executivo de Mariano Rajoy alenta unha estratexia autoritaria, fomenta o medo e impón policialmente o silencio da sociedade catalá. Os conflitos políticos resólvense con máis democracia, non con autoritarismo. Retirando urnas, coartando a liberdade de expresión e información ou impedindo a participación proscríbese toda solución política e imponse un estado de excepción que supón unha inaceptable suspensión os dereitos e liberdade democráticas.

Anova desexa que a xornada do 1 de outubro se poida desenvolver con absoluta normalidade democrática e que as institucións do Estado respecten a vontade política do pobo catalán. A delegación de Anova quere ser testemuña do respecto que se debe á decisión soberana dos cidadáns e cidadás de Cataluña

Antón Sánchez: «A Lei de Depredación de Galiza vale para legalizar a corrupción dos ladróns de luvas brancas»

Antón Sánchez: «Non é unha lei, é unha infame concesión colonial que entrega os nosos recursos naturais ás empresas mineiras e eléctricas. Unha trampa para erradicar toda garantía ambiental que limite beneficios. Favorece a depredación de recursos. Feijóo fixo da Xunta de Galicia un Consello de Administración. O único retorno que terá está lei será que as corporacións mineiras reservarán algúns postos nos seus consellos de administración para cando se retiren dirixentes e conselleiros do Partido Popular».

O Bloque Patriótico Constitucional celebra a contrarreforma do artigo 135

Hoxe, 27 de setembro, cúmprense 6 anos da última reforma constitucional, a do artigo 135, que impuxo a norma blindada do «teito de gasto» e do pago prioritario da débeda pública por riba de calquera outro gasto do Estado. O tradicional inmobilismo constitucional do PSOE e do Partido Popular cancelouse temporeiramente para atender gozosamente as esixencias da Troika e dos señores dos «mercados». A contrarreforma do artigo 135 é a pedra angular das políticas de austeridade e de liquidación do Estado de Benestar, afectado moi especialmente á Sanidade e á Educación, aos Servizos Sociais e ás prestacións por Dependencia.

Un artigo, o 135, modificado pola porta de atrás para limitar a autonomía das CCAA e dos municipios, institucións fundamentais para atender as demandas máis próximas da cidadanía.

Austeridade e autoritarismo foron e son as solucións ofrecidas para salvar a crise económica e a crise de lexitimidade do Réxime do 78. Arestora recúncase, formalmente, no inmobilismo constitucional e instáurase, de feito, un estado de excepción que limita liberdades e dereitos fundamentais para impedir que Cataluña decida o seu futuro. O medio -o Estado de excepción- é a mensaxe.

E a mensaxe é rotunda: non hai marxe para rexeneracionismo democrático ningún, non hai posibilidade de reforma constitucional ningunha. Cataluña o 1-O, a desobediencia civil en defensa do dereito decidir e as nosas liberdades civís, sinalan o camiño da ruptura republicana e un primeiro paso para abrir procesos constituíntes no Estado Español, que recuperen soberanías.

En solidariedade con Cataluña

Hoxe, 25 de setembro, ás 20:30 na Casa Común dos Tilos (Teo) desenvolveuse un acto de apoio e informativo ao proceso que está vivíndose en Catalunya pero que, polas implicacións que ten nos afecta a todas. Participaron nel representantes de distintas organizacións, institucións, amigxs e viciñxs de Teo. Entre algúns dos que tomaron a palabra estaban Xosé Manuel Beiras, Martiño Noriega, Luís Villares, Antón Sánchez, Luca Chao, Iván Rodríguez, Antón Dobao, Antonio Negreira ou Rafa Sisto. Deitamos algúns dos seus titulares.

Beiras: «Este Estado de excepción anticonstitucional non ten efecto en Catalunya, porque os cidadáns alí non teñen ningún medo. Debemos estar en pé de guerra cívica e solidaria, sen armas, plenamente democrática, contra un poder autócrata».

Martiño Noriega: «O PP xa chega a dicir que os acordos plenarios non representan á cidade de Santiago e que a situamos fóra da lei. Eles!!! Só por facer unha moción en apoio do dereito a decidir. Isto danos a medida do que está a acontecer: estamos ante unha apertura democrática ou ante un xiro aínda máis regresivo. O que está a pasar é verdadeiramente grave: empregan a CE78 como arma arreboladiza. En Zaragoza, os que alí estivemos, vímoslle a faciana ao fascismo. E o peor foi ao día seguinte: ver cómo os medios branquean o que está a acontecer. As imaxes que se ven son propias doutro tempo. Veñen tempos de exercer aquelo que dicimos e poucas veces practicamos: a solidariedade internacionalista».

Luca Chao: «O momento ten moita potencialidade, e conecta con ideas que deron lugar ao 15-M: cuestionamento da representación, feminismo…».

Iván Rodríguez: “a mocidade galega ten que solidarizarse con esta oportunidade para superar o réxime do 78, que xa non ten nada que ofrecernos”

Luis Villares : «É materialmente imposible parar a vontade de autodeterminarse dun pobo en chave de liberdade. Non hai policía nin forza que deteña as ansias de exercer a liberdade de tantísima xente»

Antón Sánchez: «Os cataláns saben que é unha loita pola democracia que vai moito máis alá de cuestións identitarias. As súas liberdades son as nosas liberdades. Xa gañaron: é imposible deter coa represión a millóns de persoas que están nas rúas».

Antón Dobao: «Desta fenda histórica que se abriu resulta un antagonismo claro entre totalitarismo e democracia, entre monarquía e república».

Antonio Negreira: «Logo de 40 anos de franquismo e outros 40 de fallida transición vemos como todo foi unha fraude. Contra todo isto vemos a rebeldía dun pobo, e aféctanos a todxs. Non sei se o Réxime caerá, pero nada será igual».

Rafa Sisto: «A lexitimidade democrática do estado español aséntase no non polo non. Teño 54 anos, e non votei esta Constitución. Igual daquela non quedaban outras saídas, pero 40 anos despois ten que haber máis saídas: detrás pode estar unha república agardando».