Resolución da nosa Conferencia Política | A Unidade Popular nos Concellos

RESOLUCIÓN. A UNIDADE POPULAR NOS CONCELLOS

As mareas municipais son a mellor expresión do proxecto estratéxico que vimos impulsando desde 2012: a consolidación da Unidade Popular como ferramenta para a transformación social e política da nosa nación. Cómpre profundar no fortalecemento desta liña de traballo nos próximos tempos: empoderamento cidadán, radicalización da democracia, transparencia, horizontalidade, proximidade, participación de abaixo arriba, creación de espazos de deliberación e toma de decisión colectivas, etc., principios adoptados polas candidaturas de unidade popular nas municipais de 2015, e recollidos nos principios expresados nos textos da Asemblea de Vigo de constitución de En Marea como espazo de unidade popular que seguimos a reivindicar.

Nestes momentos é preciso multiplicarmos esforzos na defensa dos nosos gobernos municipais, asediados pola coalición do Partido Popular e grandes grupos de intereses económicos e mediáticos. Cómpre asemade reforzar aquelas mareas que se constrúen como alternativa na oposición e apoiar e favorecer a creación de novas candidaturas cidadás nos concellos onde aínda non existen.

Os partidos suman e a participación de persoas sen adscrición partidaria dos movementos cidadáns multiplican. As dinámicas de parte dentro do espazo de En Marea debilitan a construción dunha alternativa liderada pola maioría social. Non se trata de representar unha maioría social silenciosa e silenciada senón de construír no seu seo unha ferramenta popular de emancipación. Debemos ter todo isto presente nos seguintes chanzos que deamos. Non podemos esquecer que sen cooperación e xenerosidade recíprocas non haberá nin Unidade Popular nin ruptura democrática.

Estratexicamente é necesario intensificar a metodoloxía de cooperación horizontal a nivel municipal e por iso sería positivo dar continuidade aos Encontros Municipalistas celebrados en Ourense o 18 de novembro de 2017 e Santiago o pasado 20 de xaneiro, e outros desta natureza promovidos por mareas municipais ao longo do país. Estes encontros e os que lles dean continuidade serán un espazo de coordinación e toma de decisións en común que avance liñas de traballo, sen máis límites que aqueles que se decidan establecer entre todas e todos.

As Deputacións son institucións arcaicas alleas a un modelo propio de país que queremos suprimir, pero transitoriamente deben servirnos para impulsar políticas de cooperación que contribúan a reforzar a autonomía e capacidade de xestión dos pequenos e medianos concellos rurais e polo tanto, compre pelexar polos seus
gobernos nas eleccións de 2019.

Anova debe mobilizar a súa rede de militantes e simpatizantes para activar as diferentes iniciativas municipais, coas que seguir construíndo unha ferramenta de transformación social e nacional para o noso país. Como organización política, asumimos desde sempre a nosa función de simples motores auxiliares no proceso municipalista e na consolidación da unidade popular.

Mantémonos na convicción de que o protagonismo do proceso de unidade e ruptura é da cidadanía rebelde que se autoorganiza nas mareas e nos diferentes espazos da sociedade civil. Como temos reiterado durante estes meses, e así o debatemos nas Xeiras que tiveron lugar por todo o país, o Estado español intenta pechar a crise do réxime do 78 mediante unha resposta totalitaria, unha deriva autoritaria e represiva que pon en perigo dereitos sociais e políticos e liberdades civís conquistadas con moito esforzo e sacrificio común. Esta situación, que pon fóra da lei a mesma idea de democracia e cambio social, confírmanos na vixencia e na necesidade da nosa posición estratéxica, que pasa pola ruptura democrática e pola defensa dun proceso de procesos constituíntes. Cómpre sabermos trasladar a gravidade desta situación ao seo da sociedade galega. Nese sentido, é imprescindible continuar a acumular forzas para frear este proceso regresivo e gañar un escenario de liberdade para Galicia.

Desde esta aposta estratéxica, o papel de Anova e do espazo de ruptura debe mirar máis alá de manter os ámbitos institucionais conquistados ou de desaloxar a dereita da maioría dos concellos do noso país. Nun momento en que o Estado español manifesta todo o seu autoritarismo en contra das nosas liberdades e do dereito a decidir da cidadanía e dos pobos, cómpre lembrar que para as mulleres e homes de Anova, o proxecto de emancipación pasa pola República Galega.

Teo, 17 de febreiro de 2018

Anova convoca a súa Conferencia Política o 17 de febreiro en Teo para debater sobre o impulso e reforzamento das mareas municipalistas

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2018. Anova – Irmandade Nacionalista convocará unha Conferencia Política que se celebrará o vindeiro sábado 17 de febreiro en Teo (A Coruña). A xornada de debate centrarase no traballo político a desenvolver para reforzar a soberanía política das mareas municipalistas e impulsar a estratexia de Unidade Popular no horizonte de 2019.

A xornada de debate centrarase no traballo político a desenvolver para reforzar a soberanía política das mareas municipalistas e impulsar a estratexia de Unidade Popular no horizonte de 2019.

Desde o pasado mes de decembro, a organización liderada por Antón Sánchez celebrou Xeiras nas principais cidades do país, como punto de encontro da súa militancia e da cidadanía activa organizada nos movementos sociais, para facer unha análise compartida sobre a deriva autoritaria que vive o Estado español e debater sobre os proxectos de confluencia política nas que participa.

Para Anova as mareas municipalistas son a ferramenta estratéxica para desaloxar ao Partido Popular dos gobernos municipais

A Conferencia Política de febreiro avaliará globalmente o momento político e a axenda do cambio que impulsamos coas mareas municipalistas e os gobernos de Unidade Popular nos concellos galegos. Ao tempo, debaterase sobre as actuacións necesarias para reforzar organizativamente as mareas municipais e ampliar a súa influencia política e social como ferramenta estratéxica para desaloxar ao Partido Popular dos gobernos municipais e abrilos á participación da cidadanía como suxeitos de políticas de cambio político, social e económico no ámbito local.

Nos vindeiros días daranse a coñecer máis datos en relación á organización da Conferencia e a orde do día dos seus debates.

Miguel Anxo Fernán Vello e Alexandra Fernández participan nunha xuntanza coa veciñanza de Marín

Miguel Anxo Fernán Vello e Alexandra Fernández explicaron á veciñanza de Marín as iniciativas para que o Ministerio de Defensa ceda gratuitamente os terreos de Penizas para poñelos ao servizo dos habitantes da zona. Coma o Campo de Tiro, e que este poida así adicarse a actividades de ocio. E o uso civil da Escola Naval de Marín.

Xunto con Miguel Anxo Fernán Vello e Alexandra Fernández, tamén participaron representantes da Marea de Marín.

A vila de Marín leva décadas soportando o impacto pola ubicación de instalacións militares sen recibir compensación algunha. É hora de que a sociedade civil sexa beneficiada. Pedimos no Congreso que ceda os terreos a Marín.

Na xuntanza, xunto coas nosas deputadas, tamén participaron representantes da Marea de Marín.

Antón Sánchez: “A revisión das políticas da auga debe se ir encamiñada a mellorar a eficiencia do seu uso»

Antón Sánchez presentou en comisión unha proposición non de lei na que se insta a actuar contra a seca ante a falla de acción e previsión do Goberno galego na que destacou a necesidade de revisar a política de uso da auga nun contexto de cambio climático onde un ben escaso a preservar, como é a auga, vai escasear máis en determinados períodos. Isto tradúcese na necesidade “inmediata e urxente” de revisar o Plan da Auga e do Plan da Seca, dous instrumentos de planificación hidrolóxica, e a coordinación desta revisión coa elaboración en marcha da Estratexia de Loira contra o cambio climático.

Para Antón Sánchez “a revisión das políticas da auga debe se ir encamiñada a mellorar a eficiencia do seu uso, reducir as perdas nas redes de condución e distribución, que en Galiza son das máis altas do Estado, política para reducir o consumo dos grandes consumidores, sobre todo na industria, e medidas concretas para a redución do consumo nos fogares”. Estas medidas non están suficientemente desenvoltas actualmente “polo desleixo do Goberno galego”.

Sánchez salientou tamén a tardanza do Goberno galego para tomar en serio o que suporían os efectos do cambio climático. De feito estamos a finais de 2017 e aínda se está a comezar a elaborar a estratexia galega de loita contra o cambio climatico. A revisión do Plan Seca e do Plan Auga deberá de coordinarse con dita estratexia.

Por todo isto, fíxose unha proposición non de Lei que foi aprobada por unanimidade e cuxo texto transaccionado recolle o compromiso de instar á Xunta de Galicia a:

  1. Establecer de xeito acordado e conveniado cos Concellos que se atopen en situación de alerta ou de emerxencia, en especial cos de menos de 20.000 habitantes, as medidas necesarias para garantir un correcto abastecemento de auga, de xeito que se poidan executar as obras ou actuacións de urxencia necesarias para garantir dito abastecemento
  2. Seguir avanzando na mesa de Augas dentro da Estratexia de Cambio Climático incorporando, á maior brevidade posible, a actualización do Plan da Seca e do Plan Auga nos que xa se está traballando.
  3. Seguir avanzando nas mesas polo Pacto Local da Auga, e en colaboración cos Concellos, co obxectivo de facer máis eficiente o ciclo integral da auga a través de medidas como a estrutura tarifaria (diferenciando e discriminando dun xeito máis ponderado os usos domésticos e industrial, grandes consumidores, a prol do doméstico) así como a eficiencia no seu uso.

Antón Sánchez: «As Xeiras de Anova son un marco de debate e reflexión para actualizar a nosa aposta estratéxica pola Unidade Popular, hai reforzar a nosa alternativa ao PP como fixemos en 2015»

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, compareceu este mediodía antes os medios após da celebración da Coordenadora Nacional de Anova para subliñar o compromiso de Anova coas mareas municipalistas e explicar o iniciado proceso das Xeiras que rematará nunha Conferencia Política en febrero.

A Conferencia Política será o epílogo

Sánchez salientou que o obxectivo das “Xeiras é impulsar un debate sereno e reflexivo para actualizar a nosa aposta estratéxica pola Unidade Popular, tecendo alianzas fraternais coa esquerda comprometida cun proceso de ruptura fronte ao Réxime do 78”. Neste sentido, destacou que este proceso de deliberación de Anova “rematará nunha Conferencia Política que con toda probabilidade poderá ser en febrero”. Explicitou a aposta pola Unidade Popular que considera é preciso reforzar nos concellos, “é necesario reforzar a alternativa ao PP coo fixemos en 2015”.

Unha Conferencia, puntualizou, que remarcará o compromiso de Anova coas mareas municipalistas que “son o instrumento de cambio político e social nos nosos concellos. Correspóndelles a tarefa da transformación social. Son espazos abertos de participación política, plurais, van máis alá de militancias e contan cunha pluralidade política que incluso é maior que a de En Marea”. Para Sánchez as candidaturas de Unidade Popular “son un éxito e non hai que poñerlle paos na rodas”.

O compromiso claro de Anova coas mareas municipalistas

Deixou claro que “Anova non ten ningunha intención de emendar o programa de En Marea, ao contrario, queremos cumprir o seu programa. Precisamente o dereito a decidir é un elemento central do programa de En Marea. Por eso, o dereito a decidir e a apertura de procesos constituíntes”

A regresión nas liberdades, a recentralización e o dereito a decidir

Antón Sánchez apelou á pluralidade de En Marea para explicar que non haxa unanimidade e posicións distintas sobre a proclamación da República Catalá. En resposta ás preguntas dos xornalistas, no que atinxe “a Catalunya fomos moi claros. Hai tempo que deixou de ser un tema catalán, están en xogo as nosas liberdades e o dereito a decidir”, que está recollido no programa de En Marea.

Advertiu Sánchez “da regresión nos dereitos e liberdades que estamos a sofrer, así como o proceso de recentralización que se vai producir”. Por eso, optou por “enfrontar a situación con alianzas políticas reforzadas. Nos estamos coas forzas que desexen traballar en pro das mellores condicións políticas para que o pobo catalán poida exercer o seu dereito a decidir. Coas forzas democráticas e republicanas, e fronte á coalición autoritaria do 155”. Anova, sinalou, “sempre estará ao lado da xente que se mobilizou pacífica e democraticmente o 1 de outubro”. Así, indicou que “nos non plantexamos a cuestión do 21-D en chave eleitoral, o que está en cuestión é a derrota do bloco 155, o mal denominado constitucionalista que son os que máis a vulneran”

Nesa liña, manifestou “a nosa total oposición coa intervención da monarquía autoritaria o 3 de outubro”.

Antón Sánchez: «A Lei de Rehabilitación baleira os núcleos para darllos aos lobbies inmobiliarios»

Antón Sánchez, no Parlamento de Galicia, a conta da Lei de Rehabilitación sinalou: “A nova Lei de Rehabilitación da Xunta modifica leis de hai só 2 anos pola porta de atrás. Significará un caos normativo e liberalizador para beneficio dos lobbies promotores. Non queremos políticas de exclusiva rehabilitación arquitectónica nin leis que expulsan á xente das súas casas para darllas ás grandes promotoras. Esta Lei de Feijóo crea un gorentoso mercado coas ruínas dos núcleos rurais convertendo os concellos en verdadeiros axentes inmobiliarios. Baleirado de núcleos provócase abandono, coa entrada de capital privado desembocará en xentrificacion. Ese é o fluxo especulador da nova Lei. O “Canon do Abandono”, nova figura de dubidosa legalidade, mentres seguen sen regular o incremento do IBI para vivendas baleiras. Con esta nova Lei a Xunta abre tamén a porta á expropiación forzosa, que non é máis ca un elemento extorsionador polo que aceptas o convenio ou che minoran o 50%. En definitiva, a Lei modifica pola porta de atrás as Leis do Solo e a de Patrimonio. É o xogo revolto e a falta de planificación aos que nos ten acostumados o PP».

En Marea consegue que se paralice a poxa dos xacementos de Pena Grande e que se cedan gratuitamente ao Concello de Vilalba

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, confirmou este xoves co ministerio de Facenda que finalmente se paralizará a poxa dos xacementos de Pena Grande e que cederá os terreos de xeito gratuito ao concello de Vilalba.

En Marea presentou varias iniciativas no Congreso para paralizar esta poxa, pero dada a urxencia e o constreñido dos prazos da poxa, que tiña previsto celebrarse o 15 de decembro, Fernán Vello decidiu dirixirse directamente ao Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no pleno Congreso.

“Esixinlle en nome de En Marea retirar de imediato a poxa destes terreos e proceder a cedelos ao concello de Vilalba ou á Xunta a fin de poñelos en valor”, asegura o deputado.

Montoro “amosouse receptivo” na conversa mantida con Fernán Vello e aseguroulle que faría xestións canto antes para solucionalo.

O deputado de En Marea por Lugo quere amosar a “súa satisfación por ter conseguido parar un auténtico despropósito”.

“Estaba en xogo o noso patrimonio, os nosos vestixios do Paleolítico, que ían ser vendidos sen ter en conta o seu alto valor histórico e cultural”.

Neste sentido, agradeceu a receptividade do ministro que foi quen de escoitar a demanda de En Marea, que en definitiva contiña a demanda social, de organizacións culturais e colectivos diversos “para que se paralizase unha barbaridade tecnócrata”.

Fernán Vello afirma que “debemos aproveitar este tipo de feitos para reflexionar a fondo sobre a situación e o estado no que se atopa unha boa parte do noso patrimonio arqueolóxico ou histórico-cultural para que non domine o abandono nin a indiferenza, e sobre todo, evitar que as propias Administracións practiquen o desleixo absoluto”.