
Cada Primeiro de Maio é unha xornada de memoria e reivindicación. Lembrar o 1886 de Chicago non é unicamente referirnos a un episodio illado da Historia, senón evocar o fío vermello do movemento obreiro. A conquista dos dereitos laborais máis elementais supuxo sangue e represión. Hoxe, ese legado recórdanos unha lección fundamental: ningún dereito foi concedido; todos foron gañados mediante a organización, a solidariedade e a conciencia de clase.
Traballo
En Galicia conmemoramos este Primeiro de Maio nun contexto de grave ofensiva contra os nosos servizos públicos e as condicións da clase traballadora. A conflitividade laboral que atravesa o país é o síntoma dun modelo esgotado. Vémolo nestes mesmos días nas rúas: o ensino público sostén un pulso firme contra a Xunta, con milleiros de docentes secundando folgas e mobilizacións para esixir melloras reais nas súas condicións de traballo, como a loita por unhas ratios asumibles e a redución de sobrecarga burocrática. Vémolo tamén na Sanidade, cunha Atención Primaria levada ao límite, carencia de pediatras en máis dun cento de concellos e profesionais en loita contra a precarización. Non podemos esquecer o sector dos coidados, coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e das residencias de maiores, quen sosteñen a vida do noso país dende unha situación de absoluta precariedade estrutural e altamente feminizada. O desmantelamento paulatino do sector público é un ataque directo ao contrato social e ao noso sistema de benestar.
Dignidade
Para as clases populares galegas, a dignidade significa que o froito do noso esforzo debe garantir unha vida que pague a pena ser vivida. Porén, o desequilibrio actual é insostíbel: mentres o custo da vida e a inflación devoran o poder adquisitivo dos nosos salarios, un dereito fundamental como ter un teito converteuse nun luxo case utópico para moitas traballadoras e traballadores. A especulación inmobiliaria, a turistificación e as enormes dificultades de acceso á vivenda están a provocar cambios demográficos que relegan as vilas e cidades a meras estacións de lecer e consumo. Non hai dignidade sen o dereito material a poder vivir e traballar na nosa terra.
Antifascismo
En consecuencia, a defensa das nosas condicións materiais de traballo e de vida, combinada coa lexítimas aspiracións de conquistar avances, engade o imprescindible factor antifascista no contexto actual. A Internacional Reaccionaria interpela directamente ás clases populares acendendo a confrontación entre as persoas máis desfavorecidas. O que en realidade procura o discurso do medo é disciplinar e someter ás clases populares preservando os privilexios de quen máis ten. A faciana fascista é o gardián do capitalismo en fase desbocada. Fronte aos discursos de odio que procuran incendialo todo, o antifascismo eríxese hoxe como o noso principal muro de contención. Ser antifascista no século XXI é defender a xustiza social, protexer o público e reivindicar a soberanía dos pobos para decidir o seu futuro libres de explotación.
Viva o Primeiro de Maio!

