Antón Sánchez en RNE: «Feijóo incumpre reiteradamente o Plan Forestal que aprobou»

Audio da entrevista a Antón Sánchez en Radio Nacional

 

O señor Núñez Feijóo debería comezar por recoñecer as dificultades que ten para facer política para este país, e que provocan as condicións necesarias para que os lumes sexan un problema. Aquí xa se fixeron ditames de expertos plans forestais que sistematicamente foron incumpridos por parte do Goberno. O informe co Consello de Contas manifesta o reiterado incumprimento do Plan Forestal de Galicia. Menos tecer cortinas de fume con comisións e lexislación e máis poñerse a cumprir honestamente coas normativas. Dinnos que hai que cumprir a legalidade e logo andan na ilegalidade. Sempre dixemos que é un tema complexo, cunhas políticas de ordenación do territorio deficiente, que non deron resposta á realidade deste país. Hai unha aposta polo monocultivo de especies de baixo valor engadido e políticas que fomentan o envellecemento e abandono do noso rural.

O dispositivo para combater os lumes debera ser a última barreira da privatización: temos que traballar na ordenación do territorio, en modelos produtivos para fixar poboación e na diversificación de especies. O modelo de extinción ten que ser público, moito máis simplificado que agora, e profesionalizado.

A batería de propostas que presentou Núñez Feijóo son unha emenda á totalidade das súas propias políticas, xa que el mesmo as incumpriu. O problema son intereses empresariais moi concretos que marcan a súa política forestal. ENCE está ditaminando toda a política forestal do país. No seu Consello de Administración hai personaxes que tiveron responsabilidades de goberno co PP, como Isabel Tocino ou Carlos del Álamo. Por ENCE cambiouse a Lei de Costas, fíxose á súa medida. E por ENCE se está a facer esta política forestal. Non é un problema de racionalidade, son este conxunto de intereses os que están detrás

A Lei de Depredación, bautizada así pola sociedade civil, está escrita polos oligopolios eléctricos, mineiros e forestais. Afonda nun modelo empobrecedor, que xera pouco emprego e que deixa moitos impactos ambientais, que impide outras actividades. O PP traballa para eses intereses

Politicamente non ten sentido a privatización dos helicópteros. Otougorllese a Inaer un contrato millonario practicamente a dedo. Non é convínte misturar o negocio coa extinción de lumes

Sobre o espazo de En Marea

Anova apostou sempre pola Unidade Popular. É a única alternativa viable ás políticas da dereita. Dende sempre un consenso programático de En Marea é o dereito de autodeterminación, e o recoñecemento de Galiza como nación.

Estamos nunha encrucillada histórica, e debemos estar á altura. Temos que priorizar unha posición política digna nestes momentos. Non podemos defraudar ás persoas que nos apoiaron.

Como deputado de En Marea o meu deber é defender o programa que votaron máis de 270.000 persoas. Nel estaba o dereito de autodeterminación, o traballo para que Galiza teña soberanía, para poder decidir

Sobre Cataluña e a deriva autoritaria do Estado

Non é alleo a ningún demócrata o que está a acontecer en Cataluña, e non é só unha cuestión dos independentistas, hoxe estamos interpelados todos os demócratas.

O procés ten unha ampla base popular, é ten un comportamento cívico e pacifico. Nesa loita está moita máis xente que os cataláns, xa que estamos diante da defensa da democracia contra a represión e a posibilidade da volta atrás do sistema democrático.

Sobre o continuísmo no PSdeG-PSOE

Non notei cambio ningún dende que chegou Gonzalo Caballero á Secretaría Xeral do PSdeG. O 155 non facilita as relacións, aposta pola regresión e dificulta calquera entendemento co PSOE aínda que sabemos que a alternativa ao PP ten que ser plural.

Posicionamento de Anova sobre o encarceramento de parte do Govern catalán e o retroceso en dereitos e liberdades

Comparecencia de Antón Sánchez para fixar a posición de Anova respecto do encarceramento do Govern.

Audio da rolda de prensa.

 

Estamos ante unha solución autoritaria do golpe do 155, articulada en 7 pasos: 1) Represión policial: 2) Negativa ao diálogo e á negociación; 3) Control mediático; 4) Coacción económica; 5) Persecución de toda disidencia; 6) Instrumentalización política da xustiza; e 7) Amedrentamento dos cidadáns e as cidadás.

A petición do fiscal e a sentenza xudicial están escritas coa mesma tinta autoritaria que usan Rajoy e Soraya Sáez de Santamaría. É unha solución baseada no matonismo político, disfrazado de intervención xudicial.

Vemos como actúa xustiza española: é forte cos débiles, e débil cos fortes. Compracente e connivente cos corruptos, brutal cos disidentes e cos opositores políticos do Réxime do 78. Vemos a ausencia total dunha separación de poderes propia dun estado de dereito. Hai tempo que isto deixou de ser unicamente unha cuestión catalana.

Os que inventan casos de rebelión e sedición son os mesmos que nos falan de terrorismo incendiario, teñen a mesma materia prima: a mentira política ao servizo dos seus intereses partidarios.

É, pois, unha sentenza infame en calquera democracia. Estamos ante o infeliz retorno aos tempos do Tribunal de Orde Pública. A España dos 2 códigos penais: o código penal para os amigos, e código penal para os inimigos.

É indecente e moi grave que Urdangarín ou Bárcenas estean na rúa e os membros dun Goberno democraticamente elixido, en prisión. Pouco a pouco semella que imos indo cara á “solución Companys” que adiantou un guionista infame chamado Pablo Casado.

É unha resposta xudicial ás sondaxes que dan a vitoria ás forzas independentistas o 21-D. Actúan coma as forzas de asalto político de Mariano Rajoy, para abrir camiño a unha vitoria electoral do “bloque constitucional” o 21-D. Algúns pretenden gañar nas salas da Audiencia Nacional o que son incapaces de gañar nas urnas. Por iso mandan retirar urnas.

Resulta inaudito que en calquera sociedade democrática se poida falar de normalidade mentres que determinados actores políticos sofren prisión preventiva e ameazas de ilegalización.

Hoxe coñecemos tamén a proposta para ilegalizar as CUP, o que vai en contra de todo fundamento democrático. Só permitimos que a xente vote cando “vota ben”, esa parece a mensaxe que nos queren mandar. Insultan a intelixencia dos cidadáns.

A innovación de Rajoy: eleccións nun Estado de excepción, para gañar como sexa, coas trampas que fagan falta. Intentaron pechar colexios electorais e secuestrar urnas o 1-O. Agora pretender ilegalizar partidos e encarcelan dirixentes.

A solución de PP, PSOE e Ciudadanos: queimar as pontes de negociación e diálogo político no pasado, no presente e no futuro. Donald Tusk, unha persoa que está moi lonxe do que nós pensamos, dixo que “debía impoñerse a forza da razón”. Non hai razón, hai forza, guerra sucia e represión. Esa é a oferta autoritaria de Mariano Rajoy, aplaudida por Ciudadanos e apoiada polo PSOE.

Esta en marcha un sistema de criminalización da disidencia, mesmo cando vén avalada por fórmulas democráticas e pola maioría da sociedade catalá.

Non só interveñen o autogoberno, liquidan as garantías democráticas. Teñen a Constitución todo o santo día na boca, pero non din que o Título I da Constitución desde hai máis dun mes está suspendido. Están suspendidas dereitos e liberdades fundamentais en Cataluña.

Os que nos recortan dereitos civís e liberdades son os mesmos que nos recortan dereitos sociais. Os dereitos e as liberdades conculcadas hoxe en Cataluña están xa en perigo en Galicia. Son tempos de afouteza e coraxe civil para a defensa das liberdades e a solidariedade cos presos.

Chamamos pois á asistencia masiva ás concentracións de defensa das liberdades e solidariedade con Cataluña que terán lugar hoxe nas 7 cidades a partir das 20.00 horas. Temos que mobilizarnos, non vaia ser que cheguemos demasiado tarde. É urxente unha mobilización democrática para frear o tsunami autoritario do 155.

Unha mensaxe para o PSOE: xa sabemos de que lado estiveron até o dagora na aplicación do 155 e no recorte de dereitos e liberdades. Estivo do lado de Mariano Rajoy, de Ciudadanos. Queremos saber se despois destas detencións van seguir do mesmo lado. Ou se está co franquismo, coa volta ao fascismo, ou están do lado da democracia. Sería moi triste que os dirixentes socialistas de que non se poñan do lado da democracia. Chamamos aos socialistas que apoiaron a Pedro Sánchez para que non gobernase co Partido Popular para que apoien isto.

Esta loita gáñase sendo valentes, sen máis cancelas de que apoien todos os que defenden os demócratas.

Esta é unha loita que pasa as fronteiras de Cataluña. Cando encarcelan a dúas persoas da sociedade civil, ningún demócrata pode pasar indiferente. Ese sufrimento, a represión, é sentida como propia. Todas as persoas de esquerdas, antifascistas, temos que facerlle frente. Existe unha potenciación do fascismo, un recorte de dereitos e liberdades, e unha criminalización das ideas que se enfrenten co Réxime.