A Xunta de Galicia non entregou aínda a Antón Sánchez a información que oculta sobre a fusión das Caixas

“É unha vergoña que, mesmo despois dunha sentencia, Feijóo se resista a dar a información que esixe o TSXG”

“Non pararemos ata coñecer toda a verdade da estafa das caixas”

O portavoz de Anova vese na obriga, case 3 meses despois de que se ditase sentencia por parte do TSXG, de reclamar publicamente ao goberno galego que entregue a documentación que se esixe na sentencia, concretamente o informe-proposta de Marta Fernández Currás, Conselleira de Facenda por aquel entón, sobre a fusión das caixas galegas, e a acta da comisión dos secretarios xerais antes do Consello da Xunta que autorizou a fusión.

Á vergoña de que a Xunta de Galicia sexa condenada por vulnerar os dereitos fundamentais dun deputado que leva pelexando por darlle luz ao proceso que resultou ser unha das maiores estafas económicas da historia recente de Galiza, sumáselle a de resistirse a entregar a documentación solicitada mesmo despois da sentencia.

Práctica reiterada porque a vulneración deste dereito fundamental recollido no artigo 23 da Constitución é norma no Parlamento galego onde constantemente se lles nega información aos representantes e ás representantes de galegos e galegas en función dos intereses do PP.

Nuñez Feijoo falta unha vez máis á súa palabra e pretende ocultar a verdade no “fiasco” das caixas negando información e mantendo paralizada a Comisión de Investigación durante 6 anos para evitar que saia à luz o que foi un gran negocio para un Banco venezolano, e pésimo para Galiza.

“Non pararemos ata que se coñeza toda a verdade”, declarou o portavoz nacional de Anova que agarda “non ter que recorrer à vía xudicial para a execución da sentencia, o que amosaría aínda máis a vontade dilatoria do goberno galego”.

Anova inicia un proceso de reflexión ante os resultados moi negativos do 12-X

Abriremos este proceso para rearmar a nosa alternativa diante deste cambio de escenario e ver de que ferramentas debemos dotarnos para rematar coa hexemonía conservadora en Galicia.

Teo, 18 de xullo de 2020.- Hoxe tivo lugar en Teo unha xuntanza ordinaria da nosa Coordinadora Nacional, marcada polos resultados do 12-X que valoramos como moi negativos. Non se trata só da perda de representación no Parlamento de Galicia, se non da confirmación de que nos atopamos nun momento de refluxo, de avance do conservadurismo e da ultradereita, onde o horizonte de ruptura semella máis lonxe e no que avanza a recomposición do Réxime do 78.

Diante deste novo escenario, Anova abrirá un proceso de autocrítica e de reflexión á volta do verán para adecuar a organización a este novo tempo político. Na nosa IV Asemblea Nacional xa enunciamos a idea da refundación de Anova xunto con outros continxentes militantes, unha proposta que compre actualizar dende unhas condicións moito máis negativas.

Dende a nosa fundación Anova fixo unha aposta clara en facer unha nova lectura da cuestión nacional e na necesidade da unidade das esquerdas, cun horizonte anticapitalista e de ruptura co Réxime do 78. Foron oito anos nos que puxemos toda a nosa enerxía en disputar hexemonías e acadamos importantes responsabilidades de goberno no eido municipal.

As condicións sociais e materiais están aí e empeorarán. A agresión contra as maiorías sociais existe e existirá, e incrementarase. Dunha ou doutra maneira estaremos presentes para impugnar o estado das cousas procurando a mellor forma de construír a auto-organización das máis.

É evidente que tamén erramos ao establecer as dinámicas internas deste espazo, cuestións que foron amplificadas e que remataron por lastrar a nosa credibilidade diante da xente. Este elemento é un dos motivos que explican os negativos resultados do 12 de xullo.

En setembro definiremos e anunciaremos os seguintes pasos a dar para encetar este proceso de autocrítica e de debate. É importante mirar para o futuro e seguir construíndo para rematar coa hexemonía conservadora do Partido Popular en Galicia.

Galicia en Común-Anova Mareas sinala que as políticas de Feijóo saen estrepitosamente derrotadas da crise do coronavirus

Antón Sánchez reinvidica o papel do sector público no combate fronte á pandemia e acusa ao presidente de empregar a propaganda e a intoxicación para ocultar o fracaso das súas políticas

Compostela, 7 de maio de 2020. Galicia en Común-Anova Mareas sinalou este xoves no Parlamento galego que as políticas de Feijóo «saen estrepitosamente derrotadas da crise do coronavirus».

O voceiro da formación na Cámara, Antón Sánchez, na comparecencia do presidente da Xunta ante a Deputación Permanente, reinvidicou  hoxe o papel do sector público e das traballadoras e traballadores no combate fronte á pandemia.

«Agora pásanlles a man polo lombo, pero durante 11 anos traballaron en contra dos seus dereitos e para precarizalas. Elas son as que están demostrando que a súa ideoloxía é anacrónica e sae estrepitosamente derrotada desta crise», afirmou.

Sánchez tamén acusou o presidente de empregar a propaganda e a intoxicación para ocultar o fracaso das súas políticas. Desta maneira, vestindo unha camiseta de ‘Defende a Galega’, criticou que a TVG non emitise outras sesións da Cámara, pero si esta pola presenza de Feijóo «no empeño do PP de convertela en Tele Feijóo».

O voceiro lembrou que «moitas galegas e galegos pode que non coñezan que o persoal dos medios públicos levan 2 anos reivindicando que non se usen de forma partidaria polo PP. Falo disto porque como sociedade temos que tomar decisións, e para iso necesítase información, e non propaganda, manipulación e intoxicación, que é o que están facendo máis intensamente agora se cabe».

Neste contexto, Antón Sánchez pasou a relatar como se silencian as denuncias dos familiares das persoas maiores das residencias cando sinalan os incumprimentos por parte das empresas que as xestionan, mentres a Xunta mira para outro lado, igual que acontece coas denuncias das Enfermeiras Eventuais en Loita sobre a súa situación precaria.

«Esas enfermeiras que querían despedir cando baixou a incidencia do coronavirus e non puideron. Esa é a demostración de que as súas políticas saen derrotadas desta crise, e son as que queren ocultar coa manipulación», remarcou. Así, concluíu que na TVG «verán que todos os erros son doutros gobernos, e todos os acertos son de Feijóo».

Saír da crise reforzando o público

Fronte a esta «política trumpiana de que nada signifique nada», da que Sánchez puxo exemplos cos discursos realizados por Casado e Abascal este mércores no Congreso, «vostedes e os seus aliados pretenden ocultar os seus verdadeiros intereses»

«Para non caer na confusión hai que fuxir do regate curto e ver as cousas con perspectiva, porque isto será moi importante para encarar a saída da crise económica e social provocada pola pandemia. Non queremos que sexa como a do 2008, que vostedes encetaron. Hai algo que non debe esquecerse para non volver á normalidade anterior: todo o que representan indo en contra do público sae estrepitosamente derrotado desta crise», incidiu o voceiro.

«Cando apareceu a pandemia, desapareceu a patronal da sanidade privada e emerxeron as traballadoras da sanidade pública. Sae derrotada a súa pertinaz insistencia en regalar negocios a empresas próximas ao PP para o coidado dos maiores, porque o 98% de mortes en residencias galegas prodúcese nas privadas. Saen derrotadas as súas políticas fiscais de favorecer os poderosos e de perda de peso do sistema público», afondou Sánchez.

O rei da ocultación e a manipulación

Antón Sánchez acusou a Feijóo de facer «o contrario do que di unha vez máis. Que fale vostede de ocultación de datos, cando dun día para outro aparecen tres mil curados de repente ou cando non está dando os datos desagregados por concellos, mentres en Asturias si o fan. É vostede o rei da ocultación e a manipulación dos datos á súa conveniencia».

A continuación, pasou a debullar outras contradicións no discurso do presidente da Xunta.

«Di que non comparten que non haxa alternativas ao estado de alarma, pero son o único grupo que non presentou emendas no Congreso propoñendo alternativas. Fala de diálogo, pero despreza o diálogo coa oposición e desoíu as propostas dos grupos para un plan de desescalada galego. Fala de autogoberno o presidente que leva 11 anos sen unha transferencia de competencias e calou ante as políticas recentralizadoras de Rajoy. Fala de preocupación polos autónomos, mentres é unha das comunidades que non aprobou axudas directas. Fala da saída da crise, pero non convocou as forzas políticas os axentes sociais.».

Ante esta situación, Sánchez espetou que «todo é publicidade, propaganda e intoxicación. O futuro ten que ser un xiro de 180 grados a estas políticas».

En definitiva, o voceiro destacou que no PP «queren ocultar as conclusións que sacou a maioría da xente da necesidade de reforzar o público, dar estabilidade aos profesionais da sanidade ou facer xestión pública directa das residencias de maiores. Quere ocultar as súas alternativas porque, cando isto pase, quere volver á normalidade anterior de poñer o negocio por enriba da saúde».

Antón Sánchez esixe á Xunta que garanta o dereito á vivenda e deixe de usalo na súa campaña de intoxicación

Galicia en Común-Anova Mareas sinala que as críticas da conselleira á falta de financiamento do Goberno do Estado son un recoñecemento do fiasco das políticas que vén desenvolvendo o Executivo de Feijóo nos últimos anos

Compostela, 29 de abril de 2020. O voceiro no Parlamento de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Sánchez, esixiu este mércores que a Xunta garanta o dereito á vivenda das galegas e galegos e deixe de usalo na súa campaña de intoxicación.

Na súa resposta á comparecencia da conselleira de Vivenda, Sánchez criticou que “veu aquí a facer propaganda, mentres hai unha ausencia de medidas evidente desde o Goberno galego nun campo fundamental”. Deste xeito, incidiu en que as críticas da conselleira á falta de financiamento do Goberno do Estado son un recoñecemento do fiasco das políticas que vén desenvolvendo o Executivo de Feijóo nos últimos anos.

Segundo sinalou Antón Sánchez, “mentres vostedes presumen de aprazar os pagos das rendas, hai comunidades autónomas que exoneraron deses pagos durante un mínimo de tres meses a aqueles que perderon os ingresos pola crise do coronavirus. Vostedes non tomaron esa medida, e nin sequera aproveitaron as posibilidades que dá o Real Decreto 11/2020 para considerar o Instituto Galego de Vivenda e Solo como gran posuídor e facer a quita que se permite do 50%”.

O voceiro tamén destacou que “anuncian un aumento ao 100% da subvención da renda do bono de alugueiro social, pero segundo as cifras da súa Consellería é unha medida que só chega a 700 familias. Ademais, como recoñeceu hoxe, aínda non publicou as axudas ao alugueiro derivadas da modificación dos plans estatais”.

Sánchez afeou que, ao tempo que a Xunta non executa estas medidas “súmase ás críticas desta modificación, seguindo a súa tónica habitual: todo o que funciona ben é cousa da Xunta e o que funciona mal, é do Goberno do Estado”.

O voceiro afirmou que “concordamos en que é necesario reclamar máis financiamento”, pero a realidade detrás das afirmacións da conselleira supón “un recoñecemento da insuficiencia das medidas da Xunta. O financiamento do Estado será insuficiente, pero as súas estimacións están burdamente sobredimensionadas para que lles sirvan de campaña de intoxicación”.

O voceiro tamén cualificou de insuficientes os programas adicados ao alugueiro e á vivenda protexida desenvolvidos pola Xunta. “É evidente que as axudas ao alugueiro eran insuficientes, e agora, sono máis. Canta xente quedou fóra delas por insuficiencia orzamentaria tendo ese dereito? Vostedes endureceron as condicións patra dificultar o acceso”, acusou.

“Non se poden retorcer as cifras para facer unha campaña de intoxicación que saben que é falsa. Recoñezan que recortaron os orzamentos sistematicamente, ademais da nula execución das políticas públicas de vivenda e o seu abandono das mesmas. Isto non é casualidade porque estas políticas prexudicarían os intereses de quen especula coa vivenda”, engadiu.

No referente á vivenda protexida, Sánchez detallou as cifras da drástica redución levada a cabo polo Goberno de Feijóo, ademais do fiasco do programa de vivendas baleiras. “Só nos últimos 4 anos, La Rioja é a única comunidade que adica menos partidas a vivenda protexida. Case 15 mil persoas están rexistradas no programa, ás que estafan coas súas políticas, mentres se dedican a facer electoralismo e a intoxicar coas medidas que toman outros gobernos. Poden ser mellorables, pero vostedes non teñen credibilidade”, espetou, concluíndo que “non esperabamos outra cousa, porque nos peores anos da crise negáronse a facer políticas que amparasen a xente que quedou sen vivenda, e agora seguen igual”.

A coincidencia desta sesión parlamentaria coa comparecencia do presidente da Xunta na TVG motivou que o voceiro lamentase “o desprezo de Feijóo ao Parlamento ao tempo que ocupa boa parte da franxa horaria da TVG facendo propaganda e electoralismo.

“Mentres, renuncia a vir aquí para falar do que está falando agora, e que os demais poidamos aportar. Prefire facer propaganda nese medio público no que os profesionais levan 101 venres negros protestando pola utilización partidista do PP”.

Por último, remarcou que o presidente “mentiu unha vez máis, porque dixo que ía comparecer na Cámara no mes de abril e non o vai facer”.

Galicia en Común-Anova Mareas lamenta a pobre bagaxe da Xunta para protexer a xente e garantir unha saída xusta da crise

Antón Sánchez critica que o conselleiro de Facenda non presenta as medidas necesarias porque o Executivo de Feijóo escolleu o electoralismo e a intoxicación en lugar de gobernar

Compostela, 29 de abril de 2020. Galicia en Común-Anova Mareas denunciou hoxe a pobre bagaxe que presenta a Xunta para protexer a xente e garantir unha saída xusta da crise tras 45 días de Estado de Alarma pola epidemia da Covid-19. Así o manifestou o voceiro da formación no Parlamento, Antón Sánchez, durante a comparecencia do conselleiro de Facenda na Deputación Permanente da Cámara.

“Despois de 45 días da declaración do Estado de Alarma e un mes despois da comparecencia de Feijóo, o conselleiro trae unha bagaxe ben pobre porque escolleron o electoralismo e a intoxicación en lugar de gobernar”, lamentou.

Sánchez comezou sinalando que “a Feijóo xa lle preguntamos por que Galicia era das poucas comunidades que non tiña aprobadas axudas directas para os autónomos, e 33 días despois segue sen facelo”.

Na súa intervención o conselleiro unicamente trouxo “un informe dun comité de expertos, solo sobre a fase 1 e cun único aspecto, dotar de liquidez a empresas e autónomos. Unha medida necesaria pero insuficiente. Mentres, outras comunidades levan tomando medidas todo este tempo, dando axudas directas a autónomos. Moitos non ven como boa solución endebedarse máis cos préstamos, e por iso teñen razón de ser as axudas. Vostedes non as poñen en marcha, e eles están necesitados”, resumiu, destacando que existen exemplos de comunidades autónomas de todas as cores políticas que si tomaron estas medidas.

Sánchez afeou que o conselleiro caeu nunha contradición evidente, ao sinalar que eran “os mellor preparados a nivel orzamentario e económico, pero despois xustificou a ausencia de axudas pola falta de ingresos por parte do Estado que vostede cre que lle corresponden a Galicia. Polo tanto, ou on están tan ben preparados, ou non teñen esa sensibilidade social”. Esta falta de sensibilidade tamén a denunciou o voceiro ante o “esquecemento de moita xente no seu discurso. Non falou de reforzar a Risga para as persoas sen ingresos nin de axudas para a vivenda”, entre outras.

Con respecto ao comité de expertos do Executivo galego, Antón Sánchez indicou que “foi creado como se esta crise solo dependera da solvencia técnica, cando tamén require debate político para definir o rumbo que tomemos”.Así, sinalou máis contradicións do Goberno de Feijóo, aprezadas en que “non sabemos se este comité está feito para asesorar a Xunta ou a outras administracións, porque das 20 medidas que presenta, 15 son dirixidas a outros, principalmente o Goberno do Estado. Ademais, queren marcarlle o calendario fiscal aos concellos, mentres se queixan de que o Goberno do Estado se mete nas súas contas”.

Fronte a isto, Sánchez avogou por “formular un debate máis fondo”. Desta maneira, preguntouse se “non quedou demostrado con esta crise que a garantía para a xente máis desprotexida é un sistema público forte”, ou se “non se está cuestionando a mercantilización da saúde e do coidado dos maiores. As residencias privadas veñen sendo denunciadas por incumprir a legalidade coa súa connivencia, e son as que representan maior perigo de contaxios e mortes. Nós consideramos que deben ser de xestión pública directa”.

Do mesmo xeito, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas sinalou a necesidade de acabar coa precariedade laboral na sanidade, que denuncian colectivos como as Eventuais en Loita. “Nós propoñemos dotar a este persoal de estabilidade laboral. Para isto, fan falta cambios a nivel estatal e autonómico, na política económica e fiscal. Hai que deixar de tomar medidas para favorecer os que máis teñen e cumprir coa progresividade. Poden empezar por desfacer o que fixeron nos últimos anos coa súa política fiscal de favores aos grandes patrimonios”, reclamou.

Antón Sánchez proporá hoxe no Parlamento de Galicia que as residencias privatizadas por Feijóo volten á xestión pública

Galicia en Común Anova Mareas considera indispensable fortalecer o público con políticas fiscais xustas para asegurar os dereitos da cidadanía

A coalición critica a inacción da Xunta, que non utiliza as súas competencias para garantir o acceso das galegas á vivenda

Santiago, 29 de abril 2020.- O deputado Antón Sánchez proporá hoxe na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia un Plan de Xestión Pública das Residencias e centros de atención á dependencia, para que con urxencia a maior parte das residencias de Galicia privatizadas polos Gobernos de Feijóo pasen de novo á xestión pública.

Sánchez será o encargado de trasladar as propostas de Galicia en Común – Anova Mareas na sesión da Deputación Permanente da Cámara na que comparecerán conselleiro de Facenda e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para dar conta da actuación dos seus departamentos fronte á emerxencia sanitaria.

“Demostrouse que o poñer o negocio por riba da saúde custa vidas. Os datos non enganan”, afirmou Antón Sánchez antes de entrar na sesión, tras recordar que a política fiscal “é a maneira que temos de recadar impostos e acadar recursos para realizar políticas públicas”.

Para o deputado, mudar a política fiscal de Feijóo permitiría tamén un reforzamento da sanidade pública en Galicia, apostando pola redución paulatina dos convenios con entidades da sanidade privada e rematando coa precariedade que sofren as traballadoras e traballadores do Servicio Galego de Saúde (Sergas). “Precisamos uns orzamentos adaptados a esta nova realidade e una política fiscal que deixe de beneficiar ás grades fortunas do país”, subliñou o voceiro da coalición.

Sánchez tamén se referiu á política de Feijóo en materia de vivenda, en relación á carta enviada pola Xunta ao Goberno central reclamando que non se impidan os desafiuzamentos durante a crise para permitir que o mercado inmobiliario non se arrefríe.

“Non nos fai falta ningunha carta para saber que a súa preocupación nas políticas de vivenda son os que especulan con ela. Nos peores anos dende o estoupido da burbulla inmobiliaria vostedes abandonaron a miles de persoas que precisaban políticas públicas para ter un teito. Esa actitude corrobórase agora, tamén nesta crise”, dixo Antón Sánchez para definir a política de vivenda do PP en Galicia nos últimos anos.

Así mesmo, criticou “a demagoxia deste Goberno, que nin sequera exonerou do pago das vivendas de titularidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo ás persoas que perderon os seus ingresos”, e cuestionou “a insuficiencia de financiamento do Plan Estatal de Vivenda, cando no programa anterior a Xunta de Galicia practicamente non aportaba case nada ás liñas de axudas ao aluguer.”

Neste momento a Xunta de Galicia vai recibir 5,7 millóns de euros do Estado destinados a axudas para o aluguer. “Seguramente sexa unha cantidade insuficiente para as necesidades que temos neste momento de emerxencia social, pero é o triplo do orzamentado polo goberno de Núñez Feijóo para un plan vixente 2018-2021”, lembrou Sánchez.

Antón Sánchez: “Estamos satisfeitos por ter acadado un acordo unitario da esquerda de ruptura deste país”

Martiño Noriega irá de número 3 na lista da Coruña, Miguel Anxo Ferán Vello encabezará a candidatura de Lugo, e Iria Figueroa será a número 2 por Pontevedra.

Teo, 29 de febreiro de 2020.- Antón Sánchez compareceu hoxe despois da nosa Coordinadora Nacional para informar sobre os debates que mantivemos, centrados no acordo ao que chegou Anova e as principais mareas municipalistas do país con Galicia en Común.

Antón Sánchez valorouno como positivo para “rematar cos dez anos negros de Feijóo, para os que vai ser decisivo este acordo para a súa derrota”. Nese sentido afirmou que “Galicia precisa un cambio de rumbo inmediato e urxente, por iso imos tamén a poñer as mellores candidatas e candidatos”.

“Son garantía do que pretendemos, que non haxa só un cambio de cromos na Xunta de Galicia se non que tamén haxa un cambio de políticas”

Sobre a presenza de Martiño Noriega nas listas Antón Sánchez afirmou que é “unha peza moi importante que aporta moito valor á candidatura” e que a súa presenza “vai ser moi importante para a derrota de Núñez Feijóo porque representa esa parte soberanista e municipalista da coalición”. Tamén afirmou que Martiño Noriega “está disposto e asume este compromiso con toda a enerxía”.

De Miguel Anxo Fernán Vello, cabeza de lista por Lugo, destacou que é un “referente político pero tamén cultural e literario, cunha longa traxectoria e un compromiso moi forte con este país, unha persoa da máxima confianza dos homes e mulleres de Anova”. Destacou del a súa experiencia en dúas lexislaturas no Congreso dos Deputados, no que defendeu os intereses da provincia de Lugo e de Galicia.

Sobre Iria Figueroa trasladou que “é unha moza de 23 anos que sabe o que é a precariedade”. É xornalista e leva desempeñando diferentes traballos dende que rematou a carreira. Tivo un papel moi destacado no movemento estudantil e “traballou e traballa no movemento xuvenil soberanista de forma intensa”.

“Sempre dixemos que o traballo na institución non é o único”

Así deu resposta Antón Sánchez diante das preguntas dos medios de comunicación sobre cal ía ser o seu papel neste período que se abre. Afirmou que pensa centrarse no “traballo orgánico como Portavoz Nacional” e que na decisión de non ir nas listas “pesaron elementos colectivos e tamén elementos persoais.”

Remata así un período de oito anos no Parlamento de Galicia na que destacou polo seu traballo a carón da sociedade civil e cos colectivos sociais e a Galicia que se move. Nese sentido afirmou que “a vida son etapas e que hai que cambiar” e que “para nós o compromiso é para toda a vida”.

Anova asina o «Manifesto en apoio ao movemento ecoloxista da Limia»

Anova apoia o «Manifesto en apoio ao movemento ecoloxista da Limia». A continuación tendes o texto completo do documento e a lista de entidades políticas e cívicas que manifestamos o noso apoio ao activista Manuel García despois da demanda interposta por COREN.

O vindeiro día 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia o acto de conciliación previo á demanda civil  de COREN contra o compañeiro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García. A causa ten a súa orixe nunha suposta intromisión ilexítima no dereito ao honor de dita empresa, por facer “imputacións falsas” contra ela nun programa de “España Directo” emitido en setembro do pasado ano. A empresa estima os danos e prexuízos nun millón de euros.

 

O MEL leva anos denunciando os efectos da gandaría intensiva no val do Limia, a mala xestión dos residuos das granxas, o deterioro das augas pola acumulación de nitratos e a eutrofización das augas; e loitando pola protección da comarca, a produción agrícola ecolóxica e a gandaría extensiva.

 

Os colectivos que asinamos este manifesto queremos mostrar a nosa solidariedade co compañeiro do MEL, ao tempo que a nosa sorpresa porque se admita a trámite semellante despropósito. Parece obvio que, con este tipo de actuacións, o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas.

 

A gandaría industrial ten repercusións ambientais innegables, especialmente sobre a auga e sobre os solos. A cantidade de xurros e residuos xerada por este tipo de industria é un grave problema para as zonas máis afectadas.

 

Esta industria é responsable dunha parte importante das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Ademais, as grandes extensións de cultivos destinadas a producir os alimentos para os animais criados de xeito intensivo provocan a deforestación de enormes extensións no noso planeta.

 

En Galiza hai zonas, como a Limia, onde as consecuencias destas prácticas supoñen un problema cada vez maior. O val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros, residuos que en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo; e que son vertidos mesmo en espazos protexidos, nas inmediacións de cursos de auga, en balsas sen impermeabilizar, pasando así ao solo e contaminando este e os acuíferos. A gravidade da situación fixo xurdir novos colectivos que a denuncian, como a Plataforma Auga limpa xa.

 

É por este tipo de cousas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de tirar das orellas á Consellería de Medio Rural, indicándolles, mediante resolución, a necesidade de declarar como zona vulnerable a Limia. A resposta da Xunta de Galicia non foi, como sería de esperar, a adopción de medidas de protección para a zona, senón a presentación de alegacións a esa resolución. Deste xeito, a Xunta defende os intereses das grandes empresas do sector, aínda que sexa a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo.

 

Non é a primeira vez que en Galiza a industria gandeira intenta tapar a boca a quen denuncian as súas malas prácticas. Xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaran ao xulgado. Consideramos moi grave o axuizamento do noso compañeiro, un axuizamento que non é
outra cousa que utilizar a Manuel como cabeza de turco para tratar de intimidar a quen se atreva a falar. Non pode ser que cando denunciamos prácticas agresivas para o medio ambiente sexamos nós quen sente no banquillo. Non pode ser que se sinalamos desfeitas queiran cortar o dedo que sinala, en lugar de frear esas desfeitas.

 

Non imos deixar que nos poñan a mordaza. Seguiremos denunciando as malas prácticas da gandaría industrial, e loitando por unha produción de alimentos racional e sustentable.

#NonÁGandaríaIndustrial

#NonNosVanCalar

Asinan este manifesto: 1. A Ría Non Se Vende, rede de colectivos. 2. A Terra Non Se Vende.  3. ADEGA. 4. ADENCO. 5. Agora Galiza-Unidade Popular. 6. Amigos da Terra. 7. Amigos das Arbores de Ourense. 8. Anova. 9. Asociación Ambiental Petón do Lobo. 10.Asociación Ambiental Senda Nova. 11.Asociación Cova Crea. 12.Asociación de Víctimas de la Justicia. 13.Asociación Fontaíña. 14.Asociación O Bión. Xinzo de Limia. 15.Asociación Pola Defensa da Ría, Pontevedra. 16.Asociación Sachos á Rúa. 17.Centro para a Resiliencia Pousadoira. 18.Colectivo Ecoloxista Luita Verde. 19.Colectivo Matogueira. 20.Comité pola Memória Histórica do Val do Límia.
21.Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga. 22.ContraMINAcción. 23.Ecoloxistas en Acción Galicia. 24.Greenpeace Galicia. 25.Grupo Común da Esquerda. 26.Grupo Municipal EU Son do Porriño – Son en Común. 27.Mesa de Equo Galicia. 28.O Grelo Verde, colectivo pola agricultura ecolóxica. 29.O Ouriol do Anllóns. 30.Organización Cerna. 31.Plataforma Auga Limpa Xa! 32.Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. 33.Plataforma Monte Neme. 34.Plataforma pola Defensa do Rural. Ponteceso. 35.Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non. 36.Salva la Selva. 37.Salvemos Monteferro. 38.Sindicato Labrego Galego. 39.Sociedade Galega de Ornitoloxía. 40.SOS Groba. 41.Vaipolorío. 42.Verdegaia. 43.Véspera de Nada.

Antón Sánchez: “Temos que presentar unha alternativa que dea continuidade ao traballo iniciado en AGE”

Anova reuniu hoxe á súa Coordinadora Nacional en Teo para valorar os diferentes escenarios abertos para as eleccións deste 5 de abril.

Antón Sánchez afirmou que “non queremos que as mareas sexan convidados de pedra, queremos que sexan actores principais”

Teo, 15 de febreiro de 2020.- Hoxe Anova reuniu á súa Coordinadora Nacional nunha xuntanza que tiña como obxectivo analizar a situación de cara ás eleccións do 5 de abril. En declaracións aos medios de comunicación, o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez afirmou que “apostamos por unha Fronte Ampla e por unha candidatura disposta a disputar hexemonías a PP e PSOE”. Nese sentido fixo un chamamento a “insistir en fórmulas que deron resultados nos últimos anos, fórmulas que foron apoiadas pola cidadanía.”

Nese sentido Antón Sánchez informou sobre os contactos realizados, “o traballo do diálogo coas organizacións coas que durante anos mantivemos alianzas en varios comicios”, que non se circunscribiu só ás organizacións políticas, se non que tamén tivo presente ao municipalismo galego e aos colectivos cidadáns organizados fóra de estruturas partidarias.

Sumar actores para ter a potencia transformadora suficiente

Antón Sánchez afirmou que as mareas “teñen que ser un actor”, dende o respecto absoluto “aos seus debates e tomar as súas decisións”. Pola súa pluralidade e a suma de actores diversos, tanto dos movementos como dos partidos, “nas mareas é onde se deu con máis éxito a Unidade Popular” polo que “son referentes para nós”.

Antón Sánchez afirmou que era necesario “tratar de sumar dialogando con Podemos e con Esquerda Unida”, aínda que neste intre detectamos que Unidos Podemos aposta nesta altura por “presentar o seu proxecto político, algo lexítimo nunha organización política cos que temos compartido moito”

Anova agarda que Podemos e Esquerda Unida non abandonen o proceso de Unidade Popular encetado dende 2012

Non pechou a posibilidade de abrir a opción, xa que “queremos que estean neste camiño” Nese sentido Antón Sánchez afirmou que “estamos traballando par de mareas, colectivos e organizacións que traballaron na Unidade Popular teñan unha expresión electoral o vindeiro 5 de abril. Faremos todos os esforzos posibles porque se sumen a esa alternativa outras forzas políticas, Podemos e Esquerda Unida, porque cremos que sería positivo.”

Cando os medios volveron insistir sobre esta cuestión, Antón Sánchez insistiu en que nestes momentos “a proposta que se pon enriba da mesa por parte de Unidos Podemos é que nos sumemos a Unidos Podemos”. Nese sentido afirmou que nós apostamos por “darlle continuidade ao camiño de Unidade Popular que se baseou nun encontro entre iguais, no respecto da diversidade e na suma, esa é a diferencia política”. Nese sentido afirmou que “agardemos que os compañeiros desas organizacións – en referencia a Podemos e Esquerda Unida – reconduzan esa situación cara a Unidade Popular”.

Anova contribuirá a abrir unha nova etapa en Galicia

Anova será leal ao legado destes anos, onde traballou dende a xenerosidade, para construír unha alternativa de ruptura coas políticas lesivas do Partido Popular.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2019.- Dentro de 55 días os galegos e galegas remataremos nas urnas coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo. Debemos poñer políticas que garantan unha Galicia social, que remate cos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais.

Dende Anova consideramos que é fundamental rematar con dez anos de goberno que non fixeron outra cousa que deteriorar o benestar de galegos e galegas. O goberno de Núñez Feijóo non deixa de ser unha coalición do Partido Popular con determinados intereses empresariais, cuxo programa confronta cos intereses da xente do común e coa defensa da soberanía de Galicia.

Dende Anova traballaremos con xenerosidade e altura de miras para sumar como levamos facendo dende 2012 e poder rematar canto antes coas políticas anti-sociais do Partido Popular. Estaremos presentes o 5 de abril co obxectivo de abrir a nova etapa que Galicia merece.

Precisamos acadar unha nova maioría parlamentaria que a partir de abril poña os intereses da xente do común por riba dos das grandes corporacións. Dende unha aposta ambiciosa que reverta os recortes na sanidade e no noso sistema de benestar, cunha aposta decidida pola nosa lingua e a nosa cultura, que reforce o autogoberno e camiñe a prol da soberanía de Galicia.