Antón Sánchez: “Os recortes matan e coa saúde das persoas non se xoga”

Anova denuncia os recortes de Núñez Feijóo e chama a tomar as rúas de Santiago este domingo para defender a nosa sanidade pública.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2019.- O noso Portavoz Nacional Antón Sánchez afirmou que “os dez anos de goberno do Partido Popular foron dez anos de ataque á sanidade pública e foron dez anos de recortes progresivos”. Por iso Anova chama a participar na manifestación que a plataforma SOS Sanidade Pública convoca este domingo 9 de febreiro e que vai saír dende a Alameda de Compostela ás 12.00 horas.

O que aconteceu en Verín é só un exemplo máis de como se está a planificar o desmantelamento da nosa sanidade, fomentando a precariedade do servizo mediante as listas de espera e das condicións laborais dos propios profesionais. Nese sentido compre lembrar que non estamos só diante da defensa dunhas condicións laborais dignas, estamos diante do deterioro dun servizo público que pretende beneficiar determinados intereses co obxectivo de fomentar a sanidade privada.

Como afirmou Antón Sánchez, “non queremos que lle dean máis negocio á sanidade privada a costa da nosa saúde”, por iso queremos facer un chamamento ao conxunto da nosa sociedade para que o vindeiro domingo se manifeste na defensa dun dereito que dificilmente pode ser ao mesmo tempo un negocio. Para defender a nosa sanidade pública, os dereitos sociais e as nosas propias vidas, debemos estar ao carón dos traballadores e traballadoras da nosa sanidade pública. 

Anova vaise mover por toda Galicia para derrotar a Núñez Feijóo

Anova vaise mover por toda Galicia para derrotar a Núñez Feijóo

“É unha cuestión de supervivencia para o país rematar con dez anos de políticas do Partido Popular”, afirmou hoxe o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez.

Compareceu ante os medios xunto con Martiño Noriega e Gladys Afonso.

Teo, 1 de febreiro de 2019.- Hoxe en Teo tivo lugar unha nova reunión ordinaria da Coordinadora Nacional de Anova, na que se analizaron diferentes escenarios políticos e se trataron tamén cuestións de desenvolvemento territorial e organizativo.

Gladys Afonso afirmou que iniciabamos “o camiño de reconstrución do suxeito político galego” e nese sentido debateuse un plan de traballo para comezar a ter encontros por toda Galicia para construír unha alternativa que derrote ao Partido Popular nas vindeiras eleccións galegas.

Martiño Noriega: “A vontade do espazo político de Anova é a de estar no proceso electoral”

Martiño Noriega, responsable de relacións políticas, afirmou que hoxe “dimos conta dunha serie de contactos informais” con “todo o espectro que podemos entender á esquerda do PSOE” e que “podería estar en disposición de liderar un proceso de cambio no país”.

Martiño Noriega anunciou que “no vieiro que queremos encetar a partir de hoxe” queremos iniciar contactos “con todas as organizacións políticas con transcendencia no espazo galego”, tamén “co espazo cidadán que pode representar o municipalismo” que “seguen a ter un apoio importante e son un motor fundamental na construción dunha alternativa a Feijóo de cara a mobilizar os espazos que non sempre están tan adheridos á dinámicas partidarias”.

Dentro dese proceso de conversas e de suma Martiño Noriega fixo referencia ás “plataformas cidadáns que están a resistir as políticas de Núñez Feijóo”, en referencia a todos os conflito sociais e ambientais que están a ter lugar neste intre en Galicia.

Antón Sánchez: “O PP xa non é quen de ofrecer nada a este país: está a ser derrotado pola xente, polos movementos sociais”

Na súa intervención o noso Portavoz Nacional afirmou que existe unha sociedade artellada que estase a organizar “contra as políticas de destrución do Partido Popular” que se manifestan tanto a nivel ambiental como no desmantelamento dos servizos sociais.

Nese sentido Antón Sánchez fixo un chamado a participar na manifestación en defensa da sanidade pública que terá lugar o vindeiro domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela fronte a un Núñez Feijóo “que ten que recorrer á censura e á manipulación informativa para taparlle a boca aos traballadores e traballadoras que están reclamando unha sanidade digna” mentres que Núñez Feijóo “pretende amordazalos” para defender a sanidade privada.

Antón Sánchez reiterou a idea de que “estamos aquí para derrotar as políticas que leva feito o Partido Popular en Galicia e temos que apostar por fórmulas que poidan liderar un cambio real” e que nese sentido Anova “non se conforma con menos porque a xente ten demostrado en todas as loitas, sexa en Verín, sexa en Touro, sexa na sanidade pública, que son capaces de traballar con unidade entorno a obxectivos comúns.”

Anova valora a alianza plural e democrática fronte a dereita e a ultradereita

Denunciamos como a dereita e a ultradereita instala o discurso do odio e pretende restar validez democrática a esta elección despois de perder nas urnas.

Para defender os intereses das maiorías sociais en Galicia é necesario construír unha ampla alianza da esquerda da nación que dispute o Goberno Galego ao Partido Popular e deteña o rearme da ultradereita.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2019.- Anova Irmandade Nacionalista confía na unidade das forzas democráticas e progresistas diante da implantación do discurso do odio da ultradereita. Este goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos supón un cordón sanitario contra o Bloque de Colón, contra os discursos do odio contra as mulleres, as nacións e os inmigrantes pobres que procuran oportunidades no Estado español.

No ano 2020 Galicia ten a oportunidade de abrir un tempo novo. Por iso debemos ser esixentes no cumprimento e desenvolvemento da axenda galega, para demostrar que Mariano Rajoy e Núñez Feijóo non quixeron desenvolver o autogoberno nin transferir competencias a Galicia durante os sete anos nos que presidiron ao tempo os gobernos do Estado e de Galicia. Debemos deixar atrás os lexítimos intereses partidarios para establecer unha gran alianza da esquerda da nación para rematar coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo: para que a Xunta de Galicia deixe de privatizar servizos públicos e de estar ao servizo de multinacionais que deterioran o noso medio ambiente e que destrúen alternativas de emprego no noso país. Precisamos Unidade Popular e ruptura en Galicia para termos unha alternativa ao Partido Popular e ao rearme da ultradereita.

Tamén valoramos positivamente as medidas que van na liña de reverter a axenda neoliberal dos últimos anos: referímonos ás que teñen que ver cunha política fiscal redistributiva que suba o imposto sobre sociedades e ás rendas máis altas e á derrogación da última reforma laboral.

Veñen tempos difíciles, nos que dereitos e liberdades proclamadas no actual marco xurídico-político están a ser cuestionadas por sectores cada vez máis importantes do Estado e dos principais intereses económicos e mediáticos. Fronte a esta ameaza é fundamental defender os dereitos sociais do conxunto da cidadanía e avanzar na necesaria democratización do Estado español, que debe substanciarse no diálogo político, no respecto á vontade popular e no recoñecemento dos diversos pobos do Estado como suxeitos políticos de pleno dereito.

Pese a todas as dificultades que supón o auxe da ultradereita e a súa axenda do odio, reiteramos hoxe tamén a nosa posición en relación a abrir un horizonte de ruptura democrática co Réxime do 78, a súa monarquía, e un aparato de Estado contaminado aínda de franquismo. Nese sentido a nosa aposta pasa por abrir un proceso de procesos constituíntes para que as Repúblicas abran camiño á democracia e á xustiza social.

 

A Coordinadora Nacional de Anova elixe por unanimidade unha nova Comisión Permanente

Antón Sánchez volve ser elixido Portavoz Nacional, e conta cunha nova equipa de traballo renovada para asumir os próximos retos da organización. Compareceu hoxe xunto con Martiño Noriega e Oriana Méndez.

AUDIO COMPLETO DA COMPARECENCIA

Teo, 21 de decembro de 2019.- Sobre a elección da Comisión Permanente, Oriana Méndez – que asumirá a responsabilidade de coordinación xunto con Raúl Asegurado –  recalcou que era unha “dirección executiva ampla, plural, que reforza a organización e nos prepara para os retos do futuro”. Recalcou a “presenza de mulleres referenciais” e de “referentes moi importantes” de Anova nos espazos locais de Unidade Popular con responsabilidades moi importantes.

Pola súa banda, Martiño Noriega – que asume a responsabilidade de relacións políticas – recalcou que a actual Comisión Permanente “vai traballar nunha liña determinada entendendo a necesidade cambio político no conxunto do país” e que para esa tarefa “a aportación de Anova é fundamental”.

Martiño Noriega apostou pola “construción de hexemonías, a construción de Unidade Popular e a interlocución que se poida dar no espazo da Unidade Popular e no espazo á esquerda do Partido Socialista” para “poder disputarlle o Goberno Galego ao Partido Popular”.

Por último, o reelixido Portavoz Nacional Antón Sánchez fixo referencia aos “colectivos locais e municipalistas” que nestes momentos “carecen dunha referencia a nivel nacional”. Nese sentido Antón Sánchez aposta por “traballar con eles para artellar esa alternativa republicana e galega”.

Antón Sánchez afirmou que a unidade é necesaria para “rematar cun goberno altamente nocivo para o pais e para a xente, letal  con políticas que están a facer un dano enorme ao pais”. Afirmou que o goberno de Alberto Núñez Feijóo “é incapaz de dar solucións para os sectores produtivos deste país, cunha crise industrial consecuencia da ausencia de políticas económicas propias”. Sen ese cambio de goberno estaremos “máis indefensos e con menos ferramentas para traballar para o futuro”, afirmou o Portavoz Nacional.

Esta é a composición da nova Comisión Permanente:

Portavoz Nacional – Antón Sánchez

Coordinación– Raúl Asegurado e Oriana Méndez

Relacións políticas – Martiño Noriega

Relacións internacionais – Xosé Manuel Beiras

Organización – Rafa do Pico

Finanzas – Gladys Afonso

Feminismo – Iria Otero

Movementos sociais – Xiana López e Cristina Amor

Formación – Branca Novoneyra

Relato – Antón Dobao

Comunicación interna – Carlos Nogueira

Cultura e Obradoiro de Ideas – Miguel Anxo Fernán-Vello e Sara Ribeiro

Mocidade – Sofia Mediero

 

A militancia de Anova avala amplamente a candidatura República Galega, encabezada por Antón Sánchez

Anova fixo hoxe un chamamento a sumar para disputar a hexemonía a dereita. Antón Sánchez afirmou que é “necesario rematar coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo”

Nos próximos días informaremos sobre cando terá lugar a sesión constituínte da nova Coordinadora Nacional.

Teo, 14 de decembro de 2019.- Hoxe celebrouse en Teo a IV Asemblea Nacional de Anova Irmandade Nacionalista, na que por unha ampla maioría foron renovados a Coordinadora Nacional e a Comisión de Garantías. A candidatura obtivo o voto afirmativo do 85,71% da militancia que participou durante a xornada.

Na xornada tamén foron aprobados diferentes documentos como unhas novas Tese Organizativa e Tese Política, que se farán públicos na maior brevidade.

Abriu o acto de Clausura a nosa compañeira Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. Comezou agradecendo a asistencia das delegacións convidadas do municipalismo galego e de organizacións da esquerda galega asistentes ao acto de clausura.

Na súa intervención, Antón Sánchez resaltou a necesidade de relanzar Anova e o espazo de ruptura disputar hexemonías en Galicia e derrotar á dereita, facendo referencia á alianza da dereita coa ultradereita e procurando rematar en Galicia “coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo”.

Será na sesión constituínte da nova Coordinadora Nacional elexida hoxe onde se escollerá unha nova Comisión Permanente, e dentro dela as diferentes responsabilidades, tamén a de Portavoz Nacional.

República Galega, única candidatura presentada para renovar os organismos de Anova na nosa IV Asemblea Nacional

A candidatura República Galega, encabezada polo actual Portavoz Nacional Antón Sánchez, representa a pluralidade da organización para relanzar o proxecto de Anova e do espazo de ruptura. 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019.- A candidatura conta con 50 mulleres e homes que se presentan para renovar a Coordinadora Nacional e levar a cabo a tarefa de impulso dun espazo capaz de disputar a hexemonía á dereita. 

Rematado o prazo de presentación e de subsanación de erros, podemos informar de quen son as persoas que se presentan para asumir as tarefas de dirección da organización para un período ordinario en principio de dous anos segundo os nosos estatutos.

Lembramos tamén que a renovación da Comisión Permanente e dentro dela tamén da Portavocía Nacional non terá lugar até a reunión constituínte da nova Coordinadora Nacional, polo que non poderemos trasladar novidades nese sentido este fin de semana.

CANDIDATURA REPÚBLICA GALEGA

  1. Antón Sánchez García
  2. Gladys Virxinia Afonso Lobato
  3. Martiño Noriega Sánchez
  4. Cristina Amor Faya
  5. Xosé Manuel Beiras Torrado
  6. María do Pilar Barros Barco
  7. Pepe Arias Taboada
  8. María Bentrón Carbia
  9. Raúl Asegurado Pérez
  10. Antía Comesaña González
  11. Rafael Dopico Carballeira
  12. Nuria González Palau
  13. Miguel Anxo Fernán-Vello
  14. Sofía Mediero Vázquez
  15. Carlos Puga García
  16. Xiana López Penedo
  17. Brais Fidalgo Martínez
  18. Oriana Méndez Fuentes
  19. Antón López Dobao
  20. Iria Otero Romero
  21. Álvaro Montes Celerio
  22. Branca Novo Rei
  23. Alberto Lema Suárez
  24. Paula Rodríguez Domínguez
  25. Aaron Franco Outón
  26. Carmen Peña Hernández
  27. Andrés García Bastón
  28. Marta Lopez López
  29. Antonio Negreira Noya
  30. Aurora Rivas Hermida
  31. Pancho Niño Ricoi
  32. Mª Gema Rivera González
  33. Iván Rodríguez Iglesias
  34. Lucía Suárez Otero
  35. Xosé Manuel Ribeira García
  36. Inmaculada Alonso Rodríguez
  37. Rafa Sisto Edreira
  38. María Xosé Fernández Pardo
  39. Bernardo García Novoa
  40. Celsa Oreiro Bermúdez
  41. Carlos Manuel Rodríguez Botana
  42. Sara Barreiro Ribeiro
  43. Xosé Gómez Bragaña
  44. Iolanda Rei Rodríguez
  45. Daniel Calvete Suárez
  46. Ana Fidalgo Clase
  47. Carlos Nogueira Souto
  48. Teresa Munin Sánchez
  49. Manuel López Besteiro
  50. Moraima Pérez Míguez

CANDIDATURA «REPÚBLICA GALEGA» Á COMISIÓN DE GARANTÍAS :

  1. Ramón Anxo Lareu Riveiro
  2. María Josefa Rivera González
  3. Antón Pérez Rodríguez
  4. Ana Ardid De Cabo
  5. Ignacio Javier (Iñaki) García Gómez

Este 6-D non temos nada que celebrar

Anova, desde a súa fundación no 2012, leva facendo unha diagnose clara sobre os síntomas de esgotamento do Réxime saído da chamada “transición española”. O documento lexislativo sobre o que se alicerza este réxime é produto da etapa reformista que se abriu logo da morte do ditador Franco e a chamada “apertura democrática”. Ese texto xurídico, concibido e redactado por uns poucos homes daquel contexto histórico continuísta co aparello represor do franquismo, aspiraba a favorecer unha democratización das institucións e da economía, garantindo liberdades e dereitos, ademais de deseñar unha estrutura xudicial e administrativa que achegara ao Estado español aos estándares democráticos do espazo europeo. 

Abordaba o problema do encaixe das nacións e a descentralización política e administrativa a través dunha solución intermedia entre o histórico centralismo e as pulsións centrífugas da tradición federal, chegando á síntese do “Estado de las Autonomías” deseñado nun actual e fácticamente moribundo Título VIII. Definía o papel dunha Coroa imposta polo réxime anterior, e as relacións de privilexio coa Igrexa Católica, ademais de reservarlle ao Exército un papel predominante nas decisións últimas que afectan á soberanía. 

A Constitución de 1978 contempla procedementos de reforma moi ríxidos, que a fan un documento moi difícil de adaptar aos tempos cambiantes desde a perspectiva técnico-xurídica e política. As excepcións a esta regra foron reformas-express impostas polo bipartidismo que se levaron a cabo urxentemente e sen debate público previo, co fin de atender intereses das clases dominantes ou de poderes alleos. A Constitución foi empregada nos últimos tempos coma unha arma arreboladiza e de parte, converténdoa nun texto sacralizado e dividindo á cidadanía entre “constitucionalistas” (a dereita e o PSOE cando convén) e “non constitucionalistas” (todos os demais). As dereitas patrimonializan un texto que, ontoloxicamente, debe representar ao conxunto e a grandes maiorías.

Desde a crise-estafa do 2008 e a apertura da crise cultural e de réxime que se manifestou a partir do 2011 foi máis patente a sintomatoloxía do esgotamento e os límites da “narrativa (forzosamente) consensual” provinte da “Transición”. A entrada na institucionalidade-UE e as obrigas contraidas con ese espazo decisorio cada vez máis estreito no democrático e lonxano do común cidadán, e que apostou na última década polo disciplinante neoliberal, provocou que boa parte do articulado referente aos apartados económicos e sociais ficasen en papel mollado. Todo aquelo referido á vivenda, á subordinación da economía ao interese xeral e a democratización contrasta coa dura e desigual realidade no día a día dunha ampla maioría de cidadáns.

No que se refire á independencia xudicial efectiva puidemos comprobar como non se efectivizou ao longo de todos estes anos, chegando ao seu clímax en casos coma o que afecta hoxe aos presos políticos cataláns ou todo o referente á macro-corrupción. Con advertencias de institucións e organismos internacionais que presionan ao Estado español a resolver esta grave cuestión.

O papel de árbitro e moderador desa institución arcaica e antidemocrática como é a Monarquía, quedou tamén en evidencia nos últimos tempos, comprobando como o monarca intervén descaradamente nos asuntos públicos e toma partido.

No referente ao encaixe xurídico-político das nacións e a súa relación co poder central, só hai que atender á realidade dos últimos anos para darnos conta do grave retroceso e da incapacidade do Estado para dar solucións democráticas ao conflito político por vías dialogadas e racionais.

Por todo isto e máis, é evidente que a CE1978 e o seu Réxime entrou nunha fase de crise terminal que poderá dilatarse máis ou menos no tempo pero que fai urxente abordar política e socialmente. Dicía o compañeiro Xosé Manuel Beiras nunha Declaración da Portavocía Nacional, altura de agosto de 2015 que: O noso reto consiste, portanto, en darmos remate ao apodrecido réxime actual, mediante o protagonismo da cidadanía activa nun proceso sociopolítico de creba ou ruptura democrática que abra paso a un proceso constituínte ex novo en dous níveis combinados, tanto o de cada un dos povos que compoñen a realidade plurinacional do ámbito do Estado, para exerceren o seu dereito de autodeterminación mediante a libre decisión, canto o do conxunto do Estado e das súas institucións xurídico-políticas”. Seguimos e seguiremos pulando por abrir esas fechaduras e eses horizontes democráticos a favor das clases populares.

Anova apoia a folga na Atención Primaria

Apoiamos a folga que terá lugar os días 27 e 28 de novembro contra as medidas implementadas polo Sergas que limitan o tempo das consultas da atención primaria.

Máis alá dunha cuestión simplemente laboral, o motivo desta folga é a defensa dunha sanidade de calidade para o conxunto da cidadanía galega.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2019.- Dende Anova apoiamos a convocatoria de folga da Asemblea de Áreas Sanitarias para os días 27 e 28 de novembro en protesta polas medidas que o Sergas implementou nas súas consultas e que, segundo din, non se perciben en ningún caso.

As políticas do goberno de Feijóo en materia de Sanidade levan son un desastre e un despropósito pola imposición da ortodoxia neoliberal desde a súa chegada á Xunta de Galicia. A precariedade, a falta de medios, as privatizacións e a sobrecarga de traballo para as e os sanitarios redundaron nunha baixada da calidade no servizo para a cidadanía galega.

Os profesionais da Atención Primarias denuncian falta de persoal, medios e tempo para poder exercer dignamente o seu traballo, imprescindible, que afecta aos dereitos máis básicos e fundamentais.

Baixo o lema “Por unha atención primaria digna” tamén se celebrarán o día 28 concentracións en Santiago de Compostela e Ferrol ás 12:00h nos centros de atención primaria, así como tamén o 27 noutras localidades do país, co apoio de pacientes e a cidadanía activa.

A actitude de falta de diálogo do Sergas é intolerable e continúa a liña mantida polo Goberno de Feijóo ao longo destes anos no referente á sanidade pública, principal campo de batalla das súas políticas privatizadoras e que precarizan o traballo dos profesionais da Sanidade.

Dende Anova animamos á cidadanía a solidarizarse coas reclamacións xustas dos profesionais da saúde, pois vainos a vida niso.

 

«Avanzando cara ao republicanismo galego», lema da IV Asemblea Nacional de Anova

Os debates estarán centrados na reformulación do proxecto baixo principios republicanos reconstruíndo o espazo con aqueles que aposten pola ruptura e a unidade popular.

A organización que lidera Antón Sánchez celebrará a súa IV Asemblea Nacional o 14 de decembro na comarca de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019.- A IV Asemblea Nacional de Anova xa ten data: será o sábado 14 de decembro na comarca de Santiago de Compostela. Onte as mulleres e homes da organización recibiron a convocatoria e a documentación que irá a debate, e que previamente será sometida á consideración da militancia en diferentes asembleas territoriais que terán lugar por toda Galicia.

A tese política proposta fai referencia á necesidade da recomposición do espazo de ruptura en Galicia, entendendo que nestes momentos existen moitas mulleres e homes orfos despois de teren participado ou apoiado este proceso. A función de Anova neste período debera ser reorganizar o espazo xunto con axentes que aposten por este mesmo obxectivo para recuperar a iniciativa e a ilusión na sociedade galega.

No electoral apélase ao entendemento amplo á esquerda do PSOE para artellar alternativas que freen o avance da ultradereita nas súas diferentes formas. Nos relatorios tamén se recollen referencias ao que denominamos saída autoritaria da crise do Réxime do 78, e que nestes momentos atopa no Bloque de Colón a súa versión máis radicalizada, na que a ultradereita cogoberna co Partido Popular nalgunhas comunidades e concellos do Estado español. O desafío democrático aberto polo movemento independentista e republicano catalán ten como respostas a xudicialización e a represión, deixando fóra calquera saída democrática que pase pola aplicación do dereito de autodeterminación e o respecto á vontade popular que nós defendemos.

Nesta IV Asemblea Nacional serán renovados tamén os organismos de dirección, que serán os encargados de levar á práctica a liña política aprobada e asumir as tarefas da organización en principio por un período de dous anos. Serán renovados polo tanto a Coordinadora Nacional, que nomeará posteriormente unha nova Comisión Permanente, e tamén a Comisión de Garantías.

Condenamos o golpe de Estado en Bolivia

Anova condena o golpe de Estado contra o goberno lexítimo de Evo Morales, condena a violencia provocada pola oligarquía local e o imperialismo e solidarízase co pobo boliviano na defensa da democracia e da xustiza social para as maiorías.

Esta é unha agresión criminal máis contra os pobos, as democracias e os dereitos humanos nesta conxuntura histórica de avance da ultradereita, tamén no Estado español.

 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2019.- Dende Anova queremos condenar a violencia que nestes momentos sectores extremistas da oligarquía apoiados polo imperialismo están a incitar nas rúas de Bolivia, co obxectivo de non recoñecer uns resultados electorais que revalidaban ao MAS e daban continuidade ao goberno de Evo Morales. Máis de 90 Estados de todo o mundo xa os recoñeceran.

 

Desde a chegada de Donald Trump ao poder en Washington a intervención do Imperio en América Latina estáse intensificando ata límites insospeitados, desestabilizando xa a todos os países con gobernos progresistas e provocando momentos de máxima tensión que ameazan a paz no continente. Continúa a senda experimentada contra Dilma Rousseff no Brasil, Fernando Lugo en Paraguai ou Zelaya en Honduras, ademais do ataque permanente contra Venezuela ou o bloqueo histórico a Cuba.

 

Estes 13 últimos anos de goberno do líder indíxena Evo Morales supuxeron avances sociais e económicos incuestionables recoñecidos a nivel mundial. Practicamente todos os indicadores melloraron substancialmente, e o goberno de Morales e Garcia Linera foi recoñecido polas institucións e organismos internacionais e mesmo boa parte da prensa occidental coma unha historia de éxito.

 

O Estado Plurinacional de Bolivia logrou sacar da pobreza e da extrema pobreza a millóns de bolivianos e bolivianas, dignificando e outorgando dereitos a indíxenas e mulleres, ás clases populares máis desfavorecidas, historicamente sometidas á falta de liberdades básicas e ao racismo institucional e a desigualdade. A nivel educativo, de infraestruturas ou de saúde pública Bolivia situouse coma unha referencia de progreso na Patria Grande, partindo dunha situación de atraso e subdesenvolvemento anterior innegable e cun pasado de ditadura e opresión.

 

A redución da débeda externa e o camiño da recuperación da soberanía e a non-dependencia, a través do control dos seus recursos estratéxicos, configuraron avances que as corruptas oligarquías locais e os centros de poder do capitalismo internacional non perdoaron nunca ao MAS e ao seu líder Evo Morales.