Participaremos na manifestación a favor do dereito a decidir en Madrid

Unha delegación de Anova asistirá este sábado 16 de marzo a Madrid para participar na manifestación convocada pola Asemblea Nacional Catalá (ANC) e Ómnium Cultural baixo o lema “A autodeterminación non é delito”

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019.- Unha delegación na que participarán as membros da Permanente Gladys Afonso e Iria Otero asistirá o vindeiro sábado 14 de marzo a unha manifestación a prol do dereito a decidir dos pobos. Pretende ser unha convocatoria masiva, que demostre a capacidade de mobilización democrática diante da deriva represiva e reaccionaria que padecemos neste momento no Estado español.

A manifestación convocada pola ANC e Ómnium Cultural pretende evidenciar en Madrid a defensa da democracia e do dereito a decidir dos pobos, contra a involución democrática e a favor da ampliación dos dereitos e as liberdades. Unha afirmación democrática contra a cerrazón centralista e o auxe das novas formas de fascismo, que atoparon un caldo de cultivo idóneo en moitas das manifestacións públicas do bloque do 155.

Nestes momentos no Tribunal Supremo están a ser xulgados dirixentes de plataformas cívicas e de organizacións políticas que levan máis dun ano en prisión preventiva e que enfrontan altas penas referidas á organización do referendo autodeterminista do 1 de outubro de 2017. Un proceso marcado pola parcialidade e a falta das mínimas garantías de defensa, como evidenciaron xa os interrogatorios dos procesados e das testemuñas, elementos que se suman ao feito de que diferentes tribunais europeos negáronse a extraditar e a abrir investigacións a persoas que nestes momentos están exiliadas e son acusadas polos mesmos presuntos delitos.

O comunicado dunha suposta asemblea local de Anova Ourense carece de lexitimidade

Fíxose ao marxe das normas da organización e marxinando a militantes que non foron convocados na localidade.

Non todas as persoas afiliadas a Anova en Ourense son convocadas ás reunións, tal e como veñen de poñernos en aviso un grupo de militantes da cidade, polo que dificilmente podemos aceptar que a opinión trasladada onte aos medios de comunicación é a do conxunto maioritario da nosa militancia nesa localidade.

En Anova, como en calquera organización política democrática, as decisións adóptanse democraticamente a través dos organismos dispostos estatutariamente. Este non é o caso da autodenominada Anova-Ourense.

Dende a celebración da nosa III Asemblea Nacional en marzo de 2017, non tivo lugar a necesaria renovación de organismos nesta localidade, e as persoas que ostentaban a responsabilidade da organización antes deste período asembleario mantiveron o control dos recursos da organización en Ourense.

Decisións como as de rachar Ourense en Común pactando con outros sectores unha nova plataforma electoral ou as de presentarse nas primarias de En Marea son contrarias ás decisións estratéxicas de Anova e tampouco tiveron o aval da Asemblea local de Ourense. As decisión adoptadas polas persoas que se apropian do nome de Anova en Ourense só teñen un obxectivo: rachar o proxecto mestizo, plural e diverso da Unidade Popular.

Anova-IN é un proxecto nacional con asembleas territoriais que teñen autonomía no seu traballo político, mais nunca foi pensada coma un reino de taifas de intereses localistas. Anova-IN é un proxecto nacional galego que desde a súa fundación en 2012 apostou pola unidade da esquerda, unidade decidida democraticamente polo conxunto da súa militancia en Asembleas Nacionais, asembleas territoriais, Conferencias e na Coordinadora Nacional, máximo órgano entre asembleas.

Chamamos á mobilización e á folga feminista neste 8-M

«Xa non estou aceptando as cousas que non podo cambiar, estou cambiando as cousas que non podo aceptar», con esta claridade se manifestaba Angela Davis nunha entrevista dos anos setenta e con esta mesma rotundidade saímos á rúa milleiros de mulleres no noso país o pasado 8 de Marzo. As rúas enchéronse e os berros foron unánimes: Estamos fartas! Fartas de que nos maten, de que nos agredan, de que nos discriminen, de que nos ignoren, de que nos empreguen como moeda de cambio, de que nos convertan en cousas coas que comerciar. Fartas!! Tivemos claro que os tempos mudaran e de que, por fin, estabamos a ser protagonistas dun cambio que levabamos tempo construíndo millóns de mulleres, pedra a pedra, ao longo de décadas.

Neste último ano, o termo «sororidade» converteuse en palabra de orde e as loitas dunhas convertéronse nas loitas de todas. Puxemos os panos verdes, porque o aborto será legal en Arxentina e en todos os países nos que aínda non o é; dixémoslle ao poder xudicial que non é non e que, se non hai si, tamén é non; saímos á rúa por cada muller asasinada, porque nos queremos libres e vivas; acompañámonos nas folgas e nos despidos, porque somos mulleres pero tamén traballadoras e precarias; plantámonos diante dos ventres de alugueiro, porque constitúen unha das formas de explotación máis extremas; esiximos, tamén, recursos e non só discursos e, aínda que claramente insuficientes, tiveron que poñelos.

Todo isto empoderounos, pero tamén espertou ao monstro durmido, que non morto, e fixo que sacase a carauta para deixarse ver como sempre foi, sen a maquillaxe dun discurso politicamente correcto, sen as correccións que se viron obrigados a manter. Cuestionamos a esencia do patriarcado e do sistema capitalista: a dominación duns poucos sobre as moitas e os xinetes da apocalipse veñen para rescatalos. E iso amósanos que este é o camiño, que estamos batendo nos fundamentos dun sistema ferido de morte que acabará caendo.

É por iso que, neste novo 8 de Marzo, dende Anova – Irmandade Nacionalista, chamamos a todas as mulleres de Galiza a participar na Folga de Mulleres; unha folga laboral, de coidados, estudantil e de consumo. Así como tamén en todas as actividades que, por todo o país, artella o movemento feminista. Precisamos outra gran marcha de mulleres, mulleres comprometidas, en palabras, novamente, de Ángela Davis: «unha marcha de mulleres que representa a promesa do feminismo na súa oposición aos poderes perniciosos da violencia do Estado. É un feminismo inclusivo e intersectorial que nos pide que nos unamos para resistir ao racismo, á islamofobia, ao antisemitismo, á misoxinia e á explotación capitalista».

Sigamos pois, por todos os dereitos e por todas as mulleres: revolta feminista!!

Anova decide facer un chamamento á Fronte Ampla contra o auxe da ultradereita

Nos vindeiros días reuniremos ás nosas asembleas territoriais para socializar este debate.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2019.- Nestes momentos a normalización da crise do Réxime do 78 pasa pola conformación dun bloque reaccionario no que, como xa aconteceu en Andalucía, Partido Popular e Ciudadanos non dubidarán en sumar os seus escanos cos da ultradereita. Estase a ensaiar unha saída autoritaria á crise política do Réxime do 78.

Esta ameaza pretende recortar liberdades e dereitos sociais e nacionais gañados en décadas de loita e impoñer un 155 permanente que consistirá nun proceso recentralizador do Estado español que reducirá o xa limitado autogoberno, e no que se abre un horizonte escuro no que a tríade reaccionara non descarta mesmo a ilegalización de partidos políticos. Esta situación debe facernos colocar a axenda social na centralidade do debate político e denunciar que a democracia está en perigo.

Por iso estas eleccións xerais van ser decisivas. Fronte á alianza reaccionaria debemos reactivar a potencia social e electoral do espazo político que emanou do campo sementado do 15-M e que tivo en Galicia con AGE a súa primeira tradución política. A opción é cambio político rupturista ou deriva reaccionaria, é dicir, ampliar ou recortar dereitos sociais e liberdades democráticas. Este é o debates que debemos situar antes da cita electoral do 28-A.

Anova decide manter a aposta estratéxica que defende dende a súa fundación. Nacemos en 2012 como unha constelación de asembleas territoriais e como un espazo de encontro de culturas políticas diferentes, que nun momento histórico caracterizado pola dureza da crise económica decidimos construír consensos e liñas de actuación comúns para blindar os dereitos e o benestar das maiorías. Esa aposta estratéxica tivo diferentes concrecións tácticas en función de diferentes momentos do proceso, buscando fórmulas flexibles que en ningún caso supuxeron mudar de rumbo.

Por iso neste intre Anova segue a apostar pola unidade entre diferentes, sempre que compartamos un mínimo común denominador, a nosa aposta pola ruptura democrática no Estado español, a defensa das clases subalternas, o recoñecemento de Galicia como nación con dereito a decidir. Nun contexto político e histórico no que vemos como Atila cabalga de novo debemos sumar, sen sectarismos, con contundencia e sen concesións ao conformismo e á renuncia.

Hoxe a Coordinadora Nacional decide apostar pola Fronte Ampla, dándolle continuidade ao traballo realizado con AGE, coas mareas municipalistas, co Acordo de Mazarelos e coa Asemblea de Vigo.

Debateremos a nosa estratexia de alianzas electorais o vindeiro 23 de febreiro

A Coordinadora Nacional de Anova reunirase o vindeiro sábado 23 de febreiro para analizar o proceso de diálogo aberto no espazo de ruptura, e para decidir a súa estratexia diante das próximas eleccións xerais.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2019.- O vindeiro sábado 23 de febreiro Anova reunirase a Coordinadora Nacional, principal organismo de dirección da nosa organización entre asembleas nacionais. O debate centrarase na política de alianzas para concorrer ás elección xerais do 28-A, unha cita decisiva para determinar unha saída de avance democrático para superar a crise do Réxime do 78 e derrotar a ofensiva autoritaria que animan o Partido Popular, Ciudadanos e Vox.

No debate poñeremos en común os avances que se están a dar no proceso de diálogo con aquelas forzas políticas, sociais e mareas municipalistas coas que levamos traballando dende que en 2012 apostamos pola configuración dun suxeito galego, plural e diverso, como ferramenta para transformar a nosa realidade e gañar dereitos sociais e nacionais para Galicia. Estableceremos tamén a metodoloxía de traballo a seguir nas vindeiras semanas de cara a conseguir o mellor escenario posible para defender os intereses das maiorías sociais agredidas.

Ese proceso de debate e de toma de decisións está aberto a procurar a unidade na diversidade, como levamos facendo dende a fundación de Anova. Entendemos que é fundamental poñer por diante todos aqueles elementos que nos unen e configurar un espazo plural, diverso e de ruptura que sexa quen de opoñerse ao avance do bloque conservador e crear unha sólida alianza para o impulsar o cambio político no Estado e Galicia.

Iniciamos un proceso de diálogo político para reforzar a Unidade Popular en Galiza

As eleccións xerais do 28 de abril convócanos a sumar forzas para frear a deriva autoritaria impulsada polas forzas políticas ultraconservadoras. Un deriva autoritaria alentada pola tríade reaccionaria de PP, Ciudadanos e Vox que se fixeron co goberno de Andalucía e queren facerse co control do Goberno do Estado para limitar dereitos sociais e democráticos fundamentais poñendo en risco a convivencia democrática. Unha política retrógrada á que se presta como cara amable o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo.

Cómpre activar, política e socialmente, unha maioría cidadá que derrotar o programa da austeridade neoliberal e a tentación de limitar das liberdades e recentralizar o Estado que anima ao bloque reaccionario que lideran Casado, Rivera e Abascal. Os dereitos e liberdades conquistados tras anos e anos de loita atópanse en perigo. Non estamos diante dunha cita electoral calquera. O seu resultado determinará unha solución autoritaria ou democrática para superar a crise de Réxime do 78 que deixou á luz o 15-M e o dereito a decidir en Cataluña o 1-O.

Temos unha responsabilidade enorme con todos aqueles cidadáns e cidadás que aspiran a ter un instrumento político para as maiorías sociais da Galiza que non se resignan. Imos dar continuidade ao camiño da Unidade Popular que iniciaron AGE, as mareas municipalistas e o Acordo de Mazarelos que subscribimos Anova, Esquerda Unida e Podemos, e a Asemblea de Vigo como aposta pola ruptura democrática, a defensa dos dereitos sociais e das liberades individuais e nacionais de Galicia.

Anova inicia o diálogo político cos aliados cos que vimos compartindo espazo, xunto con axentes cidadáns e sociais, para definir a alternativa coa que concorrer aos vindeiros comicios estatais.

Denunciamos o asalto da dereita autoritaria para recortar dereitos e liberdades

Antón Sánchez: «Despois da campaña de infamia e de mentira do Partido Popular en contra das alcaldías rebeldes, Alberto Núñez Feijóo debera explicar se nese vale todo entra Vox para reconquistar concellos e deputacións. Todo o mundo xa sabe cal é a resposta»

«O que vai a facer Feijóo a Madrid é inaudito e infame: un presidente de Galiza pedindo da man do fascismo que se lle recorte a autonomía para entregarlla á extrema dereita recentralizadora»

Este domingo a dereita extremada e a extrema dereita tomarán as rúas de Madrid para esixir menos dereitos e menos democracia para os cidadáns e os pobos.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019.- Despois do recambio andaluz estase a configurar no Estado español un bloque político reaccionario que pretende pechar de forma autoritaria a crise política que hoxe vive o Réxime do 78. Diante da denuncia posta enriba da mesa polo 15-M e polo proceso catalá, a dereita extremada e a extrema dereita pretenden limitar aínda máis os dereitos e as liberdades conquistadas polos cidadáns tras décadas de loita.

O terreo leva meses sedimentándose para o auxe da extrema dereita. O problema non é só Vox, se non o discurso que se foi elaborando nos últimos tempos, no que o nacionalismo español rearmouse e o taboleiro político virou para a dereita. Asistimos a un momento de inflamación e mesmo de militarización da linguaxe que non axuda nada a establecer un debate en termos democráticos.

A deriva fascistoide do PP, Ciudadanos e Vox exprésase moi visiblemente na negación do diálogo como vía para a resolución de conflitos políticos. Negar o diálogo político en Cataluña como vía de resolución do conflito e negarlle á sociedade catalá poder decidir democráticamente e pretender retrotraernos aos anos máis escuros do Estado español, cando se escoitaba a mesma linguaxe que utilizan hoxe Casado, Rivera e Abascal dende os altofalantes do réxime franquista. “Non é, unha vez máis, unha cuestión catalá, é unha cuestión de democracia”, afirmou Antón Sánchez.

Cada vez que Pedro Sánchez vira á dereita recibe máis presión do Partido Popular e de Ciudadanos, na procura de asentar o bloque reaccionario e liquidar a opción de cambio no Estado español. Vímolo recentemente na nefasta xestión realizada por Moncloa cando decidiu pechar filas con Donald Trump diante da cuestión venezolana: nada é suficiente, osíxeno cero, radicalizar o marco e procurar tronzar a alianza que permitiu a moción de censura contra Mariano Rajoy.

E é que non se está a atender o debate de fondo. A crise política que vive o Réxime do 78 pode ter diferentes saídas, e nós seguimos apostando pola República e a ruptura democrática asentada no dereito das nacións a decidir democráticamente o seu futuro e a plena soberanía popular rachando coas estruturas e cultura herdadas do réxime franquista. Pero nestes momentos a correlación de forzas vai na dirección oposta, no peche de filas reaccionario. Ou somos quen de consolidar no Estado español unha alianza contra o 135 e o 155 que supoña unha alianza da esquerda federal e confederal cos diferentes soberanismos de esquerda, ou asistiremos a un novo capítulo de autoritarismo e de represión que en maior ou menor medida padeceremos dalgún xeito todos os actores que nos situamos nun campo político que sempre vai ser plural e diverso. Por isto dende Anova reafirmamos a necesidade de tender amplas alianzas na rúa e nas institucións para facer fronte a esta deriva.

Diante desta ameaza aos nosos dereitos e liberdades non podemos extraernos do curtopracismo que impón a fábrica de infamia na que nestes momentos se nutre a política en Galicia, nesa coalición de poder conformada polo Partido Popular e os principais poderes do país. Asistimos nestes momentos a auténtico lixo político en contra das alcaldías do cambio nutridos unicamente de argumentarios, xa que os mesmos voceiros do PPdeG anuncian que descartan ir aos tribunais. Eles non, pero a cuestión rematará alí, fora dos tempos desta xincana electoral. Eles marcan os ritmos e os titulares, a nós só nos queda a mobilización e a rúa. Debemos traballar intensamente para activala nestes duros meses que veñen.

Detrás da guerra sucia incitada polo PPdeG en contra dos gobernos rebeldes non hai outro interese que levantar unha cortina de fume para que non vexamos o evidente: que para recuperar concellos e deputacións non terán ningún problema en pactar e gobernar coa ultradereita que nestes momentos representa Vox.

Anova-A Coruña maniféstase en relación á citación da concelleira Claudia Delso para acudir a declarar ao Xulgado pola apertura do Cárcere Provincial

Anova A Coruña quere manifestar o seu total apoio á concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e á Marea Atlántica despois de coñecer a citación á primeira para acudir a declarar ao xulgado o vindeiro 1 de Marzo polo proceso de apertura do antigo cárcere provincial.

A Coruña, 24 de xaneiro de 2019.- Asistimos a outra cruzada do Partido Popular contra o novo modelo de cidade que se está a implantar na Coruña. O mesmo PP que nunca aceptou a súa derrota en maio de 2015 e que segue considerando a cidade como da súa exclusiva propiedade. Vemos como constantemente pretenden xudicializar as políticas públicas levadas a cabo polos gobernos de Unidade Popular que antepoñen o interese xeral e o empoderamento cidadá aos beneficios das elites oligárquicas.

Dende o comezo, o PP atacou o procedemento de cesión da prisión, realizado mediante concurso restrinxido a entidades sen ánimo de lucro para converter un lugar de represión e persecución nun espazo de memoria e dignidade democrática e de experimentación de novas formas de xestión do común. Somos conscientes do que opinan as clases conservadoras das que o PP é altofalante sobre estas ferramentas de innovación que escapan do seu estrito control. Amólalles que a veciñanza teña voz propia para decidir por si mesma o destino das súas vidas e do seu entorno.

No fondo o que está en disputa son dúas formas de entender a cidade. O PP busca a persecución de todo modelo alternativo aos mantras reaccionarios, a especulación e a venda dos terreos a investidores privados, igual que está a facer ao respecto do Bordo Litoral. Fronte a iso, A Coruña leva tres anos pulando por unha cidade pensada por e para a xente do común, que abre a toma de decisións á cidadanía e que pon a defensa dos dereitos do colectivo por riba da sede incesante do gran capital.

Agardamos que a declaración no xulgado sirvan para aclarar todas as dúbidas que poidan existir e rematar coas graves acusacións sen fundamento do Partido Popular, que pretende establecer na opinión pública, vía xulgado que todos somos igual a eles, o partido da corrupción e o latrocinio organizado. Porén, sabemos que non é así, e que un proceso de concorrencia competitiva sen posibilidade de acceder a contraprestación económica non pode ser catalogado como prevaricación.

Reiteramos pois a nosa solidariedade coa concelleira Claudia Delso e a Marea Atlántica, á vez que estamos convencidas do rápido arquivo das investigacións.

Seguimos adiante, en Unidade e contra a mafia.

Anova A Coruña.

Anova mostra a súa solidariedade co pobo de Venezuela

Animamos á cidadanía galega a participar en todos aqueles actos e concentracións de repulsa contra os que queren levar a noite de pedra de novo ao pobo de Venezuela e aos pobos latinoamericanos.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2019.- Nas últimas horas coñecemos a situación crítica pola que atravesa a República Bolivariana de Venezuela e non podemos máis que condenar, de maneira enérxica, o novo intento de golpe de Estado que está a producirse. O golpismo é a forma na que o imperialismo e os EEUU teñen de intervir na rexión cando son incapaces de conseguir apoios sociais e electorais, como aconteceu no seu día co Chile de Allende. Estamos diante dunha nova inxerencia intolerable que vai contra a legalidade internacional.

De novo os Estados Unidos de América, co seu autarca presidente á cabeza, apoiado polas oligarquías locais e a ultradereita nacional e internacional interveñen na política interna dun país soberano de Latinoamérica para propiciar o caos e a desestabilización. Foron varios os intentos nos últimos tempos, aínda recentemente abortados, máis agora mesmo está acontecendo un salto adiante do golpismo contra a democracia naquel país. A auto-proclamación coma presidente dun líder opositor conta co recoñecemento dos gobernos dereitistas e ultradereitistas da contorna, poñendo en risco a estabilidade rexional.

Os EEUU de Trump, como responsables directos, e os gobernos axeonllados coma o novo Brasil de Bolsonaro, Perú, Colombia…atentan contra a independencia de Venezuela e tratan de enterrar os soños de integración e progreso para os pobos de América, que viñeran manifestándose na última década e media. Non podemos máis que reaccionar con indignación ante o avance do fascismo (tamén na outra beira do Atlántico) que, usando os peores métodos, quere asaltar o poder en detrimento dos intereses das maiorías populares. Anova manifestaráse e posicionaráse sempre en contra do imperialismo, o colonialismo e todo aquilo que somete a vontade democrática dos pobos que, libremente, intentan construír o seu propio camiño. O goberno actual foi democraticamnete elixido polo pobo, e debe respectarse a vontade popular. Instamos ao goberno español a que condene este golpe e impulse na UE e na comunidade internacional un posicionamento en defensa da soberanía nacional venezolana.

Animamos á cidadanía galega a participar en todos aqueles actos e concentracións de repulsa contra os que queren levar a noite de pedra de novo ao pobo de Venezuela e aos pobos latinoamericanos. A nosa solidariedade activa e explícita coa legal e lexítima República Bolivariana de Venezuela!

Anova centrará os seus esforzos en manter aberta a Primavera Municipalista en maio de 2019

 

O noso Portavoz Nacional Antón Sánchez considera que «as políticas de Unidade Popular foron un éxito no pasado e, fronte o tridente da dereita, son a esperanza de cambio en Galicia.»

Antón Sánchez: «Sigue vixente a aposta de Anova pola ruptura co Réxime do 78, fronte á pobreza e a desigualdade e contra o recorte de dereitos e liberdades».

Xosé Manuel Beiras: «No estado español o fascismo é unha hidra de tres cabezas e toda a brunete mediática está empeñada que gañe o fascismo»

Iria Otero: «Anova redobra a aposta pola unidade popular real, co obxectivo de manter os gobernos do cambio e ampliar as candidaturas. Haberá un debate interno que desembocará na IV Asamblea Nacional»

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2019.- O pasado domingo 20 de xaneiro tivo lugar unha Coordinadora Nacional ordinaria de Anova, en Teo, na que se analizou un novo contexto que ten como novidade a articulación dunha tríade conformada por Partido Popular, Ciudadanos e a ultradereitista Vox. Esta é a forma autoritaria na que se pretende pechar en falso a crise do Réxime do 78.

Diante do auxe desta ofensiva reaccionaria entendemos que é fundamental manter a tensión política entorno aos principios que levamos defendendo dende a nosa fundación, mantendo a nosa aposta rupturista diante da desviación de obxectivos e o edulcoramento da mensaxe. Precisamos manter unha posición de firmeza que sexa capaz de conectar coa xente do noso país, especialmente con aqueles segmentos sociais que peor o están a pasar como consecuencia das políticas neoliberais.

Entendemos que os novos retos deben estar centrados en reforzar os espazos cidadás e as diferentes fórmulas que a nivel local ten a Unidade Popular, o ámbito no que acadamos mellores resultados, e no que logrou unha maior porosidade social e unidade na diversidade interna. Aínda que sabemos dos riscos obxectivos que existen, entendemos que os diferentes axentes nacionais deben facilitar e non tensar o espazo a nivel local, nun momento no que todos os principais poderes económicos e mediáticos do país pretenden clausurar a Primavera Municipalista que xunto con outras e outros compañeiros axudamos a abrir en maio de 2015 e agora queremos manter e ampliar. Nese sentido Xosé Manuel Beiras manifestou que «Anova centrarase no importante: nas mareas municipais e na loita común contra a mala besta monstruosa do fascismo».

O proceso de renovación dos órganos de En Marea non solucionou ningún dos problemas que estaban enriba da mesa e abriu outros moitos que teñen que ver coa verdade e a limpeza do propio proceso. Os acordos do Plenario do 27 de outubro foron violentados por parte da Dirección. Anova tomará as súas decisións con autonomía política absoluta na nosa IV Asemblea Nacional, que será convocada despois de maio de 2019 para que o noso debate interno non interfira nunha data tan importante na axenda do conxunto do espazo de ruptura.

De cara ás eleccións europeas estableceremos conversas coa idea de artellar unha alternativa en clave de esquerda rupturista con aliados do Estado e as esquerdas soberanistas. As eleccións europeas poden ser unha oportunidade para facerlle fronte ás políticas do 135 e do 155 e para fixar as consecuencias negativas que teñen en Galicia a persistencia das políticas neoliberais da Unión Europea.