Día das Letras Galegas 2026: no ronsel de Begoña Caamaño

Neste Día das Letras Galegas 2026 conmemoramos a Begoña Caamaño e a todo o que ela representa na nosa memoria nacional. Festexamos o seu legado de compromiso feminista, de defensa do idioma e de reivindicación da dignidade profesional como defensora dos medios de comunicación públicos.

Máis alá da súa narrativa, honramos o seu legado de militancia inquebrantable na nosa identidade. Recoller a súa testemuña significa seguir tecendo dende a base unha República Galega onde o noso idioma non pida permiso, onde o feminismo sexa o piar da sociedade e onde a comunicación decente sexa un dereito democrático real.

Dende o ano 2019, ao abeiro do goberno municipal de Martiño Noriega, o seu nome é tamén o dun parque do barrio compostelán das Fontiñas. A súa é unha voz de referencia na nosa literatura contemporánea que teceu como poucas a razón e a emoción, o feminismo e o mito, a rebeldía e o compromiso. O exemplo da súa escrita e da súa militancia vital sérvenos de pulo para permanecer no ronsel das causas xustas.

1º de Maio: Traballo, dignidade e Antifascismo

1º Maio: Traballo, dignidade e antifascismo

Cada Primeiro de Maio é unha xornada de memoria e reivindicación. Lembrar o 1886 de Chicago non é unicamente referirnos a un episodio illado da Historia, senón evocar o fío vermello do movemento obreiro. A conquista dos dereitos laborais máis elementais supuxo sangue e represión. Hoxe, ese legado recórdanos unha lección fundamental: ningún dereito foi concedido; todos foron gañados mediante a organización, a solidariedade e a conciencia de clase.

Traballo

En Galicia conmemoramos este Primeiro de Maio nun contexto de grave ofensiva contra os nosos servizos públicos e as condicións da clase traballadora. A conflitividade laboral que atravesa o país é o síntoma dun modelo esgotado. Vémolo nestes mesmos días nas rúas: o ensino público sostén un pulso firme contra a Xunta, con milleiros de docentes secundando folgas e mobilizacións para esixir melloras reais nas súas condicións de traballo, como a loita por unhas ratios asumibles e a redución de sobrecarga burocrática. Vémolo tamén na Sanidade, cunha Atención Primaria levada ao límite, carencia de pediatras en máis dun cento de concellos e profesionais en loita contra a precarización. Non podemos esquecer o sector dos coidados, coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e das residencias de maiores, quen sosteñen a vida do noso país dende unha situación de absoluta precariedade estrutural e altamente feminizada. O desmantelamento paulatino do sector público é un ataque directo ao contrato social e ao noso sistema de benestar.

Dignidade

Para as clases populares galegas, a dignidade significa que o froito do noso esforzo debe garantir unha vida que pague a pena ser vivida. Porén, o desequilibrio actual é insostíbel: mentres o custo da vida e a inflación devoran o poder adquisitivo dos nosos salarios, un dereito fundamental como ter un teito converteuse nun luxo case utópico para moitas traballadoras e traballadores. A especulación inmobiliaria, a turistificación e as enormes dificultades de acceso á vivenda están a provocar cambios demográficos que relegan as vilas e cidades a meras estacións de lecer e consumo. Non hai dignidade sen o dereito material a poder vivir e traballar na nosa terra.

Antifascismo

En consecuencia, a defensa das nosas condicións materiais de traballo e de vida, combinada coa lexítimas aspiracións de conquistar avances, engade o imprescindible factor antifascista no contexto actual. A Internacional Reaccionaria interpela directamente ás clases populares acendendo a confrontación entre as persoas máis desfavorecidas. O que en realidade procura o discurso do medo é disciplinar e someter ás clases populares preservando os privilexios de quen máis ten. A faciana fascista é o gardián do capitalismo en fase desbocada. Fronte aos discursos de odio que procuran incendialo todo, o antifascismo eríxese hoxe como o noso principal muro de contención. Ser antifascista no século XXI é defender a xustiza social, protexer o público e reivindicar a soberanía dos pobos para decidir o seu futuro libres de explotación.

Viva o Primeiro de Maio!

 

 

Lugo érguese fronte ao asalto do PP ao Concello de Lugo

Alfonso Rueda pretende tomar o Concello de Lugo pola porta de atrás, valéndose da desgracia humana e mercando unha tránsfuga nunha manobra que racha cos principios democráticos máis elementais. O pasado venres, a veciñanza de Lugo deu unha primeira mostra de resiliencia democrática e de firmeza ética mobilizándose en defensa da vontade maioritaria expresada nas urnas.

Lois Pérez, membro da Coordinadora Nacional de Anova, é un dos impulsores da plataforma cívica Transfuguismo non, democracia si que o pasado venres convocou unha masiva concentración na Praza Maior de Lugo para rexeitar o acordo da vergoña entre Elena Candia e María Reigosa. Malia que o aparello mediático do Partido Popular está a traballar xa a pleno rendemento para branquear e facer que pase desapercibido un dos episodios máis lamentables da política galega das últimas décadas, esta operación non lle ha saír ben ao Partido Popular. Este asalto, a falta dun ano para as vindeiras eleccións municipais, non quedará impune electoralmente.

Este movemento, avalado desde a Xunta por Alfonso Rueda, constitúe un auténtico atropelo democrático. Tras non ser capaz de acadar o goberno de Lugo a través das urnas nos últimos 27 anos, a dereita opta agora polo xogo sucio. É un exercicio de cobiza desmedida que atenta contra a lexitimidade do goberno de esquerdas elixido polas veciñas e veciños de Lugo.

A dignidade democrática resiste

Fronte ao asalto ás institucións, a resposta veciñal de Lugo non se fixo agardar. O pasado venres a indignación transformouse en acción colectiva grazas á exitosa convocatoria da plataforma cidadá Transfuguismo Non, Democracia Si. Varios milleiros de persoas ateigaron a Praza Maior de Lugo para amosar o seu rexeitamento á operación de Candia e Reigosa. A resposta veciñal desbordou as previsións, demostrando que a rúa non está disposta a branquear o tráfico antidemocrático de vontades. Durante a histórica concentración, o tecido social galego plantoulle cara aos impulsores desta fraude. Lois Pérez, portavoz da plataforma e membro da nosa Coordinadora Nacional, definiu a mobilización de xeito preciso:

“Isto é un acto de resiliencia da vontade popular. (…) Ía ter razón unha das grandes intelectuais da nosa cidade [en alusión a Elena Candia]: en Lugo hai un clamor. Pero non na dirección na que ela pensaba”.

Nin un paso atrás

O que está a acontecer en Lugo non é un feito illado; é unha estratexia de okupación do poder que ataca directamente a vontade das urnas. A ofensiva que o PP puxo en marcha nos últimos meses coa presentación de varias mocións de censura por todo o País demostra que a súa aspiración de poder non coñece límites electorais. Non podemos permitir que a política dos despachos, das manobras opacas e da falta de escrúpulos substitúa a voz soberana do pobo.

Anova súmase ao rexeitamento frontal a esta fraude. É o momento de seguir apoiando a resistencia democrática e acompañar á cidadanía que se revolve contra este asalto.

Transfuguismo non, democracia si!

ANOVA organiza en Rianxo a IIª Xornada Municipalista galega: “Conquistar avances: Coidados, migración e vivenda”

IIª Xornada Municipalista Galega

IIª Xornada Municipalista Galega

Santiago, 14 de abril de 2026.— Anova-Irmandade Nacionalista celebrará o vindeiro sábado 25 de abril en Rianxo a IIª Xornada Municipalista Galega, baixo o título “Conquistar avances: coidados, migración e vivenda”. A cita desenvolverase entre as 10:00 e as 15:00 horas e é de entrada libre e aberta á cidadanía.

Tras a primeira edición celebrada o pasado novembro en Santiago de Compostela, Anova dá un segundo paso no proceso de rearticulación do municipalismo galego transformador, apostando por achegarse ás diferentes experiencias municipalistas de Galiza. Coa elección do 25 de Abril como data para realizar esta segunda xornada, a organización soberanista pretende, ademais, festexar o aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal, como símbolo da conquista democrática e social. Avances que só son posibles cando o pobo se organiza.

Non só defender, senón conquistar

O fío condutor desta segunda edición parte da convicción política de que a esquerda non pode conformarse con defender o xa conquistado. Reconstruír o Estado do benestar é necesario, mais non é suficiente. Cómpre conquistar e ampliar novos dereitos e, simultaneamente, impulsar avances materiais reais na vida das persoas. “O municipalismo non pode ser nin un refuxio político nin reducirse á simple xestión da monotonía”, salienta Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova. “Debe exercer desde unha práctica de fondo que conecte políticas transformadoras no social coa defensa da democracia, e que sexa capaz de dar respostas concretas ás emerxencias do noso tempo, como é o caso dos coidados, da vivenda e da migración”. Con esa lóxica artéllanse as dúas mesas de debate da xornada:

MESA 1: Benestar e Coidados: defender e ampliar conquistas sociais
Modera: Hector López (traballador social e membro da Coordinadora Nacional de Anova)
Interveñen:

  • Victoria Rey Mariño, psicóloga e ex-directora de CIM (Centro de Información ás Mulleres)
  • Teresa Elvira Muñiz, traballadora social e membro do colectivo Vico Sen Benestar
  • Rodrigo Gil Cedillo, educador social e fundador da ONG Caguama Instituto de Migracións Ecosociais

A mesa reflexionará sobre o estado actual do sistema de benestar e os seus retos —coidados, dependencia, saúde mental, igualdade e xénero—, pero tamén sobre como pasar de soster a ampliar dereitos a través dos servizos públicos, as municipalizacións e as redes comunitarias de coidados. Centrando o debate na necesidade de que sen o público non hai xustiza social e, polo tanto, salientando o papel dos concellos e das administracións públicas como imprescindíbel.

MESA 2: O acceso á vivenda como elemento de desigualdade
Modera: Iván Rodríguez (membro da Permanente de Anova)
Interveñen:

  • Carla Leiras, do colectivo As Ninguéns
  • Ana Pardo, da Asociación Provivenda
  • Barry Elhadj Mamadou, da Rede Veciñal de Apoio a Persoas Migrantes

Esta mesa abordará o combate aos bulos, da extrema dereita sobre migración e vivenda, con datos e argumentos, construíndo un relato común da clase traballadora —autóctona e migrante— para debatir sobre as políticas municipais concretas que garantan o dereito á vivenda digna: parque público, mobilización de baleiros, alugueiro social, acollemento e integración.

As dúas mesas reservarán tempo para intervencións do público, procurando que a xornada sexa, como na edición anterior, un exercicio colectivo de reflexión e articulación estratéxica.

Celebrar Abril

O final da xornada será festivo e cun pequeno concerto de canção de intervenção portuguesa a cargo de Rui David, como homenaxe á tradición de loita e canto que une os pobos na conquista de máis liberdade e máis xustiza.

No final da presentación desta xornada, Noriega quixo subliñar que “en Anova vemos os concellos como a trincheira desde a que se poden asentar as bases que garantan unha vida digna, e debates como os coidados, a vivenda ou a migración son de estrema actualidade constitúen un dos focos do conflito político e social do noso tempo” concluíndo que “é desde o local desde onde mellor se pode responder a estes desafíos con propostas concretas e útiles para a xente”.

Anova convidará á participación de candidaturas municipalistas, colectivos e activistas que seguen a traballar por un país máis xusto, igualitario e sostible. “Seguimos construíndo organización para construír país”, conclúe a formación.

Altri Non: a vitoria do país autoorganizado

Altri nom

Altri nom

Hoxe fíxose público que a Xunta iniciou o arquivo do proxecto de Altri en Palas de Rei ao non poder garantir a conexión eléctrica, despois de quedar fóra da planificación estatal da rede. Non é un xiro voluntario nin unha rectificación ética: é o resultado dunha firme oposición social que, desde o comezo, se opuxo rotundamente a un dos proxectos máis perigosos e perniciosos para o noso territorio.

Se algo podemos afirmar con toda nitidez é que esta vitoria é da sociedade civil galega autoorganizada. Da veciñanza, das plataformas, do movemento de defensa do territorio e de todas as persoas que sostiveron a mobilización, a información compartida e a presión democrática sen pedir permiso.

Foron varias as manifestacións e mobilizacións, tanto en Compostela como na propia Palas de Rei, ou na Arousa, que lle esixiron ao goberno galego que escoitase o clamor do mandato veciñal, advertindo de que ignoralo era servir outros intereses: os dos grandes multinacionais. Fronte ao lucro infinito e ás agresións á terra por parte deses grandes negocios, volveu emerxer o pobo para defender o común.

Neste sentido, desde Anova estamos moi satisfeitos de termos apoiado e acompañado, desde o principio, esta verdadeira rebelión cívica. Entendemos que o noso lugar é acompañar, amplificar e defender —nas institucións e fóra delas— as demandas e loitas que resoan polas prazas e rúas de todo país: que o territorio non se vende, que a vida non se negocia e que Galiza non pode continuar a ser gobernada de costas viradas á súa xente. Porque cando fallan as institucións, emerxe a nación; cando a administración pública non protexe —ou impulsa agresións como neste caso— o país protéxese a si mesmo.

Agora toca unha esixencia simple: que o arquivo sexa real e definitivo, sen conxelacións estratéxicas nin portas traseiras. E toca, tamén, celebrar esta vitoria do pobo autoorganizado porque cando o país se organiza, as vitorias son posíbeis.

 

Anova organiza a xornada “O local como chave transformadora” con referentes das experiencias municipalistas galegas

Anova-Irmandade Nacionalista celebrará este sábado 29 de novembro, na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras, 3), en Santiago de Compostela, a Xornada Municipalista “O local como chave transformadora”, un espazo pensado para recuperar a centralidade política do municipalismo galego e para artellar, desde abaixo, novas alternativas transformadoras nun momento de clara emerxencia democrática, ecolóxica e social. A cita desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas e contará coa participación de representantes de diversas candidaturas municipalistas e espazos do cambio que, ao longo desta última década, contribuíron a construír proxectos políticos de proximidade centrados en mellorar as condicións de vida da xente. A Xornada estrutúrase arredor de dúas mesas de diálogo:

MESA 1: O local fronte á emerxencia democrática, ecolóxica e social
 Modera: Santi Martínez (concelleiro de 2015-2023 por Veciñanza de Cuntis)
 Interveñen:
 • Julián Bustelo (Alcalde por Rianxo en Común)
 • Benito Portela (Alcalde por Sada Maioría)
 • María Rozas (Tenenta alcaldesa por Compostela Aberta)
 • María Xosé Fernández (Concelleira por Vilalba Aberta)

MESA 2: Artellar para transformar: do local ao nacional
 Modera: Concha Fernández (concelleiro de 2015-2019 por Compostela Aberta)
 Interveñen:
 • Martiño Noriega (Portavoz nacional de Anova)
 • Xulio Ferreiro (Alcalde da Coruña 2015–2019 pola Marea Atlántica)
 • Nerea P. Carballeira (Concelleira de Ferrol En Común)
 • Xosé Manuel Beiras (Fundador de Anova)

Para Anova, esta Xornada supón un paso relevante no proceso de revitalización organizativa e política que a formación está a impulsar nos últimos meses. A organización reivindica o municipalismo como o espazo desde o que se pode reactivar unha política útil, próxima e transformadora, en contraste coa “xestión da monotonía” que, segundo Anova, se instalou en boa parte das alternativas progresistas do país.

Martiño Noriega subliñou que “o municipalismo galego foi, e debe volver ser, a forza que reconstrúa confianza social, que defenda os servizos públicos e que se enfronte sen complexos ás emerxencias sociais, ambientais e democráticas que vivimos”. Para o portavoz nacional de Anova “as experiencias locais que se dan en múltiples concellos amosan que existe capacidade e vontade de transformación real; agora cómpre artellalas e recoñecelas como parte dun mesmo proxecto de país”. Noriega engadiu que “Anova ponse a disposición dese espazo municipalista plural e cooperativo, convencida de que reconstruír o País desde abaixo é hoxe unha necesidade política e democrática”.

A organización destaca tamén a importancia da participación: as dúas mesas reservarán tempo para intervencións do público, procurando que a xornada sexa un exercicio colectivo de reflexión e de articulación estratéxica. Chamando á participación de todas as persoas que desexen contribuír á construción dunha Galiza máis xusta, máis democrática e máis sostible. “Seguimos construíndo organización para construír país”, conclúe a formación.

Anova chama a reactivar o municipalismo galego como chave de transformación social e democrática

Santiago, 15 de novembro de 2025.- Anova-Irmandade Nacionalista celebrará o vindeiro sábado 29 de novembro, en Santiago, unha Xornada Municipalista baixo o título “O local como chave transformadora”. A cita desenvolverase entre das 10:00 e as 14:00 horas na Casa das Asociacións de Cornes e procurará ser un espazo de encontro, diálogo e articulación entre experiencias municipalistas de todo o país para repensar o papel do local na transformación política, social e ecolóxica do país.

No marco do proceso de reorganización que a formación soberanista está a impulsar, Anova reafirma o seu compromiso cun municipalismo plural, cooperativo e enraizado na realidade de cada territorio, que entenda o poder local non como un fin en si, senón como un instrumento ao servizo da xente do común. A organización política lembra que a súa orixe está profundamente ligada ás experiencias municipais que, desde hai máis dunha década, amosaron que é posible gobernar doutro xeito: desde abaixo, con participación cidadá, transparencia e vontade de transformación real.

Para Anova, o municipalismo segue a ser o espazo máis axeitado desde o que reconstruír a confianza social e política, nun momento no que as certezas democráticas e as conquistas sociais están ameazadas por dinámicas autoritarias e pola mercantilización das institucións públicas. “O municipalismo non pode ser nin un refuxio político nin reducirse á simple xestión da monotonía”, sinala Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova, “senón que debe exercer desde unha práctica política de fondo, que conecta políticas transformadoras no social coa defensa da democracia e coa construción nacional galega”.

Do local ao nacional para transformar

Noriega insiste en que “o local é o primeiro chanzo político no que se materializan as grandes loitas do noso tempo: o feminismo, a xustiza social, a transición ecolóxica e a defensa dos servizos públicos” salientando que “os concellos son a trincheira desde a que se poden asentar as bases que garantan unha vida digna, unha economía ao servizo das persoas e unha democracia viva”. Ao seu xuízo, resulta urxente “recoñecer e artellar as experiencias municipais que xa existen e promover novos espazos de cooperación para manter viva a cultura política do inconformismo que sempre definiu o proxecto de Anova”.

A xornada estruturarase arredor de dúas mesas de debate: a primeira delas contará coa presencia de diferentes representantes institucionais nos concellos galegos e baixo o título O local fronte á emerxencia democrática, ecolóxica e social reflexionará sobre as crises que nos amezan e que respostas se poden articular desde os municipios. Xa na segunda mesa, Artellar para transformar: do local ao nacional, abordarase como estruturar unha rede galega do municipalismo transformador partindo dun suxeito plural e con diversos axentes espallados.

A formación chama á participación das candidaturas, colectivos e activistas que seguen a traballar por un país máis xusto, igualitario e sostible, convencida de que a cooperación e a complicidade entre as experiencias locais son condición indispensable para construír futuro. O municipalismo galego debe ser a base dun novo proxecto de país, libre, democrático e solidario”, conclúe Noriega.

Anova sobre o apagamento de abril

Transcorridos varios días xa desde o apagamento do 28 de abril, e sen que o goberno español se manifestase aínda sobre as causas do acontecido, desde Anova Irmandade Nacionalista consideramos o seguinte:

1) É necesario esclarecer de inmediato as causas do acontecido e depurar as responsabilidades políticas que se derivan das mesmas. Semella evidente que se cometeron erros graves de curto prazo no deseño do chamado “mix” enerxético, e de planificación, como a carencia de mecanismos de estabilización para dotar de seguridade e flexibilidade a produción renovable.

2) O apagamento do pasado 28 de abril evidencia o fracaso da privatización da xeración da enerxía e da súa xestión a través da Rede Eléctrica Española, da que o estado só conserva nas súas mans un 20 por cento do seu capital. Todo parece indicar que no apagamento primaron decisións das grandes empresas do sector que buscaban o seu beneficio sobre a seguridade e estabilidade do fornecemento dun servizo básico, como é a luz, evitando os investimentos imprescindibles en sistemas de estabilización da rede, que tampouco foron esixidos por Rede Eléctrica Española como garante dun servizo esencial.

3) O apagamento puxo de manifesto así mesmo as feblezas do deseño centralizado da rede eléctrica a nivel estatal. Se existisen, -como así recomendan diversas normativas da Unión Europea– redes de xeración e disbribución de enerxía descentralizados o risco dun apagamento xeral sería menor e a súa recuperación máis doada. As fórmulas de produción como Comunidades Enerxéticas seguen a estar bloqueadas polos gobernos central e autonómicos, tanto socialistas como populares, impedindo así o desenvolvemento dun modelo máis democrático de producción enerxética.

4) Galiza segue sen tirar proveito da súa condición de territorio excedentario na produción de electricidade: sin planos que avancen o suficiente na electrificación da nosa economía. Estamos obrigados a aturar o custe ambiental, social e paisaxístico da instalación de novos parques eólicos no noso país e despois vemos como o prezo da electricidade é o mesmo aquí ou en zonas deficitarias na producción eléctrica, como é por exemplo Madrid. Urxe a creación dunha empresa pública de enerxía, e a revisión da estratexía de implantación de renovables.

5) Anova aposta por unha transición enerxética que non estea en mans do mercado e das grandes empresas, senón que sexa democrática, ordenada, ambientalmente respetuosa e socialmente xusta.

Anova ante o rearme europeo e a ameaza extractivista:

Diplomacia, Autonomía e Defensa do Territorio

Diante do alarmante contexto europeo, marcado polas esixencias dun incremento exponencial dos gastos militares proposto pola Comisión Europea (800.000 millóns de euros) e secundado por boa parte dos gobernos, entre eles o español, en claro cumprimento das directrices da OTAN e dos Estados Unidos, Anova quere manifestar que:

  1. Berramos forte, novamente, Non á guerra. Tres anos despois, a invasión rusa de Ucraína constatou, unha vez máis, que a ocupación militar de territorios agrava os problemas en lugar de resolvelos. Expresamos a nosa solidariedade con toda a poboación civil afectada pola guerra, con énfase especial na clase traballadora, tanto ucraína como rusa, que sofre as consecuencias dun conflito non decidido por ela. Lembrando o profundo rexeitamento do pobo galego á guerra como método para solucionar conflitos internacionais.
  2. Reafirmámonos nos principios irrenunciables da defensa da Paz. Fronte á lóxica da confrontación, defendemos as vías diplomáticas e o diálogo como únicas ferramentas válidas para a resolución dos actuais conflitos, especialmente no Leste europeo e Oriente Medio. A historia demostra que a escalada militar só trae máis sufrimento e destrución. Recoñecemos o carácter esperanzador ante un posible fin da guerra, pero advertimos que ningún acordo será duradeiro sen a complicidade e implicación de todas as partes.
  3. Rexeitamos a falacia do rearme como garantía de seguridade. A xustificación de que “prepararse para a guerra evita a guerra”, repetida desde Bruxelas, é un perigoso sofisma que só impulsa a espiral bélica. Rexeitamos categoricamente a asignación de inxentes recursos públicos para o incremento das xa elevadas partidas orzamentarias militares, mentres se desatenden necesidades sociais urxentes en sanidade, educación ou vivenda. Denunciamos o uso eufemístico do “investimento en seguridade” cando, na realidade, supón un rearmamento efectivo ao servizo de intereses alleos. Manifestamos o noso claro rexeitamento á vontade militarista de certos dirixentes e estados da UE e denunciamos a subordinación europea aos intereses estratéxicos da OTAN, de Washington e do seu expansionismo.
  4. Cuestionamos a suposta “autonomía estratéxica europea” cando implica maior militarización. Rexeitamos a creación dunha forza militar conxunta europea se esta non cuestiona a pertenza do Estado español á OTAN, senón que reforza e apuntala o seu papel belicista e a subordinación aos intereses de Washington. A UE perdeu oportunidades valiosas para actuar como un actor de paz autónomo, preferindo seguir a estratexia de desgaste ditada desde fóra, que beneficia principalmente á industria militar norteamericana. Reafirmamos categoricamente que non hai outra solución posible que a negociación e o acordo. Europa debe artellar un proxecto propio de seguridade e de autonomía política e militar real para garantir un escenario de estabilidade e paz para todas as partes implicadas.
  5. Denunciamos a conexión entre militarismo e espolio neocolonial. O actual pulo armamentístico global, que beneficia ás elites e á industria militar, está encadrado dentro dun claro proxecto neoliberal e supón unha ameaza directa sobre o noso país. Rexeitamos frontalmente a expropiación e explotación neocolonial dos nosos recursos naturais (minerais estratéxicos, enerxía eólica, etc.) con fins bélicos ou para alimentar a maquinaria industrial que sostén a guerra. A defensa do noso territorio é inseparable da loita pola paz.
  6. Esiximos responsabilidade e alternativas reais. Instamos ao goberno español, aos medios de comunicación e ás forzas políticas a que moderen o alarmismo bélico, que só serve para xustificar políticas militaristas, e presenten un plan viable e serio sobre a seguridade e a Defensa ao servizo dunha política exterior autónoma e orientada á paz, e non ao revés. Como sinalan análises críticas, existen vías e camiños alternativos á suposta inevitabilidade da confrontación militar, como o fomento activo da diplomacia, a reforma de organismos internacionais ou a exploración de modelos de neutralidade.
  7. Apostamos pola acción diplomática e o apoio aos movementos pola paz. Instamos, polo tanto, a que o Estado español exerza un papel activo e independente na procura do diálogo político e diplomático para a resolución dos conflitos. Saudamos e apoiamos calquera iniciativa social auto-organizada antimilitarista que traballe contra a escalada bélica e pola cultura da paz. Tras tres anos de enorme sufrimento, facemos un chamamento a que aquelas forzas e axentes que apostaron polo envío masivo de armas e infravaloraron a negociación revisen as súas posicións, sendo urxente apostar decididamente pola vía diplomática.
  8. Chamamos á mobilización social en Galiza. Facemos un chamamento aos colectivos veciñais, organizacións de base, plataformas sociais e ecoloxistas, sindicatos e partidos políticos galegos para tecer unha rede coordinada e forte ante as ameazas de novos extractivismos no noso territorio, impulsados agora tamén pola lóxica do rearmamento global. A nosa aposta renovada e constante é pola diplomacia e a negociación entre todas as partes. Defendemos permanentemente os principios de solidariedade, Paz xusta e duradeira, e Soberanía dos Pobos.

En definitiva, Anova mantense firme na defensa da Paz, a diplomacia, a soberanía dos pobos e a protección do noso territorio fronte a un militarismo crecente que ameaza o futuro e benestar das maiorías sociais para beneficio duns poucos.

Galiza, Abril de 2025.

Anova pide a dimisión do Conselleiro de Cultura pola súa incompetencia diante da dramática situación da Lingua Galega e anima a participar na convocatoria do día 23

O 11 de outubro de 2024 o Instituto Galego de Estatística fixo público o seu informe sobre uso e coñecemento do galego onde puña de manifesto que, por primeira vez  na historia do país, o español é a lingua máis falada. As persoas que falan só galego ou máis galego que castelán en Galiza constitúen só o 45 por cento da poboación, o que supón un retroceso de seis puntos desde o 2018.

Pero estas cifras son aínda máis preocupantes entre os sectores máis novos da poboación, onde o galego só é falado por un 16 por cento das persoas entre os 5 e os 14 anos, é dicir, en termos absolutos, só 30 mil rapaces e rapazas galegas falan agora mesmo a nosa lingua. Pola contra, o número de falantes en español nesa mesma franxa de idade acada os 170 mil.

Sen dúbida, son moitos os factores que explican o devalo da nosa lingua: o proceso de urbanización, a chegada de continxentes de persoas migrantes que non contan co apoio de políticas públicas para coñecer e usar o idioma, ou a abafante presenza do español no entorno dixital. Mais tamén é certo que non se están a empregar os poucos recursos que o galego dispón para a súa defensa. Referímonos á educación pública e aos medios de comunicación públicos. 

Un estudo sociolingüístico realizado pola Real Academia Galega coa poboación escolar de Ames no 2021 amosa que, lonxe de servir para recuperar falantes, a escola é un factor castelanizante máis que, ao longo do ciclo educativo provoca que un terzo do alumnado que empeza a escola falando galego, acabe por pasarse ao castelán. Isto amosa a eficacia do chamado Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo primeiro goberno de Feijóo en 2009 cando, apoiándose na mentira da imposición do galego, reduciu o seu uso á metade no ensino.

Por outra parte, a televisión pública, que podería ser un medio de galeguización da rapazada, carece dunha programación destinada a este público que poida servir de contrapeso ás outras tres canles de televisión infantil en español. Para empeorar este panorama, acabamos de ver como se admite o uso do castelán nas probas de acceso ao ente público o que fai previsible a perda de calidade do uso do galego e a súa convivencia e substitución polo español a medio prazo. 

Cómpre salientar tamén o informe da Comisión Europea sobre o incumprimento da Carta Europea das Linguas para o caso do galego no estado español publicada en setembro do ano pasado. Nela a Comisión recomendaba remover os atrancos ao uso do galego como lingua vehicular nas ciencias, no trato coa administración pública, cos centros sanitarios e cos tribunais de xustiza. 

Hoxe vemos como o goberno de Rueda, lonxe  de derrogar a lexislación antigalega do seu predecesor, puxo ao frente da consellería de cultura a unha persoa evidentemente incompetente e incapaz para o seu cargo, alguén que non posúe nin os coñecementos nin a vontade de mudar a relación do goberno autonómico en mans do Partido Popular coa única lingua propia de Galiza.

Por estes motivos, desde Anova Irmandade Nacionalista reclamamos o seguinte:

A derrogación inmediata do Decreto de Plurilingüísmo e a súa substitución por outra norma que garanta o uso do galego, cando menos, no setenta por cento das materias lectivas en todas as etapas do ensino público.

A posta en servizo dunha canle da TVG cunha programación en galego destinada unicamente ao público infantil.

A posibilidade de contar coa Lingua Portuguesa como sinatura optativa en todos os centros de educación secundaria de Galiza.

A dimisión do conselleiro de Cultura, que debería ser relevado por outra persoa competente para o cargo.

ANOVA pide a dimisión do Conselleiro de Cultura pola súa incompetencia perante a situación dramática da Lingua galega

O seu voceiro Martiño Noriega fai un chamado a participar na manifestación convocada para o vindeiro 23 de Febreiro en Compostela

Anova celebrou no día de hoxe unha palestra en Compostela sobre “A situación do galego:diagnose e perspectivas”. Na mesma participaron diferentes ponentes representativas polo seu compromiso vital co idioma como Francisco Fernández Rei (RAG), Mar Lopes (AGAL), Marilo Candedo (Nova Escola Galega) e Branca Nazaré (do eido do ensino público). A palestra foi moderada polo escritor e membro da Permanente de Anova, Alberto Lema.

O voceiro desta organización, Martiño Noriega, afirmou que “Tan só dende a escoita activa e sen mirarnos o embigo seremos quen de tecer opinións diversas para mudar o estado das cousas, nunha cuestión onde nos vai a vida e o futuro como é a situación actual da lingua galega”.”Ás portas da manifestación do 23 de Febreiro cómpre facer un chamamento á participación da cidadanía na mesma dende o convencemento de que, dada a vocación exterminadora coa diversidade do goberno do PP, tan só a xente pode salvar o idioma”