Martiño Noriega: «Unha das peores decisións de Feijóo foi a de privatizar as residencias para as persoas maiores»

Martiño Noriega reclama un novo modelo publico de residencias e reverter as privatizacións desenvolvidas pola Xunta e resalta a importancia  da «defensa do público como garantía de coesión social e non só do benestar dos nosos maiores, senón do conxunto da sociedade”.

Gómez Reino esixe a Feijóo transparencia e frear o “trato inhumano” a usuarias e traballadoras das residencias galegas afectadas polo Covid-19, e reitera de novo a necesidade de intervir e medicalizar os centros de maiores e de realizar os test de detección do coronavirus a todos os usuarios e traballadores

Eva Solla: “Feijóo deixa en mans das empresas privadas a vida das nosas persoas maiores, privatiza os servizos e non exerce control público sobre eles, o que ainda agrava máis esta situación e precariedade”

Compostela, 6 de abril do 2020.- Martiño Noriega voltou lembrar que «unha das peores decisións de Feijóo foi a de privatizar as residencias para as persoas maiores, ben directamente desde a Xunta, ben pola súa fracasada operación de fusión das caixas de aforro». 

«Quen consiga ver máis alá da propaganda institucional do rexime de Feijóo poderá ver un país no que o ratio de prazas en residencias e do 3,05% sobre os maiores de 65 anos, moi por debaixo da media estatal,  e cun 65% das prazas en mans de empresas privadas», declarou Noriega, mencionando o informe de fiscalización do Consello de Contas do ano 2015. Ese informe resaltaba que «o número de persoas que accederon a prazas residenciais a través do sistema de emerxencia social pasou de ser unha excepción a ser o sistema máis empregado para o aceso ao servizo».

Noriega concluíu que nos atopamos “nunha situación límite de emerxencia sanitaria, mais tamén de emerxencia social”. “Son as consecuencias de dez anos de Goberno pensando no interese da empresa privada en vez de pensar no interese do ben común». Porr iso «compre reclamar un novo modelo que siga as mesmas recomendacións que fai o propio Consello de Contas cando indica que «é necesario incorporar máis prazas públicas residenciais no sistema de servizos sociais de Galiza».  

Un novo modelo que revirta a desmantelación do sistema galego do benestar «que ademais de estar a ser privatizado tamén reduciu un 7,1% en gastos de persoal como o propio informe indica». Noriega finallizaou resaltando a importancia da «defensa do público como garantía de coesión social e non só do benestar dos nosos maiores, senón do conxunto da sociedade”.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, insistiu hoxe de novo na urxente necesidade de que a Xunta interveña as residencias de maiores de Galicia e proceda á súa  medicalización inmediata para garantir “a correcta atención aos seus usuarios e a protección dos seus traballadores”. Gómez Reino esixiu tamén ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que proceda a someter aos test do  Covid-19 a todos os residentes e coidadores. 

“Non se trata só de protexer as vidas, a saúde e o benestar dos nosos maiores e de quen os coidan, e de ofrecer tranquilidade ás súas familias. Trátase tamén de garantir a seguridade do resto da poboación. Se non coñecemos exactamente cantos infectados hai nas residencias galegas, non poderemos actuar eficazmente para frear a expansión do coronavirus”, dixo.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas lembrou que REDE, a Federación Galega de Usuarios de Familias da Dependencia e Residencias, leva semanas denunciando que a Xunta non realizou as probas aos internos e traballadores das residencias competencia da Xunta, a pesar das evidencias que indican desde hai días que xa se produciu nelas un contaxio masivo.

Ademais, usuarios e familias tamén teñen denuciado ante Fiscalía o trato “inhumano” que padecen os usuarios dalgúns centros, e o feito de que as empresas que as xestionan que non proporcionan aos traballadores os medios que precisan para coidalos e combater os  contaxios. “Sumámonos a esas denuncias e esiximos á Xunta que garanta que esas situacións non se repiten”, dixo Eva Solla.

Gómez Reino tamén reclamou a Feijóo que impida que esas empresas despidan aos traballadores que as denunciaron. “O modelo de privatizacións no sector sanitario e de servizos sociais desenvolvido pola Xunta desde que Feijóo chegou ao Goberno permitiu que durante anos se fixese negocio cos coidados dos nosos maiores, deixándoos nunha situación de extrema fraxilidade”, explicou Gómez Reino. 

“Hai que reformular ese modelo e desmontalo xa. E o primeiro paso ten que ser unha actuación firme e decidida contra o  COVID-19, intervindo de inmediato todas as residencias, realizando as probas de detección a todos os seus usuarios e traballadores, e garantindo transparencia absoluta e a colaboración total co Goberno do Estado”, concluíu o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas. 

Pola súa banda, a voceira e deputada Eva Solla subliñou denunciou a nula vontade fiscalizadora da Xunta cos centros privados indicando que «Feijóo deixa en mans das empresas privadas a vida das nosas persoas maiores, privatiza os servizos e non exerce control público sobre eles, o que ainda agrava máis esta situación e precariedade». 

Tal e como recolle o informe fiscalizador do Consello de Contas do 2015 a candidata manifestou que «a pesar das incidencias detectadas na inspección de control destes centros privados, tanto en materia de persoal como de deficiencias nos protocolos de funcionamento,  estas irregularidadesnon se corrixiron e non se iniciaron expedientes sancionadores.” 

Solla concluíu declarando que «diante desta realidade, é inadmisilble que a acción fiscalizadora da administración pública se reduza simplemente a exercer a inspección mais que non se procure correxir as deficiencias, o que provoca que a acción de fiscalización pública sexa nula na súa efectividade», engandido que «compre aumentar o ratio do persoal de atención directa, diferenciar o persoal segundo as súas funcións por categorías profesionais, dar un uso adecuado ás instalacións e correxir os  protocolos de funcionamento introducindo o rigor nos seus rexistros» medidas toda que reverterán na «mellora e calidade deste servizo público».

Antón Sánchez denuncia as políticas de precarización e mercantilización do benestar dos maiores

Antón Sánchez reclama que o goberno do PP dea un xiro de 180 graos ás súas políticas, que poñen o beneficio por enriba das persoas.

O voceiro tilda de decepcionante a comparecencia do vicepresidente ante a ausencia de medidas de apoio ás maiorías sociais.

Compostela, 3 de abril de 2020.- O voceiro no Parlamento de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Sánchez, urxiu este venres á Xunta a intervir as residencias de maiores ante a situación que se está a dar nestes centros pola pandemia do Covid-19. Na comparecencia da conselleira de Política Social na Cámara galega criticou que a Xunta “chegou tarde” á hora de tomar medidas, tendo en conta que “vimos dunha situación moi difícil porque o goberno de Feijóo leva 11 anos recortando e privatizando a atención ás persoas maiores.Hai que dar un xiro de 180 graos ás súas políticas, que poñen o beneficio por enriba das persoas”.

Sánchez denunciou que o goberno do PP “actúa cun cinismo absoluto” ao acusar de falta de lealdade, xa que “a nosa lealdade, por enriba de todo, está coa xente, coas persoas maiores e coas traballadoras que sufriron as súas políticas durante estes anos. “Cinismo é utilizar máis da metade da intervención para loubar os profesionais das residencias de maiores tras estar 11 anos sen escoitalos e ignorando as súas demandas”, espetou tras a intervención da conselleira.

“O que estamos vivindo é a consecuencia lóxica das políticas de precarización e mercantilización do benestar dos maiores, poñendo o negocio por enriba das persoas. Amarelismo non é sinalar o que di o informe do Consello de Contas, que fiscaliza a súa política nas residencias da Terceira Idade. Este informe di que Galicia ten un 3,05% de prazas por habitante maior de 65 anos, cando a media estatal é do 4%”, afondou Sánchez. Entre outros datos do informe, o voceiro destacou que “a Xunta afirma que actúa ante calquera irregularidade, mentres que o informe afirma que se aprezaron irregularidades e non se iniciaron expedientes sancionadores contra esas residencias que incumprían a legalidade”.

Antón Sánchez continuou debullando que “Galicia é líder en privatización deste sector no Estado e iso nótase na atención aos maiores”. Así, remarcou que “vai haber un antes e un despois da crise do coronavirus na atención aos maiores, porque non pode ser que o negocio estea por enriba das persoas. Durante 11 anos non construíron residencias de xestión pública directa, cando os datos demostran que teñen mellor calidade asitencial que as privadas. E con este modelo, no que a privada non deixou de medrar durante o seu goberno, teñen que fiscalizar e non mirar para outro lado”.

Ante isto, demandou que se escoiten as propostas que están poñer sobre a mesa as profesionais. “Hai que intervir todas as residencias afectadas para poder aplicar os protocolos. O persoal quere facer ben as cousas, pero non ten medios. É precisa unha inspección inmediata das residencias e un mando único efectivo. Estase demostrando que non hai capacidade para aplicar os protocolos en todas as residencias. Para iso hai reforzar o persoal, os recursos e a formación”.

Comparecencia decepcionante do vicepresidente

Sánchez cualificou de “decepcionante” tamén a comparecencia do vicepresidente da Xunta, xa que “se deu pouca información e de pouco calado nalgúns casos. Botamos en falta outras medidas, non sei se non quixo dar información ou non hai máis medidas e máis ambiciosas”. Así, reiterou a petición de información á Xunta respecto da utilización dos recursos da sanidade privada, reclamando que “arrimen o ombreiro nesta crise tras acadar cotas de mercado históricas de ata o 26,5% durante o seu goberno”. “Temos que enterarnos pola prensa do que están facendo e o presidente da súa patronal declarou que está sendo infrautilizada”.

No eido económico e social, Antón Sánchez apuntou que “Galicia é unha das poucas comunidades que non outorgou axudas directas a autónomos”, poñendo exemplos doutras que si o fixeron. O mesmo acontece con respecto á vivenda, nin sequera no parque público, xa que, segundo sinalou o voceiro, “o bono de alugueiro social non é suficiente. Saben que unha persoa que queda dun día para outro sen ingresos, non pode xustificar ser beneficiario deste bono e ten que seguir pagando”. Sánchez reclamou tamén axudas para o alugueiro de locais comerciais e instou o Executivo galego a “pensar un ingreso mínimo vital máis alá da Risga” porque “hai moita xente que o vai pasar moi mal e Galicia vai á cola”.

Fronte a esta parálise, o voceiro insistiu na proposta lanzada a Feijóo a semana pasada: facer uns novos orzamentos con medidas de apoio á xente que reflexen tamén de onde van saír os ingresos. Para este cometido, considerou un erro o anuncio do aprazamento dos impostos autonómicos. “Non pode ser que se lle aprace o pago á xente que ten máis un millón de euros de patrimonio. Esas son as persoas que teñen que contribuír máis nos tempos que veñen. Teñen que darlle un xiro de 180 gardos a esa política fiscal de exencións aos ricos. A saída da crise só vai ser xusta con políticas fiscais xustas”.

Entre outras accións, Antón Sánchez pediu unha regulación para a reapertura dos mercados locais, “fundamentais nesta situación” e acometida tamén noutras comunidades. Ademais, esixiu que se escoiten as reivindicacións do persoal do 112 para reducir riscos no desenvolvemento do seu labor e urxiu a asumir a xestión pública do 061, onde as traballadoras e traballadores “están dando o callo tras meses sen cobrar”.

Para finalizar, indicou que desta situación “hai que sacar conclusións das políticas de recortes contra a xente que se desenvolveron desde o seu goberno. Os recortes en sanidade conlevan máis dificultades en crises coma esta e custan sufrimento, dor e morte. Se Galicia tivese as mesmas camas que cando o PP chegou ao goberno, teriamos 800 máis. Se Galicia estivese na media estatal, teriamos 730 médicas e médicos e 945 enfermeiras e enfermeiros máis. Temos que abandonar esas políticas apostando polo público e o colectivo”.

Antón Sánchez: “O benestar dos maiores non pode ser moeda de cambio

 

Hoxe trasladará as propostas de Galicia en Común – Anova Mareas para superar a crise do Covid 19 na Comisión Permanente do Parlamento de Galicia.

Para Antón Sánchez esta crise evidenciou que “un sector público forte é garantía para a xente do común, agora toca reverter as políticas de privatización” que padecemos na década negra de Alberto Núñez Feijóo.

Compostela, 3 de abril de 2020. O voceiro do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, trasladará hoxe ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á Conselleira de Políticas Sociais Fabiola García, as propostas da coalición Galicia en Común Anova Mareas para superar a crise do Covid-19. A señora Fabiola García comparece despois dunha petición unánime do conxunto da oposición rexistrada esta mesma semana. Sánchez insistirá na encesidade de reverter as políticas de privatización da sanidade e dos servicios sociais aplicadas por Feijóoo

“Desgraciadamente agora vemos como a estratexia de privatización das residencias de maiores – case o 80% no noso país – asentou un modelo no que a administración se desentendeu das súas obrigas de vixiar e inspeccionar, convertendo un servizo para a atención dos nosos maiores nun lucrativo negocio”, dixo Antón Sánchez antes de entrar na sesión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia.

“Estamos diante dun problema no que a Xunta de Galicia foi incapaz de anticiparse pese a que xa había exemplos desta problemática en Italia e en Madrid, no que o primeiro caso foi rexistrado o 6 de marzo. Perdeuse calquera capacidade de anticipación pola inacción da Consellería de Política Social, que tardou semanas en intervir as residencias con positivos de Covid 19, tutelar as residencias privadas afectadas e reforzar aos traballadores e traballadoras con material de protección de calidade para impedir os contaxios”, subliñou.

Sánchez insistíu en durante os anos de Goberno do Partido Popular se desoíron as denuncias tanto das traballadoras e dos traballadores como das familias, que sinalaban as condicións de precariedade do servizo e a falta de persoal. “O lucro das empresas concesionarias estaba por diante da calidade na atención e as condicións laborais dos profesionais. Seguimos á espera de datos sobre a aportación da sanidade privada para a loita contra o Covid-19”, insistíu.

A xuizo do voceiro de Común da Esquerda, a nacción tamén chega á hora de despregar as competencias para protexer á cidadanía nestes momentos tan complicados. “Dende Galicia en Común – Anova Mareas propuxemos, como xa están a facer outros gobernos autonómicos, axudas directas para os autónomos. Tamén unha Renda Social para aquelas persoas que quedaron sen ingresos, e axudas para as persoas que teñen problemas a afrontar o pago do alugueiro como consecuencia desta crise”

Esta falta de compromiso contrasta cunha década de políticas nas que concederon beneficios fiscais aos grandes patrimonios e favoreceron determinados intereses económicos e empresariais. Dende Galicia en Común – Anova Mareas consideramos que neste momento é necesaria unha política fiscal xusta e progresiva onde quen máis ten aporte máis, para que esta crise non a paguen só os de abaixo.

Martiño Noriega: “É en momentos de crise como o actual cando nos damos conta do que significaron as políticas austericidas da década negra de Feijóo”

Galicia en Común – Anova Mareas denunciou hoxe os recortes na sanidade pública en Galicia nos últimos anos. 

Gómez Reino: “Galicia podería enfrontar mellor esta crise se Feijóo non tivera recortado un 21% o investimento en Atención Primaria”

Compostela, 2 de abril de 2020. Martiño Noriega incidíu en que a defensa da atención primaria “e protestar contra o seu deterioro foi a principal motivación da última multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública en Galicia, o pasado 9 de febreiro”. “Por desgraza, é en momentos de crise como o actual cando nos damos conta con toda a súa crueza, do que significaron as políticas austericidas da década negra de Feijóo, co peche de numerosos servizos sanitarios, co ocultamento das listas de espera e cunha precariedade laboral do persoal sanitario que é insoportable”.

Noriega quixo resaltar o traballo que desde a atención primaria se leva adiante “non só no combate desta pandemia do coronavirus, senón para previr calquera tipo de doenza”, defendendo este servizo “como o piar do noso sistema de saúde público porque é o máis próximo á cidadanía e o mais efectivo”. 

É por isto que “non se entende que Feijóo continúe a insistir nos seu enfraquecemento, facendo o contrario do que debería facer: dotar de recursos á atención primaria, non retirar os residentes estas semanas, organizar e coordinar mellor o servizo, derivarlle o seguimento e control domiciliario dos doentes de coronavirus mediante o programa Telea, entre outras medidas, e deixar de pensar na propaganda dos hospitais de campaña”. 

Nesta liña, Noriega secundou as afirmacións da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que vén de advertir que “se a atención primaria non asume o seu protagonismo na crise do coronavirus, o sistema sanitario poderá colapsar antes do previsto”.

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reiterou a necesidade de que a Xunta dedique todo o esforzo investidor necesario para reforzar o sistema público de saúde, e insistiu en que se os hospitais galegos acaban colapsando pola epidemia de  Covid-19 “boa parte da responsabilidade será de Feijóo, que leva anos recortando o orzamento sanitario”.

Gómez Reino advertiu que  as rebaixas sostidas no investimento en sanidade en Galicia durante os mandatos do Partido Popular supuxeron unha perda millonaria para o sistema, e lembrou que eses recortes “provocaron unha  depauperación progresiva da sanidade pública”.

“Galicia podería enfrontarse a esta crise con moitas máis garantías se Feijóo non tivera recortado un 21% o orzamento sanitario para Atención Primaria”, afirmou o portavoz da coalición, para lembrar que os recortes tamén afectaron á oferta de camas hospitalarias.”En Galicia había 10.434 camas cando Feijóo accedeu á Xunta. Hoxe son 900 menos, é dicir un recorte do 8,6%.” Se no 2009 a oferta hospitalaria era de 3,53 camas por cada mil habitantes, hoxe non chega ás 3,14, a terceira peor cifra de todo o Estado. 

Nese sentido, Eva Solla lembrou que os profesionais e usarios da sanidade galega levan anos denunciando os recortes. ”Neste decenio de Feijóo, a sanidade pública galega mantivo varias folgas: na atención primaria e nos puntos de atención continuada (PACs), contra a amortización de prazas, polas deficiencias no 061… E agora enfrontamos unha situación de crise  na que a sanidade pública ten que xestionar e facer fronte ás graves consecuencias e deficiencias que provocaron os recortes, e que afectan en definitiva á calidade da atención da nosa saúde” dixo .

 

Antón Sánchez aprema a Feijóo que aclare se vai intervir a sanidade privada para reforzar a pública

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas no Parlamento, Antón Sánchez, instou  hoxe ao presidente a que active as axudas aos autónomos tal e como xa fixeron outras partes do Estado.

En relación á proposta de Feijóo de pospoñer o pago do imposto de sucesións até xullo, Antón Sánchez afirmou: “Vostede ve razoable aprazarlle o pago de impostos ás persoas que teñen máis dun millón de euros? Nós vemos razoable aprazarllo aos pequenos negocios”.

Compostela, 26 de marzo de 2020. Galicia en Común-Anova Mareas aprema ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóo, a que aclare dunha vez por todas, tal e como lle solicitou hoxe a colaición, se vai intervir a sanidade privada para reforzar os recursos que precisan os hospitais públicos galegos que están presentando a batalla contra o Covid-19.

Dende a coalición, afeouselle hoxe a Feijóo que, unha vez mais, refusase  dar conta das xestións, se as hobuera, que está a facer o goberno galego para por todos os recursos e medios da sanidade privada ao servizo do interese xeral, tal e como permite o Real Decreto que regula o Estado de Alarma.

“Díganos cal é o papel da sanidade privada nesta crise tras anunciar o ano pasado beneficios históricos. Dar vacacións e despedir persoal?”, reclamoulle hoxe Sánchez no pleno na Deputación Permanente celebrado na cámara autonómica, lembrando o caso denunciado anteriormente pola coalición, da dirección de HM que, con cinco hospitais en Galicia, instou aos seus traballadores a cesar voluntariamente na súa actividade mediante esas fórmulas para reducir así os seus custes laborais.

Antón Sánchez lembroulle a Feijóo que “o aval da oposición non pode usarse para facer política partidista e a lealdade que nós amosamos ten que ser recíproca e institucional” ao tempo que lle afeou que “eluda as súas responsabilidades buscando chivos expiatorios noutras administracións”.

Dende Galicia en Común-Anova Mareas fíxose unha firme defensa da sanidade pública, tantas veces erosionado e minorado tras unha década de gobernos do PP.  “A pandemia pon ao descuberto o lesivo dos recortes realizados nos últimos anos fronte ao beneficio do capital. Estas políticas déixannos en desvantaxe para combatela”. O Covid-19 amosa que é a sanidade pública a que dá a cara e saca as castañas do lume cando hai dificultades. “Non volvamos ás andadas de desviar o orzamento público para beneficiar intereses privados. A oposición non estaría á altura se non lembra isto”.

Na súa intervención, Antón Sánchez agradeceu o esforzo e o traballo dos e das profesionais da sanidade pública e pediulle a Feijóo “estabilidade na contratación. Hai que acabar cos contratos lixo do persoal médico e de enfermería”.

Non foi a única cuestión na que Feijóo refusou dar explicacións a oposición. O presidente tamén evitou respostarlle á cidadanía en relación ao material que o goberno galego ten en stock. Galicia en Común-Anova Mareas entende escandaloso que habendo medio millón de mascarillas en stock os profesionais sanitarios non traballen coa debida protección e que, ademais, tras a queixa da Xunta de falta de material, o que hai aquí marche para Madrid.

“Aos dous días da declaración do Estado de Alarma vostede estaba criticando a falta de material como se a Xunta non tivera competencias. Días despois vemos que hai 500.000 mascarillas gardadas e que Galicia doará material sanitario a Madrid”.

En relación ás residencias de maiores, que están a ser un dos principais focos de contaxio en Galicia, insistíuselle a Feijóo na necesidade de medicalizalas e dotalas de máis recursos materiais e humanos, un dos asuntos que a coalición leva días reclamando e que se lle trasladou tamén por videoconferencia o pasado domingo. “Non poden convertirse nun negocio millonario para os fondos de investimento. A privatización das residencias, na que estamos á cabeza, tradúcese nunha peor atención aos nosos maiores”, un dos colectivos máis vulnerables nesta crise do Covid-19.

A coalición pediu tamén ao goberno galego que a crise económica e social derivada da expansión da pandemia non a paguen os de sempre. “Non pode acontecer como en 2008. Temos que lograr unha saída xusta”. Feijóo non aclarou se contempla rebaixar cargas e impostos á xente traballadora e aos autónomos mentres anunciou aprazar até xullo o imposto de sucesións, que en Galicia pagan tan só as rentas máis altas. “Vostede ve razoable aprazarlle o pago de impostos ás persoas que teñen máis dun millón de euros?”, preguntou Antón Sánchez. “Nós vemos razoable aprazarllo aos pequenos negocios”.

GeC-AM urxe a Feijóo que asuma as súas competencias, que deixe de botar balóns fóra e que aprobe unha liña de axudas a fondo perdido para PEMES e persoas autónomas. “Xa hai Comunidades Autónomas que aprobaron axudas directas. Por que vostede non o fai?”, preguntou Sánchez.

Por último, ínstouselle a Feijóo a elaborar uns novos orzamentos co consenso de todas as forzas do arco parlamentario galego. Este documento orzamentario debería incluir medidas de redistribución fiscal. “Que pague máis quen máis teña”.

Martiño Noriega urxe a Feijóo “a deixar de ser unha delegación de Génova 13 e exercer as súas competencias para intervir as residencias privadas”

O candidato lamenta que “a crise do coronavirus está evidenciando as consecuencias da pouca querencia que o PP tén polo público”

Martiño Noriega insistiu en que “as consecuencias da privatización vense tamén nas residencias da terceira idade, que en moitos casos foron construídas pola Xunta e despois concesionadas, ou que foron directamente privatizadas por Feijóo, como as de Viveiro, Vimianzo, Monforte ou Ourense”.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2020.- Martiño Noriega instou hoxe a Alberto Núñez Feijóo a exercer “nas áreas nas que tén competencias exclusivas, como son a Sanidade ou as Políticas Sociais, e a deixar de actuar na crise do coronavirus como un delegado de Génova 13”. O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “o covid-19 está deixando en evidencia as graves consecuencias da acción privatizadora da Xunta do PP, e é agora cando toca reivindicar o valor do público”. En concreto, Noriega referiuse ás residencias de maiores, que a coalición de esquerdas urxe a dotar de medios e de persoal, debidamente equipado e protexido, para o coidado das persoas máis vulnerables diante desta pandemia.

Martiño Noriega insistiu en que “as consecuencias da privatización vense tamén nas residencias da terceira idade, que en moitos casos foron construídas pola Xunta e despois concesionadas, ou que foron directamente privatizadas por Feijóo, como as de Viveiro, Vimianzo, Monforte ou Ourense”. Ao respecto, lembrou o caso da residencia privada do barrio compostelán de San Lázaro, na que na última semana se detectaron sete casos positivos de coronavirus, e “onde as traballadoras recoñeceron non estar preparadas para atender unha situación que obrigou a illar nunha das plantas do edificio a 67 persoas”

Medicalización das residencias de maiores

Martiño Noriega referiue así á petición que Galicia en Común-Anova Mareas lle reiterou hoxe a Alberto Núñez Feijóo para que medicalice todas as residencias de maiores do país, tanto as públicas como as privadas, exercendo as súas competencias en Política Social e as previstas na Orde 275/2020, de 23 de marzo do Ministerio de Sanidade -publicada hoxe no BOE-, que faculta ás comunidades autónomas a que interveñan as residencias privadas en función da situación epidémica e asistencial, considerándoas como servizo esencial na loita conta o Covid-19. Esa demanda xa fora formulada na xuntanza telemática con Feijóo que mantivo o domingo Antón Gómez Reino, que hoxe reiterou que “cómpre actuar sen demora e reforzar no inmediato a dotación de persoal e medios, debidamente equipados e protexidos, para o coidado das persoas máis vulnerables que requiren dun maior esforzo médico e asistencial extremadamente agravado pola pandemia do Covid-19 que nos azouta”. O candidato da coalición incidiu en que “a Xunta ten que asumir as súas competencias, non só aplicando esa orde senón tamén indo máis alá dese documento”

Así, a coalición súmase á demanda das traballadoras de residencias como a San Carlos, en Celanova, onde tan só hai 4 persoas para atender a 54 residentes no que é o foco máis grande de positivos por Covid-19 de Galicia, con 20 persoas contaxiadas e unha persoa falecida. Unha situación dramática que preocupa severamente a Galicia en Común-Anova Mareas, e que comeza a ter réplica noutros centros galegos. “O caso de Celanova é un dos moitos exemplos de privatización das residencias, cun 25% das prazas concertadas e no que vemos como a privatización da asistencia aos nosos maiores foi a peor solución. Precisamos un futuro onde apostemos decidamente polo público, sen escatimar esforzos e recursos”, destaca a coalición.

Ao tempo, reclámase a desinfección periódica destas instalacións e tamén que se evacúen a outros centros a aquelas persoas residentes que teñan maior vulnerabilidade e cuxa saúde se poña en risco ao non contar estas instalacións cuns requisitos mínimos de seguridade. A coalición solicita tamén que se actúe sen demora noutros dous puntos que son moi vulnerables como os centros de menores e de persoas dependentes, poñendo o foco e o esforzo na súa axeitada protección.

Recoñecemento ás traballadoras dos coidados

A número 1 da coalición pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, quixo poñer en valor o inxente traballo que están a facer as traballadoras e o persoal de coidados -nun sector altamente feminizado- tanto nos centros públicos, con moitas eivas, como nos privados, onde o modelo de negocio que se impuxo en Galicia na última década se estivo a lucrar a costa de abaratar a asistencia, recortando en persoal e a calidade do servizo.

Por último, Galicia en Común-Anova Mareas, volveu mostrar hoxe o seu recoñecemento “ao sacrificio e o exemplo cívico da sociedade galega no seu conxunto e das galegas e dos galegos que están na primeira liña de defensa deste combate contra o Covid-19, particularmente aos sanitarios, pero tamén transportistas, persoal de coidados, servizos de emerxencia…”. “Todas elas”, insistiu o candidato Gómez-Reino, “fan que vaiamos adiante xuntas e unidas”.

Antón Sánchez: “Estamos satisfeitos por ter acadado un acordo unitario da esquerda de ruptura deste país”

Martiño Noriega irá de número 3 na lista da Coruña, Miguel Anxo Ferán Vello encabezará a candidatura de Lugo, e Iria Figueroa será a número 2 por Pontevedra.

Teo, 29 de febreiro de 2020.- Antón Sánchez compareceu hoxe despois da nosa Coordinadora Nacional para informar sobre os debates que mantivemos, centrados no acordo ao que chegou Anova e as principais mareas municipalistas do país con Galicia en Común.

Antón Sánchez valorouno como positivo para “rematar cos dez anos negros de Feijóo, para os que vai ser decisivo este acordo para a súa derrota”. Nese sentido afirmou que “Galicia precisa un cambio de rumbo inmediato e urxente, por iso imos tamén a poñer as mellores candidatas e candidatos”.

“Son garantía do que pretendemos, que non haxa só un cambio de cromos na Xunta de Galicia se non que tamén haxa un cambio de políticas”

Sobre a presenza de Martiño Noriega nas listas Antón Sánchez afirmou que é “unha peza moi importante que aporta moito valor á candidatura” e que a súa presenza “vai ser moi importante para a derrota de Núñez Feijóo porque representa esa parte soberanista e municipalista da coalición”. Tamén afirmou que Martiño Noriega “está disposto e asume este compromiso con toda a enerxía”.

De Miguel Anxo Fernán Vello, cabeza de lista por Lugo, destacou que é un “referente político pero tamén cultural e literario, cunha longa traxectoria e un compromiso moi forte con este país, unha persoa da máxima confianza dos homes e mulleres de Anova”. Destacou del a súa experiencia en dúas lexislaturas no Congreso dos Deputados, no que defendeu os intereses da provincia de Lugo e de Galicia.

Sobre Iria Figueroa trasladou que “é unha moza de 23 anos que sabe o que é a precariedade”. É xornalista e leva desempeñando diferentes traballos dende que rematou a carreira. Tivo un papel moi destacado no movemento estudantil e “traballou e traballa no movemento xuvenil soberanista de forma intensa”.

“Sempre dixemos que o traballo na institución non é o único”

Así deu resposta Antón Sánchez diante das preguntas dos medios de comunicación sobre cal ía ser o seu papel neste período que se abre. Afirmou que pensa centrarse no “traballo orgánico como Portavoz Nacional” e que na decisión de non ir nas listas “pesaron elementos colectivos e tamén elementos persoais.”

Remata así un período de oito anos no Parlamento de Galicia na que destacou polo seu traballo a carón da sociedade civil e cos colectivos sociais e a Galicia que se move. Nese sentido afirmou que “a vida son etapas e que hai que cambiar” e que “para nós o compromiso é para toda a vida”.

Anova asina o «Manifesto en apoio ao movemento ecoloxista da Limia»

Anova apoia o «Manifesto en apoio ao movemento ecoloxista da Limia». A continuación tendes o texto completo do documento e a lista de entidades políticas e cívicas que manifestamos o noso apoio ao activista Manuel García despois da demanda interposta por COREN.

O vindeiro día 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia o acto de conciliación previo á demanda civil  de COREN contra o compañeiro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García. A causa ten a súa orixe nunha suposta intromisión ilexítima no dereito ao honor de dita empresa, por facer “imputacións falsas” contra ela nun programa de “España Directo” emitido en setembro do pasado ano. A empresa estima os danos e prexuízos nun millón de euros.

 

O MEL leva anos denunciando os efectos da gandaría intensiva no val do Limia, a mala xestión dos residuos das granxas, o deterioro das augas pola acumulación de nitratos e a eutrofización das augas; e loitando pola protección da comarca, a produción agrícola ecolóxica e a gandaría extensiva.

 

Os colectivos que asinamos este manifesto queremos mostrar a nosa solidariedade co compañeiro do MEL, ao tempo que a nosa sorpresa porque se admita a trámite semellante despropósito. Parece obvio que, con este tipo de actuacións, o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas.

 

A gandaría industrial ten repercusións ambientais innegables, especialmente sobre a auga e sobre os solos. A cantidade de xurros e residuos xerada por este tipo de industria é un grave problema para as zonas máis afectadas.

 

Esta industria é responsable dunha parte importante das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Ademais, as grandes extensións de cultivos destinadas a producir os alimentos para os animais criados de xeito intensivo provocan a deforestación de enormes extensións no noso planeta.

 

En Galiza hai zonas, como a Limia, onde as consecuencias destas prácticas supoñen un problema cada vez maior. O val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros, residuos que en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo; e que son vertidos mesmo en espazos protexidos, nas inmediacións de cursos de auga, en balsas sen impermeabilizar, pasando así ao solo e contaminando este e os acuíferos. A gravidade da situación fixo xurdir novos colectivos que a denuncian, como a Plataforma Auga limpa xa.

 

É por este tipo de cousas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de tirar das orellas á Consellería de Medio Rural, indicándolles, mediante resolución, a necesidade de declarar como zona vulnerable a Limia. A resposta da Xunta de Galicia non foi, como sería de esperar, a adopción de medidas de protección para a zona, senón a presentación de alegacións a esa resolución. Deste xeito, a Xunta defende os intereses das grandes empresas do sector, aínda que sexa a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo.

 

Non é a primeira vez que en Galiza a industria gandeira intenta tapar a boca a quen denuncian as súas malas prácticas. Xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaran ao xulgado. Consideramos moi grave o axuizamento do noso compañeiro, un axuizamento que non é
outra cousa que utilizar a Manuel como cabeza de turco para tratar de intimidar a quen se atreva a falar. Non pode ser que cando denunciamos prácticas agresivas para o medio ambiente sexamos nós quen sente no banquillo. Non pode ser que se sinalamos desfeitas queiran cortar o dedo que sinala, en lugar de frear esas desfeitas.

 

Non imos deixar que nos poñan a mordaza. Seguiremos denunciando as malas prácticas da gandaría industrial, e loitando por unha produción de alimentos racional e sustentable.

#NonÁGandaríaIndustrial

#NonNosVanCalar

Asinan este manifesto: 1. A Ría Non Se Vende, rede de colectivos. 2. A Terra Non Se Vende.  3. ADEGA. 4. ADENCO. 5. Agora Galiza-Unidade Popular. 6. Amigos da Terra. 7. Amigos das Arbores de Ourense. 8. Anova. 9. Asociación Ambiental Petón do Lobo. 10.Asociación Ambiental Senda Nova. 11.Asociación Cova Crea. 12.Asociación de Víctimas de la Justicia. 13.Asociación Fontaíña. 14.Asociación O Bión. Xinzo de Limia. 15.Asociación Pola Defensa da Ría, Pontevedra. 16.Asociación Sachos á Rúa. 17.Centro para a Resiliencia Pousadoira. 18.Colectivo Ecoloxista Luita Verde. 19.Colectivo Matogueira. 20.Comité pola Memória Histórica do Val do Límia.
21.Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga. 22.ContraMINAcción. 23.Ecoloxistas en Acción Galicia. 24.Greenpeace Galicia. 25.Grupo Común da Esquerda. 26.Grupo Municipal EU Son do Porriño – Son en Común. 27.Mesa de Equo Galicia. 28.O Grelo Verde, colectivo pola agricultura ecolóxica. 29.O Ouriol do Anllóns. 30.Organización Cerna. 31.Plataforma Auga Limpa Xa! 32.Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. 33.Plataforma Monte Neme. 34.Plataforma pola Defensa do Rural. Ponteceso. 35.Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non. 36.Salva la Selva. 37.Salvemos Monteferro. 38.Sindicato Labrego Galego. 39.Sociedade Galega de Ornitoloxía. 40.SOS Groba. 41.Vaipolorío. 42.Verdegaia. 43.Véspera de Nada.

Antón Sánchez: “Temos que presentar unha alternativa que dea continuidade ao traballo iniciado en AGE”

Anova reuniu hoxe á súa Coordinadora Nacional en Teo para valorar os diferentes escenarios abertos para as eleccións deste 5 de abril.

Antón Sánchez afirmou que “non queremos que as mareas sexan convidados de pedra, queremos que sexan actores principais”

Teo, 15 de febreiro de 2020.- Hoxe Anova reuniu á súa Coordinadora Nacional nunha xuntanza que tiña como obxectivo analizar a situación de cara ás eleccións do 5 de abril. En declaracións aos medios de comunicación, o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez afirmou que “apostamos por unha Fronte Ampla e por unha candidatura disposta a disputar hexemonías a PP e PSOE”. Nese sentido fixo un chamamento a “insistir en fórmulas que deron resultados nos últimos anos, fórmulas que foron apoiadas pola cidadanía.”

Nese sentido Antón Sánchez informou sobre os contactos realizados, “o traballo do diálogo coas organizacións coas que durante anos mantivemos alianzas en varios comicios”, que non se circunscribiu só ás organizacións políticas, se non que tamén tivo presente ao municipalismo galego e aos colectivos cidadáns organizados fóra de estruturas partidarias.

Sumar actores para ter a potencia transformadora suficiente

Antón Sánchez afirmou que as mareas “teñen que ser un actor”, dende o respecto absoluto “aos seus debates e tomar as súas decisións”. Pola súa pluralidade e a suma de actores diversos, tanto dos movementos como dos partidos, “nas mareas é onde se deu con máis éxito a Unidade Popular” polo que “son referentes para nós”.

Antón Sánchez afirmou que era necesario “tratar de sumar dialogando con Podemos e con Esquerda Unida”, aínda que neste intre detectamos que Unidos Podemos aposta nesta altura por “presentar o seu proxecto político, algo lexítimo nunha organización política cos que temos compartido moito”

Anova agarda que Podemos e Esquerda Unida non abandonen o proceso de Unidade Popular encetado dende 2012

Non pechou a posibilidade de abrir a opción, xa que “queremos que estean neste camiño” Nese sentido Antón Sánchez afirmou que “estamos traballando par de mareas, colectivos e organizacións que traballaron na Unidade Popular teñan unha expresión electoral o vindeiro 5 de abril. Faremos todos os esforzos posibles porque se sumen a esa alternativa outras forzas políticas, Podemos e Esquerda Unida, porque cremos que sería positivo.”

Cando os medios volveron insistir sobre esta cuestión, Antón Sánchez insistiu en que nestes momentos “a proposta que se pon enriba da mesa por parte de Unidos Podemos é que nos sumemos a Unidos Podemos”. Nese sentido afirmou que nós apostamos por “darlle continuidade ao camiño de Unidade Popular que se baseou nun encontro entre iguais, no respecto da diversidade e na suma, esa é a diferencia política”. Nese sentido afirmou que “agardemos que os compañeiros desas organizacións – en referencia a Podemos e Esquerda Unida – reconduzan esa situación cara a Unidade Popular”.

Anova contribuirá a abrir unha nova etapa en Galicia

Anova será leal ao legado destes anos, onde traballou dende a xenerosidade, para construír unha alternativa de ruptura coas políticas lesivas do Partido Popular.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2019.- Dentro de 55 días os galegos e galegas remataremos nas urnas coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo. Debemos poñer políticas que garantan unha Galicia social, que remate cos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais.

Dende Anova consideramos que é fundamental rematar con dez anos de goberno que non fixeron outra cousa que deteriorar o benestar de galegos e galegas. O goberno de Núñez Feijóo non deixa de ser unha coalición do Partido Popular con determinados intereses empresariais, cuxo programa confronta cos intereses da xente do común e coa defensa da soberanía de Galicia.

Dende Anova traballaremos con xenerosidade e altura de miras para sumar como levamos facendo dende 2012 e poder rematar canto antes coas políticas anti-sociais do Partido Popular. Estaremos presentes o 5 de abril co obxectivo de abrir a nova etapa que Galicia merece.

Precisamos acadar unha nova maioría parlamentaria que a partir de abril poña os intereses da xente do común por riba dos das grandes corporacións. Dende unha aposta ambiciosa que reverta os recortes na sanidade e no noso sistema de benestar, cunha aposta decidida pola nosa lingua e a nosa cultura, que reforce o autogoberno e camiñe a prol da soberanía de Galicia.