Antón Sánchez: “A revisión das políticas da auga debe se ir encamiñada a mellorar a eficiencia do seu uso»

Antón Sánchez presentou en comisión unha proposición non de lei na que se insta a actuar contra a seca ante a falla de acción e previsión do Goberno galego na que destacou a necesidade de revisar a política de uso da auga nun contexto de cambio climático onde un ben escaso a preservar, como é a auga, vai escasear máis en determinados períodos. Isto tradúcese na necesidade “inmediata e urxente” de revisar o Plan da Auga e do Plan da Seca, dous instrumentos de planificación hidrolóxica, e a coordinación desta revisión coa elaboración en marcha da Estratexia de Loira contra o cambio climático.

Para Antón Sánchez “a revisión das políticas da auga debe se ir encamiñada a mellorar a eficiencia do seu uso, reducir as perdas nas redes de condución e distribución, que en Galiza son das máis altas do Estado, política para reducir o consumo dos grandes consumidores, sobre todo na industria, e medidas concretas para a redución do consumo nos fogares”. Estas medidas non están suficientemente desenvoltas actualmente “polo desleixo do Goberno galego”.

Sánchez salientou tamén a tardanza do Goberno galego para tomar en serio o que suporían os efectos do cambio climático. De feito estamos a finais de 2017 e aínda se está a comezar a elaborar a estratexia galega de loita contra o cambio climatico. A revisión do Plan Seca e do Plan Auga deberá de coordinarse con dita estratexia.

Por todo isto, fíxose unha proposición non de Lei que foi aprobada por unanimidade e cuxo texto transaccionado recolle o compromiso de instar á Xunta de Galicia a:

  1. Establecer de xeito acordado e conveniado cos Concellos que se atopen en situación de alerta ou de emerxencia, en especial cos de menos de 20.000 habitantes, as medidas necesarias para garantir un correcto abastecemento de auga, de xeito que se poidan executar as obras ou actuacións de urxencia necesarias para garantir dito abastecemento
  2. Seguir avanzando na mesa de Augas dentro da Estratexia de Cambio Climático incorporando, á maior brevidade posible, a actualización do Plan da Seca e do Plan Auga nos que xa se está traballando.
  3. Seguir avanzando nas mesas polo Pacto Local da Auga, e en colaboración cos Concellos, co obxectivo de facer máis eficiente o ciclo integral da auga a través de medidas como a estrutura tarifaria (diferenciando e discriminando dun xeito máis ponderado os usos domésticos e industrial, grandes consumidores, a prol do doméstico) así como a eficiencia no seu uso.

Antón Sánchez: «A Lei de Rehabilitación baleira os núcleos para darllos aos lobbies inmobiliarios»

Antón Sánchez, no Parlamento de Galicia, a conta da Lei de Rehabilitación sinalou: “A nova Lei de Rehabilitación da Xunta modifica leis de hai só 2 anos pola porta de atrás. Significará un caos normativo e liberalizador para beneficio dos lobbies promotores. Non queremos políticas de exclusiva rehabilitación arquitectónica nin leis que expulsan á xente das súas casas para darllas ás grandes promotoras. Esta Lei de Feijóo crea un gorentoso mercado coas ruínas dos núcleos rurais convertendo os concellos en verdadeiros axentes inmobiliarios. Baleirado de núcleos provócase abandono, coa entrada de capital privado desembocará en xentrificacion. Ese é o fluxo especulador da nova Lei. O “Canon do Abandono”, nova figura de dubidosa legalidade, mentres seguen sen regular o incremento do IBI para vivendas baleiras. Con esta nova Lei a Xunta abre tamén a porta á expropiación forzosa, que non é máis ca un elemento extorsionador polo que aceptas o convenio ou che minoran o 50%. En definitiva, a Lei modifica pola porta de atrás as Leis do Solo e a de Patrimonio. É o xogo revolto e a falta de planificación aos que nos ten acostumados o PP».

En Marea consegue que se paralice a poxa dos xacementos de Pena Grande e que se cedan gratuitamente ao Concello de Vilalba

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, confirmou este xoves co ministerio de Facenda que finalmente se paralizará a poxa dos xacementos de Pena Grande e que cederá os terreos de xeito gratuito ao concello de Vilalba.

En Marea presentou varias iniciativas no Congreso para paralizar esta poxa, pero dada a urxencia e o constreñido dos prazos da poxa, que tiña previsto celebrarse o 15 de decembro, Fernán Vello decidiu dirixirse directamente ao Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no pleno Congreso.

“Esixinlle en nome de En Marea retirar de imediato a poxa destes terreos e proceder a cedelos ao concello de Vilalba ou á Xunta a fin de poñelos en valor”, asegura o deputado.

Montoro “amosouse receptivo” na conversa mantida con Fernán Vello e aseguroulle que faría xestións canto antes para solucionalo.

O deputado de En Marea por Lugo quere amosar a “súa satisfación por ter conseguido parar un auténtico despropósito”.

“Estaba en xogo o noso patrimonio, os nosos vestixios do Paleolítico, que ían ser vendidos sen ter en conta o seu alto valor histórico e cultural”.

Neste sentido, agradeceu a receptividade do ministro que foi quen de escoitar a demanda de En Marea, que en definitiva contiña a demanda social, de organizacións culturais e colectivos diversos “para que se paralizase unha barbaridade tecnócrata”.

Fernán Vello afirma que “debemos aproveitar este tipo de feitos para reflexionar a fondo sobre a situación e o estado no que se atopa unha boa parte do noso patrimonio arqueolóxico ou histórico-cultural para que non domine o abandono nin a indiferenza, e sobre todo, evitar que as propias Administracións practiquen o desleixo absoluto”.

Antón Sánchez: «A Lei de Acompañamento busca engordar patrimonios privados a conta de recursos públicos»

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galiza, Antón Sánchez, sinalou: «É unha lei de fraudes, contabilidade cosmética e fracasos, a Lei de Acompañamento caníbal do PP só busca crear un mercado onde se enriquezan amigos políticos e comisionistas agradecidos. Así engordan patrimonios privados a conta dos recursos públicos. Entregan o monte ao capital máis voraz. Engordan a industria do lume. Non se cansan de poñerlle alfombras vermellas a empresas de destrución coma ENCE e elas non se cansan de engraxarlles as portas rotatorias»

Antón Sánchez: «Que paixón pola Constitución cando se trata de Catalunya, e que pouca cando se trata da vivenda!»

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia e portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, critica as políticas “superficiais e de propaganda” do PP e do Goberno Feijóo coas que tentan agochar o seu total fracaso en política de vivenda e a súa “complicidade” no drama dos desafiuzamentos que en Galicia continúan a medrar.

Os desafiuzamentos medran en Galiza. Externalizan ata a planificación do transporte. As políticas da Consellería de Vivenda e Infraestruturas é totalmente improvisada, e un absoluto fracaso. Soamente manteñen políticas superficiais e de propaganda que non obteñen resultados positivos.