A rebelión cívica como motor da emancipación social

Resolución aprobada pola Coordinadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista logo das eleccións municipais do 24 de maio de 2015

A conformación de candidaturas populares para as eleccións municipais é un chanzo básico na articulación dunha Fronte Democrática e Popular para a creba democrática e novos procesos constituíntes. O horizonte está nas próximas eleccións xerais. Nelas se albisca se cadra o futuro do réxime; a creba e o proceso constituínte serán posibles na medida en que a esquerda social e política do estado español sexa capaz de trasladar unitariamente ás institucións un programa de ruptura no social que parta do recoñecemento dos pobos galego, catalán e vasco e do seu dereito a decidir. Esa Fronte Democrática e Popular ten que ser expansiva, non excluínte, e acoller a todas aquelas organizacións sociais e políticas que concorden nun programa de mínimos: Autodeterminación, República, Democracia radical e outro modelo social e económico. E tamén a cidadás e cidadáns do común sen adscrición organizativa.

II AN de Anova. Extracto da tese política. Outubro de 2014

As eleccións municipais do pasado 24 de maio constataron que o ciclo político que comezou coa II Restauración Borbónica está nos seus últimos días. A rebelión cívica como motor da emancipación dos individuos, das clases e dos pobos esmagados, demostrada coa proxección da cidadanía exercente cara ás institucións políticas, pode constituír un primeiro chanzo para acadar o obxectivo da creba democrática e a construción colectiva dunha nova orde social que, para Anova, debería ter tres elementos centrais: dereito a decidir, democracia radical e novo modelo económico e social.

Ao noso xeito de ver, os anteditos comicios corroboran que as teses defendidas na constitución de Anova e no posterior chamamento á fronte ampla realizado por Xosé Manuel Beiras o 25 de xullo de 2012, coinciden co camiño común a seguir para enfíar tamén un novo proceso constituínte, cerne do proxecto estratéxico de Anova. Que milleiros de novos actores, con e sen afiliación partidaria, configurasen un novo suxeito, novos faceres, novos protagonismos, novas alianzas e novas ilusións é, xa que logo, enormemente satisfactorio. Así, este ciclo histórico que estamos a vivir é, ao noso xuízo, o remate dunha época e o agromar dunha nova na que o protagonismo debe ser dos pobos e da cidadanía, uns pobos e unha cidadanía dispostos a rematar coa soberanía e a democracia de cartón que hoxe rexe nas diferentes institucións políticas.

Neste contexto, os resultados concretos dos comicios do 24M toman máis importancia dende un ollar cualitativo que cuantitativo. Moi significativo é que as tres maiorías absolutas que ostentaba o PP nas cidades galegas fosen contundentemente contestadas polas mareas que, asemade, tamén adquiren relevancia noutras cidades, vilas e pobos, sendo nalgunhas chave de goberno. Que estruturas plurais saídas destes procesos tiveran excepcionais resultados en cidades como A Coruña e na propia capital do país é toda unha revolución dentro dun panorama político que levaba tres décadas estancado. E é, tamén, unha derrota sen precedentes do malgoberno de Núñez Feijoó.

Anova considera que se os procesos de unidade popular, co evidente e irrenunciábel protagonismo da cidadanía exercente, continúan, podemos estar, como pobo, en disposición de concorrer ás vindeiras eleccións ás Cortes para cambialo todo, por canto é nese campo de acción onde se pode dar unha mudanza a fondo do estreito marco legal. Do contrario, moitos dos esforzos realizados a nivel municipal terán demasiado efectos moi limitados na vida das persoas, pois as leis estatais esganan estas institucións converténdoas en meras consignas ou oficinas de xestión.

Así mesmo, compre salientar o papel político xogado pola sociedade galega en todo o xa longo proceso de desafío ao réxime do 78. Antes ca ninguén, este país xa ensaiou a confluencia e as novas formas de entender a política partidaria, demostrando así que somos un pobo lúcido, audaz e na vangarda política do estado español; este perfil propio é un capital político ao que, baixo ningún concepto, imos renunciar nas vindeiras eleccións xerais.

A unidade popular, a rebelión cívica, a creba democrática e a apertura dun novo proceso constituínte de múltiples dimensións, no que a nosa nación poida decidir, resumen, efectivamente, o proxecto estratéxico polo que pula Anova, mais sempre baixo o prisma de que o motor principal está na cidadanía e que as organizacións políticas deben actuar como motores auxiliares. Corresponde pois a esta cidadanía definir se os procesos continúan e se cómpre artellarse en clave galega cara a obxectivos comúns. Ese é o noso desexo e iso defenderemos de xeito transparente como organización política participante coa súa militancia nestes procesos, pero non é Anova-IN quen ten que marcar nin os tempos nin os roteiros. É a cidadanía consciente no seo da sociedade civil.

É por isto que, dende Anova-IN, non facemos lecturas de parte, porque non terían sentido, pois decidimos cooperar e contribuír na medida das nosas posibilidades coa nosa bagaxe militante, as nosas posicións ideolóxicas e políticas, as capacidades analíticas e propositivas do noso cerebro colectivo e, sobre todo, coa participación en pé de igualdade canda outros suxeitos na configuración dunha alternativa real a todo o que representa o bipartidismo e o réxime do 78.

Dito isto, Anova exhorta á cidadanía activa a que abra un proceso de interlocución entre todos e todas para catapultar toda esa forza expresada nas municipais no combate nunhas eleccións ás Cortes que abran un novo proceso constituínte.

Xa para rematar, alén de parabenizar dende Anova a todas as opcións de unidade popular que obtiveron representación nas corporacións municipais, é importante que sexamos conscientes de que a tarefa urxente agora é deixalas traballar sen interferencias para que poidan pór os concellos ao servizo dos veciños e veciñas do país. Os novos gobernos teñen unha gran responsabilidade na que virtudes como a cooperación, a humildade, a xenerosidade, a dedicación e a primacía do ben común serán fundamentais. Sen iso por diante, nada terá sentido.

Seguimos camiñando. Dende abaixo e á esquerda sempre.

Teo, 30 de maio de 2015

Programa marco de Anova-IN. Municipais 2015

Estes eixes éticos e programáticos foron aprobados na II Conferencia Política Municipal de Anova celebrada no Museo Verbum de Vigo, o 24 de xaneiro de 2015. Trátase duns eixes básicos, de carácter aberto, que sirvan como base para a elaboración de programas de goberno específicos para os diferentes concellos galegos.

Anova aposta pola coalición instrumental como ferramenta para sumar esforzos na transformación dos concellos

ANOVA-IN ve nas próximas eleccións municipais unha oportunidade para abrir un proceso constituinte galego no que o Pobo se configure como suxeito soberano para decidir sobre todos os aspectos sen exlusión.

É por iso que, desde a nosa crenza na unidade de acción e na autoorganización popular, estamos a apoiar e participar, no ámbito cidadán e coma un actor máis, nas candidaturas populares que ese conformaron ao longo do país, e a impulsar frontes amplas alí onde non existen iniciativas cidadás.

Toda vez que o proceso de conformación de candidaturas está a avanzar e a consolidarse, desde Anova facemos unha aposta por sumar esforzos para a conformación dunha COALICIÓN INSTRUMENTAL entre todas as candidaturas incardinadas no espazo de ruptura, que permita a configuración dunha alternativa global fronte aos partidos do Réxime respectando as especificidades de cada concello e a autonomía de cada proceso de acumulación de forzas a nível municipal.

A Coalición Instrumental é a fórmula legal que permite a todos os procesos locais participar en pe de igualdade, con independencia da súa configuración interna e do seu ámbito de actuación. Esta fórmula non condiciona as dinámicas propias de cada concello e permite dar cobertura a totalidade dos mesmos, tecendo unha unidade de acción dentro da pluralidade. Así, despois de crear un partido instrumental no concello para presentarse ás eleccións, este se pode coaligar a nível provincial coas iniciativas do resto de concellos e fórmulas partidarias, a xeito de confederación de candidaturas soberanas. A coalición instrumental permite”:

  • Sumar esforzos para dar a batalla polas Deputacións Provinciais, pois todos os votos das candidaturas de unidade popular computarían nunha única candidatura no ámbito dos partidos xudiciais para a elección de deputadas e deputados provinciais. As Deputacións, entes opacos e antidemocráticos, son o niño da corrupción e o clientelismo no noso País, e as súas competencias foron reforzadas pola regresiva reforma da Lei de Bases do Rexime Local promovida polo PP, afectando de maneira especial aos concellos de menos de 20.000 habitantes (o 90% dos concellos de Galiza). O proceso de democratización dos concellos non se pode ver freado ou condicionado por non sermos quen de trasladar a ese ámbito o cambio municipal.
  • Respectar a autonomía de cada proceso municipal. Todas as iniciativas formalizadas como partidos instrumentais poden participar na coalición en pe de igualdade, como un axente máis, participando colectivamente das decisións políticas e do retorno financeiro se o houber. Entrar na coalición non condiciona nin o programa, nin o discurso, nin a candidatura con que en cada concello o proceso municipal decidira concurrir.
  • Respectar a identidade de cada proceso municipal. As iniciativas cidadás poden concurrir co nome elexido por ellas, que será o empregado na propaganda e na campaña de xeito totalmente independente, engadindo unicamente unha marca e símbolo común nas papeletas de votación, que non distorsione o nome da candidatura.
  • Dar amparo a aqueles procesos municipais nos que non fora posibel viabilizar legalmente a tempo a conformación dun partido instrumental de ámbito local. As iniciativas poderían acollerse a esta fórmula sen ningún condicionate engadido.

É por iso que Anova-IN está a desenvolver conversas con toda a diversidade de axentes implicados nos distintos procesos de cara a viabilizar esta fórmula e fai un chamamento á confluencia electoral para rendabilizar os esforzos de cara a transformar as eleccións municipais de maio no punto de arranque da ruptura democrática para cambialo todo.

Galiza, 11 de febreiro de 2015.

Documento estratéxico sobre as eleccións municipais 2015

O presente documento foi aprobado na Conferencia de Política Municipal de Anova-IN do 24 de xaneiro de 2015 en Vigo.

O presente documento servirá de base para a II Conferencia Nacional sobre as eleccións municipais do 2015, que Anova-IN celebrará no mes de xaneiro, despois de ser debatido na Coordinadora Nacional do 10 de xaneiro.

Durante os meses anteriores, Anova-IN avanzou unha posición, tanto en organismos de representación como na I Conferencia Nacional sobre as municipais do 2015, na que está sintetizada a nosa defensa da autoorganización popular e a nosa crenza na unidade de acción entres as forzas políticas e sociais para afrontar as vindeiras eleccións municipais.

Anova ve nas próximas eleccións municipais unha oportunidade para abrir un proceso constituínte galego no que o Pobo se configure como suxeito soberano con capacidade para decidir sobre todos os aspectos sen exclusión. Este proceso só será efectivo mediante a loita común pola creba democrática co réxime do 78 e a democracia real nos diferentes pobos e nacións do estado.

Entre as cuestións acordadas previamente sinalamos:

  • ANOVA-IN aposta por apoiar e participar, no ámbito cidadán e coma un actor máis, nas candidaturas populares que se constituíron e se están a conformar ao longo do País. Neste sentido, reafirmamos o noso máximo respecto polos axentes sociais activos que as promoven. A función da militancia de Anova-IN debe ser a de acompañar e colaborar, en termos de radical igualdade coa cidadanía, non dirixir, non suplantar, non cooptar. Para a escolla das candidaturas populares e a elaboración do programa local, defendemos un método baseado no proceso asembleario, participativo e aberto, sen exclusións nin vetos previos.
  • Nos concellos onde non existan candidaturas cidadás, Anova-IN fai un chamamento á conformación de Frontes Amplas e candidaturas de unidade popular por parte das forzas políticas e sociais rupturistas, xunto ao tecido social local organizado e á cidadanía crítica. Para iso debemos ser inclusivos, apostando por dar resposta ás demandas locais duns concellos novos baseados na transparencia, a loita contra a corrupción e a recuperación do público e dos servizos esenciais.

Cómpre pois, tanto na Coordinadora Nacional do día 10 de xaneiro como na vindeira II Conferencia Nacional sobre as municipais do 2015, concretar unha posición definitiva sobre cuestións abertas que suscitaron debate previamente.

1. Candidaturas de Unidade Popular

Alá onde a cidadanía activa non se organice en candidaturas de unidade popular, Anova terá que decidir respecto ás súas fórmulas de participación electoral. Parece que o máis coherente coa posición de apoio ás candidaturas cidadás e participación nelas é que Anova promova candidaturas abertas de unidade popular nas que participen organizacións políticas e sociais de ruptura e de contestación ao réxime e cidadáns e cidadás que a título individual se sumen ao proceso.

A posición de Anova respecto á totalidade do proceso queda así fixada con coherencia: candidaturas de unidade popular. Independentemente de como cristalicen en cada concello.

2. Unidade política das candidaturas populares

Anova ten que decidir se aposta por fórmulas para que todas as candidaturas de unidade popular de Galicia poidan concorrer de tal maneira que se identifiquen como partícipes dun mesmo proceso de creba democrática, ben mediante unha mesma marca electoral, ben mediante outras fórmulas que poidan manter as especificidades de cada concello sen afectar á necesaria unidade política do proceso.

3. O espazo AGE como ámbito de unidade popular

AGE foi o primeiro e imprescindible chanzo na construción da Fronte Ampla. Pero non é suficiente. A experiencia AGE é terreo conquistado, polo que debe ser defendida como un avance, pero o proceso de unidade popular deberá configurarse máis alá desta, dándolle un carácter expansivo e aberto a toda a cidadanía, tamén á non organizada. Debe ser a cidadanía quen asuma o protagonismo en todos os espazos.

4. Eixos programáticos e compromisos éticos

Sen prexuízo, por suposto, de que cada candidatura elabore o seu programa de maneira democrática, participativa e aberta, Anova participará ofrecendo algúns compromisos programáticos claves. A Conferencia Nacional terá que definilos. E irán desde un compromiso democrático con novas formas de acción política (limitación de mandatos, limitación nas percepcións económicas dos cargos públicos, fórmulas de revogabilidade e control dos cargos electos, fórmulas de participación e decisión democrática popular), ata o proxecto de converter os concellos en células principais dunha nova política de normalización, recuperación e expansión da lingua galega, pasando por un proxecto de reordenación territorial (asembleas e xuntas de parroquias, etc.) ou a recuperación do público e dos servizos esenciais…

5. Formulas xurídicas prioritarias a empregar:

Debemos escoller aquela ou aquelas que, dentro das limitacións que ofrece o sistema electoral vixente, permitan o cumprimento dos obxectivos políticos fixados previamente (a confluencia de partidos e movementos cidadáns con denominacións que permitan respectar a especificidade de cada concello, se fose o caso).

No proceso de debate previo quedou rexeitada por unha ampla maioría a posibilidade de empregar a fórmula de “Agrupación de electores”. Dentro das razóns deste rexeitamento estaba o feito de ser esta unha fórmula xurídica que fomentaba a atomización local da resposta do espazo de ruptura e a súa fragmentación política e nacional. Entendíase, a maiores, que esta opción xurídica non suma votos nin forzas en caso de decidirmos condicionar activamente o funcionamento das Deputacións.

Dentro das opcións que podemos escoller (non son todas excluíntes entre si), entendendo que as casuísticas locais son diversas e que calquera marco que definamos a nível nacional terá carácter orientativo, de cara a establecer unha escolla prioritaria, sinalamos:

  • Legalizar a candidatura municipal en cada concello coa constitución dun partido a nível local, que respecte os principios programáticos mínimos e a metodoloxíaaberta, inclusiva e participativa (por exemplo candidaturas populares de confluencia xa consolidadas).
    • Promover con urxencia unha coalición instrumental a nivel nacional entre as forzas políticas máis próximas co obxectivo de crear unha cobertura versátil e cómoda que permita que xurdan e callen alternativas municipais no ámbito da esquerda alternativa en todos os concellos. A coalición só será identificada por un símbolo e unha referencia común no nome, que poida completarse con distintas fórmulas nos distintos concellos e á que mesmo poidan acollerse, se así o decidisen, as mareas organizadas sen perder a súa identidade. Deste xeito a coalición aporta unha cobertura formal pero non condiciona nin as forzas políticas, nin os movementos ou iniciativas cidadás que en cada concello se acollan a esta fórmula. Trátase de non condicionar ou excluír, senón de sumar. A coalición dotará dunha marca común ás candidaturas, facilitando un soporte xurídico, un programa de mínimos e un código ético. As localidades terán total autonomía para a toma de decisións de escolla de candidaturas e elaboración de programas concretos, respectando o funcionamento de abaixo cara arriba.
    • A virtualidade desta fórmula concrétase en:
      • Que permite unha lectura unitaria no país e unha visión de alternativa política conxunta.
      • Que posibilita dar unha batalla polas deputacións, xa que o elemento común no nome da coalición permite sumar os votos con ese obxectivo (xa veremos con que finalidade).
    • Esta fórmula preferente non é excluínte. Polo tanto, serán aceptables outras fórmulas (agrupación de electores, constitución dun partido local…) naqueles concellos nos que as alternativas de unidade cidadá (nas que Anova está traballando intensamente) opten por estes mecanismos.
  • Presentarnos como Anova nos concellos onde non existan candidaturas cidadás nin posibilidade de constituír frontes amplas.

6. Deputacións Provinciais:

Anova-IN ten amosado a súa radical oposición a estas institucións, tanto polo seu papel central na externalización e desregulación dos servizos municipais coma polo seu déficit democrático. Este rol, incrementado e amplificado coas reformas lexislativas do PP no eido da administración local, condiciona o futuro dos concellos e obriga a Anova-IN a adoptar unha posición sobre as deputacións. Tendo en conta a dificultade de conciliar o concepto de ruptura democrática coa participación nas Deputacións, acórdase:

Participar nas deputacións, tras definir obxectivos claros e xustificar a viabilidade de avanzar na súa desaparición por esta vía. Apostarase, xa que logo, pola confluencia supramunicipal no ámbito das circunscricións propias (partidos xudiciais) entre as iniciativas cidadás e as candidaturas de fronte ampla.

Anova-IN aposta pola confluencia nacional de mareas e outras fórmulas cidadás para dar a batalla tamén nas Deputacións

Cómpre procurar solucións técnicas e políticas para que exista unha fórmula electoral que xunga ás mareas que xurdan e que, entre outros obxectivos, sirva para dar a batalla polas Deputacións, administración notoriamente reforzada tras a reforma local.

Teo, 6 de setembro de 2014-. A Coordinadora Nacional (CN) de Anova, celebrada hoxe en Teo, aprobou un documento que define a constitución dun comité de política municipal para a elaboración de propostas programáticas para os concellos, así como para o estudo de propostas técnico-político-legais para a conformación dun proxecto nacional para as municipais. A tal efecto, ábrese un período de 15 días para que as localidades/comarcas envíen informes da situación e as propostas de forma das candidaturas.

Para a CN as distintas formas organizativas de Mareas, así como outras fórmulas, como Ourense en Común ou Somos Maioría, son expresións que van no camiño apuntado por Anova de apoiar, promover e potenciar, que non tutelar, iniciativas amplas de base cidadá, polo que cómpre tamén achegar nestes ámbitos tanto solucións a nivel interno como externo, que axuden a rematar con éxito esta aposta e os propios procesos a nivel local.

A conformación, a nivel nacional, dunha única forma electoral, expresión dos procesos e candidaturas a nivel local, debe ser tamén obxectivo de Anova e resultado do proceso en marcha. A cuestión e o correlativo debate é politicamente salientábel, por canto a forma concreta de candidatura ten transcendencia tamén aos efectos da posterior conformación das deputacións provinciais.

Así, o art. 44 da LOREX só permite a presentación de candidaturas a partidos ou federacións (inscritos no rexistro de partidos), a coalicións electorais (só entre partidos ou federacións, previamente rexistrados) ou a agrupacións de electores (con recollida de sinaturas autenticadas, en número mínimo fixado no art. 187 da LOREX). En consecuencia, as candidaturas de unidade só poden formalizar candidaturas ou ben rexistrándose como partido (ben a nivel local, ben a nivel territorial) ou ben como candidatura de electores a nivel municipal (forma esta que non permite a coalición supra-municipal). Deste xeito, cómpre procurar solucións técnicas e políticas para que exista unha fórmula electoral que xunga ás mareas que xurdan e que, entre outros obxectivos, sirva para dar a batalla polas Deputacións, administración notoriamente reforzada tras a reforma local.

Noutra orde de cousas, a Coordinadora Nacional tamén tratou diferentes cuestións relativas á vindeira Asemblea Nacional, cuxo plenario se celebrará en Compostela os días 11 e 12 de outubro e terá varias xeiras previas polo país este mesmo mes.

Documento de avance para as aleccións municipais aprobado na CN de Anova-IN do 6 de setembro de 2014.

Anova-IN apoiaría candidaturas de unidade popular que xurdan de procesos democráticos de base cidadá

A Coordinadora Nacional, reunida hoxe en Teo, aprobou unha proposta de posicionamento de cara ás vindeiras eleccións municipais que será enviada para o seu debate ás súas asembleas territoriais.

Na dita proposta, a Coordinadora Nacional (CN) sigue apostando porque a organización apoie, participe e de ser necesario promova, en congruencia coa súa orixinaria proposta para a confluencia da esquerda rupturista –social ou política–, candidaturas de unidade popular/cidadá ou agrupacións de electores/as nas localidades, que sexan resultado de procesos democráticos, asembleares e participativos desde a base.

Ao entender da CN, se existen candidaturas desas características, que converxan en propostas programáticas e o obxectivo común de camiñar cara a creba democrática deste réxime, a rexeneración da política municipal en Galiza e o avance cara ao dereito a decidir, Anova ten a obriga, por principios sociopolíticos fundacionais, de saudalas e mesmo defendelas. Como ben postulou Xosé Manuel Beiras na fundación de Anova, “é preciso crear un movemento, e non un partido”.

Dentro deste contexto, Anova aposta por comezar un proceso colectivo para definir uns eixos programáticos básicos para a posíbel participación ou apoio da conformación de candidaturas populares. Segundo o Coordinador Nacional, Martiño Noriega, “Anova está disposta a xogar nun campo nubrado como sempre fixo. Non sabemos como vai ser, pero queremos participar para sumar, especialmente neste intre histórico no que as estruturas partidarias tradicionais están sendo sobardadas”.

Asemblea Nacional: as xeiras de Anova

Por outra banda, a Coordinadora Nacional aprobou o regulamento definitivo do proceso asemblear, que define como extremadamente aberto e participativo, e que rematará no plenario do 11 e 12 de outubro en Compostela, así como a composición da Comisión Redactora de Textos –político e organizativo– para o debate. Tamén se aprobou, logo das achegas da militancia, o lema da Asemblea Nacional: “Coa na nación na esquerda. Tecendo rede”.

Dentro deste proceso, mais coa vontade de compartilo coa codadanía e a esquerda social en xeral, aprobouse a realización dunha serie de xeiras ou encontros abertos polo país para fomentar a participación e o debate político, que confluirían nun outro encontro a nivel nacional previo ao plenario da AN. Un equipo de traballo definirá en poucos días o calendario das xeiras de Anova.

Día da Patria Galega

No referente á celebración do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, aprobouse entre outras cuestións a convocatoria dun acto político aberto, que se desenvolverá na Praza de Mazarelos o domingo pola mañá, e que continuará cun convivio de irmandade no Parque de Belvís pola tarde.

Asemade, tamén se concretará nos vindeiros días o cartel dun “Foro pola creba democrática e o dereito a decidir” previo aos actos do 25 de xullo.