1| Obxecto e finalidade
O presente decálogo de normas de contratación teñen por obxecto definir os parámetros polos que ANOVA IRMANDADE NACIONALISTA ha de se guiar e respectar en materia de contratación, coa finalidade de cumprir coa normativa vixente aplicable e que garanta a ordenada e eficiente utilización dos seus recursos económicos.
Así, estas normas de contratación dítanse en cumprimento do artigo 1.17 da Lei Orgánica 3/2015, do 30 de marzo, de control da actividade económico-financeira dos partidos políticos, que modifica a Lei Orgánica 8/2007, do 4 de xullo, de financiamento dos Partidos Políticos, engadindo nesta lei a Disposición Adicional 13ª, que dispón:
“1. Os procedementos de contratación dos partidos políticos inspiraranse nos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, confidencialidade, igualdade e non discriminación, sen prexuízo do respecto da autonomía da vontade e da confidencialidade cando sexa procedente
2. O partido político deberá aprobar unhas instrucións internas en materia de contratación que se adecuarán ao previsto no punto anterior e que deberán contar co informe favorable, antes da súa aprobación, do órgano a que corresponda o seu asesoramento xurídico. Estas instrucións deberán publicarse na páxina web do partido”.
As presentes instrucións publicaranse na web oficial de ANOVA – IN. Asemade, poranse a disposición de todos os interesados en participar en procesos de contratación, cando así o soliciten, así como dos órganos de control interno e de auditoría para o exercicio das súas funcións.
2 | Ámbito de aplicación
Estas instrucións aplicaranse a todos os contratos onerosos que celebre a ANOVA – IN, incluídos os contratos que celebren os grupos políticos das corporacións locais e demais institucións onde ANOVA teña representación, sen prexuízo do cumprimento que deban observar do que dispoñan as normas reguladoras das subvencións e fondos públicos das institucións e administracións onde foron constituídos e que sexan destinados ao funcionamento destes grupos.
3 | Contratos excluídos
Quedan excluídas do ámbito das presentes instrucións aquelas operacións de compra de subministración ou servizos que non sexan inventariables ou non formen parte do inmobilizado, que sexan de consumo ocasional e teñan un valor inferior en cada operación de compra a 2500 euros.
4 | Réxime xurídico dos contratos
Os contratos que concerte ANOVA – IN terán a consideración de contratos privados, e rexeranse polas normas de dereito civil ou mercantil, segundo corresponda á natureza do contrato, tanto na súa formalización, coma nos efectos e na extinción.
5 | Xurisdición competente
Será competente para o coñecemento das cuestións ou controversias que se susciten en relación á adxudicación, interpretación, execución, efectos, cumprimento e extinción dos contratos, a orde xurisdicional civil ou mercantil, en función da natureza do contrato controvertido.
6 | Necesidade e idoneidade do contrato
Os contratos que se formalicen por ANOVA – IN terán a súa xustificación na estrita necesidade de dotar de cobertura ás necesidades básicas de funcionamento operativo da organización política e axustarán a idoneidade do seu obxecto e contido á actividade política que desenvolve.
7 | Prazo de duración dos contratos
O prazo de duración dos contratos e as súas prórrogas estarán determinados de xeito expreso en cada contrato.
Os contratos de subministración ou servizos de carácter periódico entenderanse prorrogados en tanto non haxa denuncia expresa polas partes de finalización da prestación contratada.
8 | Liberdade de pactos
Nos contratos que celebre ANOVA – IN poderán incluírse calquera pactos, cláusulas e condicións, sempre que non sexan contrarios ao ordenamento xurídico e aos principios de
boa administración, e respecten os obxectivos e funcións para os que está comprometida ANOVA – IN.
9 | Contido mínimo do contrato
Os contratos formais que celebre ANOVA – IN incluirán, necesariamente, os seguintes elementos:
a) A identificación das partes.
b) A acreditación da capacidade dos asinantes para subscribir o contrato.
c) Definición do obxecto do contrato.
d) Indicación da lexislación aplicable ao contrato.
e) O prezo certo, ou o modo de determinalo.
f) A duración do contrato ou as datas estimadas de inicio da súa execución e da súa finalización, e a duración da prórroga ou prórrogas, se estivesen previstas.
g) As condicións de recepción, entrega ou admisión das prestacións.
h) As condicións de pagamento.
i) Os supostos en que procede a resolución do contrato.
l) A extensión obxectiva e temporal do deber de confidencialidade que, no seu caso, se impoña ao contratista.
10 | Contratación informal por razóns de emerxencia, urxencia, confidencialidade ou menor contía económica.
Os órganos de ANOVA – IN poderán, non obstante o apartado anterior, contratar verbalmente nos casos de emerxencia, urxencia xustificada por necesidades políticas determinadas polos órganos de dirección, confidencialidade e tamén nos casos de contratos por servizos, obras ou subministración de menor contía, que se documentarán simplemente coa factura e documento de aboamento do prezo.
Entenderanse, aos efectos da cualificación de contratos de menor contía, aqueles que o artigo 118 da Lei Orgánica 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público cualifique como contratos menores.
11 | Perfección dos contratos.
Os contratos que subscriba ANOVA – IN, a excepción dos contratos menores, perfecciónanse coa súa formalización polas partes contratantes, non podendo ser modificados salvo para os casos dispostos no artigo 21.
Salvo que as cláusulas indiquen outra cousa, os contratos entenderanse celebrados no lugar onde se atope a sede do partido.
12 | Arbitraxe
Para a solución de diverxencias que poidan xurdir entre as partes contratantes en relación aos efectos, cumprimento e extinción dos contratos, os mesmos poderán remitir ao método da arbitraxe como mecanismo de solución de conflitos contractuais, conforme ás disposicións da normativa vixente en materia de arbitraxe.
13 | Competencia para contratar
A competencia para contratar por conta do partido político ANOVA – IN corresponde á persoa ou persoas que ostenten a condición de Representantes Legais ante o Ministerio do Interior, de acordo cos seus Estatutos, sen prexuízo das delegacións ou autorizacións específicas que outorgue para formalizalos. En todo caso, ditas delegacións ou autorizacións só poderán recaer en responsábeis orgánicos que formen parte da Comisión Permanente.
14 | Transparencia
A páxina web de ANOVA – IN porá a disposición un apartado de transparencia onde se publicará a información económico – financeira de relevancia do partido, así coma os principais contratos asinados polo partido que a normativa legal ou estatutaria esixa a súa publicidade. Todo isto, sen prexuízo de empregar outros medios de publicidade que poida esixir a normativa aplicable.
15 | Capacidade e solvencia económica e técnica dos contratistas
A organización deberá avaliar con carácter previo a capacidade e solvencia, económica e financeira, e técnica ou profesional, das persoas e empresas contratistas, evitando contratar con persoas ou empresas nas que concorran as prohibicións de contratar co sector público establecidas no artigo 71 da LO 9/2017, de Contratos do Sector Público.
16 | Preparación e adxudicación xeral dos contratos
16.1. Contratos menores
Son contratos menores aqueles contratos que así determina a vixente normativa reguladora dos contratos do sector público.
Tal e como dispón a LO 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, considéranse contratos menores os de valor estimado inferior a 40.000 euros, cando se trate de contratos de obras, ou a 15.000 euros, cando se trate de contratos de subministración ou de servizos. Estas contías entenderanse sen incluír o imposto sobre o valor engadido.
Estes contratos menores poderán ser adxudicados directamente a calquera profesional ou empresa con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para a realización da prestación, con observancia do disposto no artigo 15 das presentes instrucións.
Nestes casos, con carácter xeral, abondará coa factura incorporada e a acreditación documental da realización da contraprestación contractual.
Caso de existir razóns de complexidade ou idoneidade, ANOVA – IN deberá ademais realizar os seguintes trámites previos:
- Elaboración dunha memoria na que se determinen as necesidades que pretenden cubrirse mediante o contrato.
- Petición de varios orzamentos a profesionais ou empresas relacionadas co contrato a subscribir.
O pagamento final realizarase unha vez presentada a factura e acreditada a realización da contraprestación contractual documentalmente. Só será necesaria a formalización nos contratos que presenten certa complexidade ou contía elevada, nos cales requirirase a formalización e a constancia por escrito dos pactos e condicións.
16.2. Contratos sometidos a concorrencia formal
Para os contratos que superen as contías indicadas para os contratos menores, agás naqueles que existan razóns de emerxencia ou confidencialidade, aplicaranse os seguintes trámites:
- Elaboración dunha memoria-prego de condicións que será posta en coñecemento dos distintos profesionais ou empresas que concorran ao contrato.
- Petición de orzamentos e condicións de execución, para a súa valoración polos órganos de dirección de ANOVA – IN.
- Designación de persoa responsable da negociación e dos diálogos coas distintas empresas, no caso de que se aprecie necesidade de introducir variacións nas condicións, e en función das ofertas existentes, con pleno respecto aos criterios de transparencia.
- Adxudicación do contrato, con xustificación motivada.
- Formalización do contrato, con sinatura das partes contratantes e previo ao inicio da prestación obxecto do contrato.
16.3. Contratos en supostos de urxencia e emerxencia
Poderanse celebrar contratos de obras ou servizos sen cumprir cos requisitos formais do apartado anterior cando concorran circunstancias de urxencia e emerxencia que así o xustifiquen.
Considéranse supostos de urxencia e emerxencia aqueles nos que haxa que atender unha necesidade inaprazable, ou cando se dean casos excepcionais nos que o partido teña que inmediatamente actuar fronte a acontecementos excepcionais, catastróficos ou que supoñan un risco inminente, ou cando sexa necesario desenvolver unha actividade que non permita demora.
Nestes supostos, a organización poderá contratar de urxencia deixando constancia documental das circunstancias que xustifiquen esa decisión.
16.4. Contratos en que concorra cláusula de confidencialidade
Para aqueles contratos nos que a realización da prestación implique gardar confidencialidade, por razóns de tratamento de datos persoais, de seguridade ou que comporten creación de contidos constitutivos de elementos obxecto de protección pola normativa de propiedade intelectual ou marcas, poderá celebrarse o contrato de xeito directo ou ben mediante procedementos restrinxidos que garantan a salvagarda da identidade dos profesionais ou empresas contratistas e do obxecto do contrato.
16.5. Contratos de servizos, subministración ou produtos ofertados en exclusividade
No suposto de servizos, subministracións ou produtos que sexan exclusivamente ofertados por un profesional ou empresa en base a dereitos de comercialización exclusiva rexistrados ou situacións de mercado onde se acredite a singularidade da oferta dos mesmos, poderase contratar de forma directa, sen observancia dos trámites da contratación por concorrencia formal do artigo 16.2, mais deixando constancia da circunstancia de exclusividade que xustifica tal contratación directa.
16.6. Contratos sometidos a tarifas, prezos regulados, aranceis, normas de honorarios profesionais colexiais ou análogos
Poderase contratar de forma directa cando a contratación teña por obxecto servizos ou subministracións cuxo prezo estea fixado mediante tarifas, prezos regulados, aranceis ou respondan aos honorarios determinados en índices oficiais ou normas internas de institucións ou corporacións profesionais. ANOVA – IN poderá contratar de xeito directo con profesionais ou empresas provedoras destes servizos sempre que apliquen estas tarifas ou prezos regulados establecidos oficialmente nos seus respectivos sectores profesionais ou ámbitos.
No suposto de que a contratación implique unha compensación económica diferente ás tarifas ou prezos fixados, haberán de seguirse os trámites establecidos no procedemento de contratación por concorrencia formal do artigo 16.2.
17 | Resolución do contrato por demora e prórroga dos contratos
Ante demoras na execución dos contratos, ANOVA – IN poderá optar pola resolución dos mesmos, sen outro trámite que a audiencia do profesional ou empresa contratista.
Se a demora fose producida por motivos non imputables ao contratista e este ofrecese cumprir os seus compromisos dándolle unha prórroga do tempo que fora acordado, concederase un prazo adicional, a criterio da dirección, agás nos casos en que se acredite que un novo contratista pode garantir un prazo de execución menor.
No caso de que no contrato fose acordada inicialmente unha cláusula de prórroga e a demora fose producida polo transcurso desta por causas non imputables ao contratista, e este ofrecese cumprir coa prestación, a organización poderá concederlle un novo período de prórroga.
18 | Indemnización de danos e prexuízo.
O réxime de indemnización por danos e prexuízo virá estabelecido nas condicións pactadas dos contratos, e serán de aplicación subsidiaria as normas civís e mercantís aplicables en canto á súa materia.
19 | Principio de risco e ventura
Rexe para todos os contratos o principio de risco e ventura, polo cal a prestación realizarase a risco e ventura do contratista.
20 | Pagamento do prezo e transmisión dos dereitos de cobro.
ANOVA – IN deberá aboar o prezo pactado nas condicións pactadas nos contratos unha vez satisfeita a prestación polo contratista.
A transmisión dos dereitos de cobro que teñan os contratistas fronte a ANOVA – IN só os poderán ceder con observancia dos requisitos e mecanismos admitidos pola lexislación e regulamentación mercantil e financeira e deberán notificar de xeito fidedigno ao partido o acordo de cesión polo que se produce a transmisión do dereito de cobro.
21 | Modificación dos contratos
Trala perfección dos contratos, estes non poderán ser modificados agás que se tivesen introducido cláusulas ou condicións contractuais que establecesen dita posibilidade por razóns de interese superior e por causas sobrevidas ou imprevistas, debendo ser estas modificacións debidamente xustificadas e nunca contravindo ás condicións esenciais do contrato.
As modificacións dos contratos que fosen formalizados por escrito haberán de facerse constar tamén por escrito.
22 | Extinción dos contratos
Os contratos que concerte ANOVA – IN entenderanse cumpridos polo contratista cando este realice a totalidade da prestación, de acordo cos termos expresados no contrato.
En canto aos prazos de garantías, estarase ao disposto na normativa vixente que sexa aplicable ao tipo de prestación contratada, e contarase a partir da data de recepción ou conformidade.