Anova aposta polas Mareas e candidaturas de Unidade Popular para as próximas eleccións municipais.

Por Anova IN o 12 de Abril de 2019 en Comunicados

ANOVA aposta polas mareas municipalistas e polas candidaturas de Unidade Popular co obxectivo posto en conseguir máis concellos que gobernen para a cidadanía e o ben común.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019.- Ao longo do País a nosa militancia participará activamente en moitas candidaturas de unidade xunto con persoas de outras sensibilidades seguindo os referenciais gobernos da decencia de Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica e así aumentar o mapa de concellos do cambio seguindo o exemplo tamén de Sada, Teo ou Val do Dubra.

Dende ANOVA entendemos que o fundamental do proceso das eleccións municipais de maio de 2019 é consolidar a rede de iniciativas e candidaturas municipalistas que levamos construíndo xunto con outros axentes en moitos concellos galegos. ANOVA aposta polas Mareas municipais e as candidaturas de unidade, participando coa súa militancia directamente a nivel individual sen cotas nin intereses de parte e priorizando a unidade popular e autonomía das mareas municipais por riba dos intereses partidistas.

ANOVA aposta polas Mareas municipais e as candidaturas de unidade, e ademais como fai 4 anos reedita unha coalición instrumental, SON, que sirva de paraugas xurídico para garantir que as candidaturas de unidade que así o necesiten teñan un respaldo xurídico e organizativo, sempre apoiadas no proxecto municipalista e na unidade popular.

A coalición SON -En Común é unicamente instrumental e dará soporte algunhas das candidaturas municipalistas nas que traballamos. ANOVA aposta por elas e tamén por outras que non están dentro desa fórmula xurídica, como son Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ourense en Común e outras moitas de vilas e concellos galegos que soberanamente deciden participar coa súa propia marca municipal e que teñen todo o noso apoio e implicación.

Entendemos que o fundamental non está no debate xurídico entorno ás formas de concorrencia, se non en entender que as candidaturas municipalistas toman as súas decisións con autonomía política en función dos debates nos diferentes proxectos municipalistas. Nese sentido a coalición SON-En Común non aspira nin pretende representar ao conxunto do espazo municipalista: consiste nunha ferramenta instrumental e xurídica que é posta ao servizo das candidaturas municipalistas que soberanamente decidiron optar por esta fórmula de concorrencia. Non queremos que se interprete como un proceso de homologación nin de apropiación partidaria do municipalismo galego, algo que sí pretenden outros cando presentan agrupacións territoriais como pretendidas mareas e que mesmo xogan a competir contra candidaturas que nestes momentos gobernan como é o caso da cidade de Ferrol.

Insistimos, non iniciamos ningún camiño novo. A coalición instrumental Son-En Común é a continuidade da coalición Son en 2015, na que candidaturas municipalistas fundamentais do noso espazo non participaron xurídicamente ao igual que acontece agora: referímonos por exemplo a Compostela Aberta, a Marea Atlántica e a Ourense en Común. Dende Anova apostamos por elas como tamén o facemos por aquelas que están dentro da coalición instrumenta

Agardamos que a cidadanía mediante o seu voto revaliden o que significou fai catro anos a Primavera Municipalista, abrindo o camiño a poñer as institucións locais ao servizo das maiorías sociais agredidas pola crise. A militancia de Anova traballará de forma intensa nos vindeiros meses nas diferentes candidaturas de Unidade Popular que existen en Galicia para acadar estes obxectivos políticos, manter os gobernos de Unidade Popular e amplialos nos concellos onde gobernan os de sempre coas prácticas de sempre.