Propostas de ensino público ante a crise do Covid 19 da coalición Galicia en Común – Anova Mareas

Por Anova IN o 7 de Abril de 2020 en Actualidade, Documentos

O Ensino Público, piar de calquera sociedade democrática e avanzada, viuse especialmente afectado pola crise do COVID-19 posto que ademáis de afectar aos menores e aos universitarios, o sistema estaba debilitado tras once anos sucesivos de recortes da Xunta de Feijóo. O persoal docente está a comprobar o seguimento desigual das clases polos rapaces e rapazas dependendo das súas circunstancias persoais, socioeconómicas e culturais. Se a isto lle sumamos que segundo os últimos datos coñecidos máis do 30% do alumnado non ten un axeitado acceso a internet faise patente que a pretendida normalidade do curso en liña non é a vía axeitada para a igualdade de oportunidades. Garantir a igualdade de oportunidades é a premisa dun futuro máis xusto.

Para enfrontar esta situación, coa vontade de ser propositivos e ofrecer solucións que minoren as problemáticas no ensino que derivan do Covid-19 facemos as seguintes demandas:

1 | Pronunciamento explícito e claro, pola Xunta de Galicia, sobre a inminente data de celebración das oposicións de mestres e profesorado, prevista para o próximo xuño, e o compromiso de que se van a manter todas as prazas que estaban convocadas. 

2 | Tendo en conta a imposibilidade de continuar o curso cunhas garantías axeitadas para o alumnado, propoñemos establecer unha mesa de diálogo cos representantes sindicais do profesorado e ANPAS para acordar un mecanismo de finalización e avaliación axeitado para este curso académico que impida a continuidade da docencia e realización de exames e probas en liña sen estar garantida a cobertura total do alumnado.

3 | Tralo anuncio da suspensión das aulas presenciais nas universidades galegas, propoñemos establecer unha mesa de diálogo entre a Consellería, Universidades, sindicatos de estudantes e profesorado para  buscar unha fórmula de consenso coa que poder dar por finalizado o curso universitario actual de forma que as notas do segundo cuatrimestre non sexan computadas a efecto da media académica.

Esta mesa encargarse tamén de adaptar as materias do vindeiro ano para recoller os contidos fundamentais da parte do presente curso afectado pola crise sanitaria co fin de non deixar ningún estudante atrás na súa formación. 

4 | Garantir que as nenas e nenos beneficiarios de bolsas comedor continúen a recibir unha alimentación axeitada mentres dure o confinamento. Esta actuación debe abranguer tamén ás escolas infantís de xestión autonómica e abrir a posibilidade de acceso ás bolsas ás familias que vexan afectados os seus ingresos por mor desta crise.

A este respecto consideramos que as axudas publicadas no DOG do 30 de marzo son manifestamente insuficientes, e esiximos á Xunta de Galicia unha maior cobertura, establecendo unha ampliación baseada en criterios de renda para aquelas familias que perderon parcial ou totalmente os seus ingresos debido á crise do Covid19, de xeito que as axudas se estendan máis alá do confinamento e o final do Estado de Alarma. 

5 | Atallar a fenda dixital no noso país, con medidas específicas como as que se enumeran a continuación:

  • Dotación urxente de recursos materiais e pedagóxicos para o adecuado desenvolvemento das actividades docentes na modalidade en liña en todos os ciclos educativos; aumento dos contidos formativos en lingua galega; e formación do profesorado para o uso destas ferramentas.
  • Asegurar que todo o alumnado posúe a tecnoloxía (ordenadores e/ou tabletas) para seguir contidos dixitais, que dispoñen dos datos e a conectividade necesaria en todo o territorio galego ou, cando menos, ofrecer solucións alternativas para aquelas familias sen recursos ou as residentes en zonas onde a accesibilidade sexa limitada, administrando bonos de internet e equipos para suplir a fenda dixital e avanzar na igualdade de oportunidades.
  • Mellora dos servizos TIC que ofrecen dende a Consellería de Educación instalando un servidor de chat en directo e un servidor de videoconferencia.
  • Adaptar e crear contidos en lingua galega para nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo. Garantir a conexión con docentes formados para tratar estas diversidades. 

6| Posta en marcha dun plan educativo do alumnado de primaria e secundaria a través dunha programación específica nos medios públicos da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, en lingua galega, consensuado e con participación directa do profesorado que permita reforzar os contidos impartidos no tempo que durou a docencia presencial. Debería incluír ademais intérprete de signos, pictogramas, etc… para a atención as necesidades específicas e individualizadas ná diversidade do alumnado.

7 | Garantir a cobertura de prazas docentes, de apoio especial e de orientación durante este período lectivo para cubrir as vacantes e necesidades específicas de reforzo.

8 | Eliminar a obriga de permanencia nos centros por parte de ningún membro da dirección mentres dure a crise sanitaria, mantendo a atención telefónica aos pais e nais, e incluso ao propio alumnado, xa que pode realizarse dende os fogares.

9 | Adaptación da proba da ABAU aos contidos impartidos no tempo da docencia presencial. Ao tempo, habilitaranse mecanismos que permitan ao profesorado resolver as dúbidas que o alumnado poida ter ao respecto dos contidos impartidos.

10 | Convocatoria dunhas bolsas de estudo para o vindeiro curso adecuadas ás necesidades de aloxamento, manutención e transporte do alumnado.

11 | Devolución das matriculas do segundo cuatrimestre e eliminación progresiva das mesmas para os vindeiros cursos.

12 | Planificación e posta en marcha dun plan de adaptación da actividade docente presencial, para o curso próximo, con criterios de seguridade sanitaria e garantía de igualdade de oportunidades, para o profesorado, alumnado e persoal auxiliar, en todos os ciclos educativos (garderías, escolas, institutos, facultades, etc.). Entre outras medidas, tomaranse as seguintes:

    • Elaboración dun protocolo de volta á nomalidade que non só teña en conta as cuestión curriculares senón socioafectivas das rapazas e rapaces.
    • Garantir as condicións óptimas de seguridade sanitaria nos centros e rebaixar a ratio de alumnado por aula, facilitando o desdobramento dos grupos.
    • Protexer aos docentes, alumnado e persoal auxiliar, especialmente a aqueles que, pola súa situación persoal (enfermidades ou avellentamento), estean nun grupo de maior risco de contaxio.
    • Incorporación axeitada dos contidos que non puideron ser vistos no curso 2019/2020.
    • Aumentar a contratación de mestres e profesorado co fin de poder afrontar esta crise e as situacións derivadas dela.
    • Facer unha análise, coordinado pola Inspección educativa a través dos equipos directivos dos centros, da situación de atención a alumnado con necesidades de apoio educativo específico (NEAE) para poder tomar medidas concretas e individualizadas con este alumnado, apoiado nos servizos de orientación e nos equipos de orientación específica.    Reforzar a atención á diversidade e necesidades educativas especiais coa adaptación de probas e contidos (contidos auditivos, pictogramas, apoio específico individualizado, etc.) dependendo das necesidades concretas de cada alumno/a.