90 anos de utopía: o fío democrático do Estatuto de 1936

Neste 25 de xullo, Día Nacional de Galiza, Anova publica un caderniño coa súa declaración para esta xornada, en lembranza do 90º aniversario do plebiscito do Estatuto galego de 1936, celebrado en xuño daquel ano.

Baixo o título 90 anos de utopía. A conquista democrática e social da nación e o seu fío para o século XXI, a publicación recupera o Estatuto como unha conquista democrática, nacional e social nacida dunha ampla mobilización popular. O referendo do 28 de xuño de 1936 expresou a vontade de Galicia de se dotar de ferramentas propias para combater o centralismo, o caciquismo e a desigualdade, antes de que o golpe fascista interrompese violentamente aquel camiño.

O caderniño percorre a construción do proceso estatutario, a alianza entre galeguismo, republicanismo e movemento obreiro, e a campaña popular que fixo posible o “Si”. Reivindica tamén a contribución das mulleres galeguistas, republicanas, socialistas e comunistas, cuxa participación foi esencial e durante demasiado tempo ficou nun segundo plano no relato histórico.

A declaración conecta aquel legado cos desafíos do presente: a democratización profunda, a defensa da soberanía enerxética, alimentaria e territorial e a necesidade de unir afirmación nacional e xustiza social. Porque, como sostén o texto, non hai transformación social sen soberanía nin soberanía real sen xustiza social.

O documento pode descargarse nesta ligazón.

Día da Patria: noventa anos da vontade dun país

Festexamos este Día da Patria conmemorando unha efeméride de notable significación histórica: cúmprense noventa anos do referendo do Estatuto de Galicia de 1936, a primeira gran expresión democrática da vontade do pobo galego de dotarse de institucións propias para gobernar o seu futuro. Aquel proceso, impulsado por unha ampla maioría social e política, afirmaba que o autogoberno non era só unha ferramenta para administrar os recursos do país, senón tamén unha cuestión de dignidade colectiva e unha referencia de identidade nacional. Esa iniciativa foi interrompida polo golpe de estado fascista do 18 de xullo, mais a idea xermolou na vontade colectiva do noso País.

Noventa anos despois, Galicia enfróntase a novos desafíos económicos, demográficos, sociais e ambientais que volven situar no centro unha cuestión de plena actualidade: quen decide o noso futuro? Nun contexto de crecente concentración do poder económico e político e de avance reaccionario a nivel global, reivindicar o dereito de Galicia a ampliar a súa soberanía significa defender unha democracia máis próxima, unha economía ao servizo das maiorías, a defensa do territorio fronte ao espolio neoliberal, a promoción orgullosa da lingua e da cultura, e a construción dun país con capacidade para avanzar cara a un futuro propio.

Desde Anova entendemos que a mellor homenaxe á xeración do Estatuto de 1936 non consiste en colocar o seu simbolismo no panteón das liturxias, senón en darlle continuidade activa. O 25 de Xullo convócanos, unha vez máis, a reivindicar o compromiso cunha Galicia soberana, democrática, máis xusta, máis igualitaria e plenamente dona da súa condición nacional. Porque, como demostraron aquelas mulleres e aqueles homes hai noventa anos, o autogoberno non é unha meta alcanzada dunha vez para sempre: é un horizonte democrático que reside no compromiso colectivo de cada xeración.

Realizaremos unha ofrenda floral ás 13.45 na estatua de Ánxel Casal (aos pés da biblioteca pública que leva o seu nome) polo 90 aniversario do Estatuto do 36, coa colocación dunha coroa adicada a María Miramontes e Anxel Casal e unha intervención do noso voceiro nacional.

Día das Letras Galegas 2026: no ronsel de Begoña Caamaño

Neste Día das Letras Galegas 2026 conmemoramos a Begoña Caamaño e a todo o que ela representa na nosa memoria nacional. Festexamos o seu legado de compromiso feminista, de defensa do idioma e de reivindicación da dignidade profesional como defensora dos medios de comunicación públicos.

Máis alá da súa narrativa, honramos o seu legado de militancia inquebrantable na nosa identidade. Recoller a súa testemuña significa seguir tecendo dende a base unha República Galega onde o noso idioma non pida permiso, onde o feminismo sexa o piar da sociedade e onde a comunicación decente sexa un dereito democrático real.

Dende o ano 2019, ao abeiro do goberno municipal de Martiño Noriega, o seu nome é tamén o dun parque do barrio compostelán das Fontiñas. A súa é unha voz de referencia na nosa literatura contemporánea que teceu como poucas a razón e a emoción, o feminismo e o mito, a rebeldía e o compromiso. O exemplo da súa escrita e da súa militancia vital sérvenos de pulo para permanecer no ronsel das causas xustas.

1º de Maio: Traballo, dignidade e Antifascismo

1º Maio: Traballo, dignidade e antifascismo

Cada Primeiro de Maio é unha xornada de memoria e reivindicación. Lembrar o 1886 de Chicago non é unicamente referirnos a un episodio illado da Historia, senón evocar o fío vermello do movemento obreiro. A conquista dos dereitos laborais máis elementais supuxo sangue e represión. Hoxe, ese legado recórdanos unha lección fundamental: ningún dereito foi concedido; todos foron gañados mediante a organización, a solidariedade e a conciencia de clase.

Traballo

En Galicia conmemoramos este Primeiro de Maio nun contexto de grave ofensiva contra os nosos servizos públicos e as condicións da clase traballadora. A conflitividade laboral que atravesa o país é o síntoma dun modelo esgotado. Vémolo nestes mesmos días nas rúas: o ensino público sostén un pulso firme contra a Xunta, con milleiros de docentes secundando folgas e mobilizacións para esixir melloras reais nas súas condicións de traballo, como a loita por unhas ratios asumibles e a redución de sobrecarga burocrática. Vémolo tamén na Sanidade, cunha Atención Primaria levada ao límite, carencia de pediatras en máis dun cento de concellos e profesionais en loita contra a precarización. Non podemos esquecer o sector dos coidados, coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e das residencias de maiores, quen sosteñen a vida do noso país dende unha situación de absoluta precariedade estrutural e altamente feminizada. O desmantelamento paulatino do sector público é un ataque directo ao contrato social e ao noso sistema de benestar.

Dignidade

Para as clases populares galegas, a dignidade significa que o froito do noso esforzo debe garantir unha vida que pague a pena ser vivida. Porén, o desequilibrio actual é insostíbel: mentres o custo da vida e a inflación devoran o poder adquisitivo dos nosos salarios, un dereito fundamental como ter un teito converteuse nun luxo case utópico para moitas traballadoras e traballadores. A especulación inmobiliaria, a turistificación e as enormes dificultades de acceso á vivenda están a provocar cambios demográficos que relegan as vilas e cidades a meras estacións de lecer e consumo. Non hai dignidade sen o dereito material a poder vivir e traballar na nosa terra.

Antifascismo

En consecuencia, a defensa das nosas condicións materiais de traballo e de vida, combinada coa lexítimas aspiracións de conquistar avances, engade o imprescindible factor antifascista no contexto actual. A Internacional Reaccionaria interpela directamente ás clases populares acendendo a confrontación entre as persoas máis desfavorecidas. O que en realidade procura o discurso do medo é disciplinar e someter ás clases populares preservando os privilexios de quen máis ten. A faciana fascista é o gardián do capitalismo en fase desbocada. Fronte aos discursos de odio que procuran incendialo todo, o antifascismo eríxese hoxe como o noso principal muro de contención. Ser antifascista no século XXI é defender a xustiza social, protexer o público e reivindicar a soberanía dos pobos para decidir o seu futuro libres de explotación.

Viva o Primeiro de Maio!

 

 

Lugo érguese fronte ao asalto do PP ao Concello de Lugo

Alfonso Rueda pretende tomar o Concello de Lugo pola porta de atrás, valéndose da desgracia humana e mercando unha tránsfuga nunha manobra que racha cos principios democráticos máis elementais. O pasado venres, a veciñanza de Lugo deu unha primeira mostra de resiliencia democrática e de firmeza ética mobilizándose en defensa da vontade maioritaria expresada nas urnas.

Lois Pérez, membro da Coordinadora Nacional de Anova, é un dos impulsores da plataforma cívica Transfuguismo non, democracia si que o pasado venres convocou unha masiva concentración na Praza Maior de Lugo para rexeitar o acordo da vergoña entre Elena Candia e María Reigosa. Malia que o aparello mediático do Partido Popular está a traballar xa a pleno rendemento para branquear e facer que pase desapercibido un dos episodios máis lamentables da política galega das últimas décadas, esta operación non lle ha saír ben ao Partido Popular. Este asalto, a falta dun ano para as vindeiras eleccións municipais, non quedará impune electoralmente.

Este movemento, avalado desde a Xunta por Alfonso Rueda, constitúe un auténtico atropelo democrático. Tras non ser capaz de acadar o goberno de Lugo a través das urnas nos últimos 27 anos, a dereita opta agora polo xogo sucio. É un exercicio de cobiza desmedida que atenta contra a lexitimidade do goberno de esquerdas elixido polas veciñas e veciños de Lugo.

A dignidade democrática resiste

Fronte ao asalto ás institucións, a resposta veciñal de Lugo non se fixo agardar. O pasado venres a indignación transformouse en acción colectiva grazas á exitosa convocatoria da plataforma cidadá Transfuguismo Non, Democracia Si. Varios milleiros de persoas ateigaron a Praza Maior de Lugo para amosar o seu rexeitamento á operación de Candia e Reigosa. A resposta veciñal desbordou as previsións, demostrando que a rúa non está disposta a branquear o tráfico antidemocrático de vontades. Durante a histórica concentración, o tecido social galego plantoulle cara aos impulsores desta fraude. Lois Pérez, portavoz da plataforma e membro da nosa Coordinadora Nacional, definiu a mobilización de xeito preciso:

“Isto é un acto de resiliencia da vontade popular. (…) Ía ter razón unha das grandes intelectuais da nosa cidade [en alusión a Elena Candia]: en Lugo hai un clamor. Pero non na dirección na que ela pensaba”.

Nin un paso atrás

O que está a acontecer en Lugo non é un feito illado; é unha estratexia de okupación do poder que ataca directamente a vontade das urnas. A ofensiva que o PP puxo en marcha nos últimos meses coa presentación de varias mocións de censura por todo o País demostra que a súa aspiración de poder non coñece límites electorais. Non podemos permitir que a política dos despachos, das manobras opacas e da falta de escrúpulos substitúa a voz soberana do pobo.

Anova súmase ao rexeitamento frontal a esta fraude. É o momento de seguir apoiando a resistencia democrática e acompañar á cidadanía que se revolve contra este asalto.

Transfuguismo non, democracia si!

Anova consolida en Rianxo a súa aposta municipalista: “Debemos seguir camiñando cos colectivos que, máis alá dos grandes debates da actualidade, fan rede no cotiá”

Rianxo, 25 de abril de 2026 – A localidade de Rianxo acolleu este sábado, 25 de abril, a IIª Xornada Municipalista organizada por Anova-Irmandade Nacionalista. Baixo o lema “Conquistar avances: Coidados, migración e vivenda”, o encontro reuniu unha importante representación do municipalismo galego para debater e trazar estratexias desde o eido local fronte á actual situación de avance reaccionario. […] Ler máis

ANOVA organiza en Rianxo a IIª Xornada Municipalista galega: “Conquistar avances: Coidados, migración e vivenda”

IIª Xornada Municipalista Galega

IIª Xornada Municipalista Galega

Santiago, 14 de abril de 2026.— Anova-Irmandade Nacionalista celebrará o vindeiro sábado 25 de abril en Rianxo a IIª Xornada Municipalista Galega, baixo o título “Conquistar avances: coidados, migración e vivenda”. A cita desenvolverase entre as 10:00 e as 15:00 horas e é de entrada libre e aberta á cidadanía.

Tras a primeira edición celebrada o pasado novembro en Santiago de Compostela, Anova dá un segundo paso no proceso de rearticulación do municipalismo galego transformador, apostando por achegarse ás diferentes experiencias municipalistas de Galiza. Coa elección do 25 de Abril como data para realizar esta segunda xornada, a organización soberanista pretende, ademais, festexar o aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal, como símbolo da conquista democrática e social. Avances que só son posibles cando o pobo se organiza.

Non só defender, senón conquistar

O fío condutor desta segunda edición parte da convicción política de que a esquerda non pode conformarse con defender o xa conquistado. Reconstruír o Estado do benestar é necesario, mais non é suficiente. Cómpre conquistar e ampliar novos dereitos e, simultaneamente, impulsar avances materiais reais na vida das persoas. “O municipalismo non pode ser nin un refuxio político nin reducirse á simple xestión da monotonía”, salienta Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova. “Debe exercer desde unha práctica de fondo que conecte políticas transformadoras no social coa defensa da democracia, e que sexa capaz de dar respostas concretas ás emerxencias do noso tempo, como é o caso dos coidados, da vivenda e da migración”. Con esa lóxica artéllanse as dúas mesas de debate da xornada:

MESA 1: Benestar e Coidados: defender e ampliar conquistas sociais
Modera: Hector López (traballador social e membro da Coordinadora Nacional de Anova)
Interveñen:

  • Victoria Rey Mariño, psicóloga e ex-directora de CIM (Centro de Información ás Mulleres)
  • Teresa Elvira Muñiz, traballadora social e membro do colectivo Vico Sen Benestar
  • Rodrigo Gil Cedillo, educador social e fundador da ONG Caguama Instituto de Migracións Ecosociais

A mesa reflexionará sobre o estado actual do sistema de benestar e os seus retos —coidados, dependencia, saúde mental, igualdade e xénero—, pero tamén sobre como pasar de soster a ampliar dereitos a través dos servizos públicos, as municipalizacións e as redes comunitarias de coidados. Centrando o debate na necesidade de que sen o público non hai xustiza social e, polo tanto, salientando o papel dos concellos e das administracións públicas como imprescindíbel.

MESA 2: O acceso á vivenda como elemento de desigualdade
Modera: Iván Rodríguez (membro da Permanente de Anova)
Interveñen:

  • Carla Leiras, do colectivo As Ninguéns
  • Ana Pardo, da Asociación Provivenda
  • Barry Elhadj Mamadou, da Rede Veciñal de Apoio a Persoas Migrantes

Esta mesa abordará o combate aos bulos, da extrema dereita sobre migración e vivenda, con datos e argumentos, construíndo un relato común da clase traballadora —autóctona e migrante— para debatir sobre as políticas municipais concretas que garantan o dereito á vivenda digna: parque público, mobilización de baleiros, alugueiro social, acollemento e integración.

As dúas mesas reservarán tempo para intervencións do público, procurando que a xornada sexa, como na edición anterior, un exercicio colectivo de reflexión e articulación estratéxica.

Celebrar Abril

O final da xornada será festivo e cun pequeno concerto de canção de intervenção portuguesa a cargo de Rui David, como homenaxe á tradición de loita e canto que une os pobos na conquista de máis liberdade e máis xustiza.

No final da presentación desta xornada, Noriega quixo subliñar que “en Anova vemos os concellos como a trincheira desde a que se poden asentar as bases que garantan unha vida digna, e debates como os coidados, a vivenda ou a migración son de estrema actualidade constitúen un dos focos do conflito político e social do noso tempo” concluíndo que “é desde o local desde onde mellor se pode responder a estes desafíos con propostas concretas e útiles para a xente”.

Anova convidará á participación de candidaturas municipalistas, colectivos e activistas que seguen a traballar por un país máis xusto, igualitario e sostible. “Seguimos construíndo organización para construír país”, conclúe a formación.

Anova reivindica unha nova vitoria histórica da memoria democrática: o Pazo de Meirás volve ao pobo

Anova Irmandade Nacionalista quere trasladar os seus parabéns a Benito Portela, a Sadamaioría e ao conxunto do pobo de Sada pola vitoria xudicial histórica confirmada polo Tribunal Supremo, que ratifica a devolución do Pazo de Meirás como patrimonio público.

Esta resolución culmina anos de loita política, institucional e social para recuperar un ben espoliado pola familia Franco e devolvelo ao Estado. Unha conquista que se suma á obtida hai uns meses coa recuperación para Santiago das estatuas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo, despois de que o Tribunal Supremo condenase á familia Franco a restituílas ao Concello de Santiago.

Nos dous procesos hai un mesmo fío condutor: a aposta decidida dun municipalismo valente, comprometido coa memoria democrática, coa defensa do patrimonio común e coa reparación histórica. En ambos os dous casos, ademais, Anova participa nos espazos políticos que empurraron estas batallas institucionais e xudiciais desde os gobernos municipais que encabeza Sadamaioría en Sada e que lidereou Compostela Aberta en Santiago.

A formación soberanista quere salientar que estas vitorias non naceron da inercia das institucións, senón da perseveranza dos gobernos municipais, do traballo dos colectivos da memoria históarica e da presión democrática dunha sociedade que decidiu non resignarse ao espolio nin ao esquecemento.

Nesta liña Martiño Noriega sinalou que “unha vez máis, o pobo galego organizado foi o motor desta conquista. Dende Anova queremos salientar o traballo incansable do compañeiro Benito Portela, alcalde de Sada, e das compañeiras de Sadamaioría, fundamentais nunha loita que repercute en beneficio do común. Engandindo que “o municipalismo galego transformador, da man dos colectivos sociais, especialmente neste caso dos que traballan na defensa da Memoria Democrática, é unha garantía fronte ás ameazas do pasado.”

Anova considera que a recuperación do Pazo de Meirás e das estatuas do Mestre Mateo demostra que as políticas públicas de memoria histórica e memoria democrática son útiles, necesarias e eficaces para restaurar a verdade, reparar a inxustiza e devolverlle dignidade ao país. Estas dúas vitorias tamén acreditan a importancia de contar con gobernos locais que sexan valentes e que demostren unha capacidade de transformación e unha política pública en defensa do ben común e do colectivo.

Altri Non: a vitoria do país autoorganizado

Altri nom

Altri nom

Hoxe fíxose público que a Xunta iniciou o arquivo do proxecto de Altri en Palas de Rei ao non poder garantir a conexión eléctrica, despois de quedar fóra da planificación estatal da rede. Non é un xiro voluntario nin unha rectificación ética: é o resultado dunha firme oposición social que, desde o comezo, se opuxo rotundamente a un dos proxectos máis perigosos e perniciosos para o noso territorio.

Se algo podemos afirmar con toda nitidez é que esta vitoria é da sociedade civil galega autoorganizada. Da veciñanza, das plataformas, do movemento de defensa do territorio e de todas as persoas que sostiveron a mobilización, a información compartida e a presión democrática sen pedir permiso.

Foron varias as manifestacións e mobilizacións, tanto en Compostela como na propia Palas de Rei, ou na Arousa, que lle esixiron ao goberno galego que escoitase o clamor do mandato veciñal, advertindo de que ignoralo era servir outros intereses: os dos grandes multinacionais. Fronte ao lucro infinito e ás agresións á terra por parte deses grandes negocios, volveu emerxer o pobo para defender o común.

Neste sentido, desde Anova estamos moi satisfeitos de termos apoiado e acompañado, desde o principio, esta verdadeira rebelión cívica. Entendemos que o noso lugar é acompañar, amplificar e defender —nas institucións e fóra delas— as demandas e loitas que resoan polas prazas e rúas de todo país: que o territorio non se vende, que a vida non se negocia e que Galiza non pode continuar a ser gobernada de costas viradas á súa xente. Porque cando fallan as institucións, emerxe a nación; cando a administración pública non protexe —ou impulsa agresións como neste caso— o país protéxese a si mesmo.

Agora toca unha esixencia simple: que o arquivo sexa real e definitivo, sen conxelacións estratéxicas nin portas traseiras. E toca, tamén, celebrar esta vitoria do pobo autoorganizado porque cando o país se organiza, as vitorias son posíbeis.

 

Anova organiza a xornada “O local como chave transformadora” con referentes das experiencias municipalistas galegas

Anova-Irmandade Nacionalista celebrará este sábado 29 de novembro, na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras, 3), en Santiago de Compostela, a Xornada Municipalista “O local como chave transformadora”, un espazo pensado para recuperar a centralidade política do municipalismo galego e para artellar, desde abaixo, novas alternativas transformadoras nun momento de clara emerxencia democrática, ecolóxica e social. A cita desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas e contará coa participación de representantes de diversas candidaturas municipalistas e espazos do cambio que, ao longo desta última década, contribuíron a construír proxectos políticos de proximidade centrados en mellorar as condicións de vida da xente. A Xornada estrutúrase arredor de dúas mesas de diálogo:

MESA 1: O local fronte á emerxencia democrática, ecolóxica e social
 Modera: Santi Martínez (concelleiro de 2015-2023 por Veciñanza de Cuntis)
 Interveñen:
 • Julián Bustelo (Alcalde por Rianxo en Común)
 • Benito Portela (Alcalde por Sada Maioría)
 • María Rozas (Tenenta alcaldesa por Compostela Aberta)
 • María Xosé Fernández (Concelleira por Vilalba Aberta)

MESA 2: Artellar para transformar: do local ao nacional
 Modera: Concha Fernández (concelleiro de 2015-2019 por Compostela Aberta)
 Interveñen:
 • Martiño Noriega (Portavoz nacional de Anova)
 • Xulio Ferreiro (Alcalde da Coruña 2015–2019 pola Marea Atlántica)
 • Nerea P. Carballeira (Concelleira de Ferrol En Común)
 • Xosé Manuel Beiras (Fundador de Anova)

Para Anova, esta Xornada supón un paso relevante no proceso de revitalización organizativa e política que a formación está a impulsar nos últimos meses. A organización reivindica o municipalismo como o espazo desde o que se pode reactivar unha política útil, próxima e transformadora, en contraste coa “xestión da monotonía” que, segundo Anova, se instalou en boa parte das alternativas progresistas do país.

Martiño Noriega subliñou que “o municipalismo galego foi, e debe volver ser, a forza que reconstrúa confianza social, que defenda os servizos públicos e que se enfronte sen complexos ás emerxencias sociais, ambientais e democráticas que vivimos”. Para o portavoz nacional de Anova “as experiencias locais que se dan en múltiples concellos amosan que existe capacidade e vontade de transformación real; agora cómpre artellalas e recoñecelas como parte dun mesmo proxecto de país”. Noriega engadiu que “Anova ponse a disposición dese espazo municipalista plural e cooperativo, convencida de que reconstruír o País desde abaixo é hoxe unha necesidade política e democrática”.

A organización destaca tamén a importancia da participación: as dúas mesas reservarán tempo para intervencións do público, procurando que a xornada sexa un exercicio colectivo de reflexión e de articulación estratéxica. Chamando á participación de todas as persoas que desexen contribuír á construción dunha Galiza máis xusta, máis democrática e máis sostible. “Seguimos construíndo organización para construír país”, conclúe a formación.