Anova considera que a sentencia do Iribio cuestiona toda a política eólica e ambiental do PPdeG

Por Millán Fernández o 17 de Decembro de 2020 en Actualidade

x-default

Antón Sánchez esixe ao PPdeG que “retire a proposición de Lei de Reactivación Económica de Galicia por estar feita a medida das empresas eléctricas, e que traballe nun Plan Eólico democrático e respectuoso co territorio e a súa xente”

Santiago de Compostela, 16 de decembro – A recente sentenza do TSXG na que se anula a resolución da Xunta de Galicia de Agosto de 2019 sobre a modificación do parque eólico da Serra do Iribio é demoledora e contundente non só para o caso concreto, se non como emenda á totalidade da política ambiental e eólica dos gobernos de Feijóo.

Anova considera que o TSXG dalle a razón ao que leva reclamando publicamente nos últimos anos de maneira insistente, xunto coas plataformas e colectivos autoorganizados que fan as denuncias nesta mesma liña. O modelo eólico do PPdeG non respecta os valores patrimoniais e paisaxísticos nin respecta á súa xente, ocasionando graves impactos. Galiza carece dunha planificación global e racional coherente coa normativa comunitaria da UE en materia ambiental.

Instamos pois a Feijóo a que non profundice máis no camiño do espolio, gobernando para unha minoría, e que atenda por unha vez ao interese xeral. Esiximos un modelo democrático onde os retornos sexan para a xente e non para o oligopolio eléctrico que se lucra cos recursos de todas e todos. Que sexa respectuoso cos valores paisaxísticos e co medio ambiente que temos que conservar para o noso futuro.

Esiximos que retire a proposición de Lei de Reactivación Económica, feita a medida deses grandes intereses de depredación e que vai contra a racionalidade e a xente común. Que deteña a carreira entolecida de instalación de parques eólicos sen planificación estratéxica e substentada nun plan obsoleto e desfasado, e que estableza un proceso de diálogo social e político para construír o modelo enerxético da Galiza do século XXI. Un modelo que sirva para fixar poboación no rural e non para expulsala, e que sexa útil para crear rendas e non só privilexios para unha minoría.

O PPdeG demostra coa súa actuación que ten metido no caixón tanto as directrices da paisaxe como a posible ampliación da Rede Natura, simplemente para beneficio das empresas. O xeito de actuar totalmente neglixente, é dilatar a aprobación destes instrumentos para satisfacer o interese destas empresas amigas. Esiximos, polo tanto, unha rectificación.

A sentenza abre a posibilidade a novas conquistas das plataformas estendidas por todo o país na batalla pola dignidade da terra, o medio e a nosa xente.