Defíname un rastrexador e direille cantos teño, anunciou o novo conselleiro de Sanidade en sede parlamentaria hai uns días. Esa afirmación, por sincera, non se sae do guión de opacidade e baile de cifras onde a Xunta pasou de afirmar, a comezos da pandemia, que contaba con dúas ducias de rastreadores para rectificar mes e medio despois cunha cifra de seis milleiros.
Calquera pode ser un rastrexador, ou non, ou vai ti saber nestes tempos convulsos inseridos nunha pandemia mundial, a da COVID, que semella alterar todo agás a impunidade e o matrix de cristal de Feijóo e o seu goberno. Para ser rastrexador, faltoulle dicir, non é imprescindible saber que un é un rastrexador. Para exemplo eu, que levo 170 días reincorporado á medicina de familia e que ata esta semana non sabía que era un rastrexador, ou que computaba como tal, ou non. As compañeiras que habitamos a trincheira da atención primaria, as preventivistas, as xefas territoriais de Sanidade ou as teleoperadoras do 112 podemos ser rastrexadoras según o noso presidente, que dixo tal cousa, o día que tamén reclamaba como rastrexadores polo país adiante a 180 militares. Nesta fórmula de rastrexo bélica-civil, tan só faltan as diferentes razas de cans que nas vindeiras semanas darán comezo á nova tempada de caza.