Antón Sánchez: «República desde os concellos porque no local, na primavera municipalista, construímos desde abaixo a Unidade Popular»

Por Anova IN o 20 de Xullo de 2018 en Actualidade, Comunicados

Celebraremos a palestra Novo tempo para a Unidade Popular, coa membro da mesa política de EH BIldu Maria del Rio, a ex alcaldesa de Badalona Dolors Sabaté, e o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez. Será moderada pola xornalista Eva Lema.

O propio 25 haberá un acto político que contará coas intervencións de Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez, Oriana Méndez, Branca Novoneyra e Iván Rodríguez.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018.- Hoxe pola mañá tivo lugar en Santiago de Compostela a rolda para presentar República desde os concellos, o lema elixido este ano para enmarcar os actos de Anova Irmandade Nacionalista este 24 e 25 de xullo.

A nosa responsable de institucional Lara Rodríguez foi a encargada de presentar a programación deste día. Na súa intervención lembrou que «a coalición do 155» foi quen rematou co mandato de Dolors Sabaté en Badalona, nunha moción de censura presentada polo PSC e apoiada polo PP de Garcia Albiol e Ciudadanos.

Tamén informou da xornada do 25 que comezará a partir das 13.00 horas no parque de Galeras. Aparte do acto político unha romaría con xantar popular e un concerto do Leo a partir das 16.30 horas.

Antón Sánchez lembrou que nesta xornada «Anova reivindica a condición de Galiza como nación e o seu dereito a exercer a plena soberanía para mellorar a vida das persoas» dentro dunha dinámica na que «Galiza está a perder peso económico e político por unha situación de subordinación fronte a outras estruturas políticas e por contar cun goberno actual do señor Feijóo que despreza a pelexa por conseguir a soberanía e os avances no autogoberno». Por iso «reivindicamos Galiza como nación, reivindicamos o exercicio de soberanía e tamén a República».

Antón Sánchez defendeu o proceso de consolidación da Unidade Popular e en concreto os procesos municipalistas que están en marcha: «Os concellos son o talón de Aquiles do Partido Popular. Son a súa fronte política máis vulnerable e desde os concellos hai que construír unha alternativa de unidade popular asegurar unha nova derrota do Partido Popular en 2019 que permita rematar coa súa hexemonía institucional nas eleccións galegas de 2020». Non hai só que apoiar a gobernos de cidades como Coruña, Ferrol e Santiago ou vilas como Teo ou Val do Dubra, «hai que inzar Galicia de candidaturas municipais de Unidade Popular para garantir a derrota do Partido Popular».

Antón Sánchez mostrouse favorable da proposta de Compostela Aberta xa que dende Anova «apoiamos a apertura do diálogo e de procurar acordos e consensos para dar un renovado impulso á Unidade Popular» e para iso faise necesario “practicar a xenerosidade» e evitar «enrocarse en posicións de parte que non conducen a ningures. Iso é o que agarda a cidadanía que nos apoiou».

En relación aos debates que se están a dar sobre o futuro En Marea, Antón Sánchez sinalou que «nos acordos constituíntes de En Marea e no programa electoral sempre estivo o dereito de autodeterminación. Sempre foi un dos piares da Unidade Popular neste país. Para nós é unha cuestión fundamental, e é compatible coa aposta da esquerda federal e o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado español. Este non é o problema que temos hoxe no espazo. Estivo recollido no Acordo de Mazarelos e antes en AGE».