Debateremos a nosa estratexia de alianzas electorais o vindeiro 23 de febreiro

Por Anova IN o 18 de Febreiro de 2019 en Actualidade, Comunicados

A Coordinadora Nacional de Anova reunirase o vindeiro sábado 23 de febreiro para analizar o proceso de diálogo aberto no espazo de ruptura, e para decidir a súa estratexia diante das próximas eleccións xerais.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2019.- O vindeiro sábado 23 de febreiro Anova reunirase a Coordinadora Nacional, principal organismo de dirección da nosa organización entre asembleas nacionais. O debate centrarase na política de alianzas para concorrer ás elección xerais do 28-A, unha cita decisiva para determinar unha saída de avance democrático para superar a crise do Réxime do 78 e derrotar a ofensiva autoritaria que animan o Partido Popular, Ciudadanos e Vox.

No debate poñeremos en común os avances que se están a dar no proceso de diálogo con aquelas forzas políticas, sociais e mareas municipalistas coas que levamos traballando dende que en 2012 apostamos pola configuración dun suxeito galego, plural e diverso, como ferramenta para transformar a nosa realidade e gañar dereitos sociais e nacionais para Galicia. Estableceremos tamén a metodoloxía de traballo a seguir nas vindeiras semanas de cara a conseguir o mellor escenario posible para defender os intereses das maiorías sociais agredidas.

Ese proceso de debate e de toma de decisións está aberto a procurar a unidade na diversidade, como levamos facendo dende a fundación de Anova. Entendemos que é fundamental poñer por diante todos aqueles elementos que nos unen e configurar un espazo plural, diverso e de ruptura que sexa quen de opoñerse ao avance do bloque conservador e crear unha sólida alianza para o impulsar o cambio político no Estado e Galicia.