Antón Sánchez aprema a Feijóo que aclare se vai intervir a sanidade privada para reforzar a pública

Por Anova IN o 26 de Marzo de 2020 en Actualidade, Destaques

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas no Parlamento, Antón Sánchez, instou  hoxe ao presidente a que active as axudas aos autónomos tal e como xa fixeron outras partes do Estado.

En relación á proposta de Feijóo de pospoñer o pago do imposto de sucesións até xullo, Antón Sánchez afirmou: “Vostede ve razoable aprazarlle o pago de impostos ás persoas que teñen máis dun millón de euros? Nós vemos razoable aprazarllo aos pequenos negocios”.

Compostela, 26 de marzo de 2020. Galicia en Común-Anova Mareas aprema ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóo, a que aclare dunha vez por todas, tal e como lle solicitou hoxe a colaición, se vai intervir a sanidade privada para reforzar os recursos que precisan os hospitais públicos galegos que están presentando a batalla contra o Covid-19.

Dende a coalición, afeouselle hoxe a Feijóo que, unha vez mais, refusase  dar conta das xestións, se as hobuera, que está a facer o goberno galego para por todos os recursos e medios da sanidade privada ao servizo do interese xeral, tal e como permite o Real Decreto que regula o Estado de Alarma.

“Díganos cal é o papel da sanidade privada nesta crise tras anunciar o ano pasado beneficios históricos. Dar vacacións e despedir persoal?”, reclamoulle hoxe Sánchez no pleno na Deputación Permanente celebrado na cámara autonómica, lembrando o caso denunciado anteriormente pola coalición, da dirección de HM que, con cinco hospitais en Galicia, instou aos seus traballadores a cesar voluntariamente na súa actividade mediante esas fórmulas para reducir así os seus custes laborais.

Antón Sánchez lembroulle a Feijóo que “o aval da oposición non pode usarse para facer política partidista e a lealdade que nós amosamos ten que ser recíproca e institucional” ao tempo que lle afeou que “eluda as súas responsabilidades buscando chivos expiatorios noutras administracións”.

Dende Galicia en Común-Anova Mareas fíxose unha firme defensa da sanidade pública, tantas veces erosionado e minorado tras unha década de gobernos do PP.  “A pandemia pon ao descuberto o lesivo dos recortes realizados nos últimos anos fronte ao beneficio do capital. Estas políticas déixannos en desvantaxe para combatela”. O Covid-19 amosa que é a sanidade pública a que dá a cara e saca as castañas do lume cando hai dificultades. “Non volvamos ás andadas de desviar o orzamento público para beneficiar intereses privados. A oposición non estaría á altura se non lembra isto”.

Na súa intervención, Antón Sánchez agradeceu o esforzo e o traballo dos e das profesionais da sanidade pública e pediulle a Feijóo “estabilidade na contratación. Hai que acabar cos contratos lixo do persoal médico e de enfermería”.

Non foi a única cuestión na que Feijóo refusou dar explicacións a oposición. O presidente tamén evitou respostarlle á cidadanía en relación ao material que o goberno galego ten en stock. Galicia en Común-Anova Mareas entende escandaloso que habendo medio millón de mascarillas en stock os profesionais sanitarios non traballen coa debida protección e que, ademais, tras a queixa da Xunta de falta de material, o que hai aquí marche para Madrid.

“Aos dous días da declaración do Estado de Alarma vostede estaba criticando a falta de material como se a Xunta non tivera competencias. Días despois vemos que hai 500.000 mascarillas gardadas e que Galicia doará material sanitario a Madrid”.

En relación ás residencias de maiores, que están a ser un dos principais focos de contaxio en Galicia, insistíuselle a Feijóo na necesidade de medicalizalas e dotalas de máis recursos materiais e humanos, un dos asuntos que a coalición leva días reclamando e que se lle trasladou tamén por videoconferencia o pasado domingo. “Non poden convertirse nun negocio millonario para os fondos de investimento. A privatización das residencias, na que estamos á cabeza, tradúcese nunha peor atención aos nosos maiores”, un dos colectivos máis vulnerables nesta crise do Covid-19.

A coalición pediu tamén ao goberno galego que a crise económica e social derivada da expansión da pandemia non a paguen os de sempre. “Non pode acontecer como en 2008. Temos que lograr unha saída xusta”. Feijóo non aclarou se contempla rebaixar cargas e impostos á xente traballadora e aos autónomos mentres anunciou aprazar até xullo o imposto de sucesións, que en Galicia pagan tan só as rentas máis altas. “Vostede ve razoable aprazarlle o pago de impostos ás persoas que teñen máis dun millón de euros?”, preguntou Antón Sánchez. “Nós vemos razoable aprazarllo aos pequenos negocios”.

GeC-AM urxe a Feijóo que asuma as súas competencias, que deixe de botar balóns fóra e que aprobe unha liña de axudas a fondo perdido para PEMES e persoas autónomas. “Xa hai Comunidades Autónomas que aprobaron axudas directas. Por que vostede non o fai?”, preguntou Sánchez.

Por último, ínstouselle a Feijóo a elaborar uns novos orzamentos co consenso de todas as forzas do arco parlamentario galego. Este documento orzamentario debería incluir medidas de redistribución fiscal. “Que pague máis quen máis teña”.