Anova reuniuse con representantes de ANEGA para coñecer de primeira man a situación da folga e as reivindicacións das e dos estudantes

Por Anova IN o 24 de Abril de 2020 en Actualidade, Destaques

A Xunta de Galicia segue sen convocar unha mesa de diálogo cos reitores das tres universidades, os representantes do profesorado e do alumnado para rematar coa incerteza do fin de curso universitario.

Neste momento estanse a exercer presións sobre o estudantado para impedir que exerzan o dereito de folga na Universidade de Vigo.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2020.- No día de onte tivo lugar unha xuntanza telemática entre Anova e ANEGA na que participaron pola nosa parte Iria Figueroa, candidata número 2 por Pontevedra da candidatura Galicia en Común – Anova Mareas, e o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez.

Os representantes da asociación estudantil ANEGA trasladáronnos como evoluciona a folga estudantil telemática que convocaron en todos os campus universitarios de Galicia, diante da incapacidade de rematar o curso académico con normalidade, revindicación á que amosamos o noso apoio dende o primeiro momento. Segundo unha enquisa da propia ANEGA e outra da USC, máis do 30% do alumnado universitario en Galicia ten problemas graves para seguir o curso de maneira telemática. A situación é diferente no ensino secundario, onde todas as administracións traballan nun horizonte no que o fin de curso é a única alternativa viable.

Todo isto vese agravado por unha situación na que moitos estudantes teñen problemas económicos derivados da crise da Covid 19, e na que a Xunta de Galicia está a actuar ás costas do estudantado. Nin se reúne coas organizacións que os representan nin garante medidas como a eliminación das matrículas universitarias, unha Renda Social ou a suspensión dos alugueres nos meses nos que dure esta situación. Estes elementos tamén condicionan o desenvolvemento da actividade docente, e xunto coa fenda dixital afectan precisamente a aqueles estudantes que veñen de situacións máis precarias.

Ambas organizacións concidimos na esixencia de saír do inmobilismo por parte do goberno galego para non rematar expulsando do ensino público a milleiros de estudantes. Consideramos imprescindible reforzar a aposta polo sistema educativo, un dos maiores garantes dunha sociedade menos desigual.

Quedamos emprazados en denunciar esta situación e intentar que nas diferentes estancias de goberno sexan tidas en conta estas reclamacións. Teremos nos próximos días unha nova xuntanza para valorar a situación, a evolución da folga estudantil, e ver que liñas de actuación levar a cabo.