Anova apoia a folga na Atención Primaria

Por Anova IN o 26 de Novembro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Apoiamos a folga que terá lugar os días 27 e 28 de novembro contra as medidas implementadas polo Sergas que limitan o tempo das consultas da atención primaria.

Máis alá dunha cuestión simplemente laboral, o motivo desta folga é a defensa dunha sanidade de calidade para o conxunto da cidadanía galega.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2019.- Dende Anova apoiamos a convocatoria de folga da Asemblea de Áreas Sanitarias para os días 27 e 28 de novembro en protesta polas medidas que o Sergas implementou nas súas consultas e que, segundo din, non se perciben en ningún caso.

As políticas do goberno de Feijóo en materia de Sanidade levan son un desastre e un despropósito pola imposición da ortodoxia neoliberal desde a súa chegada á Xunta de Galicia. A precariedade, a falta de medios, as privatizacións e a sobrecarga de traballo para as e os sanitarios redundaron nunha baixada da calidade no servizo para a cidadanía galega.

Os profesionais da Atención Primarias denuncian falta de persoal, medios e tempo para poder exercer dignamente o seu traballo, imprescindible, que afecta aos dereitos máis básicos e fundamentais.

Baixo o lema “Por unha atención primaria digna” tamén se celebrarán o día 28 concentracións en Santiago de Compostela e Ferrol ás 12:00h nos centros de atención primaria, así como tamén o 27 noutras localidades do país, co apoio de pacientes e a cidadanía activa.

A actitude de falta de diálogo do Sergas é intolerable e continúa a liña mantida polo Goberno de Feijóo ao longo destes anos no referente á sanidade pública, principal campo de batalla das súas políticas privatizadoras e que precarizan o traballo dos profesionais da Sanidade.

Dende Anova animamos á cidadanía a solidarizarse coas reclamacións xustas dos profesionais da saúde, pois vainos a vida niso.