O pasado martes 7 Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, e o voceiro nacional de Anova Martiño Noriega mantiveron unha xuntanza de traballo e de intercambio de ideas de cara á manifestación na defensa da Atención Primaria convocada pola plataforma para o domingo 12 en Santiago de Compostela.
Manuel Martín chamou á implicación da cidadanía, xa que a situación dos últimos anos levou a un importamte deterioro da calidade do servizo: “todos somos SOS Sanidade Pública”, dixo o voceiro da plataforma. Asimesmo anunciou que fixeran a entrega na Xunta de Galicia de máis de 50.000 sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular onde se plantexa a necesidade de resolver a “crítica situación”.
Pola súa banda, Martiño Noriega, que ademais é Medico de Familia e coñece e padece a situación, indicou que “un cadro de persoal envellecido e canso, ou a expulsión de centos de médicos de familia polas políticas de recortes da última década deterioraron irresponsablemente a calidade en detrimento dos doentes”.
Os dous coinciden na necesidade da implicación de todos os colectivos, partidos, sindicatos e organizacións porque a situación “está chegando ao límite” e convidan a toda a poboación a sumarse á reivindicación que terá lugar este vindeiro domingo 12, con saída ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela.