Anova denuncia a sentenza política do Tribunal Supremo contra os dirixentes independentistas cataláns

Por Anova IN o 14 de Outubro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Esta sentenza do Tribunal Supremo mostra unha vez máis o intento de pechar de forma autoritaria a crise do Réxime do 78, intensificando a represión contra os movementos que defenden o dereito a decidir e contra a xente do común que denuncia as políticas neoliberais.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019.- Finalmente cumpriuse á perfección o guión que nestes últimos tempos anunciaban os principais voceiros do status quo: diante do desafío democrático que supuxo a posta en marcha do referendo do 1 de outubro de 2017, era preciso impoñer para o Estado español unha sentenza exemplar.

Ese foi o contido da mensaxe do monarca Felipe VI poucos días despois daquela xornada de dignidade colectiva, na que a cidadanía do común desafiou a violencia dunhas cargas policiais que abriron os telexornais de medio mundo. A continuación veu a aplicación do 155 por parte do executivo de Mariano Rajoy, facendo uso o Estado español dunha ferramenta de excepción para suprimir unha xa de por si precaria autonomía a golpe de Senado. E agora este xiro autoritario xa ten unha coartada xurídica dada polo Tribunal Supremo para lexitimar unha posición política: a de que a democracia ten límites no momento no que se desafían os intereses das elites centralistas e no que se pretenden abrir horizontes constituíntes.

Estamos diante dunha sentenza agardada, que demostra a incapacidade por parte do status quo do Estado español de abrir as portas ao diálogo. Un diálogo que para ser efectivo debe ir alén das palabras, permitindo a posta en marcha de calquera proxecto político, materializable sempre e cando dispoña de apoio cidadá. Algo tan simple como iso queda en evidencia hoxe, no século XXI, no Estado español.

Cataluña chega a esta situación despois da promesa incumprida por José Luís Rodríguez Zapatero de respectar na súa integridade o Estatut que saíu do Parlamento de Cataluña. Incumpriuse primeiro no seu paso polo Congreso, posteriormente cepillado polo Tribunal Constitucional despois dunha denuncia posta a instancia do Partido Popular. A cerrazón do PP e do PSOE á hora de aceptar a existencia de diferentes nacións no Estado contribuíu a que non se abrisen as opcións ao diálogo político e á resolución democrática. Queda constatado que no actual marco xurídico-político do Estado español non se poden materializar todos os proxectos políticos, aínda que sumen maiorías sociais e electorais.

Precisamos sumar vontades, no inmediato, para blindar dereitos sociais e civís recollidos mesmo no actual marco xurídico-político. A sentenza entra dentro dunha estratexia para establecer un marco de excepcionalidade xurídica que neste caso atravesa ao independentismo catalá, pero que mañá se podería estender a outros movementos. De feito xa o fai no momento no que existen mordazas lexislativas en contra da liberdade de expresión, cando se criminalizan protestas en defensa dos dereitos sociais por parte das e dos que padecemos as consecuencias da crise.

É importante entender e explicar que os dereitos e liberdades que hoxe se violentan en Cataluña mañá poden estar en risco en Galicia ou en calquera parte do Estado. Trátase de criminalizar a protesta para procurar ter unha sociedade mansa. A Galicia que se move en plataformas e loitas cívicas contra as políticas neoliberais da Xunta de Galicia ben sabe do que estamos a falar.