Anova reuniuse con representantes de ANEGA para coñecer de primeira man a situación da folga e as reivindicacións das e dos estudantes

A Xunta de Galicia segue sen convocar unha mesa de diálogo cos reitores das tres universidades, os representantes do profesorado e do alumnado para rematar coa incerteza do fin de curso universitario.

Neste momento estanse a exercer presións sobre o estudantado para impedir que exerzan o dereito de folga na Universidade de Vigo.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2020.- No día de onte tivo lugar unha xuntanza telemática entre Anova e ANEGA na que participaron pola nosa parte Iria Figueroa, candidata número 2 por Pontevedra da candidatura Galicia en Común – Anova Mareas, e o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez.

Os representantes da asociación estudantil ANEGA trasladáronnos como evoluciona a folga estudantil telemática que convocaron en todos os campus universitarios de Galicia, diante da incapacidade de rematar o curso académico con normalidade, revindicación á que amosamos o noso apoio dende o primeiro momento. Segundo unha enquisa da propia ANEGA e outra da USC, máis do 30% do alumnado universitario en Galicia ten problemas graves para seguir o curso de maneira telemática. A situación é diferente no ensino secundario, onde todas as administracións traballan nun horizonte no que o fin de curso é a única alternativa viable.

Todo isto vese agravado por unha situación na que moitos estudantes teñen problemas económicos derivados da crise da Covid 19, e na que a Xunta de Galicia está a actuar ás costas do estudantado. Nin se reúne coas organizacións que os representan nin garante medidas como a eliminación das matrículas universitarias, unha Renda Social ou a suspensión dos alugueres nos meses nos que dure esta situación. Estes elementos tamén condicionan o desenvolvemento da actividade docente, e xunto coa fenda dixital afectan precisamente a aqueles estudantes que veñen de situacións máis precarias.

Ambas organizacións concidimos na esixencia de saír do inmobilismo por parte do goberno galego para non rematar expulsando do ensino público a milleiros de estudantes. Consideramos imprescindible reforzar a aposta polo sistema educativo, un dos maiores garantes dunha sociedade menos desigual.

Quedamos emprazados en denunciar esta situación e intentar que nas diferentes estancias de goberno sexan tidas en conta estas reclamacións. Teremos nos próximos días unha nova xuntanza para valorar a situación, a evolución da folga estudantil, e ver que liñas de actuación levar a cabo.

Galicia en Común-Anova Mareas denuncia a campaña de intoxicación e a falta de autocrítica do Goberno de Feijóo

Antón Sánchez denuncia que o conselleiro de Sanidade compareceu para facer propaganda e non para explicar a realidade derivada da crise da Covid-19

Compostela, 22 de abril de 2020.-  O voceiro no Parlamento de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Sánchez, denunciou este mércores a «desleal campaña de intoxicación» levada a cabo polo Goberno de Feijóo durante a crise da Covid-19.

Sánchez sinalou que a comparecencia do conselleiro de Sanidade na Cámara galega estivo exenta de autocrítica e humildade, amosando unha «soberbia absoluta».

«Non fai falla que o PP recorra a falsidades para xustificar a non asistencia de Feijóo ao Parlamento. Se non comparece, é porque non quere. Se prefire estar a diario na TVG sen que ninguén contradiga a súa desleal de intoxicación, é a súa responsabilidade», indicou.

Sánchez incidiu en que esta actitude do Goberno galego «produce unha indignación crecente na cidadanía observando que, segundo vostedes, a Xunta faino todo ben, e se hai algo mal, é culpa dos outros. Non falou de nada do que foi mal, e iso non é vir a explicar a realidade; é seguir facendo propaganda. Suspendéronse eleccións, pero vostedes non suspenderon a campaña».

O voceiro lamentou que isto é aínda «máis indignante cando vén dos responsables dos recortes na sanidade pública, que atacaron e denigraron as e os profesionais, cando vén dun partido con casos de corrupción evidente, por se non fora pouca corrupción usar o diñeiro público para favorecer a sanidade privada. É indignante que utilicen esta crise para facer campaña electoral».

«Din que o importante é salvar vidas, pero non deixan de estar en campaña electoral, encadenado unha intoxicación tras outra», continuou Sánchez. Como exemplo destas prácticas, o voceiro citou os problemas de falta material de protección para o persoal sanitario, «incluso cesaron unha responsable sanitaria polas súas reclamacións, mentres difundían críticas ao Goberno do Estado polos test rápidos».

Ademais, Sánchez destacou que «Feijóo dicía que necesitaban respiradores imperiosamente dous días antes de envialos a Madrid» ou que «o 5 de abril Feijóo dicía que os test rápidos son de apoio, pero non definitivos, algo que coincidía co que dicía o ministerio. Tres días despois dicía que pensaba que si eran definitivos».

Residencias de maiores, o maior exemplo de mercantilización da saúde

Antón Sánchez reprochou que o conselleiro de Sanidade «non fixo autocrítica» coas residencias de maiores, «o maior exemplo de mercantilización da saúde tras 11 anos de políticas e decisións destinadas a favorecer o negocio de determinadas empresas con diñeiro público».

Así, afondou en que «precisamente as residencias desas empresas son as que teñen máis contaxios e máis mortes. O Consello de Contas denunciou irregularidades, pero o seu Goberno non actuou. Cando se demostra agora que a xestión pública e directa é mellor, deberían recoñecer que as súas políticas puxeron en perigo a moitas persoas, pero non o fan. Botamos de menos unha reflexión a futuro de cambio de modelo».

O voceiro lembrou ademais que é evidente que «os recortes déixannos en peor situación. Se tiveramos as mesmas camas que cando chegaron ao Goberno, poderiamos intervir e medicalizar as residencias. Coa media de persoal do Estado, teriamos centos de profesionais máis, pero vostedes adicáronse a precarizar ese persoal e por iso hai escasez».

Sánchez criticou que, a pesar destas consecuencias, «seguen actuando igual e só recúan cando hai presión social. A mediados deste mes anunciaron rescisións de contrato ao persoal e só recuaron cando se soubo e era demasiado escandaloso. Van ter que facelo en moitas máis cousas, porque as privatizacións xa non van ser posibles. Moita xente viu que a sanidade pública é fundamental para protexernos».

Por último, Antón Sánchez valorou que «comprenderíamos un relato máis axustado á realidade, comprendemos as dificultades de calquera goberno para xestionar esta pandemia. O que non toleramos é que os gobernos que precarizaron a sanidade pública, estean constantemente en campaña electoral e veñan con soberbia sen recoñecer ningún erro».

Deste xeito, concluíu que «cómpre centrarse agora en salvar vidas. Cando isto remate, pediremos responsabilidades polas políticas que puxeron en perigo a xente poñendo o negocio por enriba da saúde».

Medidas de vivenda da coalición Galicia en Común – Anova Mareas diante da crise do Covid 19

A vivenda é un dereito. Unha necesidade vital inapelable. Precisamos dun espazo digno, axeitado no que acubillarnos, vivir e convivir, mesmo para confinarnos, coidarnos e preservar a saúde pública.

As propostas que desenvolvemos neste bloque están enfocadas a garantir que todos os galegos e galegas teñan a protección dun teito e, sobre todo, para que non o perdan por mor desta crise sanitaria.

Propostas:

1 | Exención do pago das rendas nas vivendas públicas propiedade do IGVS correspondentes aos meses de abril, maio e xuño de 2020.

2 | Extensión do Bono de Aluguer ao 100%, incluíndo gastos de comunidade, a todas as persoas que por causa da actual situación de crise non acceden a ingresos ou que os viron reducidos máis dun 75%.

3 | Desenvolvemento exprés por parte do IGVS dos programas modificados na Orden do MTA/336/2020 do Plan Estatal de Vivenda 2018-2020 para que os destinatarios obxecto das axudas poidan beneficiarse delas o antes posible.

A Xunta de Galicia, a través do IGVS, debe garantir as seguintes cuestións no desenvolvemento de ditos programas:

  • Solucións habitacionais para as mulleres víctimas de violencia machista a través da habilitación de vivenda de propiedade pública para esta fin ou, como alternativa, adicando vivenda de titularidade privada, aloxamento ou dotación residencial que polas súas condicións poida cumprir a función requerida. Cobertura telefónica gratuíta con estas saídas de emerxencia habitacional para mulleres que sofren maltrato en cuarentena polo coronavirus. Así mesmo, atenderase a este obxectivo coa dotación de capacidade aos Concellos para desenvolver o Programa de axuda ás víctimas de violencia de machista, persoas obxecto de desafiuzamento ou da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras personas e familias especialmente vulnerables.
  • Solucións habitacionais para persoas e familias en situación de emerxencia que perderan a súa vivenda habitual a raíz da actual situación, ou que estean en situación de risco de perdela.
  • Garantir equipamentos suficientes de aloxamento e manutención para as persoas sen fogar e persoas e familias especialmente vulnerables.

4 | Proporcionar soporte xurídico e técnico aos concellos para a creación de Bolsas de vivendas de aluguer. O obxectivo é mobilizar con urxencia vivenda baleira como mecanismo áxil para dotar de recursos habitacionais ás persoas e familias vulnerables ante a falta de vivenda pública.

5 | Axudas directas a estudantes para o pago de aluguer de pisos e residencias universitarias, no período que dure o estado de alarma e ata final do presente curso académico. Destinado a estudantes cuxas familias non acceden a ingresos ou que os viron reducidos en máis dun 75% por causa da crise sanitaria.

6 | A Xunta de Galicia, a través do IGVS, debe exercer o dereito de tanteo e retracto daquelas vivendas sobre as que as entidades financieiras iniciaron proceso de lanzamento. O obxecto desta medida é evitar os desafiuzamentos e garantir a continuidade das persoas e familias nas súas residencias habituais, ben en réxime de aluguer social ou ben refinanciando a débeda.

7 | A Xunta de Galicia debe aumentar os activos da bolsa pública de vivienda mediante acordos de cesión e xestión coa SAREB, grandes tenedores e pequenos propietarios. Os acordos con estes últimos garantirán a cobranza de rendas e o mantemento e mellora dos inmobles.

Propostas de apoio a comercio e turismo ante a crise do Covid 19 de Galicia en Común – Anova Mareas

O sector servizos, e máis concretamente as actividades comerciais e turísticas, son pezas crave na economía galega, cunha importante achega en materia de creación de riqueza e emprego.

A situación actual destas actividades xerada pola crise sanitaria obriga a desenvolver, de maneira urxente, medidas de apoio por parte da Xunta de Galicia, en coordinación co Goberno do Estado e as Administracións Locais, que non só atendan ás necesidades conxunturais de empresas, autónomos/as e traballadores/as, senón a establecer as garantías de continuidade destas actividades nas mellores condicións posibles fronte ás dificultades que previsiblemente terán lugar na fase de recuperación post-crise, así como a sentar as bases para o avance cara a un modelo sectorial baseado en criterios de cooperación e sustentabilidade.

Propostas:

Propostas:

1 | Axudas directas a fondo perdido a pemes e autónomos/as que cesasen a súa actividade ou visen reducidos os seus ingresos de maneira importante por causa da crise sanitaria para afrontar gastos de aluguer de instalacións, pagos de persoal e outros custos inasumibles nesta situación de paralise, cunha dotación mensual suficiente, que será mantido durante os seis meses seguintes ao levantamento do estado de alarma.

2 | Aprobación de liñas de axudas específicas, a fondo perdido, destinadas a pemes e autónomos, entre as que se propoñen:

  • Axudas para o desenvolvemento de sistemas e ferramentas de comercio virtual e teletraballo, así como para a formación e capacitación do persoal no uso destas.
  • Axudas para a reactivación da actividade comercial, a realización de campañas publicitarias, o comercio local e de proximidade e a promoción de produtos feitos en Galicia.
  • Axudas para a creación e ampliación de asociacións comerciais que protexan e permitan unha maior cooperación entre o sector do comercio galego.
  • Liñas de axuda específicas para empresas e autónomos con establecementos turísticos vinculados directamente co Camiño de Santiago que non poden abrir as súas portas neste periodo

3 | Axilización e disposición de procedementos abreviados que permitan a solicitude e concesión de axudas, de maneira telemática, con requirimentos abreviados e posposición de entregas documentais, e con resolución urxente de expedientes acorde á situación de emerxencia.

4 | Liña de crédito a interese cero, a través do IGAPE, cun período de carencia mínimo de seis meses tras o levantamento do estado de alarma e facilidades de pagamento para autónomos e pequenas empresas de comercio e hostelería cuxos ingresos se viron afectados de maneira importante pola situación de crise sanitaria.

5 | Moratoria ao pago de alugueres de locais comerciais de propiedade ou xestión pública e quitas do 50% durante catro meses para aqueles casos nos que se reducisen de maneira drástica os ingresos (Instituto Galego da Vivenda e Solo; XESTUR S.A.; etc.).

6 | Creación dun fondo de capital risco para investir en empresas arraigadas no territorio galego e con capacidade de dinamizar a actividade económica.

7 | Posta en marcha dunha liña de apoio financeiro urxente dirixida a entes locais para ao mantemento e impulso da actividade comercial e turística nos municipios de Galicia, e a promoción do comercio local, de proximidade, e os produtos co orixe en Galicia.

8 | Mantemento de todos os contratos públicos da administración autonómica comprometidos co sector do turismo e o comercio, mediante fórmulas de flexibilización e adaptación no obxecto e temporalidade dos contratos, de tal forma que se permita a cobertura de necesidades emerxentes na actual situación de crise, así como o sostemento da actividade e o emprego nesta fase e posteriores.

9 | Axilizar o pagamento a provedores por parte da Xunta de Galicia para garantir o mantemento da súa actividade e dos postos de traballo.

10 | Atención inmediata ás demandas de emprego de empresas comerciais que prestan servizos esenciais durante esta crise, como as adicadas á alimentación ou a subministración de produtos sanitarios.

11 | Campañas de promoción de Galicia como destino turístico, que incorporen a estratexia social e ecolóxica ao tempo que alenten aos consumidores e consumidoras finais a pospoñer as reservas e non cancelalas.

12 | Impulsar un programa de competitividade turística socialmente responsable para contribuír a adecuar os servizos do sector aos novos requirimentos tras a crise sanitaria.

13 | Creación dunha comisión permanente de traballo transversal entre as administracións galegas, axentes do sector do comercio e turismo, representantes sindicais e organización civís, para analizar e decidir conxuntamente as medidas a implementar nas sucesivas fases de crise e recuperación.

Galicia en Común- Anova Mareas lamenta que o PP bloquee as comparecencias de Feijóo no Parlamento de Galicia en plena crise do Covid-19

Antón Sánchez considera “irresponsable e desleal” que o Partido Popular incumpra o acordo que, tras a convocatoria electoral, prevía converter á Deputación Permanente no órgano de control e impulso ao Goberno galego.

O voceiro do Grupo Común da Esquerda lembra que os grupos levan semanas esperando a que a Cámara emita o informe que debe clarificar as funcións e competencias dese órgano

Compostela, 13 de abril de 2020.-O voceiro do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, denunciou hoxe a actitude obstrucionista do Partido Popular e do seu máximo responsable en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen levan semanas bloqueando as comparecencias do presidente da Xunta fronte á Deputación Permanente da Cámara, o seu máximo órgano tras a disolución provocada pola convocatoria de eleccións autonómicas.

Sánchez lembrou que os partidos da oposición “deron un aval a Feijóo” cando, hai case un mes, apoiaron a suspensión do procedemento electoral fronte á evidencia de que a crise da Covid-19 ía impedir que as eleccións se celebrasen con normalidade democrática e con todas as garantías para a saúde e a seguridade da cidadanía.

“Foi unha mostra de lealdade que non foi correspondida nin polo PP nin por Feijóo, que incumpriron o acordo que prevía converter á Deputación Permanente no órgano de control e impulso ao Goberno galego. O Partido Popular está a bloquear calquera posibilidade de que a Deputación Permanente exerza esas funcións, nunha actitude irresponsable e desleal”, dixo Sánchez, quen lembrou que en Euskadi, onde as eleccións autonómicas tamén foron suspendidas, “a Deputación Permanente do Parlamento Vasco si foi activada como órgano máximo de control” do Goberno autonómico.

“A soberanía popular galega reside tamén no Parlamento de Galicia, e ten que ter voz e expresión democrática. O PP debe levantar inmediatamente este bloqueo, precisamente nun momento no que, máis que nunca, precisamos transparencia e capacidade para poder fiscalizar a acción de goberno da Xunta”, engadiu.

Xusto tras a declaración do Estado de Alarma, Galicia en Común-Anova Mareas presentou unha serie de propostas políticas que incluían a activación da Deputación Permanente e as comparecencias periódicas de Feijóo e dos responsables dos departamentos da Xunta máis implicados na loita contra a emerxencia sanitaria e as súas consecuencias socioeconómicas. Pero desde que comezou a crise Feijóo tan só compareceu nunha ocasión, sen que se teña resolto aínda como debe funcionar a Deputación Permanente como órgano de control.

“Os grupos parlamentarios solicitamos hai máis de dúas semanas un informe ao Parlamento para definir e establecer esas funcións. Pero seguimos agardando. Non vemos máis razóns, máis alá dás meramente partidarias, para que o PP manteña esta anomalía democrática e siga impedindo que o Parlamento de Galicia funcione e cumpra as súas funcións”.. afirmou o deputado Antón Sánchez.

“O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, tamén cualificou hoxe de “desplante” e de “desprezo á cidadanía galega” a negativa de Alberto Núñez Feijóo a celebrar ás reunións periódicas que se comprometeu a manter coas forzas políticas galegas, unha decisión que está impedindo que estas poidan facer chegar á Xunta as súas propostas para enfrentar a crise da Covid-19 desde a unidade e a colaboración entre todas as axentes políticas e sociais.

Propostas de ensino público ante a crise do Covid 19 da coalición Galicia en Común – Anova Mareas

O Ensino Público, piar de calquera sociedade democrática e avanzada, viuse especialmente afectado pola crise do COVID-19 posto que ademáis de afectar aos menores e aos universitarios, o sistema estaba debilitado tras once anos sucesivos de recortes da Xunta de Feijóo. O persoal docente está a comprobar o seguimento desigual das clases polos rapaces e rapazas dependendo das súas circunstancias persoais, socioeconómicas e culturais. Se a isto lle sumamos que segundo os últimos datos coñecidos máis do 30% do alumnado non ten un axeitado acceso a internet faise patente que a pretendida normalidade do curso en liña non é a vía axeitada para a igualdade de oportunidades. Garantir a igualdade de oportunidades é a premisa dun futuro máis xusto.

Para enfrontar esta situación, coa vontade de ser propositivos e ofrecer solucións que minoren as problemáticas no ensino que derivan do Covid-19 facemos as seguintes demandas:

1 | Pronunciamento explícito e claro, pola Xunta de Galicia, sobre a inminente data de celebración das oposicións de mestres e profesorado, prevista para o próximo xuño, e o compromiso de que se van a manter todas as prazas que estaban convocadas. 

2 | Tendo en conta a imposibilidade de continuar o curso cunhas garantías axeitadas para o alumnado, propoñemos establecer unha mesa de diálogo cos representantes sindicais do profesorado e ANPAS para acordar un mecanismo de finalización e avaliación axeitado para este curso académico que impida a continuidade da docencia e realización de exames e probas en liña sen estar garantida a cobertura total do alumnado.

3 | Tralo anuncio da suspensión das aulas presenciais nas universidades galegas, propoñemos establecer unha mesa de diálogo entre a Consellería, Universidades, sindicatos de estudantes e profesorado para  buscar unha fórmula de consenso coa que poder dar por finalizado o curso universitario actual de forma que as notas do segundo cuatrimestre non sexan computadas a efecto da media académica.

Esta mesa encargarse tamén de adaptar as materias do vindeiro ano para recoller os contidos fundamentais da parte do presente curso afectado pola crise sanitaria co fin de non deixar ningún estudante atrás na súa formación. 

4 | Garantir que as nenas e nenos beneficiarios de bolsas comedor continúen a recibir unha alimentación axeitada mentres dure o confinamento. Esta actuación debe abranguer tamén ás escolas infantís de xestión autonómica e abrir a posibilidade de acceso ás bolsas ás familias que vexan afectados os seus ingresos por mor desta crise.

A este respecto consideramos que as axudas publicadas no DOG do 30 de marzo son manifestamente insuficientes, e esiximos á Xunta de Galicia unha maior cobertura, establecendo unha ampliación baseada en criterios de renda para aquelas familias que perderon parcial ou totalmente os seus ingresos debido á crise do Covid19, de xeito que as axudas se estendan máis alá do confinamento e o final do Estado de Alarma. 

5 | Atallar a fenda dixital no noso país, con medidas específicas como as que se enumeran a continuación:

  • Dotación urxente de recursos materiais e pedagóxicos para o adecuado desenvolvemento das actividades docentes na modalidade en liña en todos os ciclos educativos; aumento dos contidos formativos en lingua galega; e formación do profesorado para o uso destas ferramentas.
  • Asegurar que todo o alumnado posúe a tecnoloxía (ordenadores e/ou tabletas) para seguir contidos dixitais, que dispoñen dos datos e a conectividade necesaria en todo o territorio galego ou, cando menos, ofrecer solucións alternativas para aquelas familias sen recursos ou as residentes en zonas onde a accesibilidade sexa limitada, administrando bonos de internet e equipos para suplir a fenda dixital e avanzar na igualdade de oportunidades.
  • Mellora dos servizos TIC que ofrecen dende a Consellería de Educación instalando un servidor de chat en directo e un servidor de videoconferencia.
  • Adaptar e crear contidos en lingua galega para nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo. Garantir a conexión con docentes formados para tratar estas diversidades. 

6| Posta en marcha dun plan educativo do alumnado de primaria e secundaria a través dunha programación específica nos medios públicos da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, en lingua galega, consensuado e con participación directa do profesorado que permita reforzar os contidos impartidos no tempo que durou a docencia presencial. Debería incluír ademais intérprete de signos, pictogramas, etc… para a atención as necesidades específicas e individualizadas ná diversidade do alumnado.

7 | Garantir a cobertura de prazas docentes, de apoio especial e de orientación durante este período lectivo para cubrir as vacantes e necesidades específicas de reforzo.

8 | Eliminar a obriga de permanencia nos centros por parte de ningún membro da dirección mentres dure a crise sanitaria, mantendo a atención telefónica aos pais e nais, e incluso ao propio alumnado, xa que pode realizarse dende os fogares.

9 | Adaptación da proba da ABAU aos contidos impartidos no tempo da docencia presencial. Ao tempo, habilitaranse mecanismos que permitan ao profesorado resolver as dúbidas que o alumnado poida ter ao respecto dos contidos impartidos.

10 | Convocatoria dunhas bolsas de estudo para o vindeiro curso adecuadas ás necesidades de aloxamento, manutención e transporte do alumnado.

11 | Devolución das matriculas do segundo cuatrimestre e eliminación progresiva das mesmas para os vindeiros cursos.

12 | Planificación e posta en marcha dun plan de adaptación da actividade docente presencial, para o curso próximo, con criterios de seguridade sanitaria e garantía de igualdade de oportunidades, para o profesorado, alumnado e persoal auxiliar, en todos os ciclos educativos (garderías, escolas, institutos, facultades, etc.). Entre outras medidas, tomaranse as seguintes:

    • Elaboración dun protocolo de volta á nomalidade que non só teña en conta as cuestión curriculares senón socioafectivas das rapazas e rapaces.
    • Garantir as condicións óptimas de seguridade sanitaria nos centros e rebaixar a ratio de alumnado por aula, facilitando o desdobramento dos grupos.
    • Protexer aos docentes, alumnado e persoal auxiliar, especialmente a aqueles que, pola súa situación persoal (enfermidades ou avellentamento), estean nun grupo de maior risco de contaxio.
    • Incorporación axeitada dos contidos que non puideron ser vistos no curso 2019/2020.
    • Aumentar a contratación de mestres e profesorado co fin de poder afrontar esta crise e as situacións derivadas dela.
    • Facer unha análise, coordinado pola Inspección educativa a través dos equipos directivos dos centros, da situación de atención a alumnado con necesidades de apoio educativo específico (NEAE) para poder tomar medidas concretas e individualizadas con este alumnado, apoiado nos servizos de orientación e nos equipos de orientación específica.    Reforzar a atención á diversidade e necesidades educativas especiais coa adaptación de probas e contidos (contidos auditivos, pictogramas, apoio específico individualizado, etc.) dependendo das necesidades concretas de cada alumno/a.

Martiño Noriega: «Unha das peores decisións de Feijóo foi a de privatizar as residencias para as persoas maiores»

Martiño Noriega reclama un novo modelo publico de residencias e reverter as privatizacións desenvolvidas pola Xunta e resalta a importancia  da «defensa do público como garantía de coesión social e non só do benestar dos nosos maiores, senón do conxunto da sociedade”.

Gómez Reino esixe a Feijóo transparencia e frear o “trato inhumano” a usuarias e traballadoras das residencias galegas afectadas polo Covid-19, e reitera de novo a necesidade de intervir e medicalizar os centros de maiores e de realizar os test de detección do coronavirus a todos os usuarios e traballadores

Eva Solla: “Feijóo deixa en mans das empresas privadas a vida das nosas persoas maiores, privatiza os servizos e non exerce control público sobre eles, o que ainda agrava máis esta situación e precariedade”

Compostela, 6 de abril do 2020.- Martiño Noriega voltou lembrar que «unha das peores decisións de Feijóo foi a de privatizar as residencias para as persoas maiores, ben directamente desde a Xunta, ben pola súa fracasada operación de fusión das caixas de aforro». 

«Quen consiga ver máis alá da propaganda institucional do rexime de Feijóo poderá ver un país no que o ratio de prazas en residencias e do 3,05% sobre os maiores de 65 anos, moi por debaixo da media estatal,  e cun 65% das prazas en mans de empresas privadas», declarou Noriega, mencionando o informe de fiscalización do Consello de Contas do ano 2015. Ese informe resaltaba que «o número de persoas que accederon a prazas residenciais a través do sistema de emerxencia social pasou de ser unha excepción a ser o sistema máis empregado para o aceso ao servizo».

Noriega concluíu que nos atopamos “nunha situación límite de emerxencia sanitaria, mais tamén de emerxencia social”. “Son as consecuencias de dez anos de Goberno pensando no interese da empresa privada en vez de pensar no interese do ben común». Porr iso «compre reclamar un novo modelo que siga as mesmas recomendacións que fai o propio Consello de Contas cando indica que «é necesario incorporar máis prazas públicas residenciais no sistema de servizos sociais de Galiza».  

Un novo modelo que revirta a desmantelación do sistema galego do benestar «que ademais de estar a ser privatizado tamén reduciu un 7,1% en gastos de persoal como o propio informe indica». Noriega finallizaou resaltando a importancia da «defensa do público como garantía de coesión social e non só do benestar dos nosos maiores, senón do conxunto da sociedade”.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, insistiu hoxe de novo na urxente necesidade de que a Xunta interveña as residencias de maiores de Galicia e proceda á súa  medicalización inmediata para garantir “a correcta atención aos seus usuarios e a protección dos seus traballadores”. Gómez Reino esixiu tamén ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que proceda a someter aos test do  Covid-19 a todos os residentes e coidadores. 

“Non se trata só de protexer as vidas, a saúde e o benestar dos nosos maiores e de quen os coidan, e de ofrecer tranquilidade ás súas familias. Trátase tamén de garantir a seguridade do resto da poboación. Se non coñecemos exactamente cantos infectados hai nas residencias galegas, non poderemos actuar eficazmente para frear a expansión do coronavirus”, dixo.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas lembrou que REDE, a Federación Galega de Usuarios de Familias da Dependencia e Residencias, leva semanas denunciando que a Xunta non realizou as probas aos internos e traballadores das residencias competencia da Xunta, a pesar das evidencias que indican desde hai días que xa se produciu nelas un contaxio masivo.

Ademais, usuarios e familias tamén teñen denuciado ante Fiscalía o trato “inhumano” que padecen os usuarios dalgúns centros, e o feito de que as empresas que as xestionan que non proporcionan aos traballadores os medios que precisan para coidalos e combater os  contaxios. “Sumámonos a esas denuncias e esiximos á Xunta que garanta que esas situacións non se repiten”, dixo Eva Solla.

Gómez Reino tamén reclamou a Feijóo que impida que esas empresas despidan aos traballadores que as denunciaron. “O modelo de privatizacións no sector sanitario e de servizos sociais desenvolvido pola Xunta desde que Feijóo chegou ao Goberno permitiu que durante anos se fixese negocio cos coidados dos nosos maiores, deixándoos nunha situación de extrema fraxilidade”, explicou Gómez Reino. 

“Hai que reformular ese modelo e desmontalo xa. E o primeiro paso ten que ser unha actuación firme e decidida contra o  COVID-19, intervindo de inmediato todas as residencias, realizando as probas de detección a todos os seus usuarios e traballadores, e garantindo transparencia absoluta e a colaboración total co Goberno do Estado”, concluíu o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas. 

Pola súa banda, a voceira e deputada Eva Solla subliñou denunciou a nula vontade fiscalizadora da Xunta cos centros privados indicando que «Feijóo deixa en mans das empresas privadas a vida das nosas persoas maiores, privatiza os servizos e non exerce control público sobre eles, o que ainda agrava máis esta situación e precariedade». 

Tal e como recolle o informe fiscalizador do Consello de Contas do 2015 a candidata manifestou que «a pesar das incidencias detectadas na inspección de control destes centros privados, tanto en materia de persoal como de deficiencias nos protocolos de funcionamento,  estas irregularidadesnon se corrixiron e non se iniciaron expedientes sancionadores.” 

Solla concluíu declarando que «diante desta realidade, é inadmisilble que a acción fiscalizadora da administración pública se reduza simplemente a exercer a inspección mais que non se procure correxir as deficiencias, o que provoca que a acción de fiscalización pública sexa nula na súa efectividade», engandido que «compre aumentar o ratio do persoal de atención directa, diferenciar o persoal segundo as súas funcións por categorías profesionais, dar un uso adecuado ás instalacións e correxir os  protocolos de funcionamento introducindo o rigor nos seus rexistros» medidas toda que reverterán na «mellora e calidade deste servizo público».

Antón Sánchez denuncia as políticas de precarización e mercantilización do benestar dos maiores

Antón Sánchez reclama que o goberno do PP dea un xiro de 180 graos ás súas políticas, que poñen o beneficio por enriba das persoas.

O voceiro tilda de decepcionante a comparecencia do vicepresidente ante a ausencia de medidas de apoio ás maiorías sociais.

Compostela, 3 de abril de 2020.- O voceiro no Parlamento de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Sánchez, urxiu este venres á Xunta a intervir as residencias de maiores ante a situación que se está a dar nestes centros pola pandemia do Covid-19. Na comparecencia da conselleira de Política Social na Cámara galega criticou que a Xunta “chegou tarde” á hora de tomar medidas, tendo en conta que “vimos dunha situación moi difícil porque o goberno de Feijóo leva 11 anos recortando e privatizando a atención ás persoas maiores.Hai que dar un xiro de 180 graos ás súas políticas, que poñen o beneficio por enriba das persoas”.

Sánchez denunciou que o goberno do PP “actúa cun cinismo absoluto” ao acusar de falta de lealdade, xa que “a nosa lealdade, por enriba de todo, está coa xente, coas persoas maiores e coas traballadoras que sufriron as súas políticas durante estes anos. “Cinismo é utilizar máis da metade da intervención para loubar os profesionais das residencias de maiores tras estar 11 anos sen escoitalos e ignorando as súas demandas”, espetou tras a intervención da conselleira.

“O que estamos vivindo é a consecuencia lóxica das políticas de precarización e mercantilización do benestar dos maiores, poñendo o negocio por enriba das persoas. Amarelismo non é sinalar o que di o informe do Consello de Contas, que fiscaliza a súa política nas residencias da Terceira Idade. Este informe di que Galicia ten un 3,05% de prazas por habitante maior de 65 anos, cando a media estatal é do 4%”, afondou Sánchez. Entre outros datos do informe, o voceiro destacou que “a Xunta afirma que actúa ante calquera irregularidade, mentres que o informe afirma que se aprezaron irregularidades e non se iniciaron expedientes sancionadores contra esas residencias que incumprían a legalidade”.

Antón Sánchez continuou debullando que “Galicia é líder en privatización deste sector no Estado e iso nótase na atención aos maiores”. Así, remarcou que “vai haber un antes e un despois da crise do coronavirus na atención aos maiores, porque non pode ser que o negocio estea por enriba das persoas. Durante 11 anos non construíron residencias de xestión pública directa, cando os datos demostran que teñen mellor calidade asitencial que as privadas. E con este modelo, no que a privada non deixou de medrar durante o seu goberno, teñen que fiscalizar e non mirar para outro lado”.

Ante isto, demandou que se escoiten as propostas que están poñer sobre a mesa as profesionais. “Hai que intervir todas as residencias afectadas para poder aplicar os protocolos. O persoal quere facer ben as cousas, pero non ten medios. É precisa unha inspección inmediata das residencias e un mando único efectivo. Estase demostrando que non hai capacidade para aplicar os protocolos en todas as residencias. Para iso hai reforzar o persoal, os recursos e a formación”.

Comparecencia decepcionante do vicepresidente

Sánchez cualificou de “decepcionante” tamén a comparecencia do vicepresidente da Xunta, xa que “se deu pouca información e de pouco calado nalgúns casos. Botamos en falta outras medidas, non sei se non quixo dar información ou non hai máis medidas e máis ambiciosas”. Así, reiterou a petición de información á Xunta respecto da utilización dos recursos da sanidade privada, reclamando que “arrimen o ombreiro nesta crise tras acadar cotas de mercado históricas de ata o 26,5% durante o seu goberno”. “Temos que enterarnos pola prensa do que están facendo e o presidente da súa patronal declarou que está sendo infrautilizada”.

No eido económico e social, Antón Sánchez apuntou que “Galicia é unha das poucas comunidades que non outorgou axudas directas a autónomos”, poñendo exemplos doutras que si o fixeron. O mesmo acontece con respecto á vivenda, nin sequera no parque público, xa que, segundo sinalou o voceiro, “o bono de alugueiro social non é suficiente. Saben que unha persoa que queda dun día para outro sen ingresos, non pode xustificar ser beneficiario deste bono e ten que seguir pagando”. Sánchez reclamou tamén axudas para o alugueiro de locais comerciais e instou o Executivo galego a “pensar un ingreso mínimo vital máis alá da Risga” porque “hai moita xente que o vai pasar moi mal e Galicia vai á cola”.

Fronte a esta parálise, o voceiro insistiu na proposta lanzada a Feijóo a semana pasada: facer uns novos orzamentos con medidas de apoio á xente que reflexen tamén de onde van saír os ingresos. Para este cometido, considerou un erro o anuncio do aprazamento dos impostos autonómicos. “Non pode ser que se lle aprace o pago á xente que ten máis un millón de euros de patrimonio. Esas son as persoas que teñen que contribuír máis nos tempos que veñen. Teñen que darlle un xiro de 180 gardos a esa política fiscal de exencións aos ricos. A saída da crise só vai ser xusta con políticas fiscais xustas”.

Entre outras accións, Antón Sánchez pediu unha regulación para a reapertura dos mercados locais, “fundamentais nesta situación” e acometida tamén noutras comunidades. Ademais, esixiu que se escoiten as reivindicacións do persoal do 112 para reducir riscos no desenvolvemento do seu labor e urxiu a asumir a xestión pública do 061, onde as traballadoras e traballadores “están dando o callo tras meses sen cobrar”.

Para finalizar, indicou que desta situación “hai que sacar conclusións das políticas de recortes contra a xente que se desenvolveron desde o seu goberno. Os recortes en sanidade conlevan máis dificultades en crises coma esta e custan sufrimento, dor e morte. Se Galicia tivese as mesmas camas que cando o PP chegou ao goberno, teriamos 800 máis. Se Galicia estivese na media estatal, teriamos 730 médicas e médicos e 945 enfermeiras e enfermeiros máis. Temos que abandonar esas políticas apostando polo público e o colectivo”.

Antón Sánchez: “O benestar dos maiores non pode ser moeda de cambio

 

Hoxe trasladará as propostas de Galicia en Común – Anova Mareas para superar a crise do Covid 19 na Comisión Permanente do Parlamento de Galicia.

Para Antón Sánchez esta crise evidenciou que “un sector público forte é garantía para a xente do común, agora toca reverter as políticas de privatización” que padecemos na década negra de Alberto Núñez Feijóo.

Compostela, 3 de abril de 2020. O voceiro do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, trasladará hoxe ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á Conselleira de Políticas Sociais Fabiola García, as propostas da coalición Galicia en Común Anova Mareas para superar a crise do Covid-19. A señora Fabiola García comparece despois dunha petición unánime do conxunto da oposición rexistrada esta mesma semana. Sánchez insistirá na encesidade de reverter as políticas de privatización da sanidade e dos servicios sociais aplicadas por Feijóoo

“Desgraciadamente agora vemos como a estratexia de privatización das residencias de maiores – case o 80% no noso país – asentou un modelo no que a administración se desentendeu das súas obrigas de vixiar e inspeccionar, convertendo un servizo para a atención dos nosos maiores nun lucrativo negocio”, dixo Antón Sánchez antes de entrar na sesión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia.

“Estamos diante dun problema no que a Xunta de Galicia foi incapaz de anticiparse pese a que xa había exemplos desta problemática en Italia e en Madrid, no que o primeiro caso foi rexistrado o 6 de marzo. Perdeuse calquera capacidade de anticipación pola inacción da Consellería de Política Social, que tardou semanas en intervir as residencias con positivos de Covid 19, tutelar as residencias privadas afectadas e reforzar aos traballadores e traballadoras con material de protección de calidade para impedir os contaxios”, subliñou.

Sánchez insistíu en durante os anos de Goberno do Partido Popular se desoíron as denuncias tanto das traballadoras e dos traballadores como das familias, que sinalaban as condicións de precariedade do servizo e a falta de persoal. “O lucro das empresas concesionarias estaba por diante da calidade na atención e as condicións laborais dos profesionais. Seguimos á espera de datos sobre a aportación da sanidade privada para a loita contra o Covid-19”, insistíu.

A xuizo do voceiro de Común da Esquerda, a nacción tamén chega á hora de despregar as competencias para protexer á cidadanía nestes momentos tan complicados. “Dende Galicia en Común – Anova Mareas propuxemos, como xa están a facer outros gobernos autonómicos, axudas directas para os autónomos. Tamén unha Renda Social para aquelas persoas que quedaron sen ingresos, e axudas para as persoas que teñen problemas a afrontar o pago do alugueiro como consecuencia desta crise”

Esta falta de compromiso contrasta cunha década de políticas nas que concederon beneficios fiscais aos grandes patrimonios e favoreceron determinados intereses económicos e empresariais. Dende Galicia en Común – Anova Mareas consideramos que neste momento é necesaria unha política fiscal xusta e progresiva onde quen máis ten aporte máis, para que esta crise non a paguen só os de abaixo.

Martiño Noriega: “É en momentos de crise como o actual cando nos damos conta do que significaron as políticas austericidas da década negra de Feijóo”

Galicia en Común – Anova Mareas denunciou hoxe os recortes na sanidade pública en Galicia nos últimos anos. 

Gómez Reino: “Galicia podería enfrontar mellor esta crise se Feijóo non tivera recortado un 21% o investimento en Atención Primaria”

Compostela, 2 de abril de 2020. Martiño Noriega incidíu en que a defensa da atención primaria “e protestar contra o seu deterioro foi a principal motivación da última multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública en Galicia, o pasado 9 de febreiro”. “Por desgraza, é en momentos de crise como o actual cando nos damos conta con toda a súa crueza, do que significaron as políticas austericidas da década negra de Feijóo, co peche de numerosos servizos sanitarios, co ocultamento das listas de espera e cunha precariedade laboral do persoal sanitario que é insoportable”.

Noriega quixo resaltar o traballo que desde a atención primaria se leva adiante “non só no combate desta pandemia do coronavirus, senón para previr calquera tipo de doenza”, defendendo este servizo “como o piar do noso sistema de saúde público porque é o máis próximo á cidadanía e o mais efectivo”. 

É por isto que “non se entende que Feijóo continúe a insistir nos seu enfraquecemento, facendo o contrario do que debería facer: dotar de recursos á atención primaria, non retirar os residentes estas semanas, organizar e coordinar mellor o servizo, derivarlle o seguimento e control domiciliario dos doentes de coronavirus mediante o programa Telea, entre outras medidas, e deixar de pensar na propaganda dos hospitais de campaña”. 

Nesta liña, Noriega secundou as afirmacións da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que vén de advertir que “se a atención primaria non asume o seu protagonismo na crise do coronavirus, o sistema sanitario poderá colapsar antes do previsto”.

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reiterou a necesidade de que a Xunta dedique todo o esforzo investidor necesario para reforzar o sistema público de saúde, e insistiu en que se os hospitais galegos acaban colapsando pola epidemia de  Covid-19 “boa parte da responsabilidade será de Feijóo, que leva anos recortando o orzamento sanitario”.

Gómez Reino advertiu que  as rebaixas sostidas no investimento en sanidade en Galicia durante os mandatos do Partido Popular supuxeron unha perda millonaria para o sistema, e lembrou que eses recortes “provocaron unha  depauperación progresiva da sanidade pública”.

“Galicia podería enfrontarse a esta crise con moitas máis garantías se Feijóo non tivera recortado un 21% o orzamento sanitario para Atención Primaria”, afirmou o portavoz da coalición, para lembrar que os recortes tamén afectaron á oferta de camas hospitalarias.”En Galicia había 10.434 camas cando Feijóo accedeu á Xunta. Hoxe son 900 menos, é dicir un recorte do 8,6%.” Se no 2009 a oferta hospitalaria era de 3,53 camas por cada mil habitantes, hoxe non chega ás 3,14, a terceira peor cifra de todo o Estado. 

Nese sentido, Eva Solla lembrou que os profesionais e usarios da sanidade galega levan anos denunciando os recortes. ”Neste decenio de Feijóo, a sanidade pública galega mantivo varias folgas: na atención primaria e nos puntos de atención continuada (PACs), contra a amortización de prazas, polas deficiencias no 061… E agora enfrontamos unha situación de crise  na que a sanidade pública ten que xestionar e facer fronte ás graves consecuencias e deficiencias que provocaron os recortes, e que afectan en definitiva á calidade da atención da nosa saúde” dixo .