Xosé Manuel Beiras apoia a candidatura de Narón por Diante

A candidatura está encabezada por André Abelendo, e pretende abrir as portas do Concello para poñer a institución ao servizo das maiorías sociais agredidas.

Neste video o noso compañeiro Xosé Manuel Beiras expón os motivos que fan que apoie a candidatura de Narón por Diante.

Narón, 21 de maio de 2019.- Xosé Manuel Beiras destacou o feito de que a candidatura de Narón por Diante sexa “encabezada por un loitador sindicalista”, en referencia a André Abelendo. Nese sentido defendeu que “é unha candidatura que loita polos valores fundamentais para unha democracia e para os cidadáns”, facendo referencia á “liberdade, fraternidade e benestar da xente do común, da xente de abaixo”.

Resaltou que Narón por Diante “non son políticos profesionais”, se non cidadáns activos que “pretenden defender aos que nunca son defendidos, que son sistematicamente enganados por aquelas candidaturas que prometen cousas e que cando chegan ao poder fan todo o contrario. Esta é a enorme diferencia entre Narón por Diante e calquera das demais”.

“Polo tanto pido o voto para Narón por Diante, para André Abelendo e ás compañeiras e compañeiros da candidatura”, rematou afirmando Xosé Manuel Beiras.

 

Antón Sánchez e André Abeledo propoñen en Narón un parque público municipal de vivenda en alugueiro con prezos sociais

O cabeza de lista de Narón por Diante, André Abeledo, e o Portavoz Nacional de Anova explicaron as propostas en materia de vivenda

Narón, 13 de maio de 2019. O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez e o cabeza de lista de Narón por Diante, André Abeledo, compareceron hoxe en Narón para explicar propostas en materia de vivienda.

Lembraron o dereito da poboación a ter acceso a unha vivenda digna, un problema agravado nos anos da crise e que se trasladou ao eido do alugueiro con enormes dificuldades para poder acceder a presos asequíbeis e normais. “A vivenda continúa a ser obxecto de especulación e de investimentos, de tráfico económico e non un dereito da xente”, afirmou Antón Sánchez, quen lembrou que o estado “resgaou aos bancos con miles de millóns de euros mais non se ocupou de crear un parque público de vivendas en aluguer a presos sociais mediante a Sareb”.

A nulidade de Feijoó para garantir o dereito á vivenda

Neste sentido, salientaron que Narón tamén é un exemplo de todo esto. Puxeron sobre a mesa a necesidade de crear un Parque público de vivenda de alugueiro ao xeito do que existe noutros países europeos. Ademáis, apuntaron cara o grande volumen de vivendas baleiras existente que habería que xestionar. Nesa liña, Antón Sánchez reprochou á Feijoó que “a pesar dos seus anuncios e da súa propaganda non adoptou ningunha medida para liberar vivenda baleira”.

Sánchez e Abeledo explicaron que nun contexto de “consolidación dun modelo de traballo precario, salarios baixos, e desigualdade, con mocedade que non pode ter un plan de futuro. Non poden plantexarse mercar unha vivenda e trasladáronse ao eido do alugueiro onde a especulación e o aumento dos prezos é co que se atopan”. Sinalaron que aumentou exponencialmente a demanda de vivenda de alugueiro, especialmente nas áreas urbanas como é o caso de Narón. “Aquí tampoco se artellou unha política de vivenda centrada nas necesidades da xente”.

Parar os abusos e a especulación coa vivenda

Enfatizaron o papel que os concellos poden xogar nesta importante materia mediante a creación un Parque Público municipal de vivenda en algueiro social, con prezos sociais, a implantación dunha política fiscal que desincentive a especulación e impulse a función social da vivenda. Demandaron medidas para rematar coa especulación de vivendas baleiras.

Puxeron de manifesto que nos últimos anos as zonas urbanas de Galiza tiveron aumentos anuais de máis do 10% no alugueiro.

O candidato á alcaldía de Narón, André Abeledo, propuso que no concello de Narón se fixe como repto prioritario o estabelecemento dun Parque público de vivenda en alugueiro. Asemade, explicaron a necesidades de peder ao Goberno do estado a cesión de vivendas en propiedade da Sareb para que poidan ser incluidas nesta iniciativa. Unha proposta que debe ser dotada de suficiente orzamento e liñas de axuda destinadas aos sectores sociais máis desfavorecidos, familias monoparentias e a mocedade. Igualmente, consideran relevante que se implanten recargos no IBI á vivenda baleira sobre os grandes posuidores a fin de rematar coa política especulativa. Consideran tamén que se debe modificar a Lei de Arrendamentos Urbanos para estipular un límite ao incrementos dos prezos de alugueiro entre contrato e contrato.

Defenden que a Xunta teña un papel máis activo en materia de vivenda e por exemplo desenvolva, en coordinación cos concellos, un programa de prevención de desafiuzamentos e haxa alternativas de realoxo.

Antón Sánchez anima a apoiar á Marea de Marín para desaloxar ao PP e “dar máis poder aos veciños e veciñas”

O cabeza de lisa de Marea de Marín, Aarón Franco, resaltou que “nestes catro anos o noso grupo municipal presentou máis de 80 iniciativas, o doble que a equipa de goberno”

Marín, 10 de maio de 2019. O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, interviu este mediodía nun acto co cabeza de lista da Marea de Marín, Aarón Franco, e membros da candidatura na praza da Alameda de Marín.

Antón Sánchez salientou a aposta de “Anova pola unidade dentro da diversidade porque cremos que é a única maneira de cambiar as cousas. Unir as diferentes sensibilidades”. Animou a potenciar esta vía en lugares como Marín para que “a Marea de Marín desaloxe ao PP e dar máis poder á cidadanía da vila. Consiste en que os veciños e as veciñas participen cada vez máis na xestión diaria do que é seu, das políticas públicas e da institución”.

Destacou que a Marea de Marín integra na mesma candidatura persoas de Anova, de EU, mariñenses. Loubou “o seu traballo constante” e lembrou que “visitei moito a esta vila para trasladar ao parlamento galego temas que a alcaldesa non foi quen de abordar”. Engadiu que “está demostrado que en Galiza a aposta pola xenerosidade e pola unidade foi premiada pola cidadanía galega en distintos procesos eleitorais”.

Marea de Marín, o grupo municipal máis activo

Pola súa parte, Aarón Franco, candidato á alcaldía de Marín, salientou o carácter plural e de unidade de diferentes opcións políticas nun mesmo espazo: a Marea de Marín, e destacou que “Anova é garantía de unidade e do empurre que deron as ciudades e vilas do cambio”. O cabeza de lista de Marea de Marín puxo en valor o traballo feito “polo noso grupo municipal nestes catro anos” e amosou a súa confianza en que “vai ser avaliado positivamente polos veciños e veciñas”. Neste sentido, explicou que Marea de Marín “foi o grupo municipal que máis iniciativas presentou, máis de 80, o que supón máis do doble do feito pola equipa de gobernó que apenas chegou a 40”.

Sinalou que “a veciñanza saberá recoñecer este labor e o traballo feito a carón de asociacións de veciños porque estivemos a pe de rúa”.

Anova reitera o seu apoio á candidatura de Ourense en Común

Hoxe o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez compareceu en rolda de prensa xunto con Martiño Xosé Vázquez, candidato á alcaldía de Ourense en Común, para mostrar así o seu apoio nas eleccións municipais de 2019.

Antón Sánchez: “Coñecemos o traballo de Ourense en Común, a súa filosofía de intentar ser a voz da cidadanía, con metodoloxías abertas á participación. É coherente coa aposta de Anova”.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2019.- Desta maneira Anova Irmandade Nacionalista pretende facer un novo apoio público a Ourense en Común, a candidatura cidadá que encabeza Martiño Xosé Vázquez.

Na súa intervención, o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez reiterou o apoio “a este proxecto da cidadanía progresista de Ourense”, como unha mostra da posición que Anova leva aprobado nos seus diferentes procesos asemblearios internos. Así Antón Sánchez afirmou que Anova “ten anunciando como organización antes que ninguén o apoio a candidaturas cidadáns de Unidade Popular”, como elemento para definir este proxecto en relación á posición nacional da organización.

O noso compromiso como organización é que a militancia de Anova traballe a nivel individual naquelas localidades e vilas nas que existen candidaturas protagonizadas pola cidadanía activa, con xente doutras organizacións e con xentes de organizacións partidarias. “Nós non participaremos en ningunha iniciativa que non vaia neste sentido”, afirmou Antón Sánchez.

Debemos articular unha maioría en termos sociais e electorais en clave progresista, que impida o regreso ao pasado que algúns pretenden. Entendemos necesaria a reorganización o espazo de ruptura para disputarlle a hexemonía ao Partido Popular, e entendemos que a mellor maneira de facelo é apoiando a Ourense en Común e ao conxunto de candidaturas cidadás que permitan manter aberta a Primavera Municipalista nestas eleccións municipais de 2019 que volverán ser decisivas.

Anova non concorrerá ás eleccións xerais por non darse as condicións políticas necesarias para a creación dunha fronte ampla.

Anova centrará os seus esforzos nas vindeiras municipais traballando no espazo de unidade popular.

O pasado xoves 14 de marzo, a Coordinadora Nacional de Anova tivo unha reunión extraordinaria para valorar as conversas políticas que mantivemos con diferentes partidos, despois de que o pasado 23 de febreiro, neste mesmo organismo, lanzásemos a proposta de crear unha Fronte Ampla para as eleccións xerais do 28A.

Mantivemos, por unha banda, conversas con Podemos Galicia e con Esquerda Unida, forzas coas que vimos compartindo espazo e alianzas, pero non conseguimos pechar un primeiro acordo que poder trasladar a outras forzas políticas. O BNG desbotou a oferta de diálogo e En Marea fixo outro tanto, remitíndonos ao seu proceso interno de primarias.

Lamentablemente, non se dan as condicións políticas para que Anova poida asinar un acordo semellante ao que deu orixe á coalición En Marea en 2016. Condicións que pasan pola imprescindible coralidade do espazo en clave de ruptura. Pese a que a proximidade das eleccións municipais fixo que as mareas municipalistas non puidesen implicarse no proxecto de fronte ampla, cónstanos o seu esforzo por acadala e serán fundamentais para conquerir a unidade no futuro.

Con todo, seguiremos o proceso de diálogo para apoiar e impulsar candidaturas de Unidade Popular nas eleccións municipais. No inmediato, a prioridade de Anova será construír un espazo de ruptura, necesariamente plural, no maior número de concellos galegos.

Pularemos como vimos facendo dende o noso nacemento pola unidade popular como ferramenta fundamental para conquerir os obxectivos das maiorías sociais agredidas.

Despois das eleccións municipais, Anova abrirá un período de debate e reflexión sobre a nosa estratexia política que concluirá na nosa vindeira IV Asemblea Nacional.

Participaremos na manifestación a favor do dereito a decidir en Madrid

Unha delegación de Anova asistirá este sábado 16 de marzo a Madrid para participar na manifestación convocada pola Asemblea Nacional Catalá (ANC) e Ómnium Cultural baixo o lema “A autodeterminación non é delito”

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019.- Unha delegación na que participarán as membros da Permanente Gladys Afonso e Iria Otero asistirá o vindeiro sábado 14 de marzo a unha manifestación a prol do dereito a decidir dos pobos. Pretende ser unha convocatoria masiva, que demostre a capacidade de mobilización democrática diante da deriva represiva e reaccionaria que padecemos neste momento no Estado español.

A manifestación convocada pola ANC e Ómnium Cultural pretende evidenciar en Madrid a defensa da democracia e do dereito a decidir dos pobos, contra a involución democrática e a favor da ampliación dos dereitos e as liberdades. Unha afirmación democrática contra a cerrazón centralista e o auxe das novas formas de fascismo, que atoparon un caldo de cultivo idóneo en moitas das manifestacións públicas do bloque do 155.

Nestes momentos no Tribunal Supremo están a ser xulgados dirixentes de plataformas cívicas e de organizacións políticas que levan máis dun ano en prisión preventiva e que enfrontan altas penas referidas á organización do referendo autodeterminista do 1 de outubro de 2017. Un proceso marcado pola parcialidade e a falta das mínimas garantías de defensa, como evidenciaron xa os interrogatorios dos procesados e das testemuñas, elementos que se suman ao feito de que diferentes tribunais europeos negáronse a extraditar e a abrir investigacións a persoas que nestes momentos están exiliadas e son acusadas polos mesmos presuntos delitos.

O comunicado dunha suposta asemblea local de Anova Ourense carece de lexitimidade

Fíxose ao marxe das normas da organización e marxinando a militantes que non foron convocados na localidade.

Non todas as persoas afiliadas a Anova en Ourense son convocadas ás reunións, tal e como veñen de poñernos en aviso un grupo de militantes da cidade, polo que dificilmente podemos aceptar que a opinión trasladada onte aos medios de comunicación é a do conxunto maioritario da nosa militancia nesa localidade.

En Anova, como en calquera organización política democrática, as decisións adóptanse democraticamente a través dos organismos dispostos estatutariamente. Este non é o caso da autodenominada Anova-Ourense.

Dende a celebración da nosa III Asemblea Nacional en marzo de 2017, non tivo lugar a necesaria renovación de organismos nesta localidade, e as persoas que ostentaban a responsabilidade da organización antes deste período asembleario mantiveron o control dos recursos da organización en Ourense.

Decisións como as de rachar Ourense en Común pactando con outros sectores unha nova plataforma electoral ou as de presentarse nas primarias de En Marea son contrarias ás decisións estratéxicas de Anova e tampouco tiveron o aval da Asemblea local de Ourense. As decisión adoptadas polas persoas que se apropian do nome de Anova en Ourense só teñen un obxectivo: rachar o proxecto mestizo, plural e diverso da Unidade Popular.

Anova-IN é un proxecto nacional con asembleas territoriais que teñen autonomía no seu traballo político, mais nunca foi pensada coma un reino de taifas de intereses localistas. Anova-IN é un proxecto nacional galego que desde a súa fundación en 2012 apostou pola unidade da esquerda, unidade decidida democraticamente polo conxunto da súa militancia en Asembleas Nacionais, asembleas territoriais, Conferencias e na Coordinadora Nacional, máximo órgano entre asembleas.

Chamamos á mobilización e á folga feminista neste 8-M

«Xa non estou aceptando as cousas que non podo cambiar, estou cambiando as cousas que non podo aceptar», con esta claridade se manifestaba Angela Davis nunha entrevista dos anos setenta e con esta mesma rotundidade saímos á rúa milleiros de mulleres no noso país o pasado 8 de Marzo. As rúas enchéronse e os berros foron unánimes: Estamos fartas! Fartas de que nos maten, de que nos agredan, de que nos discriminen, de que nos ignoren, de que nos empreguen como moeda de cambio, de que nos convertan en cousas coas que comerciar. Fartas!! Tivemos claro que os tempos mudaran e de que, por fin, estabamos a ser protagonistas dun cambio que levabamos tempo construíndo millóns de mulleres, pedra a pedra, ao longo de décadas.

Neste último ano, o termo «sororidade» converteuse en palabra de orde e as loitas dunhas convertéronse nas loitas de todas. Puxemos os panos verdes, porque o aborto será legal en Arxentina e en todos os países nos que aínda non o é; dixémoslle ao poder xudicial que non é non e que, se non hai si, tamén é non; saímos á rúa por cada muller asasinada, porque nos queremos libres e vivas; acompañámonos nas folgas e nos despidos, porque somos mulleres pero tamén traballadoras e precarias; plantámonos diante dos ventres de alugueiro, porque constitúen unha das formas de explotación máis extremas; esiximos, tamén, recursos e non só discursos e, aínda que claramente insuficientes, tiveron que poñelos.

Todo isto empoderounos, pero tamén espertou ao monstro durmido, que non morto, e fixo que sacase a carauta para deixarse ver como sempre foi, sen a maquillaxe dun discurso politicamente correcto, sen as correccións que se viron obrigados a manter. Cuestionamos a esencia do patriarcado e do sistema capitalista: a dominación duns poucos sobre as moitas e os xinetes da apocalipse veñen para rescatalos. E iso amósanos que este é o camiño, que estamos batendo nos fundamentos dun sistema ferido de morte que acabará caendo.

É por iso que, neste novo 8 de Marzo, dende Anova – Irmandade Nacionalista, chamamos a todas as mulleres de Galiza a participar na Folga de Mulleres; unha folga laboral, de coidados, estudantil e de consumo. Así como tamén en todas as actividades que, por todo o país, artella o movemento feminista. Precisamos outra gran marcha de mulleres, mulleres comprometidas, en palabras, novamente, de Ángela Davis: «unha marcha de mulleres que representa a promesa do feminismo na súa oposición aos poderes perniciosos da violencia do Estado. É un feminismo inclusivo e intersectorial que nos pide que nos unamos para resistir ao racismo, á islamofobia, ao antisemitismo, á misoxinia e á explotación capitalista».

Sigamos pois, por todos os dereitos e por todas as mulleres: revolta feminista!!

Xosé Manuel Beiras asistirá ao funeral de Xabier Arzalluz

O noso compañeiro Xosé Manuel Beiras asistirá aos actos de despedida de Xabier Arzalluz, loitador antifranquista e dirixente do PNV, organización que presidiu entre os anos 1980 e 2004, con quen participou fraternalmente no relanzamento do proxecto de Galeusca no ano 1998. O enterro terá lugar o vindeiro sábado 2 de marzo en Bilbao.

Queremos destacar o traballo realizado por Xabier Arzalluz na defensa do dereito a decidir dos pobos e na defensa da liberdade das nacións sen Estado.

Anova traslada a súas condolencias aos familiares e amigos de Xabier Arzalluz, así como ás mulleres e homes do PNV.

Fotografía de Lalo R. Villar | Xornal El Pais.

Anova decide facer un chamamento á Fronte Ampla contra o auxe da ultradereita

Nos vindeiros días reuniremos ás nosas asembleas territoriais para socializar este debate.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2019.- Nestes momentos a normalización da crise do Réxime do 78 pasa pola conformación dun bloque reaccionario no que, como xa aconteceu en Andalucía, Partido Popular e Ciudadanos non dubidarán en sumar os seus escanos cos da ultradereita. Estase a ensaiar unha saída autoritaria á crise política do Réxime do 78.

Esta ameaza pretende recortar liberdades e dereitos sociais e nacionais gañados en décadas de loita e impoñer un 155 permanente que consistirá nun proceso recentralizador do Estado español que reducirá o xa limitado autogoberno, e no que se abre un horizonte escuro no que a tríade reaccionara non descarta mesmo a ilegalización de partidos políticos. Esta situación debe facernos colocar a axenda social na centralidade do debate político e denunciar que a democracia está en perigo.

Por iso estas eleccións xerais van ser decisivas. Fronte á alianza reaccionaria debemos reactivar a potencia social e electoral do espazo político que emanou do campo sementado do 15-M e que tivo en Galicia con AGE a súa primeira tradución política. A opción é cambio político rupturista ou deriva reaccionaria, é dicir, ampliar ou recortar dereitos sociais e liberdades democráticas. Este é o debates que debemos situar antes da cita electoral do 28-A.

Anova decide manter a aposta estratéxica que defende dende a súa fundación. Nacemos en 2012 como unha constelación de asembleas territoriais e como un espazo de encontro de culturas políticas diferentes, que nun momento histórico caracterizado pola dureza da crise económica decidimos construír consensos e liñas de actuación comúns para blindar os dereitos e o benestar das maiorías. Esa aposta estratéxica tivo diferentes concrecións tácticas en función de diferentes momentos do proceso, buscando fórmulas flexibles que en ningún caso supuxeron mudar de rumbo.

Por iso neste intre Anova segue a apostar pola unidade entre diferentes, sempre que compartamos un mínimo común denominador, a nosa aposta pola ruptura democrática no Estado español, a defensa das clases subalternas, o recoñecemento de Galicia como nación con dereito a decidir. Nun contexto político e histórico no que vemos como Atila cabalga de novo debemos sumar, sen sectarismos, con contundencia e sen concesións ao conformismo e á renuncia.

Hoxe a Coordinadora Nacional decide apostar pola Fronte Ampla, dándolle continuidade ao traballo realizado con AGE, coas mareas municipalistas, co Acordo de Mazarelos e coa Asemblea de Vigo.